Autores vivos que cambiaron a literatura galega

detoro

Manuel Veiga Taboada.

Hai pouco, aquí mesmo, en Biosbardia, o escritor Francisco Castro declaraba: “Síntome máis fillo de Philip Roth que de calquera escritor galego”. Unha afirmación así, con este exemplo ou con outro paralelo, mesmo sen ter que mudar de apelido, pois tanto Henry Roth como Joseph Roth son tamén bos escritores, parece facilmente asumíbel hoxe por calquera autor na nosa lingua. Outro tanto sucedería se lle preguntásemos a un narrador en español. As referencias universais, incluso baixo a forma dunha filiación concreta e recoñecida, son norma corrente en calquera país. Nin sequera é posíbel imaxinar hoxe a autores, pertencentes a literaturas tan sólidas como a alemá ou a francesa, declarándose unicamente ou maioritariamente herdeiros da súa propia tradición nacional.

O canon literario acostuma a dar catro nomes sen cuxo coñecemento, polo xeral, un narrador non se atreve a presentarse en público. Son estes, como se sabe: James Joyce, Franz Kafka, Marcel Proust e William Faulkner. A partir de aí, cada quen pode engadir as súas propias contribucións, incluídas aquelas que procuran atender a criterios de xénero, de subxénero ou de xeografía, e mesmo pode intentar mostrarse orixinal ou incluso extravagante. Todo depende, en realidade, non dos autores citábeis a ese segundo nivel senón da imaxe que un desexe proxectar de si mesmo.

A toma como referente de autores estranxeiros, por parte dos narradores galegos, non é en todo caso algo novo. Xa hai por volta de trinta anos que Manuel María me convidou –en condición de chofer, algo que acostumaba a facer, dado que el mesmo non conducía– a visitar a casa na que vivira, até había non moito tempo, Ramón Otero Pedrayo, en Trasalba. Alí puiden comprobar que a súa biblioteca estaba formada en boa medida por textos en francés. Como se sabe, ou iso foi o que se difundiu –e ese simple feito xa sería de por si demostrativo–, Otero morreu coas Mémoires d’outre-tombe, de Chateaubriand, entre as súas mans.

O que pretendo, non obstante, aquí, é resaltar algo que, por menos analizado, me parece máis sobresaínte. Refírome a tres acontecementos, de distinto carácter, pero unidos pola enorme influencia que tiveron sobre a literatura galega das últimas décadas. Unha influencia creo que bastante intencionada por parte dos que a exerceron, pero bastante menos consciente para aqueles que, na práctica, resultaron os seus beneficiarios.

A primeira é, precisamente, a defensa que Xosé Luís Méndez Ferrín realizou, creando case unha escola ao respecto, do vínculo entre literatura, localizacións, vivencias e formas propias, e literatura, espazos, experiencias e estilos universais. Se Álvaro Cunqueiro, Otero e outros moitos –tamén a propia Rosalía– beberan xa da literatura universal, Ferrín é o autor vivo que mellor representou o papel da identificación entre o local ou nacional e o universal. Pero, ademais, coa particularidade de que, na miña opinión, el é o que sintetiza e expresa, en maior medida, e na súa propia obra, ambas influencias, o que mellor e con máis intensidade transformou o estraño en propio e o propio en estraño (como reclama Orhan Pamuk n’A maleta do meu pai). Esta influencia de Ferrín –e penso que non a sobrevaloro– foi a que permitiu que a literatura galega recuperase, nas tres últimas décadas, boa parte do terreo perdido (perdido tanto a causa da ditadura, como doutros factores), até chegar a converterse nunha literatura do noso tempo. Esta é a razón, ou cando menos unha das razóns, de que a práctica totalidade dos autores galegos actuais asuman, con naturalidade, a afirmación de Francisco Castro, sen ter por iso a sensación de que están traizoando algo.

Ferrín é o autor vivo que mellor representou o papel da identificación entre o local ou nacional e o universal.

