A pregunta perfecta: É Xoán Tallón o noso escritor do futuro?

tallonManuel Veiga Taboada.

Se tivésemos que apostar por algún autor galego con futuro, e con presente, pero sobre todo con futuro, por quen apostariamos? Por Samuel Solleiro ou talvez por Manuel Darriba ou Mario Regueira. Se cadra por Berta Davila. Ou deberiamos apostar todo á intelixencia xa contrastada de Teresa Moure e Begoña Caamaño? Ou á solidez clásica e moderna ao tempo de Miguel- Anxo Murado? Ou por algún deses dous opostos, aos que non sei porque razón teño tendencia sempre a asociar: Cid Cabido e Xavier Queipo? Ou por Inma López Silva, da que me gustou a súa obra New York, New York, ou por Anxos Sumai.

Non pretendo facer unha lista. Eu, simplemente, daría o nome de Xoán Tallón (Vilardevós, 1975). E se o fago é porque creo que cumpre a condición máis esencial da persoa con metas literarias, a de botarse á piscina sen mirar antes se hai auga. O primeiro libro que lle coñezo ten un gran título e iso é moi importante. Un bo libro nunca se debería titular A sombra do vento, pero si Sombra do aire na herba, como o poemario de Pimentel: na diferenza entre ambos encóntrase o substancial da literatura. O título de Tallón é: A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño) (Sotelo Blanco). A primeira parte merece que lle levantemos a pucha, a segunda, a que aparece entre paréntese, ten algo de anzol para a tribo xa constituída de lectores, tanto de Aira como de Bolaño. Veremos que Tallón non está exento de certo sopro comercial. Sabe que un pouco de sexo e violencia ou, no seu caso, o engado dalgún nome mítico (exemplo tamén disto: Un nicho para Marilyn, de Miguel Anxo Fernández) pode ser bo, talvez necesario, sempre que non se supere a dose, como a do sal nas comidas.

Non vou contar aquí en que consiste o libro. Direi só que ten bastante de diario de lector, de investigación ao xeito metaliterario. Non é iso o importante, o fundamental é que resulta directo, deixa ver unha personalidade diferente e ten humor. Cunha voz propia, con intelixencia e con vontade de non caer en lugares comúns, un escritor pode chegar case a calquera parte. Se a piscina ten auga, perfecto, se non sempre saberá arranxarse dalgún modo. Desde que os seus pés despegan do trampolín até que as uñas dos dedos tocan a auga un bo escritor pode encher magníficas páxinas, como demostrou, literalmente, David Foster Wallace en Entrevistas breves con homes repulsivos.

Tallón trata de facerse amigo de Aira e chega (na realidade) a traducirlle ao galego o seu libro inédito Festival. Isto, a procura de alguén que te introduza (“que te cite” como o propio Tallón di), constitúe un lugar común da literatura e, por suposto, da vida. Ezra Pound introduce a James Joyce e Joyce descobre a Italo Svevo. E cito só un fragmento dun fío da historia literaria que podería vir de Homero, no caso de que Homero existise, e chegar a Antonio Muñoz Molina ou a Arturo Pérez-Reverte, poñendo en evidencia, de ser así, a dexeneración da especie humana, no capítulo correspondente aos escritores épicos.

Volvendo a Tallón, a súa chave mestra consiste en que el, a diferenza doutros, vainos contando paso a paso como realiza o seu traballo de aproximación a Aira e como investiga a non aproximación deste a Bolaño. E todo iso, que pode non ser moito, logra describilo con graza e sen ningunha necesidade de xustificarse. Como lectores, gozamos dos seus avances, tanto como se o asunto investigado fose unha relación secreta entre Stalin e Hitler.

Este libro, finalista do Lueiro Rei 2010, ten, con todo, o seu límite: a vida do narrador que serve para ensarillar as distintas lecturas carece, nalgúns casos, do peso suficiente. É potente a voz, pero a voz necesita puntos de apoio, aínda que só sexa unha delgada cornixa pola que camiñar, en canto observa o paso dos veciños e dos automóbiles, vinte ou trinta metros máis abaixo. A pesar disto, o seu mérito é fundamental: non nos deixa tranquilos, introdúcenos no mundo da novela culta sen retóricas e obríganos a facerlle á literatura galega a pregunta perfecta: “Está disposta de verdade a intentar ser algo niso que Pascale Casanova chamou a República Mundial das Letras, ou prefire ficar aí, onde está agora, envolta nos seus medos?”.

