Francisco Castro: “As miñas principais referencias literarias son Lennon e McCartney”

castro

César Lorenzo Gil.

Francisco Castro (Vigo, 1966) ten un estoxo que se converteu en peto de ideas, “sementes de relatos, de novelas, de cancións…” A primeira desas sementes fructificou hai 25 anos nun libro, o primeiro dos 20 que leva publicados este escritor, divulgador literario, editor e profesor de obradoiros literarios. Nesta entrevista repasamos a súa traxectoria.

Despois de 25 anos e 20 libros publicados, que valoración fai da súa evolución como escritor?

Considérome un escritor na pescuda constante do seu propio estilo, dunha voz autoral forte e singular. E coido que iso si o conseguín. É unha marca da casa xa a maneira de enfocar o relato. Outra das miñas preocupacións era amosar a realidade social do meu tempo cun punto de vista crítico, non só para expresar a miña opinión sobre os grandes temas senón para aproveitar a literatura para sacudir conciencias. Se unha parte dos meus lectores, logo de ler un libro meu, mira as cousas que o arrodean doutro xeito, se lle serve o que escribo para reflexionar, penso que acadei o obxectivo.

Especialmente durante os primeiros anos de carreira, notábase o cambio de xénero en cada novo proxecto: relato histórico, erótico, de costumes… 

Odio escribir sempre o mesmo. Respecto aqueles autores que din que sempre escriben o mesmo libro pero eu non podería. Coido que ese desexo de tocar diferentes xéneros ten a ver co meu propio perfil como lector. Na miña vida coñecín xente que tiña afección pola novela negra ou polos libros de viaxes ou polas historias de ciencia-ficción… Eu leo de todo e máis que lería se puidese. Gústanme unha morea de autores e temas. Pásame coma na música. A pesar de ter uns gustos moi marcados logo póñome a escoitar o último éxito dos “40” e acábame encantando. Quero publicar poesía e teatro e novelas de ciencia-ficción. Porque para min cada novo proxecto é unha oportunidade de empezar desde cero e para alguén coma min, que entende a literatura como pracer, non hai nada mellor. Desfruto con intensidade explorar roteiros diferentes.

Un escritor sempre necesita un motor que o sente diante da páxina en branco. Cales foron as súas referencias motrices? 

As miñas principais referencias literarias son John Lennon e Paul McCartney. Non adoita quedar ben recoñecer que para alguén que fai literatura non sexa a literatura universal a súa primeira fonte pero debo ser sincero: para min hai máis altura poética na letra de “Lucy in the Sky with Diamonds” ca na Divina Comedia de Dante. Xunta aos Beatles coloco a Bob Dylan, o rock ‘n’ roll e a música da década do 1960 en xeral. Hai que pensar que cando eu era adolescente as miñas arelas creativas dividíanse entre as letras e a música. Por fortuna para os oídos da poboación en xeral decidinme polo primeiro. E nesa escolla recoñezo dous grandes intres: a descuberta de Jorge Luis Borges e de Celso Emiio Ferreiro cando tiña 18 anos. Celso Emilio segue a ser hoxe unha voz única. Ao contrario do que ocorre maioritariamente, a min interésame moito máis a súa poesía amorosa ca a poesía social. Tamén estou moi influído polos tebeos de Mortadelo y Filemón e pola televisión. Penso que a xente da miña xeración foi a primeira que pasou moitas horas diante da tele e iso nótase no xeito de narrar.

Desde aquel primeiro A outra banda da fiestra e outras historias, que lle publicou Cardeñoso no 1989 até Río Leteo (2004, Espiral Maior) predomina o relato. Cambiaría moitas cousas deses libros?

Por suposto. É máis: como editor, se tivese que decidir a publicación deses títulos, sinceramente penso que lle diría que non. Por iso lles estou agradecido aos meus editores, que tiveron o cariño de axudarme a ser escritor. Pero tampouco desbotaría ningún dos meus traballos. Coido que en conxunto axudan a entender a miña escrita e figurarán na miña obra completa, alá cando a publique ao facer os 106 ou 107 anos (ri).

