Manuel María e o Deus das pequenas cousas

MANUEL MARIA

Revisión da poesía completa do autor chairego, próxima a cumprirse a primeira década do seu pasamento.

De gran cadal creativo, poeta nacional para uns, poeta secundario, alcumado de ruralista no seu momento por outros, Manuel María foi autor dalgúns libros xa clásicos, con varios poemas incluso musicados. A súa obra marca a literatura galega da segunda metade do século XX. Reproducimos agora en Biosbardia unha extensa e orixinal crítica da súa obra completa

O próximo mes de setembro cúmprense os dez anos do seu pasamento.

Manuel Veiga

A obra poética completa de Manuel María, publicada por Espiral Maior, consta de dous volumes, o primeiro dos cales abrangue do 1950 ao 1979 e inclúe 25 libros, mentres que o segundo reúne 22 e vai do ano 1980 ao 2000. A obra mereceu os seguintes galardóns: Premio Irmandade do Libro ao mellor título editado no ano 2001, Premio da Crítica de Galicia 2002 e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, polo voto maioritario dos socios.

O primeiro que habería que dicir deste macrotexto, composto polos 47 libros iniciais, é que permite e esixe un modo novo de lectura da creación poética de Manuel María. Permíteo, en primeiro lugar, porque moitos dos poemarios aquí cronoloxicamente ensarillados figuraban desde hai tempo ilocalizábeis e esíxeo porque, se ben o contexto é imprescindíbel para entender calquera obra literaria, tamén é verdade que os condicionantes históricos poden acabar embazando os criterios estritamente poéticos. Podemos apreciar agora, mellor ca nunca, as constantes do autor, diferenciar o que escribiu con intención transcendente dos divertimentos e distinguir os cumios das valgadas.

Afán por comunicar en tempos de silencio

Tanto a produtividade coma o estilo fan pensar nun poeta apaixonado, un poeta que vibra coas sensacións e que ten unha necesidade incontíbel de expresalas. A Manuel María cábelle tamén o mérito de ser o primeiro autor mozo que publica en galego despois do 36. A súa fidelidade ao idioma, en anos tan condicionados, fálanos dunha persoa sorprendentemente segura de si. Esta escolla lingüística sen fraquezas, xunto coa presentación dunha voz propia, singular ante o mundo que o rodea (en case todos os libros hai un poema dedicado á conciencia do poeta como tal), constitúen os piares da súa forte autonomía literaria. Poderiamos engadir outras moitas características que inciden nesa liña, por exemplo temáticas ou de idiolecto (esas expresións, esa “lingua” particular do autor). Todas elas conforman unha poética non sempre lograda –é preciso ter en conta o inxente da súa produción– pero sempre recoñecíbel, sempre autorial. Poderiamos deducir incluso que é esa necesidade persoal de expresarse, pero tamén esa condición de facelo case en soidade, coma quen lanza sucesivos SOS por unha lingua e un país en estado de emerxencia, os que fan que a voz interior ás veces, case esgotada, se distenda, pero sen chegar a perder nunca o seu timbre, a súa identidade, sen que nunca cheguemos a confundirnos ou a ignorar a súa procedencia e o seu propósito.

A obra de Manuel María caracterízase, polo demais e aínda que non toda, pola sinxeleza. Se queremos citar unha fonte da que bebe temos aí a Francis James, un autor no que o iniciou o lugués Luís Pimentel. As oracións humildes, procuradoras da sensibilidade a través do detalle e non exentas de humor, de James, como, poñamos por caso, Oración para que non morra un neno ou Oración para ir ao ceo cos burros, parecen estar case sempre no caletre de Manuel María, inspirando unha parte notábel do que escribe. As súas súplicas diríxense, non a un Deus plenipotenciario, senón a un ser semellante a ese Deus hindú das pequenas cousas do que nos fala a novelista Arundhati Roy.

Pero este amor, este small is beatiful, debe pagar tamén ás veces o seu prezo. Manuel María garda, neste senso, algunha semellanza con Lizardi, un dos mellores líricos en éuscaro, algunha vez alcumado de petit poéte, porque tocaba supostamente os pequenos temas da poesía, como os paxaros, as árbores ou a natureza cambiante, ademais de ser coma el un nacionalista confeso.

Comezo da camiñada e ascenso ao primeiro cume: Terra Cha

Muiñeiro de brétemas (1950) é o primeiro libro de Manuel María. Escribiuno con dezanove anos e conseguiu publicalo un ano despois. Percíbese nel a influencia dalgúns escritores de preguerra, como Manuel Antonio, en Triadas dun mariñeiro, ou Amado Carballo, aos que o autor recoñece no limiar. Había trece anos que a lírica galega non asistía ao nacemento da obra de ningún poeta mozo. O título constitúe de por si unha boa imaxe literaria e será para sempre unha das referencias do autor. Tamén se mostra xa, con claridade, un dos estilos aos que acudirá regularmente no futuro: o da pregaria. Outros poetas, de fe relixiosa ou carentes por completo dela, recorreran xa a estes ritmos tradicionais para lograr unha musicalidade e un poder de comunicación demostrados e moi populares. Sería o caso, por exemplo, de Whitman. Pero o ton de rezo, unido ao humilde e concreto –as zocas novas da abidueira, poñamos por caso– fornécelle ao poema un carácter moi terreal e humano, antes que espiritual, e máis sensíbel que transcendente.

