Xosé Enrique Acuña: “O GRAPO e a heroína son temas expulsados da historia oficial”

xea

César Lorenzo Gil.

Xosé Enrique Acuña (Mourente-Pontevedra, 1956) é editor, documentalista, especialista en Historia Contemporánea de Galicia, xornalista e agora tamén escritor de ficción. O café do idioma (Fricción) é a súa primeira novela. Nun futuro próximo a vella España foi esgazada en partes por orde da Unión Europea. Galicia integrouse á forza na República de Portugal. Mais a dependencia de Lisboa crea disensión entre os vellos galeguistas. Grupos cada vez máis numerosos están a organizar a loita pola resistencia.

A novela iníciase pouco antes de que independentistas galegos e policía portuguesa apoiada por galegos unionistas empecen un xogo de emboscadas, tirapuxas e traizóns. Por que escolleu o futuro como atmosfera do libro?

Cando se escribe ficción, hai que ser creativo. Necesitamos deseñar o propio universo literario con total liberdade. A min situar a acción no futuro servíame para ampliar o marco do que quería contar. Ir de adiante a atrás para adentrarme no pasado e comprender o noso presente.

É un paradoxo, con certa carga de humor, que o lusismo, normalmente relacionado co independentismo galego, nesta novela se identifique coa represión da nosa identidade.

Cando reparas na historia oficial de Occidente ves que en moitos casos as invasións se ven como oportunidades de cambio, de mellora. Por exemplo, cando os EUA ocupan o Irak, unha parte da poboación considera que a invasión é positiva, que lle vai permitir ao país progresar. Mais anos despois, eses mesmos que recibiron os estadounidenses cos brazos abertos, únense á insurxencia, desencantados. Na novela ocorre algo semellante. Hoxe en día vemos as relacións con Portugal coma unha materia pendente e consideramos positivo achegarnos máis ao país veciño e integrarnos con eles en diferentes eidos. Mais que ocorrería se cambiásemos a dependencia de España pola dependencia dun país aínda máis centralizado?

A través da ficción quería sinalar a relación de Galicia coa fatalidade histórica. Foi unha fatalidade histórica que o Estatuto do 1936 se votase xusto cando o golpe de Estado de Francisco Franco esfarela todo o proceso de autonomía. É unha fatalidade histórica que nos momentos decisivos da Transición xa non exista o Consello de Galiza que creara Castelao. E parece unha fatalidade a sucesión de políticas cainitas que vive desde hai anos o nacionalismo.

Que ocorrería se cambiásemos a dependencia de España pola dependencia dun país aínda máis centralizado?

A novela comeza cunha historia de espionaxe no futuro mais ao avantar o libro, a acción trasládase ao pasado, principalmente á segunda metade do século XX.

Ese comezo de thriller conspirativo era necesario para presentar os personaxes principais e a partir deles ir tecendo, nun camiño inverso, as historias das diferentes sagas familiares. A historia cóntase a través das novelas mínimas deses personaxes que van progresando no libro en forma de bucle que abanea de adiante para atrás. Novelas que rozan unhas coas outras, que buscan frustrar os xeitos de contar dos outros personaxes. É unha metáfora dese bucle ao que parecemos condenados os galegos, xeración tras xeración.

A familia ten grande importancia na confección da novela.

O libro prescinde de profundar nos personaxes principais. Fai unha relectura das súas biografías vinculando a súa experiencia coas súas propias sagas familiares. A partir da Guerra do 36 e logo no franquismo e até a Transición asistimos á sucesión de compromisos de clase, ás voces baixas, ás sombras…

O GRAPO como grupo ten gran protagonismo na novela.

Como escritor de ficción tes a oportunidade de “reparar” certos defectos da historia oficial. No relato dos últimos tempos ocultouse unha parte da realidade e canonizáronse uns personaxes mentres se ignoraban outros. Desde o meu punto de vista, non se debe expulsar da narración histórica a ninguén. O GRAPO padeceuno claramente. Foi coma se ese movemento non existira nunca e noutros casos retorceuse a realidade para eliminar a súa relevancia.

A min a historia do GRAPO interésame porque me interesa profundar en como, nos estertores do franquismo, un colectivo importante de obreiros optou pola loita armada como xeito de combater a ditadura. E non entendo por que tanto en Galicia coma en España siga a ser tabú falar deste grupo. Ninguén protesta cando ve películas sobre a Baader Meinhof alemá ou le novelas sobre os tempos das Brigadas Vermellas italianas. Incluso admitimos como personaxe literario a Lee Harvey Oswald. Que sucede entón cos GRAPO? A que se debe esa marxinalidade? Non hai que esquecer que este grupo sufriu unha dupla negación como movemento. Primeiro, porque o propio Estado, que quixo facer borrón e conta nova co antifranquismo, non admitiu o GRAPO nas leis de amnistía. E segundo porque a propia esquerda abominou do seu recordo. A min, como creador, interesábame falar deles, das súas motivacións e filosofía. Hoxe en día, esa aproximación quizais só se poida dar desde a literatura. Eu escollín tratar as súas contradicións a través dos propios personaxes, que sexan as súas voces as que conten a historia da organización.

