Dolores Vilavedra: “A literatura galega actual quedou sen líderes de referencia”

vilavedra

César Lorenzo Gil.

Dolores Vilavedra (Vigo, 1963) é unha das principais estudosas da literatura galega. Profesora da Universidade de Santiago, directora da sección de crítica da revista Grial, ensaísta, tradutora e alma mater da monumental obra Dicionario da literatura galega. Nesta entrevista comenta o momento actual das nosas letras.

O seu útimo gran traballo sobre literatura galega atinxiu a primeira década do século XXI. Que valoración xeral fai do que levamos da década dos 10?

Quizais o máis relevante é que nos estamos a afastar do modelo literario xerárquico organizado arredor dunha serie de nomes de referencia, indiscutiblemente canónicos. Hoxe pode parecer que impera un certo caos no que compiten diversas estéticas e parece difícil que algún escritor ou escritora recupere un liderado claro. Isto, que de entrada semella positivo, ás veces trae consigo unha certa desorientación, unha certa dificultade para separar o gran da palla e, nalgúns intres, mesmo sentimos que temos que aturar unha dose superior á habitual de mediocridade.

Satisfaime moito que esteamos a asistir á consolidación das propostas de numerosas autoras, tanto na narrativa coma na poesía. Están a demostrar gran capacidade para presentaren proxectos literarios singulares. Lembro cunha certa carraxe aqueles comentarios dos 90 de que “iso das mulleres era unha moda” ou “unha estratexia de marketing”…as mulleres non están de paso na literatura, viñeron para quedar.

Estraño, iso si, unha maior afouteza á hora de explorar as posibilidades que o ámbito dixital abre para a autoedición. Vexo que os autores e autoras seguen a depender do modelo convencional de edición, seguen a outorgarlles ás empresas “clásicas” –contra as que tanto se despotrica– o poder de mediar coa comunidade lectora. Por que apenas hai espazos propios na rede de literatura? Neste momento, calquera persoa que teña un proxecto literario e que estea convencida do seu valor e interese ten mil maneiras de espallalo. Miremos o exemplo dos xornalistas, en cambio. Nacen novas propostas, os profesionais ofrécennos con xenerosidade contidos moitas veces interesantes. Por que non se fai coa literatura?

Por que non se fai?

Para min a resposta é clara: moitos escritores prefiren autocompadecerse e sentirse vítimas do establishment antes que asumir os riscos de medirse á realidade directamente e testar o interese real que a súa obra esperta entre os lectores.

Por que apenas hai espazos propios na rede de literatura? moitos escritores prefiren autocompadecerse e sentirse vítimas do establishment antes que asumir os riscos de medirse á realidade directamente e testar o interese real que a súa obra esperta entre os lectores.

Talvez o libro en Galicia, a pesar de que ninguén se fai rico como escritor, ten un valor de fetiche entre os que se queren dedicar á literatura.

Certo, mais os novos circuítos teñen tamén o seu prestixio. E a repercusión, se os aproveitamos ben pode ser inmensamente maior. Pero claro. E se non o é? O que pasa é que pode ser duro descubrir canta xente estaría disposta a pagar cinco euros (poño por caso) por descargar o meu poemario. Só así se explica que non haxa apenas editoriais dixitais en galego, autores autoeditados, novelas en rede, propostas creativas que utilicen os recursos dixitais en favor da difusión daqueles proxectos literarios que non atopan oco na edición convencional.

No contexto do Estado español fálase de que a crise económica fixo diminuír o número de orixinais que circulan polas editoriais e incluso o abandono de moitos escritores profesionais ou case, desmotivados polos baixos adiantos editoriais. En Galicia, en cambio, os editores falan de que apenas se notou baixada e incluso vaticinan récords de participación nos principais premios. Hai algunha razón para iso?