En 1952 sae do prelo Morrendo a cada intre, poemario que escribira dous anos antes, cando o autor contaba vinte. Do ton existencial e melancólico do anterior pasa ao realismo social, sempre pesimista, que será outra das súas tendencias máis presentes no futuro. A crítica do vello, propia do mozo novo que se abre ao mundo, casa á perfección coa crítica á sociedade pechada e moi conservadora da época (“Odio infindamente aos catedráticos / enlevitados e serios que teñen / un recendo de arqueoloxía artificial e rutinaria”). Apunta tamén unha crítica da cursilería e das modas, anticipando a súa opción pola autenticidade (“A miña noiva non usa calzós nin bebe wiski / pro chámame coello meu… / dun xeito que me parte a alma”). Outros poemas reafirman o “eu” persoal e a voz do poeta na liña do que se dixo máis arriba. Son creacións que se reconstruirán, con matices diferentes, moitas outras veces nos poemarios que han vir.

En 1954 publícase Advento, con poemas de diferente feitura e trazos existenciais, non no sentido escapista, senón máis ben sartreano, anticipo case da crítica de Marcuse ao home unidimensional, unha visión que estalará en todas as partes, tamén en Galiza, unha década despois (ver, por exemplo, Poema do home disgregado).

Ese mesmo ano sae á luz Terra Cha (aínda que o texto actual conta cun bo feixe de poemas engadidos anos máis tarde). O libro comeza cun excelente prólogo de Ánxel Fole e continúa coa análise do autor, árbore a árbore e paxaro a paxaro, do territorio que lle dá título ao libro. É un mangado de poemas, sobre todo os escritos inicialmente en 1954, que xustifica un poeta e que xa mostra a dureza que volverá aparecer bastantes anos despois en Ritual para unha tribu capital de concello, outro dos cumes da obra de Manuel María e da poesía galega en xeral. Volvendo a Terra Cha, hai que afirmar, conforme co xa dito por Darío Xohán Cabana, que se trata dun libro que funda unha identidade, baseada nuns lindes físicos, nunha paisaxe e nun modo de estar no mundo. Unha patria, definiu Cunqueiro, anticipándose a moitos teóricos de hoxe, é unha acción dramática. A Terra Cha resulta, nesta liña, unha creación poética, unha patria de caste máis lírica, un mito felizmente imaxinado por Manuel María.

Con esta obra vemos xa inauguradas as tres pólas temáticas que seguirá o autor: a existencial, a social e a paisaxística, ben que en ocasións aparezan mesturadas.

O tempo de Documentos persoais e Os soños na gaiola

En 1955 edítase Libro de cantigas. Na súa primeira páxina podemos ler: “Manuel María adeprendeu a arte da Xograría de Pepe da Costa, cansa camiños e Alguacil do Concello de Outeiro de Rei, e máis de Manuel de Paderna, que aló pola primavera toca unha frauta de buxo coa que fai bailar a dous lagartos”. Velaí un remate de definición ben cunqueirián ou ben borgiano. O libro imita os cancioneiros medievais (verso vello, con palabras novas).

En Documentos persoais (1958) un Manuel María de 28 anos preséntase como “labrego con algo de poeta”, definición de si mesmo na que seguirá teimando corenta anos despois. “Sen metafísica poética digo o meu mensaxe: / vivide”, exclama. Este epicureísmo só en aparencia choca co ton de pregaria doutros poemas, pois xa dixemos que a pregaria para el é un estilo para describir o máis terreal e miúdo. Aquí, coma noutras moitas ocasións, como fixera desde os inicios, Manuel María descré dos poetas de inspiración sublime ou inmaterial e considera a súa metafísica unha impostura (“A azucena non é pura e ten o seu lixo: / ao fecundar deixou de ser virxindade. / Eu ben sei que algún poeta ao saber isto / chorará”). Dez anos despois, cando Méndez Ferrín prologa Versos para un país de minifundios, dirá que Documentos persoais é un libro “sobrio, sinxelo, familiar”, igual que lembrando Terra Cha afirma que “deixa o seu verso a ras de torrón, a nivel de poeira, en coiriños coma un neno”. É significativo isto, non só por confirmar o que xa dixemos, senón tamén por vir de alguén que se caracteriza polo contrario, é dicir polo seu ton épico e nacional, máis próximo aos grandes fenómenos que ás pequenas cousas.

En Documentos persoais, Manuel María mestura xa a terminoloxía xurídica coa poesía (estudaba para procurador), esa prosa xurídica tan utilizada por outros moitos escritores. Flaubert chegou a dicir que se formara lendo o Código Civil. O xurídico, coma o relixioso, é unha fonte de estilo, un recurso literario. O primeiro permite a ironía, por contraste entre as falsidades do Estado e da burocracia e as pequenas verdades da vida (“Prohíbese, por orde da alcaldía, / que murchen porque si / as rosas do xardín municipal”); estilo moi propio tamén para aqueles anos de ditadura. O segundo posibilita o ritmo, a evocación. O ton recorrente do canto relixioso, a interpelación frecuente a Deus e aos oíntes resulta moi recoñecíbel pola xente, encóntrase moi próximo “da alma do pobo”.

