Moisés Barcia “Os poucos libros que se venden son de papel e comprados na libraría”

moisesCésar Lorenzo Gil.

Moisés Barcia (Moaña, 1971) é tradutor e editor. Exemplo de emprendedor, dirixe desde Cangas o proxecto Rinoceronte, cerebro de iniciativas como Pulp Books e Sushi Books, todos selos editoriais especializados en importación e exportación de talento literario. Nesta entrevista auscultamos o pulso do sector da cultura, un dos máis castigados na actualidade.

Hai uns días facíase público o dato da redución de títulos publicados en galego nun 50%. Como senta unha nova destas nunha editorial?

No noso caso, a sensación é agridoce porque a cifra de publicación de Rinoceronte aumentou. No caso desa redución xeral teñen a ver dúas realidades. Por unha parte, a conxuntura actual de crise económica sumada á política dos dous gobernos, o de Galicia e o de Madrid, que renunciaron ao seu obrigado labor de promoción do libro. E por outra, o estigma propio do libro galego, que ten unha masa crítica insuficiente. A nosa industria sitúase nun país no que moita xente –a maioría– non quere falar galego nin, loxicamente, comprar libros nese idioma. En Galicia, por cada dez libros que se venden en castelán véndese un en galego. Hai quen di que o problema é que o mercado galego é pequeno. Non se trata diso: Islandia, que ten unha poboación total semellante á da cidade de Vigo e onde a penetración da cultura en inglés é profunda, mantén unha industria editorial propia que non corre ningún risco de desaparecer.

E malia ese panorama, vostede segue a apostar pola cultura en galego. De onde tira os azos?

Sempre digo que o proxecto de Rinoceronte ten a ver coa miña propia forma de ver o mundo. Cando eu me formei como lector foron fundamentais editoriais como Anagrama ou outras que traducían a unha lingua que eu coñecía o máis interesante que se estaba a publicar en todo o mundo. Esa idea de achegar o traballo literario global á túa propia lingua foi o que me motivou a crear a editorial. Quixen ofrecer en galego aqueles libros que eu estrañaba non poder ler no meu idioma. É un modelo de vida, ao final: fas pola túa sociedade aquilo que che gusta recibir dos demais. É unha máxima na que sigo confiando e que me axuda. Adoito quedar coas consecuencias positivas do esforzo. Poñamos por caso: coñeces un libro xaponés e pulas por traducilo ao galego. Ese camiño son horas e horas de esforzo: infinitos trámites burocráticos, de produción, de comercialización… E cando consegues colocar ese froito no andel dunha libraría e só vendes unhas ducias de exemplares, que fas? Pois ben, eu intento fixarme nas boas críticas, nas gabanzas de xente á que lle tes lei, que admiras. Ese alento é o mellor deste traballo.

Mais para que unha empresa siga viva ten que ser rendible.

Rinoceronte non consegue iso vendendo libros en galego. Ao contrario, cada título da nosa colección de Narrativa chégalle ao público co prezo subsidiado. Nós asumimos a metade do seu custo porque de non o facermos ninguén compraría un só libro a un prezo tan alto. A base da rendibilidade da editorial é a produción editorial para outras compañías, especialmente no campo do libro de texto. O problema é que nin nese eido estamos tranquilos. A LOMCE é unha ameaza, xa no futuro moi cercano.

Vostede é un innovador no sector editorial. Foi dos primeiros en atreverse a publicar en formato electrónico, editou audiolibros, abriu un café-libraría en Cangas…

Hai que explorar vías de negocio e aprender dos fracasos para intentar triunfar máis adiante. Ademais tamén creamos a Axencia Literaria Galega, que quería visibilizar os nosos autores no “mercado global”.

O café era unha idea que nos gustaba moito. Un espazo no que compartir lecturas, conversa e boa comida, con sitio para a presentación de libros e outras iniciativas, algo único no Morrazo. Pero era insustentable. Non sei se un proxecto deste tipo tería mellor sorte nunha cidade máis grande pero en Cangas notamos que día a día diminúe o interese cidadán pola cultura, polo que o noso proxecto non ía ser a excepción.