Claro, aquí o móbil económico sempre pesou menos, para ben e para mal. Adiantos? Alguén sabe aquí que é iso? Veremos chegar moreas de orixinais aos premios, por suposto, a crise obriga. E intúo que co deterioro da profesión xornalística moita xente do gremio tentará a súa sorte no literario, o cal non é mala cousa, hai unhas décadas era o profesorado o que nutría os catálogos das editoriais. Escribir require tempo e o paro dá moito tempo. Ademais, a rutina laboral dun xornalista é moi abafante e a falta de traballo permítelle desenvolver a súa vea literaria en condicións. Existen exemplos moi interesantes de xornalistas escritores neste momento: Diego Ameixeiras xa leva tempo nisto pero tamén hai que destacar novas voces coma as de Alberto Ramos ou Xoán Tallón.

Os premios literarios, ademais, en Galicia, funcionan como canteira de autores e dos exemplares presentados tiran as editoras o seu catálogo anual. É un factor diferente ao doutros contextos?

Non coñezo abondo outros contextos como para opinar. Pero no caso galego si me parece que impón un certo reducionismo. Ao minguar o número de novidades editoriais por ano, e ao teren necesariamente que publicarse os premios, fica menos marxe para acoller outros textos. Co cal, loxicamente, os noveis vanse ver aínda máis obrigados a tentaren a vía dos certames se queren atopar unha saída editorial para as súas obras. De aí eses récords de participación dos que falabamos antes.

“O libro non literario pode ser a porta de entrada para os lectores que non len en galego”

A novela policial e negra, que nunca callaran especialmente noutros momentos agora case que dominan a lista de novidades: Feixoo, Ameixeiras, Gallego… Aínda vivimos no ronsel do éxito de Domingos Villar? É un sinal de normalización ou unha vía de subsistencia para casar as contas editoriais?

Penso que nestes intres hai xa autores galegos que compiten con Villar en vendas e éxito, e é bo que sexa así; inquiétome moito cando vexo que empezamos a converter a alguén concreto nunha sorte de oráculo que cae do ceo para salvar a nosa literatura (algo así aconteceu, por exemplo, hai uns anos con Herba moura, de Teresa Moure). Polo demais, o auxe do policial non é exclusivo da nosa literatura, compartímolo con outras moitas do noso contorno. As razóns tivemos ocasión de debatelas hai unhas semanas nunha xornada organizada polo Consello da Cultura. Eu apuntaría dúas: unha, a función consoladora do policial, que restaura unha certa orde no mundo (xa que temos que aturar o soldazo do presidente de Iberdrola mentres segue a subir a luz, que cando menos nas novelas se faga xustiza…); outra explicación que a min se me ocorre é que o policial funciona como un novo realismo, non tanto porque a xente vexa reflectida nesas obras a súa propia vida senón porque o lector destes xéneros entende os códigos cos que neles se opera xa desde a primeira páxina, non se lle piden grandes esforzos hermenéuticos nin manexar complexidades discursivas. Esa “comodidade” que o policial lle ofrece ao lector é a mesma que se daba nas novelas realistas de toda a vida.

Nestes intres hai xa autores galegos que compiten con Villar en vendas e éxito, e é bo que sexa así.

Pedro Feixoo reafirma a súa narrativa etiquetándose como escritor que non escribe para o “típico lector que le en galego” e reivindícase como un autor con intención de mover os lindes do interese en ler en galego. Mais a min dáme a impresión de que hai moitos nomes na busca dese best-seller só que nin todos conseguen a tecla do éxito. A vostede que lle parece?