O ton recorrente do canto relixioso, a interpelación frecuente a Deus e aos oíntes resulta moi recoñecíbel pola xente, encóntrase moi próximo “da alma do pobo”.

Documentos persoais representa, por último, unha colectánea de estilos paródicos que arremedan a burocracia, pero tamén a publicidade e a prensa. É significativo que a pesar de todo permaneza neles o lirismo, como nesta “Carta ao Director dun banco”:

Señor Director: vostede sabe ben

que os números son xustos,

mouros, xeados, abraiantes.

son unha sociedade limitada

anónima, triste, mercantil.

somentes os ceros son humanos:

tenros, redondos, ben feitiños.

¡Se vostede poidera –hoxe tan só–

trebellar cos ceros, como as nenas

-milagre dos milagres–

 trebellan, inocentes, cos seus aros!

Poemas coma este resultan contemporáneos e na liña, por exemplo, dos Poemas de la oficina de Mario Benedetti, que Manuel María naquela altura descoñecía. A un estilo semellante pertence a “Gacetilla literaria” que nos serve para pasar revisión cultural da época (lembremos que o libro é de 1958):

Estamos en Galiza. A nosa vida humilde

é un pequeno silencio iluminado

con esto e con aquelo. E nada máis.

Un libro novo. Un premio literario.

A política do mundo que vai mal,

que sempre andivo mal ao parecer.

Fulanito proposto para académico.

Eu que teño inspiración e que non luio

os meus versos tal como debera.

Cuña Novás hai tempo non publica.

Novoneyra metido no Caurel.

Cunqueiro tan fino e enxeñoso.

Fole anda a rematar unha novela.

Luz Pozo Garza está en Viveiro.

Os versos de Xohana Torres son moi bos.

Todo este trebello enriba dun.

Maside en Compostela. Otero Pedrayo

a falar longamente no café.

Ferrín, Mourullo, Franco Grande,

López Nogueira, Lorenzo e Cortezón,

coa súa mocedade madura por bandeira.

“Galaxia” é formidábel. “Monterrey

presenta ben as cousas. En Vigo

non sae “Alba”. “La Noche”, de Santiago,

os sábados trae literatura. “Aturuxo”

quere facer ruído sen ter noces.

En América publícase algún libro.

A lúa, o vento, estes meus soños.

Lugo, entre murallas, frío e chumbo.

Unha melancolía fonda aniña en min

mentres fago estes versos. E cavilo

que estou algo aparvado, que se non

en vez de facer versos faría cartos.

En 1962 publica Libro de pregos, inspirado na morte dun irmán, cuxo terceiro poema, dirixido ao Señor, remata: “¿Por qué nos deixas eternamente sos / nun cárcere de carne e máis de lama?” (nótese que non di “alma”). Un ano despois aparecerá Mar maior que recolle poemas dispersos e algúns anos máis tarde, en 1967, Versos florecidos en louvanza de Foz, o primeiro dos que dedicará ás vilas galegas.

En 1972 sae á luz Os soños na gaiola, libro definido polo propio Manuel María como “os versos que este humilde autor botou de menos cando el era neno” e que inclúe algúns clásicos da literatura infantil galega, como “O Foguete”, “O Arado” ou “Labrego”. A calidade dalgúns dos seus poemas é indubidábel, ao que hai que engadir a boa acollida que tiveron ao seren musicados. Como ocorrera en Terra Cha o autor logra a mestría poética a través da sinxeleza, aínda que o feito de estar pensando na infancia rodea o libro dunha maior dozura e inocencia.

XAN CARBALLA

Dúas constantes: a crítica do falso lirismo e a reafirmación do eu persoal

Varios dos libros que veñen despois de Os soños… pertencen non obstante a un tempo anterior. Proba documental é de 1968 e lembra os Documentos persoais de dez anos antes. Aí está a palabra “documentos”, é dicir, a persoa e a linguaxe xurídica.

Tres libros máis, Versos para un país de minifundios e Versos para cantar en feiras e romaxes, os dous de 1969, e Remol (1970) foron imprentados fóra de Galiza e sufragados polos emigrantes. O espertar político e as presións do réxime están na raíz destas dificultades de edición. No primeiro deles volve arremeter contra a inspiración, como fixera, por exemplo en Documentos persoais (“Sen metafísica poética digo o meu mensaxe”). En concreto, nestes Versos para un país de minifundios podemos ler: “Non estou nun mundo de revelacións, / de deuses e de anxos, escoitando / o oráculo, agardando a inspiración / ou cultivando sentimentos luxosos / como unha flor de estufa”. En Versos para cantar en feiras e romaxes segue esa liña e comeza o libro cun poema que se titula “Epístola a un poeta lírico” e que na súa primeira estrofa di: “Ti, home puro e requintado, / lírico poeta en exercicio, / que, sen ningún beneficio, / estás das estrelas namorado”. Nove anos despois en O libro das baladas dedicará outro poema a cuestionar a “utilidade da poesía” e non son os únicos que inciden neste punto.

