‘O siñor Afranio’, de Antón Alonso Ríos

afranio

Lin O siñor Afranio. Como me rispei das gadoupas da morte en Cequeliños, durante as vacacións de agosto que daquela pasaba case por íntegro na casa da aldea, sentado na poltrona do salón, ese espazo que acabou ocupando a miña segunda biblioteca. Tarde tras tarde fun vivindo a vida de Alonso Ríos, mergullado nunha aventura vibrante que daba calafríos.

O argumento do libro é coñecido: Antón Alonso Ríos era un deputado republicano agrarista de Tui. O golpe de xullo do 1936 cólleo na casa. Decontado sabe que os fascistas o queren matar. Así que foxe, coma por impulso, e inventa unha nova identidade para pasar desapercibido naquel verán galego onde cheiraba a sangue e medo. Barbudo e farraposo, o político pasa a ser esmoleiro co nome de Afranio do Amaral, nome tomado dun científico brasileiro cuxa obra lera e admirara.

O libro, que se le coa forza dunha novela, vai contando como Afranio-Ríos esquiva a persecución ofrecéndose ao xornal polas ribeiras do Miño, seguindo os camiños vellos cara a Ourense. En cada páxina o fuxitivo ten que extremar o enxeño e moitos parágrafos lense ao ritmo do propio corazón que acelera o latexo no peito.

O Afranio andara perto de Cequeliños, de Arbo, onde eu devoraba o seu libro. Quizabes aquel pobre se cruzou con algún parente meu. Sempre imaxinei a escena, sempre quixen que aquel meu sangue antergo lle ofrecese un pouco de pan ou de lamprea seca (a miña familia materna ten muíños que naqueles anos seguro que estaban en plena produción e moitos pescos acugulados de peixe do Miño cada noite) ou de sopa de allo (miña bisavoa Manuela era cociñeira en casa fidalga).

É que co Afranio sentín que os galegos temos aínda unha débeda. Polo seu valor, pola afouteza de non aceptar a morte e enfrontarse, co corazón sempre a piques de cruzarlle a garganta, ao terror.

Na foto da capa da edición de A Nosa Terra, empresa para a que traballei con orgullo, o siñor Afranio aínda imitaba un tanto o meu compañeiro de mesa Gustavo Luca. Sei que ambos compartían moitas cousas alén da barba e a fasquía un tanto quixotesca: o compromiso coa verdade e a xustiza; os brazos cálidos e abertos aos máis, a intelixencia que fai progresar o mundo.

Éxito de vendas edición tras edición, coido que están esgotados os seus exemplares, incluso nas librarías de rebusco. Así que se consegue un exemplar, gárdeo.

De cara ao futuro espero que apareza novamente nas librarías e que non se perda na memoria ese proxecto para facer unha longametraxe baseada no seu argumento. O documental dirixido por Víctor Coyote sóubome a pouco. A historia deste home bo que soubo risparse das gadoupas da morte ten a altura e a profundidade dun mito. E nós non andamos sobrados de mitos que paguen a pena

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s