Noticia de Manuel Rivas en Francia

rivas

Xesús González Gómez.

En novembro do 2000 fixen unha curta viaxe a Toulouse. Visitei diversas librarías, de novo e de vello, e, aínda que quede feo dicilo, comprei bastantes libros, nunhas e noutras. Unha das grandes librarías da cidade occitana era a Privat (cadea de librarías espallas por todas Francia, e que ultimamente estaba a piques de fechar), que entregaba unha revista, publicada por esta cadea de librarías e tamén editorial, con recensións de novidades. Esa revista, que perdín, na terceira páxina recomendaba o “libro do mes”, que aquel mes era Le Crayon du charpentier, de Manuel Rivas.

O primeiro libro de Rivas editado en Francia, En sauvage compagnie, publicouno Éditions Metailié, unha desas editoriais que “coida” o seu catálogo e acaba descubrindo autores que lle “rouban” logo as grandes editoriais. Non se trata de detallar os autores publicados por esta editora; digamos,simplemente, que é un catálogo de prestixio.

Os seguintes libros de Rivas foron publicados xa polo xigante Gallimard. Nunha entrevista moi interesante que lle fixeron en El País ao responsábel desta editorial, Antoine Gallimard, o domingo 4 de xullo de 2004, a entrevistadora, Rosa Mora, escribe na entradiña: “[…] de sus españoles le funcionan bien, repite a lo largo de la entrevista, Javier Marías y Manuel Rivas”. Lembremos que Os libros arden mal (L’Éclat dans l’abîme, na tradución francesa, 2008) foi finalista do Premio Médicis (á mellor novela estranxeira) e estivo entre as dez novelas seleccionadas para o premio France Culture-Telérama. Este galardón convócao a emisora de radio estatal francesa e a revista de televisión –pertencente ao grupo Le Monde–, quizais a publicación que máis influencia ten na venda de libros en Francia. Levou o certame a novela Un garçon parfait, do suízo Alain Claude Sulzer, por riba de Don DeLillo, Ian McEwan ou o propio Rivas.

Damos aquí algunhas das recensións de libros de Manuel Rivas que apareceron na prensa francesa. Nesta primeira entrega incluímos as publicadas en Libération. Os orixinais poden buscarse na rede. A lectura é gratuíta.

Críticas en Libération

Manuel Rivas

Frédérique Fanchette, 7 de xaneiro do 2005.

Manuel Rivas, La langue des papillons et autres nouvelles “Folio” Gallimard Traduit du galicien par Serge Mestre et Ramon Chao. 191 pp., 5,30 euros. [o volume é unha escolma de relatos de Manuel Rivas, non a tradución de Que me queres, Amor?].

Os contos de Manuel Rivas son moi curtos, ás veces soamente dúas páxinas. É como unha vela que se desprega e, cada vez, arrastra o lector para depositalo un pouco máis lonxe, aparvado polo transporte. Todos os seus relatos teñen a rudeza do seu país, Galicia, a rexión ventosa do España, á beira do Atlántico. Ás veces son historias de taberna, ou de cousas que se contan, deformadas, magnificadas. En “A vella raíña alza o vóo”, dous antigos compañeiros de infancia, integrando as inimizades familiares ao chegar á idade adulta, crúzanse tendo moito coidado en que as súas sombras non se cabalguen. Nada é moi seguro. Está o tío Amaro “morto cando menos oito veces antes de morrer” e un mariño que chega “á tempestade no lombo”, logo o deixa “no van da porta a piques de ladrar como un can abandonado”. En fin, eis Pardal, o escolante de “A lingua das bolboretas”. Quince páxinas sobre a chegada do franquismo, a covardía ordinaria e que, adaptadas ao cinema, tiveron unha moi gran repercusión en España.