Encontrámonos polo tanto ante unha constante do autor: a crítica da metafísica, do falso lirismo, da fuxida da realidade, que conducen nalgún caso a un cuestionamento do propio labor poético, identificado momentaneamente coa cursilería. Manuel María ten demasiada conciencia de si para fuxir. Non quizais por adaxe, outro tema común, outro poema recorrente, é o de presentación de si mesmo. En Remol, por exemplo, podemos ler a súa “Tarxeta de visita”, onde se presenta como poeta, igual que fixera en Proba documental, co poema “Fe de vida”, e en Documentos persoais con “Documento de identidade”.

O autor vese formando parte dunha cultura no lance de desaparecer, como os vales asolagados, ben por asimilación exterior, ben por suspensión da conciencia dos seus propios protagonistas, ou por ambas razóns ao tempo, unha cultura na que escribir un libro de poesía é pouca cousa como fórmula de resistencia. E así, Manuel María, sabedor diso, clama contra a desaparición do país, contra os que lle dan as costas á ameaza que el sente de forma tan patente e, de camiño, séntese na necesidade de reafirmarse a si mesmo, por substantivación da súa voz persoal, como esixe a autonomía literaria, pero tamén por non desaparecer el propio baixo a maré da anulación. As súas tarxetas de visita, documentos de identidade ou fes de vida, figúranselle necesarios para cruzar o río do esquecemento, semellan os saltos que dá o naufrago botando a cabeza fóra da auga, nunha tentativa de non afogar co seu barco.

Manuel María, sabedor diso, clama contra a desaparición do país, contra os que lle dan as costas á ameaza que el sente de forma tan patente

Rap de 1969

Versos para cantar en feiras e romaxes, editado en 1969, é un libro composto por poemas de intervención, reflexo dun período que desde a prosa do réxime se denominaba, con certo reducionismo, “contestatario” e que Fole alcumaba, ironicamente, como o “da protesta”. É o tempo, certamente, da canción de autor á que Manuel María contribuiría como letrista, (en Remol hai un poema dedicado a Raimon). Os poemas gozan dese ritmo eficaz e de rima doada, de aí o de “para cantar en feiras e romaxes”, cun contido claramente sociolóxico que se nos mostra completo xa nunha primeira lectura. É ese anceio urxente e titánico de cubrir tantos baleiros como hai, de describir realidades clamorosamente ignoradas polas institucións, pola prensa e pola literatura oficiais, o que converte o poeta en cronista. “Para ver marchar os emigrantes / (íanse case todos polo mar) / nos tempos de denantes / somentes se había que achegar / a un porto calisqueira: / había alí tantísimo xentío / que semellaba unha feira / de dor e de arrepío”.

As referencias son case sempre xerais: os galegos, os emigrantes, a muller, o labrego: “Dille ao labrego da beleza / da campía, / da súa fermosura / e poesía. / Dirache que si, / que a beleza para ti. / Para o labrego é o traballo, / o andar tocado do carallo, / o pan mouro e o touciño”.

É a referencia rural (aínda que non seña a de todos os poemas) e certo prexuízo entre xéneros creativos, o único que nos impide ver as fortes semellanzas, tanto de construción como de finalidade, entre estas estrofas e o que hoxe coñecemos como rap ou as letras comprometidas de certos grupos rockeiros. Velaí algúns dos elementos comúns: rima forte, ironía, frase curta e intención crítica, mesmo provocadora.

Esta musicalidade retranqueira terá continuidade noutros libros, caso de  Cancións do lusco ao fusco, publicado un ano despois. Vexamos se non un fragmento da “Canción da hora do vermú”: “Denantes de xantar, ao mediodía, / pódese ollar na cafetería, / no casino, no bar, no club / tomando o seu vermú / unha nena que se chama Lulú, / chea de saúde, / de finura e virtude, / na compaña de nenas que se chaman Bibí, / Lalá, Lelé, Lilí, / todas / ás derradeiras modas, / ao derradeiro modo: / con minital, minicual e minitodo”.

O poema en defensa do idioma, tamén deste libro, foi prohibido pola censura e publicado nunha edición francesa de poemas do autor. O célebre “Lingua proletaria do meu pobo / eu fáloa porque sí, porque me gosta, / porque me peta e quero e dame a gaña” de Celso Emilio ten así o seu paralelo nesta estrofa de Manuel María: “Hai que defender o idioma como sexa: / con rabia, con furor, a metrallazos. / Hai que defender a fala en loita rexa / con tanques, avións e a puñetazos”.

O período máis comprometido e optimista

Entre 1965 e 1980, aproximadamente, e en consonancia co ambiente social e político, Manuel María dá á luz unha poesía máis implicada coa sociedade e mesmo coa política. Pero o marco referencial, moi galego, desta etapa, na que abundan os poemas dedicados a case todas as iconas do nacionalismo, non xa prohibidos, senón mesmo esquecidos (caso dos Irmandiños), corre o risco de facer pasar desapercibido o feito de que, no ermo cultural da época, Manuel María infiltra múltiplas referencias e sensibilidades externas, que se movían libremente noutros países, caso da obreira, a feminista (“É criminal no tempo que corremos, / comparar a muller e máis a flor”), a da ameaza atómica ou a guevariana, as tres últimas incluídas en Remol, libro escrito entre 1963 e 1968, aínda que publicado en 1970.