Parte da crítica viu nesta novela moitos detalles autobiográficos.

Eu nin formei parte do GRAPO nin coqueteei coa heroína pero si vivín tanto o andazo da droga coma os momentos de maior actividade do grupo antifascista. Coido que en calquera texto literario se transmite a experiencia vivida. Incluso se me poño a falar de cousas que non me tocasen directamente, estaría algo de min aí.

GRAPO, heroína… O café do idioma mergúllase na marxinalidade do noso pasado recente.

É que se antes falabamos da ausencia do GRAPO no relato oficial, algo semellante ocorre coa heroína. Podemos abrir calquera manual de Historia Contemporánea de Galicia e ficarmos estrañados porque non se di nada, nada absolutamente, nin sequera a través dunha nota ao pé, sobre un fenómeno que provocou a morte de centos senón miles de galegos.

Cómpre explicar como se introduciu a droga en Galicia. Contra o que se cre, os primeiros drogadictos eran fillos de altos cargos do réxime, a heroína era unha substancia até certo punto elitista, que a mocidade con maiores recursos consumía como gran novidade. A partir desas capas, nun fenómeno de caída da pirámide, foise estendendo nos barrios e converténdose nun problema que ultrapasaba as paredes das casas, nas que se silenciaba a desgraza, nun conflito social que desencadeou violencia, roubos e inseguranza.

Hai pouco, Manuel Veiga publicaba Os xornalistas utópicos, libro no que se comparte unha relectura da Transición. É arestora o tempo –porque a súa xeración está na hora de facer memoria e balanzo– de que se revisite aquela época por parte da nosa literatura?

O certo é que até agora estivemos cativos dos mitos da Transición. As principais editoriais de Madrid e Barcelona canonizaron un tipo de literatura que falaba dese tempo dun determinado xeito, primando uns aspectos e desprezando outros, que nos acomodou a unha visión determinada, a que o poder quería que tivésemos. Por sorte, novas voces van cambiando esa percepción. Eu destacaría nese xiro Futuro imperfecto (Galaxia), de Xulia Alonso, un libro impresionante sobre a droga. E pode ser que agora toque inserir ese relato, o das dúas décadas finais do franquismo, no noso sistema literario igual que se introduciu a experiencia da Guerra do 36. A clave estará en se esas voces narrativas que atendan ese período logran conectar cos lectores.

Esta novela é a primeira que publica. Escribiuna agora ou levaba tempo no caixón?

Eu dediqueime moitos anos á edición e acabei desenvolvendo o complexo do editor, unha especie de autoimposición para reprimir as miñas ganas de escribir ficción. Cando no 2011 me “liberan” da miña responsabilidade de editor (foi nesa altura cando pecha Edicións A Nosa Terra, que eu dirixía), rachei amarras e sentei a escribir.

O máis curioso é que eu sempre fun un pouco escéptico coas primeiras obras que chegan na madurez persoal. Mais agora decátome de que cada obra é filla dun tempo concreto que vive o autor. Marcoume moito a experiencia do fotógrafo Xosé Veiga Roel, considerado un dos máis destacados da nosa historia, que empezou a facer fotografías con 65 anos. De todos os xeitos, teño que confesar que xa escribira un borrador de ficción pero pasoume coma a un dos personaxes da novela, que me desapareceu nas entrañas dun ordenador.

Que está a ler arestora?

Acabei hai pouco Twist, de Harkaitz Cano. Interesoume moito como ficcionou o caso Lasa-Zabala. Neste momento que vivo, recoñezo que case prefiro reler máis que probar cousas novas. E hai pouco volvín a unha das grandes obras da literatura galega, Deus sentado nun sillón azul, de Carlos Casares. É un libro moi recomendable.

“Os custos da produción de libros non se corresponden co noso parque de lectores”

 

A verdade é que polo xeito da escrita non parece unha opera prima. Chegou á literatura para ficar ou foi un namoro pasaxeiro?

Penso que os editores temos unha vantaxe cando escribimos: estamos afeitos a esixirlle á escrita. Pomos o listón moi alto, sabemos que cousas son descartables con maior facilidade.