Quero publicar poesía e teatro e novelas de ciencia-ficción.

“Síntome máis fillo de Philip Roth ca dos escritores galegos”

Xeración perdida (2004, Galaxia) marca un cambio de sentido na súa narrativa. É un libro que reviviu editorialmente hai pouco, logo da tradución ao castelán (Generación perdida (2011, Pulp Books)).

É a primeira novela na que eu me decato de que estou a facer unha cousa distinta ao respecto de todo o que escribira antes. Foi un axuste de contas co meu pasado e co presente que estaba a vivir. Mentres escribía dábame de conta de que o texto avanzaba sen limitacións, que tiña completa liberdade nese camiño cara ao que estaba buscando. E así, durante a redacción, aparece esa figura de narrador omnipresente que logo protagonizou outras das miñas novelas. Para que Xeración perdida fose eficaz como novela necesitaba desa voz que toma a palabra cando cómpre e expresa cousas que van máis alá da trama.

Ese narrador omnipresente acaba por influír non só na maneira de tecer as tramas senón que se converte nun xeito de superar o modelo tradicional de novela social de costumes.

Entendo ese xeito de narrar coma unha creba, consciente e de longo alcance, coa tradición. Debo admitir que me considero máis herdeiro da literatura anglosaxoa ca da galega e por iso algunhas técnicas narrativas que nesoutro contexto son máis habituais no noso espazo chocan máis. Síntome máis fillo de Philip Roth ca de calquera escritor galego e del aprendín a considerar o narrador case coma un personaxe, con vida propia, o único capaz de atinxir o lector e axitalo. A literatura ten que ser algo máis ca entretemento e ese enfoque permitiume criticar directamente cousas coma a Movida viguesa, a precariedade do traballo dos escritores en lingua galega ou a relación dos profesores cos seus alumnos adolescentes na década do 1980, por poñer algúns exemplos.

Spam (2006, Galaxia) obtivo o premio Blanco Amor e é un dos seus libros para adultos con maior proxección internacional, traducido ao castelán e ao italiano.

É a primeira novela na que internet é a protagonista da literatura galega. Se agora se publicase en formato electrónico sería un proxecto moi completo, cunha enorme riqueza de hipertexto. Iso si, daría moito choio… Crear todos eses sitios porno, reproducir os correos electrónicos… Coido que tamén foi anticipatoria do que logo nos pasou no contorno laboral: liberdade dos xefes para vixiar e censurar a correspondencia virtual dos seus empregados, perda crecente de dereitos… Xa nesa novela aparecen esas persoas enfrascadas nas pantallas, dos ordenadores, dos móbiles… persoas incapaces de relacionarse cos máis.

N’As palabras da néboa (2007, Galaxia) –gañadora do premio García Barros– desaparece esa voz narradora e do presente inmediato pasamos ao tempo do Renacemento.

Esa novela coido que é a miña obra máis ambiciosa. Quixen coidar moito a linguaxe para conseguir que se gardase no texto unha sutil musicalidade. Esforceime en puír a técnica. Incorporei os diálogos á narración para agrandar os lindes do libro máis alá da prosa histórica. Por iso os temas que se tratan, é dicir, por debaixo da trama da loita dos Irmandiños, a través da oposición á tiranía daquel tempo aboian os temas do noso presente. Hoxe a esa represión señorial pois chamámoslle Lei de Seguridade Cidadá pero no fondo respírase a mesma tensión.

A historia da miña nai e do libro foron parellas: mentres ela se puña peor aumentaba o éxito de Chamádeme Simbad. Canto máis eu vivía o relato real do alzheimer máis eco me chegaba, en latitudes ben afastadas, de como este libro lle axudara a moita xente a sobrelevar a enfermidade.