Fagamos, sobre este mesmo punto, aínda unha aclaración. Non hai dúbida de que a evolución da literatura en galego sempre estivo condicionada, cando menos en parte, polo grao de conciencia nacional do propio país. Os dous últimos en analizar ou mencionar esta circunstancia ben coñecida foron Manuel Forcadela, en Dama Saudade e o Cabaleiro Sombra, cuxo subtítulo resulta explícito: As relacións entre o imaxinario literario e o imaxinario nacional na literatura galega contemporánea, obra publicada hai moi poucos meses por Frank&Timme, e Mario Regueira, na entrada do 20 de febreiro, do seu blog O porto dos escravos, titulada “A Noite é necesaria” e na que se pode ler: “A literatura galega, polo seu propio contexto e a súa propia historia, é unha literatura que xogou a carta política mesmo cando os seus autores trataron de evitala”.

Mais, ao fío disto, sorprenderanos quizais tamén o saber que o gran crítico literario norteamericano, Edmund Wilson, non retrotrae o momento no que a literatura do seu país foi “tomada en serio”, é dicir, comezou a ser considerada unha verdadeira literatura nacional, a moito máis atrás da primeira década do século XX. É dicir que a literatura propia dos Estados Unidos só podería fachendear do seu carácter nacional desde hai, máis ou menos, un século. Deixando á marxe a súa moi distinta dimensión, poderíamos dicir que, en canto ao momento fundacional, os ianquis non nos sacan moita, talvez ningunha, vantaxe.

O que fixo a Xeración dos 80 polo galego culto

O segundo gran cambio de paradigma da literatura galega, por usar unha expresión moi de moda na época, foi o propiciado pola chamada xeración de poetas dos oitenta. Refírome, como é sabido, aos Xosé M. Álvarez Cáccamo, Miguel-Anxo Fernán Vello, Ramiro Fonte, etc. Poetas que ben poderían ser considerados en principio esteticistas, pero que remataron por facerlle un gran servizo á nosa lingua literaria e, en consecuencia, á nosa sociedade. O actual idioma galego culto é, en medida aínda creo que non suficientemente valorada, un logro que se lle debe ao esforzo desta ducia ou ducia e media de autores.

O que no momento da publicación daqueles primeiros libros de poemas nos puido parecer un excesivo paseo de ida e volta ao dicionario ou unha exhibición de pedantería, exquisitez ou innecesario diferencialismo, acabou por revelársenos como unha das fontes que nutriron o galego da sólida textura da que hoxe pode presumir, é dicir, convertérono nunha lingua cos rexistros e as posibilidades expresivas necesarias para que poida ser considerada culta e non rexional nin dialectal ou mesmo a fala característica dunha clase, que sería neste caso a dos campesiños e a dos sectores marxinalizados. Dito doutra forma, converteron a lingua proletaria do meu pobo nunha lingua nacional en potencia. Grazas a eles –non por suposto unicamente, pero si en boa medida– a nosa lingua manexa os rexistros abstractos, as flexións e a adxectivación requiridos pola expresión falada e pola narración literaria propias deste novo século e practicamente á altura das de calquera outro país.

A xeración poética dos oitenta, coa súa linguaxe de amplas miras, libre de calquera tipo de mentalidade subsidiaria, puxo os primeiros chanzos dunha literatura nacional e, polo tanto, internacional, é dicir trasladábel, en igualdade de condicións, desde ou para outras linguas e de aí, en parte, a calidade das traducións que hoxe se veñen realizando.

Por último, e como razón tamén deste salto de calidade vivido pola literatura galega nas últimas décadas, hai que citar o importante papel xogado por unha pequena obra, Polaroid, publicada no 1986 por Suso de Toro. Estou convencido de que Polaroid, con moita máis claridade que as obras de Rompente, marcou a diferenza, o cambio de rumbo da narrativa, cuxo modelo máis alto era até ese momento Otero Pedrayo, até chegar á literatura actual.

A súa modestia argumental non ten nada que ver co efecto que causou a súa linguaxe. Polaroid moderniza de golpe a literatura galega, a súa forma expresiva, pona ao día, demostra –cos seus xogos, en aparencia inocentes, insignificantes– non só todo o que se pode facer en galego senón tamén todo o que algúns novos autores querían facer pero aínda non se atreveran a realizar ou talvez intentaran sen chegar a encontrar de todo a fórmula apropiada. Suso de Toro deu con ela e, só por iso, merece xa un espazo destacado na nosa historia literaria.

