‘Penúltimas tendencias’: Clixé contra clixé

penultimasO profesor Carlos Negro publica Penúltimas tendencias, poemario xuvenil que completa a liña iniciada con Makinaria (2009). Ambos libros están editados por Xerais na colección ‘Fóra de xogo’, de libros pensados para adolescentes.

A idea do novo poemario de Negro é alentar as mozas á rebeldía fronte á “ditadura” da “vida en rosa” que prometen as revistas de adolescentes, o Disney Channel e a lista de éxitos dos 40 Principais. E a arenga en verso escríbea o autor lalinense cunha linguaxe directa, coas ferramentas do seu público obxectivo: un galegenglish salferido de referencias pop: Justin Bieber, a narrativa de Federico Moccia, os contos de princesas…

Dúas son as maiores calidades deste libro. Por unha banda, insiste na aposta pola poesía como vehículo de comunicación coa xeración de novos lectores.

A priori podería pensarse que a mocidade está familiarizada coa linguaxe lírica mercé ás letras das cancións que escoitan acotío e tamén a través das lecturas de clásicos populares como Pablo Neruda, Miguel Hernández, Mario Benedetti ou Charles Baudelaire (poetas de iniciación, voces emprestadas para os rituais de iniciación no amor, no sexo e na rebeldía). Mais pola contra apenas hai poemarios xuvenís. Negro xa conseguira unha gran repercusión con Makinaria, que xa vai pola terceira edición e fora finalista do antigo premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. Aquel canto de épica e morte declamado sobre o asfalto onde “combatían” os coches tuneados ten o seu espello nestoutro libro.

O doado para un poeta é destinar o seu discurso literario aos círculos convencidos. Sementar novos públicos para a lírica e dotar de libros propios os lectores non habituados á poesía é un labor loable. Ademais, en Carlos Negro nótase que é unha decisión repousada e que seguramente terá continuidade no futuro.

A segunda calidade é a valentía de tratar temas femininos “desde dentro”. O poeta sempre ten máis complicado distanciarse da súa propia voz autoral e converterse en narrador ou personaxe. Dicía Julian Barnes que unha primeira persoa nun poema comprometía máis o seu autor ca a sinatura dun testamento. E o escritor profesor opta pola primeira persoa. Son versos que se escriben en estilo directo e sen mediador.

Os temas deste libro non son nin orixinais nin profundos. Contra o clixé da adolescente “cor de rosa”, Carlos Negro enfronta un contraclixé de suposta irreverencia e rebeldía que case nunca pasa de ser unha galería de tópicos.

O problema é que esa valentía na voz queda aí. Os temas deste libro non son nin orixinais nin profundos. Contra o clixé da adolescente “cor de rosa”, Carlos Negro enfronta un contraclixé de suposta irreverencia e rebeldía que case nunca pasa de ser unha galería de tópicos. Fronte á gaiola da beleza obrigatoria, a furia enxebre; fronte á submisión ao amor romántico, a liberdade de dicir non; fronte ao consumismo, a intelixencia. Así escritos, os conceptos son interesantes. Mais se non se desenvolven con ferramentas literarias, quedan convertidos en lemas dunha campaña publicitaria institucional. Desas que todos os anos paga a Xunta ou o goberno central, desas que todos aplauden pero que non teñen influencia ningunha.

E esa é a grande eiva que lle vexo ao libro de Negro: que renuncia á intervención social, que non electrifica o seu discurso poético para que realmente rompa o teito de cristal, esgace as costuras que tapan as bocas das rapazas, mova a saírse da liña marcada. “Non vou nunca de parties./Non quedo de finde./Non me baño na pisci” di o poema “Fóra de onda”. Os circuítos do non xa están moi explotados polo discurso maioritario. Era ben máis ousada a primeira Shakira ou os argumentos de “Rebelde Way”.

O tópico do cárcere rosa (Carlos Negro até utiliza a carrozaría do poema “Longa noite de pedra”, de Celso Emilio, para darlle gravidade á “ditadura dos espellos”) precisaba de maior carga de realidade. A liña que empezou e non seguiu o autor podémola observar nalgúns versos de “Chica out“: “Porque son tan real/que sangro nos tampóns,/ínchanme os peitos/e trabo cos dentes”. Esa liña que descubra unha persoa real, non unha imaxe tan xeral, tan consensuada que acabe convertida en inverosímil figuríña de cartón.

♦ Penúltimas tendencias, de Carlos Negro, Xerais, 2014. 69 páxinas. ♠11,60€

César Lorenzo Gil

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s