É que o concepto de best-seller en galego, desde un punto de vista cuantitativo, non sei eu se é viable…non, realmente eu non penso que o best-seller sexa o único obxectivo. Se o fose, Feixoo non escribiría una novela como A memoria da chuvia, que demanda un modelo de lector ou lectora altamente competente, que debe  posuír as moitas claves que se precisan para interpretar plenamente todas as mensaxes que a novela nos manda. Coido que xusto esta é unha novela para “o típico lector que le en galego”. Por exemplo, cómpre saber quen foi Juan Naya para captar a fondo o que a novela ten de denuncia dunha vergonzosa manipulación histórica. E hai que saber moito de Rosalía para valorar con xustiza o enorme e atinado labor de documentación que hai por tras da obra de Feixoo.  Quen lea A memoria da chuvia desprovisto deste tipo de información vai perder moitos elementos valiosos da novela.

Esa forza para crear novos lectores está máis conseguida c’Os fillos do mar, por exemplo. E si, eu comparto plenamente esa arela de Feijoo de ampliar o mercado dos libros en galego, coido que é imprescindible.

Cal pode ser o camiño para logralo?

Unha vía debera ser o libro non literario. Volumes sobre cogomelos, sobre rotas turísticas, sobre coidado de xardín ou sobre animais. Hoxe cómpre achegarse a un lector desprexuizado, que le porque quere ler (e non necesariamente literatura), independentemente da lingua na que está escrito o libro. E polo xeral este tipo de lector é máis proclive a cambiar de lingua en obras non literarias.

E non debemos desprezar a conquista do público lector habitual en castelán, sen teimar en fidelizalo. Conseguir seducilo para que de cada dez libros que compre, pois tres ou catro estean en galego. E nesa cuña na madeira é moi importante contar con nomes e obras que lles sexan apetecibles.

Manuel Rivas é un deses nomes.

Rivas é algo máis que un nome apetecible, mal que lles pese a moitos….. É dos poucos que conseguiron ser escritor popular e canónico a un tempo. Ten un carisma excepcional e unha gran facilidade para seducir novos lectores. E conségueo porque a súa proposta literaria é inclusiva sen renunciar á dimensión identitaria. Por iso tanta xente le a Rivas: porque calquera pode facelo desde a súa particular vivencia da galeguidade e sentirse interpelado pola súa literatura.

Feixoo ou Villar son, polo momento, apostas distintas pero igualmente útiles para ampliar o campo.

Manuel Rivas é dos poucos que conseguiron ser escritor popular e canónico a un tempo.

Curiosamente, outros xéneros de moda noutros contextos, caso da novela histórica, apenas se cultivan. É un problema de preguiza, como di Alfredo Conde (a novela histórica dá moito traballo) ou aborrecemento por determinados temas xa moi usados anteriormente, caso dos Irmandiños ou a guerra do 36?

Mais tivo o seu momento de gloria na década do 1980, cando a novela histórica nos serviu para recuperar e reescribir episodios do noso pasado que foran silenciados ou deturpados. Coido que se cadra arestora estamos a pagar o exceso de doutrina que ás veces pexou este tipo de narrativa (os Irmandiños é o caso máis paradigmático). En canto ao 36, paréceme que é un tema que aínda non entrou na consideración de “novela histórica”. Falta certa distancia temporal e que desapareza por completo a xeración que fixo a guerra. Ese momento marcará, de certo, un punto de inflexión na abordaxe do tema. Daquela poderemos abandonar de vez o enfoque memorialista para activar o historicista. E o éxito de novelas como A noite branca demostra que o tema segue a interesar. Sobre ese período non detecto saturación.

Que opina vostede do cualificativo de literatura de mulleres? Existe unha vontade de xénero na escrita das autoras galegas?

De maneira global, a min gústame falar de literatura de autoría feminina, é a fórmula que procuro empregar. Dito isto, as xeneralizacións son sempre perigosas: é evidente que hai un grupo numeroso de escritoras que abordan a literatura dende unha conciencia explícita de xénero e dende unha vontade de comunicala mais non creo que sexa así en todos os casos. E, por outra banda, isto non quere dicir tampouco que todas as escritoras teñan unha idéntica conciencia de xénero. E quero crer que esa conciencia de xénero, cando se proxecta, é tan diversa como somos as mulleres.

