Un nacionalista irlandés chamado James Joyce

joyce

Preside os andeis de novidades en galego a tradución dun dos grandes clásicos do século XX, o Ulises, do irlandés James Joyce, nunha monumental edición que Galaxia coidou con agarimo. Neste artigo, pescudamos sobre un aspecto pouco explicado do autor dublinés.

Manuel Veiga

É opinión xeneralizada cualificar a James Joyce, o escritor irlandés que xunto con Marcel Proust revolucionou a literatura contemporánea, de antinacionalista ou cando menos de persoa totalmente allea ao movemento que no seu país e no momento no que el escribía, loitaba por independizarse do Reino Unido. O especialista en Joyce José Maria Valverde fala da súa “falta de patriotismo irlandés” e o encargado de redactar a sua reseña para a prestixiosa enciclopédia Universalis afirma: “Seria inútil atribuírlle ao escritor irlandés unha mensaxe social”. “Joyce –sinala, por outra parte, o profesor de Nottingham Richard Cardwell– refugou a sua vinculación cos movementos autóctonos irlandeses aínda a pesar das peticións de Yeats e outros escritores compatriotas”. Esta constatación sérvelle ao estudoso británico para mostrar a súa estrañeza polo feito de que Ramón Otero Pedrayo se tivese preocupado de traducir a Joyce e mesmo de facer que cando menos algúns fragmentos do Ulises estivesen vertidos antes ao noso idioma que a calquera das outras linguas peninsulares.

Seguindo esta liña –a do interese dun nacionalista como Otero por un non nacionalista ou mesmo por un antinacionalista como Joyce– a práctica totalidade da crítica galega contemporánea –seña ou non de carácter nacionalista– coincide en ver neste feito unha mostra do cosmopolitismo das xentes da Xeneración Nós. Por veces mesmo dá a impresión de que se Otero e os seus compañeiros de xeración merecen ser reivindicados é máis polo seu vangardismo que polo seu esforzo en prestixiar e desenvolver a cultura que lles era propia, esforzo que, obvio é dicilo, ocupou a meirande parte da súa vida. Perdóesenos a malícia de imaxinar o que seria de Otero, coas súas novelas realistas, os seus ensaios sobre a aldea galega ou as súas acedas críticas aos “castellanos” que comezaban a establecerse como comerciantes nas estradas que se abrian por Galiza, se non chega a traducir o autor que levou ao seu cumio a técnica novelística moderna do chamado fluxo interior da conciencia. Algún crítico mesmo culpou o autor de Os camiños da vida de non aplicar nas súas obras os recursos literarios do irlandés, coñecéndoos como os debia coñecer.

Un nacionalista non militante

Pero, era Joyce en verdade alleo á opresión que padecia o seu país e á virulenta loita establecida entre os seus compatriotas nacionalistas e as forzas inglesas?

En primeiro lugar, hai que lembrar que case toda a sua obra está localizada, mesmo de forma obsesiva, en Dublin pese a que Joyce viviu gran parte da súa vida fóra de Irlanda. Baixo a degradación ou a anotación da vulgar vida cotiá, Joyce transmítelle ao lector unha épica da cidade. Non poucas das dificultades de comprensión que adoitan atribuírselle ao Ulises teñen que ver, por outra parte, co descoñecemento por parte do lector da historia da loita pola independencia irlandesa. Joyce usa as suas referencias a esta loita con ironía e distancia, pero sempre cun forte respecto de fondo. En todo o caso, a súa é unha perspectiva crítica desde dentro, elemento que define a verdadeira identificación dun autor coa súa causa, máis alá da asunción formal de calquera credo partidario.

De Joyce pode afirmarse que é un nacionalista, aínda que non un nacionalista militante, posto que a súa vocación é a escritura, non a política. El sabe que a literatura é un “terreo onde o principal é a palabra escrita” e destaca sempre que unha obra require, para ser tal, de independencia e unidade. Pero o sentido profundo da mellor literatura joyciana, o que lle dá peso filosófico, deriva da súa ansia por entender Irlanda, a Irlanda acomplexada, submisa, demencial e oprimida por Inglaterra. Indo máis alá, Joyce chega a criticar o materialismo dos ingleses e a enxalzar as vellas crenzas do país, mesmo as supersticiosas, e a fe en Irlanda. Percíbese con claridade o parentesco destas ideas coas de Otero ou Risco, expostas nunha época similar e numerosas veces cualificadas de tradicionalistas e de nostálxicas do Antigo Réxime.

