A canteira literaria do Premio Biblos fai dez anos

biblossCésar Lorenzo Gil.

Se naciches no 1990 ou máis tarde, se che gusta escribir e queres formar parte dunha experiencia única na literatura galega, tes moi poucos días para participares na décima edición do Premio Biblos de Creación Literaria para Mozos e Mozas. O prazo de admisión de proxectos literarios acaba o 18 de marzo.

O Premio Biblos, que este ano se presenta novamente co patrocinio do establecemento hostaleiro da Casa Grande do Bachao, é un dos máis orixinais certames das nosas letras. A diferenza doutros, neste premio os autores non deben presentar novelas ou conxuntos de relatos senón ideas, borradores de proxectos literarios. Iso é o que se premia.

Para cualificar o valor literario dos novos valores da literatura galega, o xurado do Premio Biblos valora unha memoria de ao redor de 30 folios na que se inclúe o argumento da futura obra, os personaxes, os escenarios e as técnicas narrativas coas que se vai construír o texto. Amais, os concursantes deben escribir un capítulo enteiro que lles sirva aos membros do xurado para avaliar a madurez da escrita.

Unha vez escollido o gañador do premio, este terá tempo abondo para escribir o seu libro. Para axudalo a encontrar a voz, o escritor novel contará coa tutela dun escritor de renome. O escollido nesta edición aínda non se coñece mais xa formaron parte deste proxecto autores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrei, Darío Xohán Cabana…

O premio é, en realidade, a publicación desa obra prima, amais dunha escultura obra de Luís Loureira. Para facerllo máis doado ao gañador, Biblos amais de encargarse da edición, regálalle ao escritor un ordenador portátil no que teclear a súa obra e a estancia dun mes con pensión completa nas instalacións da Casa Grande de Bachao, para que encontre a voz propia en plena natureza, sempre asesorado polo seu titor.

Logo de nove edicións, o Premio Biblos foi canteira de oito libros (a edición do 2012 quedou deserta), todos eles publicados pola editorial Biblos. Velaquí o perfil dos gañadores. A diferenza doutros premios é maioritaria a presenza feminina na nómina de galardoadas. Seis novas narradoras con seis libros ben distintos.

Autoras premiadas

Iria López Teixeiro (Fene, 1981). A primeira obra gañadora do Biblos foi Meniña de cristal (2005). é un relato de iniciación protagonizado por unha moza chamada Xiana, quen deberá pescudar nunha intriga familiar para encontrarse a si mesma. O titor de Teixeiro foi Xosé Luís Méndez Ferrín. O libro traduciuse ao portugués (Menina de cristal, Campo das Letras) e ao castelán co título Niña de cristal e ten unha edición española (Literautas) e outra chilena (Furtivas). No 2008 publicou a súa segunda novela tamén en Biblos, Santa matriusca. Foi a súa última obra literaria e en galego, até o momento. Promotora do proxecto Literautas, obradoiro literario virtual baseado en dúas aplicacións para móbil, iDeas para escribir e Retos de escritura, publicou baixo este selo dous libros pensados para aspirantes a escritores: Saca al escritor que llevas dentro e Claves para convertirte en escritor.

Alberte Ramos (Santiago, 1986). Tutelado por Darío Xohán Cabana, o xornalista publicou no 2006 Dor pantasma, un relato psicolóxico sobre os efectos da desaparición dunha moza sobre o seu contorno inmediato. A propia Biblos publicou o libro tamén en castelán. No 2010 repetiu con Biblos para a súa segunda novela: Con acuse de recibo. O mundo do xornalismo –en especial a crise que deixou moitos profesionais no paro, incluído o propio autor– é o magma da súa última novela, Todos os días (Sotelo Blanco), premio Vicente Risco 2013.

Patricia Casas (A Coruña, 1983). Teselas de cidade foi o seu debú e polo de agora o seu único libro publicado. Licenciada en Dereito, estivo acompañada na redacción da súa obra por Helena Villar Janeiro. O libro gañador compúñase dunha serie de historias entrecruzadas que eran pezas do mosaico ao que fai referencia o título da Coruña da década do 2000. Biblos tamén publicou unha versión en castelán da obra.

Berta Davila (Santiago, 1987). A autora xa publicara o poemario Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) cando gañou o Biblos con Bailarei sobre a túa tumba (2008). Era este un libro apegado ás propias vivencias da escritora, un retrato literario da que se denominou por entón a Xeración Xabarín, nacida a mediados da década do 1980 e “educada” polos debuxos animados da TVG. Autora que publica poesía e narrativa, no propio 2008 publicou os versos de Dentro, (Fervenza) Premio Avelina Valadares. No 2010 volveu á prosa con A arte do fracaso (Barbantesa), que se publicou xa en castelán e en xaponés, en ambos casos da man da editorial galega Pulp Books. O seu meirande éxito até o momento é a novela curta O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2013), premio Repsol. O ano pasado tamén publicou o poemario Raíz de fenda (Xerais) –Premio Xohán Carballeira– e no 2014 saíu o seu primeiro libro para cativos, A fuxida (Biblos), ilustrado por Inma do Val.

Paulo García Martínez (Arzúa, 1985). O titor da obra gañadora no 2009 foi Manuel Rivas. Relato dun estalido xordo é até o momento a única obra publicada polo xornalista. Cinxindo un relato de xolda actual, o escritor vai debuxando a vida dunha vila de interior, máis perto das vellas tradicións do que podería pensarse. No relato interveñen tamén certas pegadas da nosa literatura, caso de Cunqueiro ou Fole.