Parecidas concomitancias co que se estaba facendo fóra poderían atribuírselle a un poema considerado definitorio das características do nacionalismo daquel tempo, como é o célebre “Acuso a clase media”. Porque, se as ideas nel reflectidas casan moi ben coa mensaxe anticolonial que abrolla en Galiza, tamén o fan coas críticas á pequena burguesía do maoísmo sesentaeoitista francés, coas ironías do uruguaio Benedetti sobre o “pequebú” que datan da mesma época e co radicalismo en xeral dunha parte significativa da intelectualidade mundial dese período, que en certa medida crítica o seu propio pasado e mesmo o que pronto, nalgúns casos, será tamén o seu futuro.

As semellanzas con obras ou actitudes externas ao sistema literario galego son perceptíbeis en moitas ocasións. A “Oda ao patrón”, por exemplo, do libro Odes nun tempo de paz e de alegría (1972), irónico desde o propio título, non pode menos que traer á memoria o “había una vez un empresario bueno / al que maltrataban todos los obreros” de Goytisolo.

Parecido contido social e estilo, así como pegada da efervescencia política internacional (incluída a crítica da alienación, unha das claves da esquerda intelectual da época), caracterizarán as dúas obras seguintes: Aldraxe contra a xistra e Informe para axudar a alcender unha cerilla, ambos de 1973. Tamén neste ano se edita Laio e clamor pola Bretaña, un canto, formado por un poema único, ás nacionalidades europeas oprimidas, singularizado nas terras do noroeste francés, e no que o autor se fai eco do célebre eslogan habitual nas escolas públicas da Bretaña: “Prohibido cuspir e falar en bretón”.

Os libros que seguen ata 1980 conforman un cancioneiro das loitas deste período. Trátase de rimas de escarnio e maldicer, así como de enaltecemento das distintas ramificacións do movemento nacionalista que emerxe neses días e no que o autor se inclúe. O poeta, nunha actitude que conforma unha das súas características máis permanentes, escolle a modalidade expresiva en función dos seus obxectivos e así neste caso opta polo verso rápido e irónico, semellante ao dalgúns libros anteriores, como en Cantos rodados para alleados e colonizados (1976), alusión non sabemos se buscada aos Rolling Stones (cantos rodados, en inglés) e xogo co dobre significado da palabra “canto”.

En Poemas para construir unha patria (1977) esta vontade utilitaria confírmase. O optimismo que destilan contrasta coa obra anterior e posterior do autor. Hai un florecer das teses que Manuel María viña defendendo, un clima por primeira vez de simpatía para o galego e unha hipótese de cambio aínda por definir. Pero o rechamante é que esta implicación política non se concreta nunha métrica de poesía comprometida tradicional, senón nun estilo rupturista, de vangarda se queremos chamalo así, na liña do que practicaban simultaneamente autores ben máis novos, como era o caso dos que formaban o colectivo Rompente. Hai nalgúns poemas deste libro e nalgún outro deste período unha crítica á incoherencia dos daquelas denominados “progres”, realizada desde a ortodoxia militante. É como se Manuel María utilizase, en clave irónica, o rupturismo formal que practicaban os autores relacionados con ese sector para facer burla do mimetismo e conservadorismo social, pero tamén do hippysmo serodio de certa mocidade, o que loxicamente lle había de crear algún rexeitamento entre os aludidos de un e doutro lado.

Esta ironía déixase ver de novo, non moito tempo despois, en 1982, cando o autor insire esta vangarda contracultural na súa Escolma de poetas de Outeiro de Rei, gracioso e logrado poemario no que se arremeda a historia da nosa poesía e no que a propia inclusión dun poeta chamado A. Ron Año (alusión a A. Reixa, M. Romón e Alberte Avendaño, tres dos membros de Rompente) debe ser entendida como unha crítica, desta volta máis afectuosa, a unha actitude, pero tamén como asunción de que os seus protagonistas forman parte do mesmo sistema literario que o autor. En todo caso, este distanciamento non habería de limarse por completo até ben entrados os noventa, cando Manuel María fai simbolicamente a presentación da poesía heterodoxa dun dos irmáns Pereiro. Este acontecemento xunto coa súa participación no libro de homenaxe Poemas para unha loia (alusión á revista Loia, promovida nos setenta por Lois e Xosé Manuel Pereiro, así como por outros escritores en cernes como Manuel Rivas) sanda a vella cicatriz existente entre ambas liñas literarias e entre ambas xeracións.

Deste mesmo período, Poemas ao outono (1977) e O libro das baladas (1978) mostran que en Manuel María case sempre hai compromiso en medio da paisaxe, pero tamén paisaxe e nostalxia en medio do compromiso. As rúas do vento ceibe, con data de 1979, pode ser considerado a versión urbana d’Os soños na gaiola, pero quizais constitúa, aínda máis, a representación infantil dun marco nacional, consonte coas  arelas políticas do momento.