Chamádeme Simbad (2009, Galaxia) é un dos seus libros máis populares, escrito para público infantil mais cunha historia dentro moi propia: a súa relación cunha doente de alzheimer, a súa nai.

Este é o libro que máis ledicia me deu. Forma parte da Lista de Honra do IBBY, gañou o premio Martín Sarmiento (un dos que máis me ilusionou porque o entregan os lectores) e hoxe, un lustro despois da súa publicación, segue a lerse. No 2013 foi o libro literario máis vendido por Galaxia; está traducido ao castelán, ao catalán… Editado no Brasil. Con todo, o que máis me prace é a posibilidade de intervención que me dá este libro. Case todas as semanas visito algún centro de ensino para falar deste título, unha oportunidade de falar do alzheimer, de tirar os rapaces das imaxes dos programas de televisión e facelos reflexionar sobre a doenza. E cando consegues que moitos deles marchen sensibilizados ves cumprida esa función do escritor de incidir na realidade e facer cambiar unha pequena parte dela.

Os escritores teñen a sorte de poderen converter en literatura as experiencias traumáticas, caso da enfermidade da súa nai, falecida hai pouco.

O libro foi unha terapia. A historia da miña nai e do libro foron parellas: mentres ela se puña peor aumentaba o éxito de Chamádeme Simbad. Canto máis eu vivía o relato real do alzheimer máis eco me chegaba, en latitudes ben afastadas, de como este libro lle axudara a moita xente a sobrelevar a enfermidade. Sempre quixen vincular a historia ao drama real e coma nun xogo, a ficción trouxo onda min moitos outros dramas reais.

Na súa traxectoria faltaba un dos xéneros máis importantes na narrativa do noso tempo: a novela policial, a novela negra. Vostede apropiouse das súas feituras dun xeito paródico en In vino veritas (2011, Galaxia).

Eu non son un gran lector de novela policial ou negra. Non me sinto especialmente atraído. O proxecto desa novela comezou cunha idea: criticar o telelixo. E para achegarme ao tema tiña que deseñar unha historia morbosa, con fíos atractivos para a linguaxe deses programas televisivos. De aí a comenencia de aproveitar os recursos da novela negra. Pero ao mesmo tempo quería escribir unha novela dese xénero que vulnerase o propio xénero desde dentro. Quería entrar na súa armazón literaria e rebentala por dentro. E logo dixen aquilo de que nunca volvería facer novela negra. Mais atéñome ao meu dereito a rectificar!

Esa rectificación chámase O corazón da Branca de Neve (2013, Galaxia), a súa última obra publicada. Que causou a escolla do xénero policial?

Moitos temas da actualidade hoxe necesitan contarse a través dos ollos dun policía. Os horrores cotiáns están no libro: a violencia contra a muller, desde a daniña e ignorada que provoca a ditadura sobre o seu canon de beleza e comportamento, até o feminicidio. E como contrapunto a esa crueldade, a figura do inspector Hermida, un personaxe ben distinto ao perfil habitual do investigador das novelas, un home corrente que ben podería ser o noso compañeiro no autobús, ese que esta mañá subiu todo contente polo resultado do seu equipo de fútbol, ese que padece sobrepeso e está moi queimado por tantos anos de servizo. Hermida é un personaxe inspirado en moitos policías de Vigo que eu coñecín e quedei tan fascinado por el que necesito aumentar a súa presenza noutras novelas.

Este libro gañou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia 2013. Literatura de quiosco que lles chega aos lectores do xornal, non necesariamente os mesmos que compran libros en galego.