Nos seus escritos de crítica literaria, Joyce ataca o folclorismo dalgúns autores irlandeses, o que non representa un desprezo para o país senón a conciencia de que o folclorismo é moitas veces unha malversación das boas intencións patrióticas ou, aínda con máis frecuencia, un contrabando das ideas imperiais que gardan a dignidade para a metrópole e caricaturizan con falsos estereotipos a cultura “local”.

As queixas contra os irlandeses que Joyce manifesta durante a sua estancia en París non parten dun idea superior ou exterior aos seus compatriotas senón da frustración, unha frustración que ten paralelismo tamén en culturas como a nosa, pénsese, por exemplo, en certos textos de Celso Emilio Ferreiro.

Desde Trieste, Joyce, en cambio, escribe (como sempre en ton distante pero non por iso menos claro): “Paréceme un tanto inxenuo acumular insultos sobre Inglaterra polas falcatruadas cometidas en Irlanda. Os conquistadores non poden ser pasivos, e durante séculos os ingleses só fixeron en Irlanda aquilo que os belgas están a facer agora no Estado Libre do Congo, e o que o anano xaponés fará mañá noutras terras”. Alguns parágrafos deste mesmo texto, datado en 1907, resultarán premonitorios: “Inglaterra fomentou as disensións dos irlandeses e apoderouse dos seus tesouros (…). A súa principal preocupación foi manter a Irlanda dividida, e se un goberno liberal inglés, gozando da plena confianza do electorado, lle concedese certa autonomía a Irlanda, a prensa conservadora de Inglaterra comezaría decontado a incitar á provincia do Ulster para que se rebelase contra a autoridade de Dublín”.

En certos treitos, Joyce descóbrese como analista social: “Agora, os ingleses desprezan os irlandeses polo seu catolicismo, a súa pobreza e a sua ignorancia. Porén, non é doado xustificar tal desprezo. Irlanda é pobre porque as leis inglesas arruinaron as industrias do país, especialmente a da lá”. Alusións a este problema aparecerán logo no Ulises. Tamén explica as fames irlandesas a consecuencia do problema da pataca, causado pola “desidia inglesa” e que levou a que “a mellor parte da poboación morrese de fame”. Con ironía afirma entender a postura do Reino Unido: “A súa postura é lóxica; non desexa que unha illa rival viva independentemente perto de Inglaterra, ou que Irlanda volva exportar tabaco e bebidas, ou que os grandes portos das costas irlandesas se convertan en bases navais inimigas baixo un goberno independente ou un protectorado estranxeiro”.

Joyce xustifica a animadversión dos irlandeses por Oliver Cromwell, un “protector dos dereitos civís” en Inglaterra pero “unha besta salvaxe” en Irlanda. Abomina do catolicismo pero tamén do protestantismo e explica algo tan coñecido para un irlandés como para un galego: a emigración. “A pexorativa concepción de Irlanda queda desmentida polo feito de que os irlandeses, cando se encontran fóra do seu país, noutro ambiente, convértense decote en homes respectábeis. As circunstancias económicas e intelectuais dominantes en Irlanda non permiten o desenvolvemento da propia individualidade. O espírito do país está debilitado por séculos de loitas estériles e tratados incumpridos, e a iniciativa individual está paralizada pola influencia e exhortacións da Igrexa, en canto o seu corpo está esposado pola policia, os impostos e o cuartel. Ningún irlandés que se respecte a si mesmo permanece en Irlanda senón que foxe dun país que recibiu a visita dun alporizado Xúpiter”.

joyce-triesteJoyce explica así o motivo de que soldados irlandeses triunfen como militares en varios exércitos europeos, algo que tamén ten claras concomitancias para nós: “Nas actuais circunstancias irlandesas haberá algo de inhibitorio, algo despótico, algo prohibitivo, xa que os seus fillos non poden consagrar os seus esforzos ao servizo da sua propia patria”.

Textos coma este fan entender o descontento e a amargura de Joyce con Irlanda, un desacougo que non pode interpretarse como desdén dirixido ao seu país senón como a conciencia da súa grave situación, causada por Inglaterra.