A poesía foi o xénero que máis sufriu a diminución de títulos publicados. E dáse un fenómeno curioso: as voces veteranas parecen cobrar protagonismo: Álvarez Torneiro, Álvarez Iglesias, Seoane… mentres que os novos dá a sensación de que prescinden do labor editorial e exploran as posibilidades da poesía como arte viva: recitais, espectáculos ao vivo. Como ve esta situación?

Véxoa acaída á realidade que vivimos. É, en certa forma, unha certa volta á natureza do feito e da experiencia poéticos. É normal que Torneiro ou Seoane permanezan fieis ao formato libro clásico. Mais o futuro da poesía está noutros espazos, nunha sorte de volta ás orixes: nas letras das cancións, por exemplo. Díxeno nun artigo recente en Grial: moito do que a rapazada está a escoitar nos seus aparellos electrónicos é poesía en estado puro.

“No mundo das letras imperan o autoengano e a compracencia”

Cando eu lle lía os artigos que publicaba na sección ‘Luces’ de ‘El País’ sobre actualidade literaria, sempre me daba a sensación de que vostede facía aquel repaso un tanto “aborrecida”, esperando unha faísca no medio da mediocridade. Que lles falta aos autores de hoxe en día? Son convencionais de máis?

Alégrame coñecer que pensa alguén do que eu escribía porque sempre boto de menos, no labor crítico, saber que opinan as persoas que te len do que opinas ti nos teus artigos. Algo así como crítica á crítica (por certo, así titulou Aníbal Malvar hai anos unha entrevista que me fixera cando saiu o primeiro tomo do Dicionario). O que me dis confirma tamén outra cousa que me desacouga moito: a diferenza entre o que unha pretende comunicar e o que entenden quen reciben as súas mensaxes. Pásame constantemente, que sinto que se interpreta de xeito parcial –ou directamente se manipula– o que digo, o cal me fai pensar en cal é o motivo de que todo o mundo se sinta “atacado”.

Pode ser que a xente lea o que di con máis “sensibilidade” porque a consideran unha voz influente.

Ou pode ser que no mundo das letras galegas sigan a imperar o autoengano e a compracencia: detecto unha certa involución cara a actitudes proteccionistas que xa deberían estar superadas. Cando non é asi, as críticas seguen a levarse demasiado mal. Este ambiente non favorece a visualización da literatura de calidade. Non todos os libros que publicamos son obras mestras nin teñen porque selo. O que acontece é que no noso caso hai momentos en que o nivel medio de calidade descende en exceso, se cadra por un xeito errado de entender a normalización cultural. Neste senso, unha certa contención cuantitativa no número de orixinais que se publican, imposta pola crise, pode virnos ben.

Preguntáballe se había moito convencionalismo nas nosas letras.

Hai exceso de convencionalismo porque se publica moito –e a meirande parte das persoas somos abondo convencionais–, porque as editoriais necesitan vender e a literatura galega asentar un público, e iso non se consegue só con James Joyce ou Charles Baudelaire. É bo que haxa literatura para todos os públicos, literatura que só pretenda entreter…pero resulta tan difícil escoitar voces orixinais, dar con textos deses que che resulta difícil esquecer! Admiro moito eses autores e autoras que gardan na gabeta material que non teñen ningunha intención de publicar e cuxa obra publicada é só a cabeza do seu particular iceberg creativo.

Recordo hai anos, no transcurso dunha entrevista co editor Constantino Bértolo, que me dixo que lle era moi difícil escolmar libros galegos que pagase a pena traducir porque todas as críticas que lía eran favorables a practicamente todo o que se publicaba. Coida que é valente a crítica? Ao final hai demasiados elos entre críticos, autores e editores?

