‘Na cociña de noite’, o delicado pastel de Maurice Sendak

sendakHai veces. Moi poucas veces que un bate de fronte cunha obra mestra na primeira luzada. Iso foi o que me ocorreu con Na cociña de noite, de Maurice Sendak. Cando un fixa na mente a figuriña do neno Miguel subido ao seu imposible avionciño de masa doce só protexido por ese xerro medidor pendurado da cabeza xa sabe que nunca esa imaxe o vai abandonar. Se iso lle pasa a un rosmón adulto no aterrador camiño dos 40 anos, que non lle pasará a unha crianza que adestre as primeiras letras aprendidas neste marabilloso libro.

Porque Na cociña de noite é un libro pensado para primeiros lectores, deses que contan tanto coas palabras coma cos debuxos, relatado co ritmo axeitado para que o neno repita unha e outra vez a lectura, para que os pais, avós, irmáns… pasen as tardes a recitar unha e outra vez, nun deses bucles símbolos do gozo puro. E o libro de Sendak adáptase á perfección a este modelo de lectura. É, polo tanto, un libro útil. Mais neste caso non falamos de pedagoxía senón de literatura.

Na cociña de noite é literatura porque non se conforma con crear empatía entre a mentalidade infantil e a arte do autor senón que pescuda no fantasmal fío que une o adulto con esa parte de si mesmo que aínda desfruta da inocencia da infancia. A viaxe do pequeno Miguel entre o soño e a vixilia pola ruidosa pastelaría que hai a carón da súa casa de Nova York é un concentrado de todo aquilo que vivimos cando pequenos. A poderosa imaxinación do escritor norteamericano converte os materiais máis simples dunha cociña, leite e masa a fermentar, en conceptos que serven para todo, tanto para expresar os desexos máis elevados, como voar nesa avioneta fariñuda, coma os medos máis primitivos, que se concretan no libro na idea dun neno atrapado dentro dun pastel que tres cociñeiros coa cara de Oliver Hardy (o gordo da parella O gordo e o fraco) queren meter a todo risco nun forno que leva o nome do neno Miguel.

Coma en toda obra mestra, Sendak fai unha viaxe de ida e volta entre unha idea sinxela e un resultado aparentemente sinxelo tamén, mais que garda moito traballo detrás.

Coma en toda obra mestra, Sendak fai unha viaxe de ida e volta entre unha idea sinxela e un resultado aparentemente sinxelo tamén, mais que garda moito traballo detrás. Non vou dicir que o escritor e ilustrador pasase horas e horas preparando esta obra. Iso non é o que delata o seu esforzo senón a manchea de referencias (nada inocentes) que vai depositando no libro: as referencias a produtos, marcas, envases, deseños, que marcan o peculiar skyline do libro. Malia estar publicado no 1970, a atmosfera do volume é a dos felices anos 20, cando o gordo Hardy facía rir os estadounidenses que entraban na era do consumismo. Esa coherencia coa atmosfera ambiental do álbum ten un final perfecto: o pequeno Miguel, co xerro na cabeza, unha icona da arte pop, deseñada coa feitura artesá daqueloutras personaxes pintadas nas etiquetas dos envases que ían enchendo os andeis dos pioneiros supermercados.

Sendak, seguramente, aproveitou esta homenaxe ao leite e á masa doce (hai que lembrar que os antigos imaxinaban os países marabillosos con ríos de leite e ríos de mel (a Jauja da lenda a medias americana a medias castelá) para volver á súa infancia. Explícome: os anos da nenez do escritor de Brooklyn (1928-2012) foron coincidir coa resaca da Gran Depresión e o inicio da II Guerra Mundial. Seguro que na casa, cando empezou a ter uso de razón, sentía falar a súa familia dun tempo de abundancia, de cociñas fartas e sesións de cinema mudo nas que o Gordo metía a zoca. Na cociña de noite é unha reconstrución da propia infancia nesa Jauja na que o perigo de acabar cocido no forno remata cando espertamos na nosa cama, “limpos de masa e leite”.

♦ Na cociña de noite, de Maurice Sendak (tradución ao galego de Xosé Manuel González), Kalandraka, 2014. 48 páxinas. ♠15€

César Lorenzo Gil

 

Advertisements

Un comentario en “‘Na cociña de noite’, o delicado pastel de Maurice Sendak

  1. Pingback: Doce libros do 2014 que paga a pena ler no 2015 | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s