No derradeiro libro desta etapa, Catavento de neutrós domesticados (1979) o autor segue facendo uso da retranca, á que engade algúns trazos surrealistas, como no poema titulado “Plano descriptivo do país de Babia”.

mm2002

O amor e a estraña tribo

A división en dous volumes deste extenso corpo poético supón algo máis que un capricho editorial ou que a mera división física da obra. O libro Poemas da labarada estremecida (1981), co que comeza a segunda parte, representa a entrada do autor na madurez, metaforicamente no outono, xa apuntada catro anos antes en Poemas do outono. O autor rolda o medio século de idade, o que vén coincidir coa normalización do réxime democrático, desencanto incluído, por mor de todas as hipóteses que antes estaban abertas e que agora non se ven realizadas. Ambas inflexións, persoal e social, recúan o poeta á nostalxia nunca de todo abandonada, conforme o animan a unha profundización na poesía amorosa, en boa medida como baluarte de resistencia, cando as outras ilusións se esvaen: “Unicamente a firmeza, / a tenrura, / a nidia marabilla do noso amor, / sen lixos nin fisuras…”. Esta curva conceptual vese acompañada no estilo por unha maior coidado da forma e, en moitos casos, tamén por un maior clasicismo, tanto métrico como temático. Cada unha das tres partes de Poemas da labarada… comeza cun soneto, composición que tamén lle pon remate ao libro.

Un ano despois, coincidindo coa resaca do golpe de Estado e coa subseguinte crise do nacionalismo, ven a luz os Versos do lume e do vagalume, impregnados de ferido pesimismo. Así podemos ler: “… os galegos, / estraña tribo incomprensíbel / feita de tebra, vento e cantaría” ou “¿Para quén, para qué, por qué / tantísima tenrura derramada…?” ou, por último: “Un, que é capaz de comprender / a fala das cousas, dos ventos / e os paxaros foi incapaz / de entender a moitos homes”. O resultado de tanta desazón culmina conformando un dos mellores libros do autor que, curiosamente, terá o seu contrapeso ese mesmo ano coa xa mencionada Escolma de poetas de Outeiro de Rei, libro paródico, de enorme frescura e –desde un ángulo oposto– tamén unha boa peza literaria.

En 1984 sae á luz o segundo libro da serie que, de modo ventureiro, irá dedicándolles a distintas vilas galegas. Neste caso trátase do Cantigueiro de Orcellón, terra máis ou menos coincidente co actual Carballiño e que se atopa nun territorio que no alto medievo se denominara Castela, topónimo case perdido, pero que é anterior e máis extenso que a Castela de Burgos.

Ese mesmo ano pública A luz resucitada, unha obra precedida por un verso de Fermín Bouza-Brey: “Se a seitura é cativa, foivos moito o soñar”, e na que o autor retorna de cheo ao minimalismo, aos pequenos lugares, obxectos artísticos ou domésticos e aos animais. Velaí os poemas titulados: “A un reloxio de cuco que trouxen de Suíza”, “A unha navalla que foi da miña avoa materna”, “Pinga de orballo”, “O viño”, “A cantería” ou “Laverca”. O título expresa quizá unha certa recuperación, tras a desilusión mostrada dous anos antes nos Versos do lume e do vagalume, pero sen que desapareza de todo o pesimismo. O último poema “Forasteiro” incide na constante de querer identificarse co lugar natal, coa tribo, na súa terminoloxía, e co país, pero fracasando máis unha vez. É de anotar a existencia do poema “Fe de vida”, segundo do libro e de igual título e temática que o que abría Proba documental, publicado dezaseis anos antes e que xa citaramos como exemplo dunha das constantes do autor, a de testemuñar a conciencia de si mesmo, confirmación da súa voz literaria singular, pero tamén póla ribeireña á que o autor se agarra para non ser arrastrado pola corrente social adversa.

En 1985 dá á luz O camiño é unha nostalxia, poemas de viaxes (de Lisboa a Grecia, pasando por Suíza) ou dedicados a unha terra ou país que reclama a súa atención, algúns de claro ton narrativo. Un ano despois publica Oráculos para cabaliños do demo, libro no que resalta, como xa fixera noutros anteriores, as figuras mitolóxicas do nacionalismo, do Monte Medulio a Roi Xordo, pero tamén mitos clásicos como Pompeia ou Florencia. Estes poemas exhiben unha das marcas do autor, sobre todo desta segunda etapa, a influencia da cultura xudeo-cristiá e o valor simbólico de Grecia e de Roma, interpretados desde un punto de vista ilustrado ou racionalista. Os xogos coas vangardas fican aquí abeirados.

Por fin, en 1986, o autor dá a coñecer o que para o noso gusto será o seu mellor libro, o de maior autenticidade e tamén dureza: Ritual para unha tribu capital de concello. Moitas das preocupacións que sempre o envolveron aparecen aquí máis definidas e expresadas con gran sinxeleza, o que contribúe a reforzar o impacto e a profundidade de cada poema.

Dous anos máis tarde, en As lúcidas lúas do Outono, o autor incide na nostalxia e nos pequenos temas como fonte de inspiración, tamén recorre ao clasicismo formal xa anunciado, a base de odas, elexías, églogas, sonetos e cancións, pero no que destaca o réquiem final de trece poemas dedicado á nai: “Semellábaste ao toxo, á carqueixa / e á carpaza. Áspera por fóra, / coa tenrura aberta cara adentro, / poderosa e agresiva como o ouro / rabioso e incendiado das chorimas. / ¿Qué estraño mundo vivía acochado / no teu fondo?”.