No 2012, Tallón consegue, agora si, gañar o Lueiro Rei. Só iso xa deixa ver que estamos ante unha persoa constante. O cal resulta certo tamén en todo o demais, pois o máis sobresaínte del é precisamente que nos anuncia, de modo implícito pero a todas as horas, a decisión que ten tomada de chegar a ser un bo, un grande escritor. Que está disposto a nadar aínda que sexa coa columna vertebral torcida, aínda que, para aprender, teña que devorar antes o fondo completo da Biblioteca do Congreso dos EUA. Estamos falando agora de Fin de poema, conxunto de catro relatos sobre os derradeiros momentos doutros tantos poetas suicidas: Pavese, Sexton, Ferrater e Pizarnik. É outro Tallón, que pouco ten que ver co do libro anterior. Estamos ante un traballo demorado que debe ser lido cunha luz baixa, co foco sobre o exemplar, e ao mesmo tempo que se consomen simultaneamente dúas ou tres bolsas de té, para que a infusión adquira o seu sabor natural. Está ben que, mentres se le, pase e pite un tren ao lonxe. Pode haber música suave. Se ben, en xeral, non se debe ler con música, este libro representa unha excepción. Todas as súas páxinas demostran sensibilidade, discreción, unha poética prosaica, unha lírica de policía de atestados, todo el ofrece información que conmociona. Fáltalle algo para ser unha xoia, non sei moi ben o que, talvez algo persoal, algo que nos eleve, aínda que só sexa a través dunha físgoa. Non hai literatura sen un pouco de relixión, de feito a relixión é esencialmente literatura.

O mesmo ano que se publicou Fin de poema, 2013 –Tallón, como se ve, é todo o impetuoso que hai que ser cando un quere chegar a algo (“o que non está tenso no campo é que non é futbolista”, dixo unha vez o porteiro do Barcelona, Víctor Valdés[1])–, o mesmo ano, 2013, digo, sae á luz, en Edhasa, El váter de Onetti, obra escrita orixinalmente en galego, pero que ao parecer non atopou editor entre nós (corramos aquí un espeso veo). O narrador marcha fisicamente a Madrid pero regresa a un estilo máis próximo ao d’A pregunta perfecta, aínda que con bastante máis vida propia. O resultado é unha mellor obra, a mellor das publicadas até agora por Tallón. Dinos que segue perseguindo autores que lle abran unha porta no mundo literario. É coma se, cunha profesión ou con outra, sempre estivésemos ante o galego entrando nun portal de Madrid. Poderiamos remontarnos a Manuel Murguía, que xa fixera case outro tanto, termando por suposto dos correspondentes paus. O galego domesticándose (ou non) na capital, constitúe un dos nosos máis nutridos e logrados subxéneros literarios. Por suposto, tamén van a Madrid os murcianos, os estremeños e os andaluces, pero, ante a cuestión crucial da escaleira, o galego compórtase de forma distinta, é dicir, consegue que os xenuínos do Foro non saiban como se comporta. Tampouco sabemos aquí moi ben como lle van as cousas ao narrador. Infórmanos, por exemplo, de que lle envía notas a Vila Matas, co que se encontra fugazmente na Feira do Libro, de que recolle testemuñas indirectas sobre Javier Marías e encontra restos (o váter) de Onetti.

O libro lese, no seu conxunto, con ganas, cos ollos ben abertos. No medio da novela, Tallón introduce unha subtrama, unha desas que serven para que a narración non quede estancada nunha digresión calquera; tamén inclúe un cura que contrata os servizos dunha prostituta (nesta maneira de tratar o clero andaba máis versado Eugenio Granell, quen por outra parte estaba xustificado pola época). Tallón ten, en todo caso, o pulso seguro de quen leu moito e a picaresca persoal suficiente para non esnafrarse.