O desacougo dun patriota

Joyce atrévese a entrar na polémica que manteñen os nacionalistas parlamentaristas e os máis radicais fenianos. Destes últimos di que “sempre se negaron a entrar en tratos cos partidos políticos ingleses e os parlamentários nacionalistas. Afirman (e nisto a historia dálles a razón) que cantas concesións fixo Inglaterra a Irlanda foron outorgadas contra a vontade dos ingleses, e, como adoita dicirse, co puñal no peito”. O autor do Ulises non deixa de lamentar o enfrontamento entre ambos grupos: “Os fenianos e os nacionalistas inxúrianse reciprocamente cos maiores escarnios, uns atribuíndo a medida [refírese a medidas a favor de Irlanda] ao éxito das tácticas parlamentares, e outros atribuíndolla ás propiedades persuasivas do puñal e da bomba. E como pano de fondo desta triste comedia, vemos unha poboación que diminúe ano tras ano con matemática regularidade, grazas á constante emigración dos irlandeses aos Estados Unidos ou a Europa”.

Joyce non deixa de anotar os intereses económicos comúns do proletariado e a nobreza inglesa, a respecto de Irlanda; a responsabilidade tanto do liberalismo como do conservadorismo e, en xeral, da democracia inglesa, que en Irlanda nunca terá reflexo. O autor de Dublineses pon de manifesto con crueza “os dous espectros presentes en todo fogar irlandés, a tuberculose e a loucura” e observa con interese a evolución dos fenianos que, sen renunciar ao separatismo, deixan de lado a violencia e acaban gañando posicións, fronte á decadencia do partido parlamentario irlandés.

“Tivo este século —afirma, resumindo as loitas nacionalistas— a bendición de seis movementos revolucionarios irlandeses que, mediante a dinamita, a retórica, o boicot, o obstrucionismo, o alzamento armado e o asasinato político conseguiron manter esperta a lenta e senil conciencia do liberalismo inglés”.

O drama xeral de Irlanda, antes da independencia, queda reflectido, por outra parte, neste parágrafo do 1910: “O feito de que Irlanda non experimente o menor desexo de facer causa común coa democracia británica non pode surprender nin persuadir a ninguén. Durante sete séculos, nunca foi fiel súbdito de Inglaterra. Por outra parte, tampouco foi fiel a si mesma. Entrou nos dominios ingleses sen chegar a formar parte integral deles. Irlanda abandonou case totalmente o seu idioma e aceptou o idioma do conquistador, sen asimilar a súa cultura nin adaptarse á mentalidade da que este idioma é vehículo. Irlanda traizoou os seus heroes sempre nos momentos difíciles e sempre sen recibir recompensa. Irlanda enviou ao exílio os seus creadores espirituais, e logo enorgulleceuse deles. Só serviu fielmente a un único señor, a Igrexa Católica, que, malia iso, sempre pagou a súa fidelidade con recompensas a longo prazo”.

Non é difícil encontrar en Joyce as razóns que levaron a Otero Pedrayo a traducir fragmentos do Ulises. No 1893, Alfredo Brañas xa trazara nun discurso en Barcelona o paralelismo entre as loitas de Galiza e Irlanda e de Cataluña e Polonia. Esa idea foi seguida polo nacionalismo galego posterior, sobre todo despois de que Irlanda dese o primeiro paso cara á independencia plena, a través do tratado de 1921. Deixando á marxe os textos máis directamente políticos de Joyce, sobre o nacionalismo e os problemas de Irlanda, aquí reseñados, parece adecuado pensar que Otero escolleu a tradución de Joyce non só polos seus achados literarios senón polo fondo que expresaba a súa literatura, polos paralelismos entre a loita irlandesa, daquela no seu apoxeo, e o que Otero desexaba para Galiza.

Os parágrafos aquí entrecomiñados pertencen, na sua maior parte, á obra The Critical Writings, libro póstumo de Joyce, publicado por primeira vez no 1959 en edición de Ellsworth Mason e Richard Ellman. A obra publicouse en castelán co título Escrítos críticos, primeiro por Alianza e logo por Lumen. Todas as edicións, incluída a inglesa, están descatalogadas.

Este texto publicouse orixinalmente nas páxinas d’A Nosa Terra no 1998.

Imaxes: 1ª: Retrato de James Joyce, de Man Ray. 2ª: Primeiro plano da estatua dedicada a James Joyce en Trieste.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s