Unha novela chamada historia de España

murado

Protagonista desa novela sobre a historia de España é o historiador cuxa foto ilustra a capa: Ramón Menéndez y Pidal (1869-1968), nacido conxunturalmente na Coruña mais de familia cántabra e asturiana. Pidal foi un dos intelectuais máis destacados e seguidos no século XX, presidente da RAE e da Academia de Historia, hiperactivo investigador filolóxico e medievalista, influente no pensamento universitario das Humanidades máis alá da súa morte.

Murado vai pincelando a Pidal como personificación do xeito español de ver o pasado. O historiador, obsesionado co pasado de Castela, actualizou a mitoloxía da continuidade hispánica desde o tempo dos celtíberos até o Imperio dos Austrias. No libro non aparece como simple reprodutor da ficción que antes del escribiran historiadores de todo tempo coma o bispo Pelayo de Oviedo no século XII, Ximénez de Rada no XIII ou Modesto Lafuente no XIX. Non. El é un dos “inventores” de España e chega ao punto de engadir e quitar texto no manuscrito do Cantar de Mio Cid para acomodar o “documento” ás súas teses sobre o pasado de Castela. Conta o escritor lugués que o traballo de Menéndez Pidal foi a medias nacionalista español, rama castelá, a medias interesado. Un dos seus logros foi converter Covadonga no santuario fundacional de España. A maioría das terras hoxe convertidas en atracción turística eran da familia Pidal.

O libro analiza dúas influencias cruzadas: a pintura e a literatura, sobre a historia. Para Murado, o relato histórico de batallas, reinados e demais tópicos responde aos principios sobre a literatura oral que estudou Vladimir Propp no primeiro terzo do século XX. A narrativa do pasado nos estados-nación responde a un esquema argumental que se reduce a unha trintena de situacións. A historia estira e encolle (na escola estúdase profundamente o século XIX mentres que os séculos XIII, XIV e XV case se dan nunha soa clase); a historia usa fíos inventados para xuntar as doas do pasado, como o mito da Reconquista (que se conta como unha loita a morte de oito séculos durante a que o cristianismo foi gañando, territorio a territorio, batalla a batalla, seguindo un destino lexítimo: restaurar a unidade de España, esa unidade que nunca existiu dun territorio que nunca existiu máis alá da definición romana para a península Ibérica e diversos territorios do norte de África (a Hispania Tingitana)).

A pintura encargouse de fixar imaxes falsas como as únicas posibles, desde a inventada rendición de Breda (de Velázquez) con esas lanzas anacrónicas ou o desembarco de Colón en América, de Dióscoro de la Puebla, cadro no que aparece un cura cruz en man que nunca existiu xa que na expedición do 1492 non ía ningún diácono a bordo. Murado emparenta a pintura co cinema e a televisión. No libro aínda non se fala de “Isabel” a exitosa serie de TVE que perpetúa os mitos sobre Isabel I de Trastámara mais si se recordan as mentiras d’O Cid de Anthony Mann ou das películas sobre a descoberta colombina filmadas na conmemoración do V centenario.

O aspecto máis interesante do libro de Murado é actualizar o debate sobre o valor académico e científico da disciplina de Historia. Como lle convén ao seu papel de divulgador alleo á escena universitaria, o lugués pon en cuestión todos os mitos sobre a súa valía e é rotundo: a historia só serve para xustificar políticas no presente. Cada visita ao pasado é, en realidade, unha falsificación para buscar lexitimidade dunha ou doutra actitude. Mais por debaixo desa radicalidade, Murado defende o labor dos historiadores comprometidos cos datos, escépticos ante as reproducións de contos e mitos. Valora o traballo dos historiadores que desde a periferia estatal foron desvelando (non sen traballos e desprezo por parte dos seus colegas) as mentiras coas que se construíu a idea da “nación máis vella de Europa”, que diría Mariano Raxoi. O gran problema co que se enfronta esa historia rigorosa e científica é atravesar a capa de graxa de autocompracencia e folclore que separa o seu labor académico da historia popular que a xente percibe nas novelas, na televisión ou incluso nas guías turísticas locais.

Cada capítulo deste volume é unha losqueada ao pensamento único españolista. O Día da Raza do 12 de outubro inventouno o conservador Cánovas del Castillo para recuperar o liderado sobre o mito de Colón, que llelo estaban roubando os españois o italoamericanos. A tizona do Cid é un deses símbolos do saqueo do PP en nome do patriotismo. A Junta de Castilla y León pagou 1,5 millóns de euros por unha espada fabricada séculos despois e que os taxadores de arte valoraran en 7.000 euros. O afecto por Isabel a Católica xurdiu no século XIX, cando Isabel II buscaba lexitimarse como muller no trono nun ambiente moi convulso e a división dos partidarios do seu tío Carlos para reinar. As festas de mouros e cristiáns, desde a Saínza até Alacante popularizáronse a primeiros do século XX, como lexitimación da guerra colonial polo control de Marrocos. En Ribadavia non houbo unha populosa xudaría na que se creaba a repostaría xudía que se celebra hoxe na Festa da Istoria senón unhas poucas familias que non viviron xuntas até que Isabel I creou guetos nas cidades e vilas galegas.

Este libro é un antídoto contra a historia de baixa calidade, unha fonte de coñecementos, de referencias e de fontes que nos permitan analizar o pasado con distanciamento e sen paixón. É bo que a xente coñeza que houbo un reino chamado de Galicia na Idade Media non para reivindicar nada nin para presumir de nada senón para entender que a historia é dinámica e que todo se pode cambiar. Para nada máis. Murado acrecentaría: mirar cara a atrás é sempre unha viaxe na que goberna principalmente a imaxinación.

César Lorenzo Gil

Advertisements

3 comentarios en “Unha novela chamada historia de España

  1. Pingback: Julian Barnes e as trampas da memoria | BiosBardia

  2. Pingback: Anselmo López Carreira: “Falarmos do reino de Galicia serviunos para crebar o dogma sobre a “eternidade” do Estado español” | BiosBardia

  3. Pingback: Anselmo López Carreira: “Falarmos do reino de Galicia serviu para crebar o dogma da “eternidade” de España” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s