Polaroid representa o salto desde o barroquismo paisaxístico das bocarribeiras outeirás ao positivamente, modismo da lingua coloquial que xa se escoitaba nos bares das cidades. A palabra culta e ampulosa do Otero que se sabe construtor dunha nación literaria pasa a ser substituída, cando menos como signo dos tempos, pola expresión vulgar (como en Joyce) pero influída polo idioma practicamente virtual da televisión e da política.

Das bocarribeiras podemos dicir máis ou menos o que son, unha estilización dun referente real; positivamente, en cambio, é un termo que só pode estar dentro na nosa cabeza, é a expresión de algo móbil e volúbel, cuxo significado pode cambiar en cada uso, algo que carece de referente obxectivo.

Polaroid marcou o cambio de rumbo da narrativa, cuxo modelo máis alto era até ese momento Otero Pedrayo.

De maneira máis contundente, e debido ás características propias de Galiza, un país onde a industrialización, á par de pequena, viviu o seu ascenso e posterior declive nun período extremadamente curto, de apenas trinta ou corenta anos, este cambio de palabras representa o salto desde o século XIX ao XXI, do romanticismo da terra, e dos seus habitantes asentados secularmente no seu lugar, ao mundo, en tránsito permanente, das comunicacións.

A mesma posta en escena de Suso de Toro, como escritor, en parte baixo a influencia da nova época máis democrática, da saída do atraso e da emerxencia dunha visíbel, aínda que pequena, industria cultural propia, é o antecedente da actitude de boa parte dos autores galegos que hoxe coñecemos. De Toro é espontáneo, provocador, exhibicionista. Representa, non xa a superación, senón incluso a ruptura co modelo anterior. Substitúe o discurso, a medias entre a lección maxistral e o mitin, propio da longa noite, pola opinión arriscada e a incitación ao diálogo.

Os herdeiros de Suso de Toro

Digamos para rematar que Francisco Castro, como Jaureguizar, como Marcos Calveiro, como Teresa Moure, como María Reimóndez, son todos e todas, e en medida quizais máis importante do que eles e elas cren, herdeiros, daquel Suso de Toro que liamos por primeira vez no 1986 (o seu primeiro libro, Caixón desastre, pasara case desapercibido, tres anos antes, quizais por publicarse nunha editorial universitaria). De tal modo me parece así que, sempre que leo ou escoito a algún representante desta nova xeración (ás veces non moito máis novos en idade, pero marcados non obstante por un significativo cambio de época), co seu instinto para a publicidade, co seu dominio da expresión contemporánea, co seu afán por conectar co lector, co seu desprezo polas vellas torres de marfil, co seu espírito irreverente e crítico, lembro aquel exemplar de Polaroid, cando algúns nos demos perfecta conta de que algo tiña cambiado. Eu dediqueille a primeira páxina da sección cultural d’A Nosa Terra e un xurado outorgoulle o premio da crítica galega.

Até aquel momento, liamos a Otero, pero un pouco incómodos porque, aínda que nos gustaba, e a pesar do seu poderoso fraseo, tamén eramos conscientes de que non podiamos sentir como propia a súa linguaxe. Desde Polaroid soubemos que, seguiriamos lendo de vez en cando a Otero, pero contentos por sentirnos xa reflectidos nunha linguaxe literaria da nosa época, a que saía alí, naquelas páxinas raquíticas e entrecortadas, naquelas pouco máis que intuicións, pero que tamén eran pasos rompedores e decididos, sen volta atrás, imaxes do mundo que viamos ao redor, voces de personaxes que nos parecían tan reais que nos facían sorrir azorados, sorprendidos de que iso se puidese escribir. Non era algo novo no mundo. Hai poucos anos un amigo mostroume un libro, creo que dun autor francés, escrito nun estilo moi semellante ao de Polaroid. Pero Suso de Toro escribía en galego e inspirárase no que oía no bar compostelán que rexentaba a súa familia. Era o noso propio mundo, como lectores, pero ademais estaba deitando unha mensaxe implícita que os futuros escritores souberon recoller: se eu o fixen, vos tamén podedes. Yes. We can.

Advertisements

Un comentario en “Autores vivos que cambiaron a literatura galega

  1. Pingback: Suso de Toro: “O meu proxecto literario está finalizado” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s