Helena Veiga Rilo (Guísamo-Bergondo, 1991). Morto en fucsia gañou o premio no 2010. Obra realista que non foxe do conflito e non esquiva temas como a droga ou a violencia machista. Estivo acompañada por Fina Casalderrei. Estudante de Lingua e Literatura Galegas, publicou tamén un relato (“Tócaa outra vez, Sam”) no volume colectivo Letra en obras. 17 letras sen día. Colabora na revista dixital ‘Letra en Obras’.

Iria Morgade (Poio, 1988). Politicóloga, a obra coa que gañou o Biblos 2011 titulouse Verbas no ar, publicada tamén en castelán por Biblos e que estivo titorizada por Xabier P. Docampo. A novela achegouse aos movementos xuvenís que encabezaron a denominada Primavera árabe en países como Tunisia ou Exipto.

Lidia Gómez Martínez (Ordes, 1994). A última premiada até o momento e tamén a máis nova de todas as gañadoras, xunto con Helena Veiga, no momento de recoller o premio. Estivo acompañada na redacción da obra por Mª Xosé Queizán. O seu libro aínda non viu a luz mais sábese que versará sobre as relacións dunha lavandeira coa dona do pelamio no que traballa durante o século XIX.

As bases do premio 2014

 

1. Poderán participar neste Premio todas as mozas e mozos que ao rematar o ano 2014 non teñan cumprido os 25 anos e que, con independencia do lugar onde naceran ou residan, amosen o coñecemento do idioma galego necesario para desenvolver nel unha obra narrativa de calidade.

2. Os/as autores/as deberán presentar unha memoria de entre 20 e 30 folios na que incluirán:

a) Unha exposición precisa das características que terá a futura novela, aportando a maior información posible sobre o argumento (trama, época e lugar en que se desenvolve a acción, personaxes, etcétera) e as técnicas narrativas que prevé utilizar.

b) Un capítulo ou fragmento que permita valorar o estilo do autor/a. O/a gañador/a terá liberdade no seu caso para intruducir as modificacións que estime oportunas no proxecto e no texto de mostra e adaptalos ás esixencias da novela no seu desenvolvemento, así como aos consellos que reciba do escritor titor.

3.- Cada traballo será presentado co nome e apelidos do autor/a, así como as indicacións necesarias para a súa localización (dirección, teléfono, correo electrónico). Non se admitirán obras baixo pseudónimo nin colectivas.

4. Os traballos serán enviados a Biblos Clube de Lectores. Quintá, 8-MANDAIO. 15391 Cesuras (A Coruña).

5. O premio componse de:

a) Unha escultura conmemorativa deseñada expresamente polo escultor Luís Loureira.

b) A estancia dun mes, incluída a manutención, na Casa Grande do Bachao, un lugar singular que reúne inmellorables condicións para que, se o escritor/a o desexa, desenvolva a última fase do seu proxecto.

c) Un ordenador portátil que, unha vez concluída a obra, quedará da súa propiedade.

d) A tutela dun escritor ou escritora de renome, designado pola organización, que asesorará ao gañador/a en xuntanzas periódicas durante ese mes.

e) A publicación do libro en galego, coa percepción dos correspondentes dereitos de autor.

6.- A admisión dos traballos pecharase o 18 de marzo do 2014.

7.- Un xurado integrado por persoas de acreditada valía seleccionará os traballos finalistas que serán dados a coñecer a semana previa á do Día das Letras Galegas.

8.- As/os autoras/es finalistas deberán presentar antes do 13 de xuño do 2014 as súas novelas cunha extensión non superior aos 150 folios no estado máis avanzado posible de acabado.

9.- O xurado elixirá a obra gañadora, que dará a coñecer a semana previa á do Día da Patria Galega.

10.- O/a autor/a gañador/a dedicará o tempo que vai dende o fallo do premio ata dinais de novembro a traballar na súa novela, seguindo un plan que acordará co titor.

11.- O/a autor gañador/a comprométese a entregar a novela totalmente finalizada antes de rematar o ano 2014 para a súa publicación por Biblos.

12.- Os outros autores/as finalistas recibirán como premio unha fin de semana para dúas persoas en habitación dobre na Casa Grande do Bachao.

13. A presentación ao Premio dentro do prazo indicado leva implícito o compromiso do autor/a de non retirar o seu orixinal antes de facerse público o fallo do xurado. Asimesmo, o autor/a garante que deica o momento do devandito fallo, a obra non concorrerá a ningún outro premio ou concurso.

14. Co obxectivo de acadar a maior difusión do premio, o/a autor/a comprometerase activa e persoalmente na promoción que Biblos estime necesaria da obra gañadora.

15.- Biblos contempla a posibilidade de chegar a acordos cos autores/as das obras finalistas para a súa publicación.

16. Cada autor comprométese a subscribir cantos documentos sexan precisos para que a edición da súa obra sexa inscrita no Rexistro da Propiedade Intelectual.

17. Os orixinais presentados na primeira fase que non estean entre os finalistas, serán destruídos.

18.- A participación neste premio significa a aceptación das súas bases e da interpretación de Biblos en cantos puntos non se recollan explícitamente nelas.

19. Para calquera diferenza que deba ser dirimida por vía xudicial, as partes renuncian ao fuero propio e sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais da cidade da Coruña.

Na imaxe, de arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Iria Teixeiro, Alberte Ramos, Iria Morgade, Berta Davila, Paulo García, Patricia Casas, Helena Veiga e Lidia Gómez.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s