A diferenza entre un autor mediocre e un bo está en que o primeiro coñece o tema, pero non se coñece a si mesmo. E o lector, aínda que crea que se move atraído pola trama, o primeiro que necesita é coñecer o autor. Un bo narrador está sempre aí, na súa transparencia, na súa certeza. Tallón resulta sempre diáfano ou iso nos fai crer, o que vén sendo o mesmo. Sabe observar e dicilo dunha forma cristalina, xoga co noso escepticismo, pero sobre todo sabe compaxinar a precisión culta coa visión contemporánea da linguaxe. Isto último é, antes que calquera outra cousa, o que nos fai, os lectores, conxeniar con el, o que provoca que nos sintamos cómodos léndoo, o que realmente o une a Bolaño ou a aquel Cortázar que, no seu día, nos introduciu, como se tal cousa, no seu cuarto de estar de París. Tallón non ten medo ou quizais é que consegue disimulalo. Fáltanlle experiencias e esa é talvez a principal carencia que deixan aínda ver os seus libros, pero ten tempo e todo o aspecto de que o vai conseguir.

 

[1]Tallón escribe, por certo, moito e moi ben de fútbol ou, mellor dito, das saborosas historias que rodearon o fútbol en todas as épocas, no seu blog Descartemos el revólver.

 

Advertisements

6 comentarios en “A pregunta perfecta: É Xoán Tallón o noso escritor do futuro?

  1. Pingback: o escritor galego do futuro | ferradura en tránsito

  2. Querido Manuel:
    Gústame moito ler os teus textos, gozo coa túa literatura da literatura, gozo nas tardes, mellor con luz natural e cun té verde de xasmín, non teño apuro e vou pouco a pouco, un grolo, un respiro, un parágrafo e unha liña… Ás veces, moitas, penso en ti cando escribo, cando traduzo, agora a unha autora da que os dous gustamos moito… Por iso Manuel, como non teño apuro e vou pouco a pouco, sóbrame esa palabra “futuro” no teu título… E mira que ti, sempre andas as voltas cos títulos… Aquí “futuro” sobra… A boa literatura, tamén esta literatura da literatura que ti escribes, vai noutros “tempos” e o “futuro” obedece a outras músicas… Volvín ler este texto esta tarde de maio, coa luz natural dunha enorme fiestra aberta lonxe da cidade e coa miña xícara de te, un grolo, un parágrafo, unha liña… E todo o tempo do mundo para pensar na escrita doutros tempos… Agora deixote porque un voz miúda chama por min para esa outra cantiga, a dun tempo con pasado, presente (e futuro?). Grazas por textos coma este, deséxote todo o tempo do mundo para a escrita, un tempo sen as cadeas do futuro.

  3. Moitas grazas, Marga e moitas apertas.
    Non sei se entendín ben o que querías dicir. En todo caso, eu quería incidir no feito de que na literatura galega de hoxe hai boa madeira pero aínda falta maduración e tomei a Tallón como exemplo diso.

  4. Na literatura galega, como en todas, hoxe, que semella que todos os produtos ameazan coa súa caducidade, penso que non se debe escribir pensando no “futuro”, tampouco en ter ou non lecturas, para min cadeas que coartan a liberdade de escrita… Vexo que campa polo mundo unha necesidade afogante de ser o/a primeir@ do listado, o que na literatura representa esa palabra “consagración”, como no mundo da política chegar a liderar un partido (xa sen necesidade de pegar un cartel, nin de que te machaquen nunha asemblea). Todo é tan rápido que igual ficamos sen futuro, ou non vivimos o presente coas súas/nosas contradicións, andar a correr para que o “futuro” chegue antes éche mala cousa… Iso de querer vivir as cousas por adiantado…
    O da maduración supoño que tamén ten que ver con isto … ou quen sabe con ter vivido a escrita “como viaxe” ou a certa idade ter lido “Ensaio sobre o cansazo”… Non sei, pouco me importa se ten os fil@s dos meus fill@s van ler no “futuro” a Handke, nin se as miñas amizades o len hoxe… E é un escritor do presente, polo menos do meu.
    Manolo, unha aperta… En todo caso, desculpas para falarmos ou nos escribir.

  5. Marga, está ben o carpe diem, pero que facemos entón co afán de superación, coa evolución, co progreso e cos profesores de historia da literatura? Non son tamén humanos?

  6. Grazas, Manolo, por creres no futuro do profesorado da historia da literatura! Aínda quedan xornalistas utópicos! Tamén profesorado utópico! Sorte a nosa.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s