Si que hai eses elos, e a todos os niveis, non só entre os sectores máis canónicos senón tamén naqueles que se presentan como máis alternativos e que rematan funcionando como redes de promoción grupal ou xeracional. Preocúpame moito un certo retorno da crítica que se conforma coa función ‘divulgativa’, como tamén aquela que se coloca na solitaria posición do francotirador. En canto á valentía, paréceme que é propia dos inviduos, non dos colectivos, polo tanto non sei se é moi pertinente falar de ‘valentía da crítica’. En todo o caso, no meu labor crítico procuro, sobre todo, a honestidade.

Vostede gañou certas inimizades por criticar a liña editorial do catálogo dalgúns novos selos galegos moi especializados. Gustaríame que me aclarase o que pensa das novas editoras en galego, máis pequenas e máis centradas nun determinado xénero ou formato.

Unha novas e outras xa non tanto… Eu critiquei determinadas escollas feitas por determinadas editoriais porque se sostiñan con recursos públicos, e os tempos non están para malgastar recursos, nin económicos nin humanos. Mentres hai proxectos consolidados, industriais, creados con criterio e cun enfoque profesional que o están a pasar mal ou directamente pechan, non me pode parecer ben que haxa quen opte polo individualismo a ultranza como criterio editorial. E se se fai, hai que facelo con valentía e asumindo riscos.

Penso que a meirande parte das novas editoriais en galego foron intelixentes e cubriron necesidades do noso mercado dun xeito excelente. Velaí os casos de Rinoceronte ou Kalandraka. Mais a carón destes segue a haber moito ‘ruído de fondo’, moita confusión e zaramalla nos andeis das librarías…e iso, na miña opinión, xoga en contra do libro galego.

Ultimamente tamén creou certa polémica a definición que deu dos espazos literarios na web como “nichos de minorías”. Cal debería ser a estratexia para espallar a actualidade do libro en galego?

Primeiro: podemos esquivar o debate canto queiramos pero a cultura galega é minoritaria e polo tanto temos que, antes de nada, aceptármonos e mesmo reivindicármonos como minoría. Esa polémica á que te refires con Ramón Nicolás non foi tal: o que eu tentaba dicir era que non só o seu blog senón calquera outro, e tamén a propia revista Grial na que eu falei dos “nichos”, e Biosbardia…. todos estes son espazos nos que nos comunicamos cos nosos seareiros. Están moi ben para manter a parroquia das nosas letras nas mellores condicións pero non atraen novos públicos. E insisto, non é malo nin bo ser minoría. E por sermos poucos non debemos resignarnos a que se nos ignore. Debemos esixir que se manteña nas mellores condicións o hábitat no que nós queremos estar no mundo. Igual que a xente que pasa o día a traballar e vai unha hora á tardiña a pilates e lle pide ao Concello un local na casa da cultura para poder practicar, pois nós debemos facer o mesmo: demandar que se manteñan en pé as institucións que favorezan a conservación e a medra da cultura en galego. E quizais a comparación soe un chisco pedestre. Poderiamos poñernos “estupendos” e comparar os nosos dereitos como utentes da nosa cultura cos do público da ópera. Alguén sabe canto custa manter activo un circuíto operístico? Pois o argumento de fondo é o mesmo: váleme para a ópera, para o pilates e para a literatura galega.

Do meu punto de vista, cando a cultura en galego entra nos medios masivos si que consegue rachar esas fronteiras. Recordo unha anécdota de cando eu colaboraba co ‘Diario cultural’ da Radio Galega. Unha vez estaba na extinta Caixa Galicia conversando na fila e achegóuseme unha das traballadoras, completamente afastada da imaxe dunha lectora habitual de literatura galega. Preguntoume se eu era Dolores Vilavedra e eu xa estaba a tremer por se me ía reclamar algunha nova comisión ou ofrecerme algún seguro. Pero o que me dixo foi: “o outro día escoiteille recomendar o libro tal e xa fun correndiño compralo. Estouno lendo e a verdade é que me encanta”. Aí foi cando caín do cabalo e me decatei da importancia de situármonos na esfera pública, nos grandes medios que nos permiten realmente chegar a outros públicos. Marchei para a casa feliz, convencida de ter gañado unha nova lectora para as nosas letras. Ese é, para min, o auténtico desafío.

