“España non me interesa”, dicía Risco en pleno franquismo

risco

Manuel Veiga.

Hai veces nas que un imaxina, durante moito tempo, un libro que non existe e que lle gustaría ler e tamén hai ocasións nas que ese libro acaba aparecendo, aí, sobre a mesa de novidades, disposto a responder a maioría das nosas preguntas. É o que me acaba de suceder coa obra Risco segundo Risco, é dicir: Vicente Risco visto polo seu fillo, tamén escritor, Antón Risco. As opinións do fillo chégannos grazas á conversa que, ao longo de varios anos, mantivo co xornalista e amigo Arturo Lezcano, que o interroga e redacta o texto que agora vén de publicar a editorial Galaxia.

Grazas ao que di Antón –ninguén mellor ca el para facelo– e grazas ás nada casuais preguntas que lle fai Lezcano, podemos coñecer o que Vicente Risco pensaba durante eses anos de franquismo polos que pasou con máis discreción da que a algúns quizais lles gustaría crer.

Nun sistema cultural tan autoprotexido como o galego sempre me estrañou a penalización –non certamente absoluta– que caeu e cae sobre Vicente Risco, coma se el fose o único que permaneceu no interior durante os anos de chumbo, coma se fose o único que aceptou un pacto, implícito, co réxime para sobrevivir, xunto coa súa familia. Sobre esa obviedade, deitáronse un cúmulo de distorsións, que xa cabía albiscar, a pouco que se intentase comprender a súa obra, pero que agora podemos ver con máis claridade grazas a este libro, chegado dunha fonte de primeira man, como é a de Antón.

Digamos, antes de proseguir, que ese evidente vínculo familiar nin terxiversa nin condiciona negativamente o contido, pois como o entrevistador se encarga de aclarar, é igualmente evidente a distancia ideolóxica que sempre existiu entre pai e fillo. Non estamos, xa que logo, ante unha loa nin un escrito de defensa do pai. O que se nos ofrecen son datos, experiencias, palabras, cos seus matices, apuntando o que, nalgún caso, tiñan de irónico ou de literario, enmarcadas sempre no contexto, familiar e social, e anunciando as limitacións, por exemplo de idade, que nalgún caso tiña o fillo para interesarse por certos datos ou para comprender as actitudes do pai.

Centos de follas anotadas doutros especialistas non conseguiran aclararnos máis sobre Risco do que consegue facelo esta obra de pouco máis de cen páxinas. Certo que a posición de Antón é a dun privilexiado ao respecto, mais penso que algunhas das distorsións xa aludidas obedeceron máis a un apriorismo do punto de vista (por exemplo, a un excesivo énfase simplificador sobre o binomio dereita-esquerda) que á dificultade de acceso ás fontes.

O problema político de Galiza (1930) é, na miña opinión, un dos tres ensaios máis importantes, publicados no século XX, sobre os problemas do noso país. Os outros dous serían o Sempre en Galiza de Castelao e O atraso económico de Galiza de Xosé M. Beiras. Risco acada nesta obra unha capacidade de penetración sobre a realidade política que o rodea que vai moito máis alá da da maioría dos seus contemporáneos e incluso, doloroso é dicilo, da de boa parte dos analistas actuais. A súa lucidez e precisión, a súa forma de sintetizar e de comprender as contradicións dos políticos galegos da Restauración, tan similares ás dos seus homólogos de hoxe, os problemas inherentes ao centralismo, o agrarismo, a emigración ou os efectos reais do liberalismo en Galiza, deberían chamar a atención de calquera lector actual. O Risco politicólogo resulta moderno, obxectivo e desprexuizado. Risco observa, coñece e tira conclusións, sen medo ao abrazo de oso da Corte, sen dependencia de esquemas teóricos e políticos válidos talvez para outros lugares.

O soño irrealizábel de Vicente Risco sería viaxar a París cun camión e volver cargado de libros.

Parecía imposíbel que unha persoa capaz de escribir iso se volvese de pronto aduladora e cega, incluso na súa vida privada e na súa conciencia particular. E, certamente, “España non me interesa” é a frase que o seu fillo Antón lle escoitou pronunciar moitas veces, en pleno vigor do pensamento único menendezpidaliano, nin sequera Ortega o convence e menos aínda a cultura pseudo-flamenca da época.

Dise –e neste libro non se nega– que o principal vínculo de Risco co réxime ditatorial era o catolicismo. Pero, el igualmente se declara, nalgunha ocasión, próximo ao budismo e aberto ás máis diversas crenzas e culturas. Como debemos entender isto? Considere o lector o que na España nacional-católica podía significar a simpatía a respecto de calquera tipo de pensamento que non fose o oficial. Creo que máis que ante un interese por chamar a atención, ao estilo por exemplo dun Valle-Inclán, estas e outras ideas de Risco deben ser entendidas como parte da súa visión fabuladora e idealista e tamén da súa enorme curiosidade. A fin de contas, qué outra perspectiva cabía para unha persoa sensíbel e dotada para a creación, naquel Ourense e na España daquel tempo, onde ningunha acción práctica tiña espazo, máis alá da consabida participación nun fiadeiro de café, no que loxicamente a conversa oscilaba entre a anécdota e algunha que outra afirmación de aparencia transcendente pero, en todo caso, inocua.

Risco, é certo, participa do decadentismo, e é por iso moi criticado, esquecendo eses que o critican que boa parte da Europa intelectual da súa época profesaba as mesmas ideas nostálxicas dos tempos que precederon a modernidade e contrarias á deshumanización que traían supostamente consigo o progreso, a industria e a masificación. Do decandentismo, moi inspirador desde o punto de vista estético, pero tamén idealista e cunha débeda filosófica importante co irracionalismo que parte de Kierkegaard e Shopenhauer e chega a Spengler e a Heidegger, participaban tamén moitos contemporáneos seus, incluídos non poucos do espectro progresista. Co decadentismo como inspiración fan os seus xogos literarios desde Musil a Proust ou Thomas Mann, como oportunamente lembra Antón Risco.

A última percepción que se tira deste libro e que queremos apuntar aquí, de entre as moitas que se poderían aínda engadir, é a constatación práctica da miseria cultural da época. Un intelectual de contrastada intelixencia como Risco, un individuo polo demais contemporizador e apenas incómodo para o réxime, non pode facer outra cousa que tratar de vexetar entre a subsistencia económica e a inanición cultural. O seu soño irrealizábel sería viaxar a París cun camión e volver cargado de libros.

A foto de Vicente Risco é obra de Xaquín Lorenzo, Xocas.

♦ Risco segundo Risco, de Arturo Lezcano. Editorial Galaxia. 118 páxinas. ♠15€

 

Advertisements

3 comentarios en ““España non me interesa”, dicía Risco en pleno franquismo

  1. Magnífico artigo, esclarecedor e valente, moi convincente nas hipóteses que formula

    (Manolo, coido que a entrevista xa fora publicada nun libro no ano 97. Non ten importancia, mais se cadra é un síntoma curioso que se redite)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s