Despois de publicar unha novela, a primeira pregunta que te fas é: Quen anda aí? A cuestión segue aínda aberta. E das conclusións que tire dependerá que escriba máis ou non.

Vostede dirixiu Edicións A Nosa Terra até o peche no 2011. O final dese proxecto foi como un símbolo da crise editorial en Galiza.

Coido que a crise editorial xa estaba instalada antes da crise económica, que foi a causante real do peche da nosa e doutras casas editoriais. Os que traballamos no mundo da edición eramos conscientes diso: crise fonda e continuada. Pero non nos resignamos e apostamos polo salto cara a adiante. Asumimos custos de produción que non se correspondían cos niveis de lectura en galego. Aumentou a calidade editorial, esforzámonos na actualización en I+D+i. Pero ese avance non fixo aumentar un parque de lectores que se move entre as 2.000 e as 3.000 persoas. Logo o crack financeiro fixo o resto. A mesma cousa lles pasou aos creadores. Decatáronse de que era moi difícil obter retorno económico a través dos dereitos de autor das vendas que xeraban.

Nunha entrevista para Biosbardia, Dolores Vilavedra afirmaba que se debía fomentar o libro non literario como porta de entrada de novos lectores. Vostede foi dos editores máis comprometidos coa non ficción.

A liña vermella é a lingua. Nunca dispuxemos de tantas ferramentas de publicidade e difusión para o libro. Nunca os libreiros aproveitaron tanto as canles de comunicación. Mais todo ese caudal bate coa barreira do idioma. Algo mal fixemos no pasado para que agora nos ocorra isto. A lingua segue a ser marxinal nos medios de comunicación, especialmente na televisión, que é o máis seguido. E o noso sistema educativo fracasou en fidelizar lectores. Onde están todos aqueles rapaces que medraron lendo literatura infantil e xuvenil en galego? Por que ao chegaren a adultos abandonan a lectura no noso idioma? Quizais deberiamos ser autocríticos na escolla das lecturas obrigadas no ensino. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, é un clásico que gaña lectores; determinadas escollas que se repiten ano tras ano quizais non teñan esa capacidade.

Outro defecto, na miña opinión, foi pensarmos que tiñamos unha industria cultural. Tiñamos unha industria “institucional” da cultura na que había dúas partes: unha, composta por actores da cultura que non dependían economicamente dela, que tiñan o seu salario noutro ámbito, especialmente en postos de funcionario. Outra, a profesional (edición, produción, difusión…) que quedou arrasada pola crise. De todos os xeitos, é complicado falar destes temas, é coma tratar temas da familia fóra da casa.

Sempre falamos dos custos da investigación en Medicina, por exemplo, pero os investigadores en Historia tamén teñen un alto custo

Un dos piares do seu labor editorial foi a difusión da historia sobre a Guerra do 36 e o franquismo, ausente até entón e moi minguada agora de novo. Perdeuse todo o esforzo do que se define comunmente como memoria histórica?

Dentro da perda global de lectores que os editores notabamos desde hai anos, os interesados neste tipo de libros tamén estaban á baixa. Iso pode explicar que non interese como proxecto editorial ambicioso. Sempre falamos dos custos da investigación en Medicina, por exemplo, pero os investigadores en Historia tamén teñen un alto custo e se non hai un espazo de interacción social, esas investigacións non se fan. Igual que sucede noutros ámbitos relacionados coa identidade e a cultura, se non hai implicación política pouco se pode facer.

Próelle o becho da edición. Gustaríalle volver a ese sector?

Fricción é un intento de viabilizar as ganas de facer novas cousas. Mais recoñezo que a burocracia é máis poderosa que a ilusión. A verdade é que o momento é moi interesante para os novos proxectos porque a crise fixo alborecer ideas que van tomando posicións de cara ao futuro. Ninguén sabe como será ese futuro mais o sector editorial en Galicia (tamén está a suceder o mesmo no Estado) xa ten tomadas as posicións. E os estándares de calidade son moi altos. Onde si vexo dúbidas é entre os creadores. Estendeuse a idea de que é mal momento para publicar e coido que hai moitos proxectos de libro que están a esperar por tempos mellores para tomaren corpo.

Advertisements

3 comentarios en “Xosé Enrique Acuña: “O GRAPO e a heroína son temas expulsados da historia oficial”

  1. Pingback: Eu teño a fórmula para gañar lectores | BiosBardia

  2. Pingback: Xabier P. Docampo: “Algo falla se nun instituto os que máis saben de libros son os comerciais das editoras” | BiosBardia

  3. Pingback: ‘O ocaso da familia Portela’. Un nobelón no Vigo franquista | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s