Penso que a meirande parte das novas editoriais en galego foron intelixentes e cubriron necesidades do noso mercado dun xeito excelente. Velaí os casos de Rinoceronte ou Kalandraka.

O malo é que eses grandes medios, incluídos os xornais locais, ignoran sistematicamente a literatura galega.

Pois como lles ocorre a todas as minorías, debemos esforzarnos moito, demostrar máis ca os demais que temos calidade. E se despuntamos con calidade non lles vai quedar outro remedio que facernos caso pola conta que lle ten ao sistema capitalista. E, por outra banda, sexamos coherentes: Se realmente a rede ofrece tantas posibilidades como algúns din, entón aproveitémola a fondo e non perdamos tanto tempo en laiarnos.

“A festa das letras galegas debería ser o 24 de febreiro”

Teño a sensación de que as obras dalgúns dos nosos clásicos do século XX empezan a achegarse á súa data de caducidade. O Otero Pedrayo dos Camiños da Vida quizais hoxe non se le con tanta reverencia. Non sei se no mundo académico se fala disto ou xustamente todo o contrario.

Penso que iso de que a boa literatura é eterna e universal é un mito, non diría que conservador pero si de efectos paralizantes. Ás veces, á literatura acontécelle o que aos iogures, que caduca, como dis, e non pasa nada: non por iso deixamos de alimentarnos con iogur, perdón, con literatura.

O problema importante de reformularmos o canon é que podemos modificar as obras que o compoñen pero non prescindir del. Cómpre fixarmos un abano máis ou menos consensuado de lecturas de certa calidade que doten de cohesión (estética, xeracional…) unha sociedade –pois o canon, a fin de contas, non é máis ca iso. Porque o que estamos a detectar hoxe en día desde a universidade é que ao non existir un programa de lecturas obrigatorias no ensino medio, estanse a perder certas referencias culturais máis ou menos comúns na sociedade. Igual que identificamos o Romeo e Xulieta co amor tráxico, non podemos renunciar ás connotacións d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor ou d’Os vellos non deben de namorarse de Castelao, á súa utilidade como símbolos operativos na nosa comunidade. Non hai unha bagaxe de lecturas comúns nas novas xeracións, o cal dificulta –por non dicir que imposibilita– o diálogo intertextual pero tamén o interxeracional, privando así á literatura dunha densidade e eficacia comunicativa da que tradicionalmente gozara. Máis alá de que libros ou autores saian ou entren no canon, preocúpame o que a desintegración de aquel supón en custo de perda do poder referencial da literatura. Non abonda con que cadaquén teña o seu canon persoal. Iso é moi empobrecedor e os docentes notámolo con certa pena. Hoxe hai moita xente que estuda Filoloxía que non leu nin ten interese ningún en obras que deberían ser piares do seu capital cultural.

O Día das Letras aínda segue a gozar de certa popularidade social e dun esforzo moi grande de todo o mundo cultural e educativo por reivindicar o homenaxeado. Como ve esta festa? Debería mudarse algo? Serve para mellorarmos a percepción sobre os autores ou simplemente aumenta a súa mitificación?

Véxoa esclerotizada. Penso que segue a ser útil como estratexia para rescatar, editar e poñer en valor determinadas autoras ou autores porque nesa liña aínda queda moito por facer. Ten, logo, un certo carácter arqueolóxico ou museolóxico, e o feito de que sexa eficaz como tal é un síntoma do déficit histórico que pexa sobre a nosa cultura.

