Vellos teimudos e borrachos

fante

John Fante (1909-1983) é un caso excepcional na literatura do século XX. Considerado mediocre no seu país (EUA) durante décadas, conducido cara ao éxito editorial grazas á teima persoal do xigante Bukowski, a súa obra narrativa aterrou no século XXI como unha das voces máis orixinais e auténticas das letras estadounidenses.

Afortunadamente, Fante xa forma parte da biblioteca galega grazas á tradución –asinada por Hadrián Estévez– d’A irmandade da uva que hai meses publicou Hugin e Munin, un selo de recente creación dedicado a obras estranxeiras cuxo catálogo é saboroso e está moi ben orientado. A publicación dun autor contemporáneo, de prestixio en aumento, é unha noticia excelente nesta travesía polo ermo no que resiste a industria editorial en galego.

A irmandade da uva foi publicada no 1977. Foi a última obra longa que rematou antes de morrer e serve como resumo de madurez das súas principais arelas literarias: contar a vida anónima da clase traballadora estadounidense e cinxir a linguaxe literaria ao pulso da vida real.

Para achegarse a eses estadounidenses, moitos deles inmigrantes, que traballaban nas fábricas ou na construción (caso dos protagonistas desta novela), Fante recorre á propia familia. É o primeiro risco que lle hai que gabar ao escritor de Colorado: ficciona a partir das súas propias experiencias, outórgalle ao libro o carimbo de autenticidade ofrecéndonos un sacrificio literario das propias miserias da súa casa. Os Molise son unha familia coma os Fante. O pai do narrador naceu no mesmo lugar ca o pai de Fante; o narrador é un escritor de Colorado que vive en California como guionista igual ca Fante e así sucesivamente. Non debía ser brincadeira o comentario que o narrador fai nun momento do libro: media familia estaba incomodada con el pola imaxe que de irmáns e cuñados deitara en anteriores novelas.

Fante precisa desa proximidade á vivencia para evitar a falsificación da memoria e involucrar o lector nos propios detalles polos que transcorre o libro. Só así consegue que incluso os episodios máis disparatados os leamos sen dubidar unha migalla da súa verosimilitude. Dá igual que sexa ou non fiel á realidade. Cando os personaxes son tan certos acompañámolos sen dubidar.

A historia non ten moito enredo: un escritor, como dixemos, volve á casa dos pais para poñer paz entre eles logo de que a nai ameace con divorciarse do pai por causa da enésima infidelidade. Cando o narrador volta a Colorado atopa os vellos revolucionados, agarrados coas unllas á vida, a aquilo que lle dá forma á súa vida de inmigrantes italianos nun país que os colocou nun gueto de murallas invisibles e no que, grazas a certa semellanza co clima mediterráneo, recrean os seus costumes: comer a pasta amasada na casa e facer viño para logo bebelo. O viño é o símbolo dese conflito de identidade que vive o pai do narrador e auténtico personaxe mestre da obra. Incapaz de abandonar a idea de si propio como albanel autodidacta dunha aldea dos Abruzzos, segue a ser iso mesmo día tras día, incluso cando a vellez e o alcolismo lle impiden ser algo máis ca un borrachón maleducado. Fante deixa correr entre liñas a ficción do soño americano, da ideoloxía da reivención na que se construíu o mito estadounidense para presentarnos unha conclusión completamente antagónica: a identidade é o último refuxio non dos perdedores senón desa masa inmensa que ficou ben lonxe do éxito.

Os Estados Unidos que coñecemos a través de Fante son un país desleigado, de buscavidas que un día reciben a oferta de xogar ao béisbol profesionalmente e ao seguinte están a facer masa nun andaime, de aspirantes a escritores que, sen diñeiro para iren á universidade, van deambulando por Los Angeles, no fío afiado que separa a clase traballadora do lumpen sen futuro que pelexa por conquistar uns metros cadrado de ruína onde pór un colchón.

Mais a grandeza de Fante é contar todo isto sen solemnidade nin didactismo; sen efectos especiais nin sentimentalismo. E para lograr esa naturalidade opta por unha lingua directa e accesible. Ese aparente coloquialismo é un traballado exercicio de depuración estilística que consegue captar o universo que describe co ton preciso para que manteñamos un sorriso escéptico tanto nos intres máis escuros coma naqueles máis esmedrellantes do libro.

Ese labor literario consegue trasladalo ao galego Hadrián Estévez con bastante éxito. A escolla do léxico e do rexistro son correctos aínda que se estraña certa chispa nalgunhas pasaxes. É coma se o tradutor tivese medo a aproveitar toda a potencia coloquial da nosa lingua.

Non sei se o pai de John Fante era tan borrachón, pinantodas e castronazo coma o seu alter ego literario. Pero grazas ás ferramentas do fillo deixou para sempre de ser un canteiro ben amañado que levantou a metade dos pendellos dun gris suburbio de Denver. Durante o tempo que alguén lea este libro será un personaxe único, deses que se apegan aos lectores para sempre.

César Lorenzo Gil

Advertisements

Un comentario en “Vellos teimudos e borrachos

  1. Pingback: Dez libros a proba de area de praia | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s