O premio foi a faísca da novela. Eu estaba redactando unha novela xuvenil autobiográfica (na que continúo a traballar e que espero que sexa o meu próximo libro publicado) cando lin as bases e entendín que era unha oportunidade para min como escritor. Unha oportunidade para adestrarme tecnicamente porque un libro que vai ser lido en 31 capítulos en 31 xornais debe ter unhas características moi específicas. Non podía redactar 31 relatiños senón que debía manter unha cadea na que cada elo tivese a capacidade de acabar en cada entrega e ao mesmo tempo facerlle devecer o lector buscar o seguinte capítulo ao día seguinte. Para a redacción, fixeime máis na narrativa televisiva das grandes series (que te deixan sempre en alto ao final de cada capítulo e por iso acabas baixando 30 episodios máis, en versión orixinal sen subtítulos nin nada). Tamén foi un desafío aos límites creativos. Cada capítulo ten exactamente 3.500 caracteres.

O libro está a ser un éxito de vendas malia xa estar publicado por enteiro nas páxinas da Voz.

A primeira edición esgotouse no primeiro mes. Nunca me pasara nada parecido con ningún libro meu para adultos. Para min é sorprendente pero supoño que é mérito da personalidade do inspector Hermida, que vai gañando admiradores de boca en boca. Hai que recoñecer tamén o valor da propia Voz, que desde hai 13 anos publica durante todo un mes un texto en galego. E ese texto convértese nun éxito non só durante a publicación das entregas senón logo cando aparece o libro resultante.

“Os que critican os obradoiros literarios estarían encantados se os chamasen para os impartir”

Vostede traballa en Galaxia como editor. Como responsable do departamento de innovación editorial, que opina da situación de cambio de paradigma lector?

Por unha banda, no tema do libro electrónico hai máis ruído ca cambio real. Leas mediáticas que se contradín cos datos obxectivos. No mercado español só o 4% da facturación total provén desta área. Polo momento, os lectores prefiren, moi maioritariamente, o libro impreso. Iso non quita que ese cambio de paradigma exista e haxa que adaptarse á ruptura dun modelo que levaba funcionando moitísimos anos. Na editorial Galaxia encaramos o desafío cos mesmos principios fundacionais do 1950: defender e espallar o valor da lingua galega no mundo. Fixemos aplicacións informáticas de lectura en galego, creamos un portal de contos interactivos na internet en galego e publicamos libros electrónicos para quen teña un iPad e queira ler en galego poida facelo.

Outro dos seus labores profesionais é tutelar obradoiros de escritura creativa. Hai quen considera estes obradoiros unha estafa, un placebo para calmar o becho da pulsión literaria igual ca a sacarina alivia a mala conciencia de quen ten sobrepeso. Que lles contesta?

Os que critican os obradoiros literarios estarían encantados de que os chamasen para os impartir. Nunca oín quen negase que os músicos deben aprender o seu oficio. Non hai diatribas contra os conservatorios. Mais os escritores parece que son unha especie de seres máxicos que ao entraren en contacto coas musas reciben por vía divina o talento directamente nas xemas dos dedos. Claro é que cómpre unha mirada, unha predisposición pero as técnicas apréndense. E hai que aprendelas dalgunha maneira. Se hai quen precisa clases para corrixir a maneira na que describe situacións ou define personaxes, pois ten que haber obradoiros de escrita creativa. Ese preconcepto é moi do noso contorno; nos EUA a escrita creativa é materia regrada e ninguén pon en cuestión o valor literario dos moitos alumnos deses cursos que lograron o éxito. Pero en Galicia que pasaría se eu dixese o nome dos catro ou cinco escritores consagrados que foron alumnos meus?

Advertisements

3 comentarios en “Francisco Castro: “As miñas principais referencias literarias son Lennon e McCartney”

  1. Boa entrevista, comparto contigo o gusto por calquer tipo de xénero literario…Agora estou descubrindo xente nova, historias como Contos no nicho e, estame a gustar o que leo. Teño que ver algún dos teus libros, que polo que vexo son bastantes e, só teño lido catro, terei que correxilo. Parabéns polas túas palabras neses libros…

  2. Pingback: Francisco Castro: «As miñas principais referencias literarias son Lennon e McCartney» | ::Axenda cultural AELG::

  3. Pingback: Autores vivos que cambiaron a literatura galega | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s