Levo un par de anos pensando que, se cadra, a nosa verdadeira festa das letras debía ser o 24 de febreiro, aniversario de Rosalía. Vendo o éxito popular que están a acadar as diversas iniciativas que se organizan nesa data, coido que podiamos encamiñarnos por aí, facer dese día o noso Sant Jordi (coa vantaxe de que é laico!!!) e deixarmos o 17 de maio como evento máis filolóxico e académico.

Hoxe hai moita xente que estuda Filoloxía que non leu nin ten interese ningún en obras que deberían ser piares do seu capital cultural.

Se mañá viñesen os extraterrestres e decretaran eliminar de vez a cultura galega, que cinco libros ou cinco autores lles presentaría para quitárllelo da cabeza?

Follas novas, de Rosalía de Castro, algunha “Cousa” de Castelao, o Blanco Amor narrador, algún poema de Cunqueiro e o conto “A lingua das bolboretas”, de Manuel Rivas.

Fágame de seleccionadora: Cinco autores que debemos ollar de perto nos próximos anos.

Cinco son moitos ou poucos, segundo se vexa. De entrada, Marcos Abalde e Berta Dávila. Xa noutro grupo, Anxos Sumai, Manuel Portas, Antón Riveiro Coello, Begoña Caamaño  e Pedro Feijoo. En poesía, Estíbaliz Espinosa, Dores Tembrás e Xiana Arias. Pero ollo, que as razóns que me levan a suxerir que paga a pena seguilos nos vindeiros anos son ben diversas, segundo os casos!!!

Algunha pista?

Dáixolles ás persoas que leran esta entrevista a liberdade de adiviñaren esas razóns.

A imaxe que ilustra a entrevista corresponde ao depósito de imaxes da AELG.

Advertisements

14 comentarios en “Dolores Vilavedra: “A literatura galega actual quedou sen líderes de referencia”

  1. Interesantísima entrevista…visualizar a literatura Galega é esencial…e o do día das letras, a verdade é que canta a rancio, empezando por darlle unha homenaxe a un morto. Regalen libros en GALEGO no seu contorno familiar e de amizades, atrévanse!!

  2. Pingback: involución editorial e crítica | ferradura en tránsito

  3. Pingback: Dores Vilavedra: “As críticas seguen a levarse demasiado mal e isto non favorece que se visualice a literatura de calidade” | Letra en Obras

  4. Pingback: Dolores Vilavedra: «A literatura galega actual quedou sen líderes de referencia» | ::Axenda cultural AELG::

  5. Persoalmente alucíname este comentario e paréceme bastante inxustificábel. Cito: “Penso que a meirande parte das novas editoriais en galego foron intelixentes e cubriron necesidades do noso mercado dun xeito excelente. Velaí os casos de Rinoceronte ou Kalandraka. Mais a carón destes segue a haber moito ‘ruído de fondo’, moita confusión e zaramalla nos andeis das librarías…e iso, na miña opinión, xoga en contra do libro galego”. Eu persoalmente dou grazas por ese ruído de fondo e por esa confusión que a Dolores Vilavedra tanto conturba. Ou alguén coñece un sistema literario saneado e normal que xogue ao pingpong entre dúas editoras? Pregunto.

  6. Pingback: O libro nos medios de comunicación xeneralistas | BiosBardia

  7. Pingback: Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela, non chorar cando desaparece” | BiosBardia

  8. Pingback: Anxos Sumai: “En realidade, ‘A lúa da colleita’ é a miña primeira novela” | BiosBardia

  9. Pingback: Día de Rosalía. 24 de febreiro: Festa da Cultura Galega | BiosBardia

  10. Pingback: Armando Requeixo: “Para un libro ruín non hai crítica máis feroz ca o silencio” | BiosBardia

  11. Pingback: Ramón Nicolás: “Mudar de lingua literaria non é a mellor vía cara ao éxito” | BiosBardia

  12. Pingback: Mª Xesús Nogueira: “O ensino favorece o compromiso dos lectores co libro en galego” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s