Do mesmo ano son os Sonetos ao Val de Quiroga, prologados polo quirogués e amigo, desde hai moitos anos emigrado a Euskadi, Xosé Estévez. Recoñecemos aquí algunha das tascas mencionadas por Fole: “Tabernas do Tiberio e do Peniche; / café do Tito, escuro e familiar; / feiras de vender, mercar e pasear; romarías do vrao: viño e boliche”. Outras pezas resultan tamén suxestionadoras, como a dedicada ao lobo que remata así: “A noite quedou triste, orfa, calada: / non ten pavura nin medo alucinante / pois a noite, sen lobo, non é nada”.

En 1990 sae do prelo o Cancioneiro de Monforte de Lemos e un ano máis tarde Saturno, poema de fasquía épica e remate infeliz, como corresponde ao motivo clásico. Quen devora os seus fillos é Galiza, a “tribo suicida”, imaxe que se repite en moitos outros poemas. Saturno ten, polo demais, o interese de transparentar unha interpretación historicista do nacionalismo, artellada a través de cinco etapas: primeira, a inocencia do país; segunda, a fase de construción na que se desenvolven os grandes mitos; terceira, a colonización exterior; cuarta, a dos poetas e galeguistas que esclarecen a situación de dominación ante o pobo e quinta, a derrota, posto que a cidadanía non escoita os que buscan redimila. Esta visión milenarista e de certa idealización do fracaso resulta común aos poetas e aos autores nacionalistas de moitos pobos europeos en situación semellante, ao longo de todo o século XIX e boa parte do XX.

Quen devora os seus fillos é Galiza, a “tribo suicida”, imaxe que se repite en moitos outros poemas.

Compendio de orballos e incertezas (1991) é unha obra que desde o propio título fai honor a ese Deus menor ao que nos referiamos ao principio deste artigo. Os encabezados son ben elocuentes: “Baladiña do asubío máis delgado”, “Fábulas para arrolar un recendo” ou “Rondó da canseira”. Ese ton menor, aínda que non menos poético, é tamén o que corresponde ao libro seguinte, Panxoliñas (1992), neste caso obrigado tamén polo motivo da obra. Como sucede con outros poemarios, os versos deste libro foron escritos en períodos diversos, moitos deles nos anos cincuenta e sesenta, e reunidos máis tarde ata dar lugar a esta composición. O autor do limiar, Afonso Blanco Torrado, define a Manuel María como o “escritor que mellor recolle a cultura total do noso pobo dende o seu universo de orixe que é a Terra Cha”.

No abalar do popular ao culto, A primavera de Venus (1993) representa o retorno ao clasicismo grecolatino, tanto desde o punto de vista formal como temático. Esa orientación, permanente no autor, pero máis firme a partir de 1980 e xa expresada, por exemplo, en Oráculos para cabaliños do demo de 1986, acada aquí a súa confirmación. Ese mesmo ano ven a luz os Poemas a Compostela, que en realidade datan de 1952.

O libro seguinte, Cantigas e Cantos de Pantón (1994), conta cun limiar no que o autor define a obra e xustifica as súas características, unha explicación extensíbel a boa parte da súa creación. “O contido de Cantigas e Cantos de Pantón –afirma– non pode ser máis sinxelo. Trátase dunha manifestación de amor á terra, dita con paixón, naturalidade e verdade. Os metros empregados –cantiga, cántiga popular, romance– vellos e mesmo arcaicos, sintonizan, dun xeito perfecto co románico, tan rico, da bisbarra de Pantón e coa súa paisaxe humana e xeolóxica. A cantiga é unha estrofa orixinal nosa, propia da lírica galaico-portuguesa. Temos tamén de sinalar o carácter fondamente localista destes poemas. Toda a poesía é localista, individualista. O universalismo, en definitiva, non vén a ser máis que o localismo aceptado pola xeneralidade”.

A ese localismo recorre de novo nos Poemas para dicirlle a dúas lagoas (1994) e en O Miño canle de luz e néboa (1996), colectánea de poemas iniciada en 1951 e libro, segundo o propio autor, “con toda seguridade afastado das modas estético-literarias imperantes nestes intres”.

Sonetos á Casa de Hortas (1997) é unha revisión da temática familiar, xa manifestada, en boa medida, en Ritual para unha tribu capital de concello.

Por fin, cincuenta anos despois de Muiñeiro de brétemas, Manuel María ve publicado Brétemas do muiñeiro (2000), un libro rematado en 1977, pero que non vira a luz no seu día ao encontrar a editorial encargada da publicación naquel momento algún “matiz partidista” na obra. En concreto, os editores sinalaran como inconveniente, a lapis, a palabra “espiral” que o autor se negou a modificar.

Camiños de luz e sombra (tamén de 2000) pon o ramo ao labor poético do autor. A segunda parte da obra comeza co título: “Os carreiros da morte” e nela podemos ler este poema:

Ti, amada, ollas como vou morrendo

en anacos pequenos cada día

e nada podes facer para reterme

á beira túa feliz e confiado.

O teu amor, amiga, vai enchendo

o oco escuro da miña soedade.

Tamén ti

vas morrendo un anaco cada día,

sentindo

ese tempo fatal que leva á morte.

