‘Contos no nicho’, narrativa en prácticas

1622851_674967472566570_355586065_nCando eu era adolescente, xa nin lembro en que canle de televisión, programaban de noite unha serie chamada en castelán ‘Historias de la cripta’, pequenas pezas televisivas presentadas polo gardián da cripta, un morto ao que lle murchara a cute, lle medrara moito o cabelo e, curiosamente, non se lle descompuxeran os ollos. A serie estaba baseada nuns libros de quiosco que nos Estados Unidos reunían periodicamente historias de terror.

Na industria editorial estadounidense está moi arraigada a narrativa de quiosco, elo popular que prendía na lectura capas sociais afastadas polo xeral de lecturas consideradas literarias e, sobre todo, adolescentes que entretiñan as tardes con aqueles contos e tebeos que os tiraban da súa rutina. Non teño nin idea da saúde que actualmente ten esa industria pero é posible que sufrira un duro pau logo de que aumentasen as ofertas de entretemento: videoxogos, televisión de pagamento, youtube, todo o porno de balde na internet…

Contos no nicho, publicado pola editorial Urco, é unha homenaxe descarada a esas historias da cripta. Desde o nome á filosofía da publicación, pasando pola que considero máis interesante achega da idea: o personaxe da Enterradora, unha elegante femme fatale de cemiterio cuxa ilustración introduce cada unha das dez historias que contén este volume colectivo. A Enterradora é un personaxe do ilustrador Sexismundo Rey e merecería volver aparecer, pola súa forza icónica e as posibilidades narrativas que dá no contexto do xénero do terror.

A ilustración é unha parte fundamental deste libro. Cada relato ten o seu complemento cun deseño dun ilustrador. Moitos relatos son tan malos que un está desexando chegar á penúltima folla para ver a ilustración. Agás excepcións, os debuxos nunca defraudan.

Os textos si. É moi valente a idea de Urco como proxecto editorial. Desde a súa fundación puxa por consolidar unha oferta de literatura popular, de serie B, en galego. Ese esforzo normalizador necesita unha constancia e perseveranza que, ás veces, dá como resultado produtos mediocres, que non conseguen satisfacer nin o seu público obxectivo nin os curiosos que se acheguen a ver que tal anda a nosa canteira de narradores emerxentes. Contos no nicho é un intento frustrado por propoñer un mapa novidoso desa canteira e só interesa como campo de probas, circuíto de prácticas de novas voces.

Algúns relatos non deberon saír nunca da gabeta do seu autor. Especialmente “Chámome Jim”, de Ariel Martínez. É curioso que o editor escollese este relato para abrir o volume porque logo de lelo quedas tan moribundo que tes que axuntar todos os azos para seguir co libro. Ese é un dos erros editoriais, o outro, o deseño da capa. O photoshop é coma o caixón das especias dunha cociña: debe usarse, si, mais con conta e sen emoción. Que logo saben os libros a unha mestura de pementa e canela que dá bascas. A superposición dun feto, un voitre, un lume… todo nunha atmosfera difuminada aparta o lector do libro. Ganas dan de agochalo para sempre.

Superados estes terrores, o libro contén traballos máis conseguidos, exercicios dos que tirar conclusións positivas e esperarmos que noutros formatos menos ríxidos ca o dun libro sobre historias de terror estes nomes consigan enfiar unha narrativa máis capaz, máis orixinal, máis pendente de renovar as regras dos xéneros populares e menos de escribir “de memoria”, coas lembranzas dos contos de Poe, das películas de Sam Reimi ou dos capítulos de calquera “Dimensión descoñecida” que programe Cuatro para que se quite o mal corpo logo de ver Cuarto milenio.

O libro contén traballos máis conseguidos, exercicios dos que tirar conclusións positivas e esperarmos que noutros formatos menos ríxidos ca o dun libro sobre historias de terror estes nomes consigan enfiar unha narrativa máis capaz, máis orixinal.

Entre as historias máis interesantes, cabe destacar “Apocalipse 3.2”, de Roberto A. Rodrigues. Ten retranca e domina a atmosfera psicodélica dunha revolta infernal das figuras de pedra da catedral de Santiago. Faltoulle rematar o final, que ten demasiado convencionalismo. “Caer”, de Fabián Plaza, é o texto máis orixinal, o único que consegue sorprender. Unha reinterpretación lixeira do mito de Sísifo ao que lle falta maior dominio sobre a correcta administración dos recursos narrativos. “Os monstros da néboa”, de Manuel Moledo, é un relato arriscado, un borrador perfecto para cousas de maior potencia e menos adxectivos.

Como xa dixen, é moi interesante o traballo gráfico do libro. Amais de seguir a Rey en futuras propostas, ten grande interese o estilo Jean “Moebius” Giraud de Isaac Sucasas, a liña noir de Iván Valladares, o dominio da sombra de Zalo Sanjurjo e o grafiti en papel de Jara Zambrano.

♦ Contos no nicho, varios autores, Urco, 2014. 121 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil

Advertisements

2 comentarios en “‘Contos no nicho’, narrativa en prácticas

  1. Vaia… lamento profundamente que non gozases da lectura. Cando menos sacastes algo positivo e chegaron ata ti algúns artistas aos que tentarás seguir a pista a partires de agora. Unha aperta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s