O canto do galego

Jean-Baptiste Harang. 26 de outubro de 2000

O lapis do carpinteiro é a súa terceira novela, a segunda traducida ao francés. E a historia dun lapis que a miúdo cambia de orella e que ninguén pensa afiar porque este lapis está dotado de palabra: conta a quen o leva os pensamentos daquel que o perdeu ao perder a vida. No libro o lapis está na orella de Herbal, un garda civil franquista, o lapis acaba de caer da man dun novo pintor anarquista que, sentado na prisión da Coruña, deseña o Pórtico da Gloria de Santiago de Compostela, dálles ás divindades o rostro dos seus compañeiros de infortunio. Todos son condenados, case todos serán executados. Herbal tíralle unha bala á cabeza do artista, recolle o lapis. Durante todo o libro o lapis da vítima falaralle ao seu verdugo, con humor e burla, sempre para atrapallalo na súa conciencia fácil de humilde fascista, ás veces para salvalo dun mal paso. Herbal é ás máis das veces o narrador do libro, moito tempo despois da guerra civil, apoiado na barra dun bordel e cóntalle a súa historia a unha puta avellentada. Está encargado da vixilancia dos prisioneiros políticos e, por obstinación inconfesada, empurrado pola voz do lapis vai á vez acosar e salvar o doutor Da Barca, a gran figura do libro, e mesmo permitirlle despois da cadea vivir unha  paixón amorosa.

Herbal déixalles ás veces a palabra a outros narradores, uns contemporáneos dos feitos, o outro, moito máis novo, é un xornalista que vai visitar o Da Barca supervivente e moribundo. Estas idas e voltas no tempo son imperceptíbeis, convertidas en lóxicas pola virtuosidade do relato e permiten a cada instante saber que as abominacións descritas teñen eco no noso tempo. O aspecto marabilloso que o lapis que fala impón admítese sen protestar e non altera en nada o realismo moi documentado co que Rivas describe a atroz represión franquista á caída da República, as execucións sumarias, a tuberculose compartida, os trens da morte. Pola contra, este procedemento poético permite entrar no pensamento dun mediocre miliciano, comprender a realidade mesquiña dos seus motivos, admitir que o peor, coma o mellor, se agacha no cerebro de cadaquén e todos estes cadaquén participan da nosa pobre natureza humana. Cunha sinceridade tan tranquila na análise histórica como no melodrama, cunha lingua de poeta e un sentido esmiuzado da narración, Rivas escenifica con eficacia e lixeireza as dúas cuestións que o obsesionan e que ocupan todo o libro sen estorbar: o mecanismo da produción do odio e o da suspensión da conciencia.

Manuel Rivas Le Crayon du charpentier, Traduit du galicien par Ramón Chao et Serge Mestre. Gallimard, 180 pp., 98 F.

A categoría das bolboretas

Jean-Baptiste Harang, 26 de outubro de 2005.

O texto máis célebre e máis traducido de Manuel Rivas ten unhas quince páxinas, un conto discreto, sepultado no medio do seu volume A lingua das bolboretas, un pouco á marxe do seu universo á miúdo feérico, quince páxinas que explotaron na cara de España enteira como a evidencia dunha culpabilidade colectiva: A lingua das bolboretas. O volume, publicado en 1996 [como avisamos, a edición francesa é unha selección de contos do autor, non o volume galardoado co premio que se cita a continuación], recibiu o premio Torrente Ballester e o premio nacional da Crítica española. O realizador José Luis Cuerda fixo unha longametraxe apreciada polo autor, rodada en castelán e dobrada ao galego (estrea en Francia o próximo 29 de novembro).

A lingua das bolboretas conta a historia dun rapaz que di chamarse “Pardal”, vai por vez primeira á escola con medo e acaba por adorar o seu profesor. O mestre é un home bo, doce e competente, sabe darlles confianza aos seus alumnos e espera ter un día un microscopio capaz de mostrar a amplitude e a flexibilidade da lingua da bolboreta. O pai de Pardal é republicano, súa nai católica, eles tamén aman este mestre : o pai, xastre, regálalle un traxe. Chega o golpe de Estado de Franco, os republicanos máis significados son arrestados, xa que logo, evidentemente, o mestre de escola. Pasan esposados diante da multitude que os insulta. A nai empurra o pai a proferir insultos: “Que vexan que berras, Ramón, que vexan que berras!”, e o pai lanzase, excítase, a súa cólera (contra el mesmo?) medra, roxe, cobre de inxurias a quen admirara e arrastra na súa negación a seu fillo quen chorando confesa: “Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal”. A dozura mesma e a sobriedade do relato de Rivas conxelan os ósos e deixa o lector nu diante de si propio, cos centenares de miles que leron este texto, aplaudisen ou non a Franco.

A lingua das bolboretas aparecerá proximamente en Gallimard, que publicou no número de outubro da NRF (Nouvelle Revue Française) “A lingua das bolboretas”, traducida do galego por Ramon Chao.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s