¡Nada podes facer por min

nin eu por ti!

¡Dáme a túa mao doce e sinxela!

¡Dáme sempre a túa mao, amiga miña!

Non se trata, porén, dun poema de despedida escrito a mantenta, dado que o libro foi redactado en 1959, o que por contraposición mostra a pervivencia, no autor, de certas temáticas.

Comparativa de dous poemarios sobre o mesmo tema

Ten interese comparar os poemas do Ritual para unha tribu capital de concello cos que se ofrecen en Sonetos á casa de Hortas, porque a través de ambos libros, centrados case nun mesmo tema, obsérvanse as dúas caras estilísticas da obra de Manuel María. No segundo, a métrica é máis xusta, máis antiga. Tamén é máis descritivo, máis Trasalba, por así dicir. O Ritual.., en cambio, resulta máis sincero, cru. Nel mestúranse os diferentes compoñentes da súa poesía: crítica social, nostalxia do pasado, amor á tribo, os misterios da vida a través das cousas miúdas, etc. Todo marcado por un ton de pesimismo lúcido e quizá por iso de maior perfección poética.

Os cinco mellores

A publicación desta poesía completa representa unha boa oportunidade para avaliar o conxunto da obra e establecer unha sorte de canon de referencia. Unha xerarquización imprescindíbel ademais se pensamos que o corpus total está formado por 47 poemarios, conxunto no que hai necesariamente altibaixos e reiteracións temáticas. O propio autor tense prestado, nalgunha ocasión, a realizar el mesmo este labor de escolma, indicándonos os que, segundo el, serían os seus mellores títulos. A lista é a seguinte: Terra Cha, Os soños na gaiola, Luz resucitada, Poemas da labarada estremecida, Laio e clamor pola Bretaña e Ritual para unha tribu capital de concello.

A nosa opinión é en boa medida coincidente, aínda que con algúns matices. Así, pola nosa parte, escolleriamos os seguintes: Terra Cha (na súa primeira versión, a de 1954), Os soños na gaiola, Versos do lume e do vagalume, Escolma de poetas de Outeiro de Rei e Ritual para unha tribu capital de concello. Xulgamos que estes títulos reúnen e sintetizan as preocupacións principais do autor e que é neles onde estas inquedanzas se ven plasmadas dunha forma máis lograda, directa e profunda. Quizais a principal sorpresa da nosa selección radique na inclusión da Escolma de poetas de Outeiro de Rei. Debemos dicir como explicación que este libro, paródico da historia da poesía galega, segue a estratexia de construír literatura a partir da propia literatura, desde unha postura afectiva, pero tamén escéptica, semiburlesca, que conta con abundantes exemplos na narrativa occidental, pero ben menos na poesía e supón unha excepcionalidade dentro do noso sistema literario. Trataríase nese sentido dun libro posmoderno, que mostra de paso a capacidade de Manuel María para asumir rexistros diferentes.

Se tivésemos que quedar cun título, escolleriamos Ritual para unha tribu capital de concello

E se de entre eles, tivésemos que quedar con un, escolleriamos o último, o Ritual para unha tribu… Pensamos que se Terra Cha é a apertura de Manuel María á terra, o Ritual, escrito moitos anos despois, supón xa a súa comprensión e valoración. “Ámote Outeiro, como non amei a terra algunha” móstranos o autor espido e tamén capaz de espir o que viu e o que ve. O Ritual reflexa en si, e para sempre, unha parte do noso país, rural, vilego, nun tempo determinado, quizá mellor e de xeito máis fondo que calquera posíbel ensaio antropolóxico ou histórico. 

Un vademecum do país

Manuel María toca todas as cordas estilísticas e todos os temas, de tal modo que a súa obra conforma unha sorte de vademecum do país. Pero no fondo, a motivación é sempre a mesma: o eu poético, a nostalxia, o misterio das pequenas cousas e a crítica, non á modernización, senón ao desarrollismo que rompe co pasado porque si, sen traer nada substancial a cambio.

CONGRESO ASOCIACION ESCRITORES BAIONA 1986MANUEL  MARIA

Aínda hai algo en Manuel María desa primeira etapa da nación que lle toca (re)crear os poetas (Yeats, Pondal…), dese rexurdimento que houbo e hai en todas as nacións cando comezan a tomar conciencia da historia e a reclamar un futuro. O chairego desprende algo desa querencia pola “autenticidade” do pasado, próxima ao romantismo literario. Para os que observan con distancia esta idea nacional, hai que dicir que poñela en cuestión, por inventada, equivale a dubidar de referencias tan absolutas, e igualmente tan matizábeis na experiencia, como a liberdade ou o progreso. Ao cabo, nación, liberalismo e progreso, naceron da man e contribuíron a crear unha conciencia conxunta.

As fotografías publicadas neste artigo son obra de Xan Carballa. Até agora permanecían inéditas.

♦ Obra poética completa. 1950-2000, de Manuel María, publicouse en Espiral Maior no 2001. Recibiu ese ano o premio ao Mellor libro do ano da AELG. O primeiro volume ten 720 páxinas e o segundo 694. ♠72€

Este texto xa fora pubicado no ano 2001 nas páxinas d’A Nosa Terra.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s