No caso dos audiolibros, notamos a incomprensión do mercado desde o primeiro momento. A pesar de que en moitos países se mantén unha industria de libros narrados, cando lles levabamos aos libreiros os primeiros títulos, mirábannos con cara rara: “Isto que é, para cegos?”. Esa estrañeza mantívose entre os lectores. Apenas se venderon.

Outro proxecto no que participaron foi Barbantesa, unha editorial pensada desde a marxe, preocupada polos xéneros menos comerciais, o feminino e o lírico.

O máis importante de Barbantesa foi que a súa directora literaria, Penélope Pedreira, nunca renunciou a un estándar de alta calidade no seu catálogo. Pero o choque cos lectores foi brutal. A empresa liquidouse e Rinoceronte quedou co seu fondo e coa súa marca. Agora reeditamos dous títulos na nosa colección.

Barbantesa iniciou un novo sistema editorial, con tiradas en papel baixo demanda, de poucos exemplares, que facilita a viabilidade dos stocks.

Rinoceronte tamén traballa con ese sistema desde hai anos. Son sincero: a calidade da produción é menor pero así garantimos facer un labor máis sustentable. Evitas gastos de almacenaxe e ter que “sacrificar” cada certo tempo centos de exemplares que che quedaron sen vender. Coas imprentas dixitais produces segundo necesites, con tiradas máis curtas pero máis acomodadas á demanda.

Quixen ofrecer en galego aqueles libros que eu estrañaba non poder ler no meu idioma.

“Pulp Books non tivo a repercusión comercial nin literaria que agardabamos”

Outra innovación foi a creación do selo Pulp Books, pensado para traducir autores galegos a outras linguas. Como foi a cousa?

A nosa intención era tomar as rédeas do propio canon literario galego en relación co mercado exterior. Principalmente, queriamos lanzar bos libros feito aquí no mercado exterior. Fixemos un traballo comercial e de deseño que buscaba transmitir unha imaxe moderna das nosas letras. Pero aínda así sufrimos os preconceptos que subsisten sobre os galegos. O silencio da crítica e da prensa foi case total. Só nunha ocasión publicaron unha recensión nun suplemento de gran tiraxe (‘Babelia’, publicado por El País); o resto do eco foi a través de blogs literarios confeccionados por persoas afeccionadas que manteñen o seu círculo de 50 seguidores facendo reseñas dos libros que lles fan chegar as editoriais. E cando de un ou doutro xeito falaban de nós, e falaban ben, era en base aos tópicos sobre os galegos que seguen en pé no imaxinario colectivo español: “Mira estes, que parecían parviños, incapaces de nada, que cousas simpáticas escriben”.

Facendo balanzo, a súa repercusión comercial e literaria non cumpriu as nosas expectativas.

Mais ultimamente publicaron A arte do fracaso, de Berta Davila, en xaponés e Dime algo sucio, de Diego Ameixeiras, en italiano.

Son oportunidades que se deron, experimentos que quixemos facer. Son libros electrónicos que arestora están a lanzarse neses dous mercados a través das plataformas máis coñecidas. O noso compromiso era a exportación literaria e queremos ver como funciona o produto galego fóra de España. Iso si, neses países xa non falamos de que son libros galegos. Presentamos os libros como españois… A quen lle interese, que aprofunde máis na real orixe dos textos.

E como está a resultar o experimento?

Aínda é cedo para tirar conclusións. Foron procesos longos que tivemos que preparar durante moito tempo. Por exemplo, editar en xaponés foi toda unha aventura. Por exemplo, na maquetación. No Xapón non len de esquerda a dereita senón de arriba a abaixo.

E aínda así, lanzouse a unha nova aventura: Sushi Books.

É un concepto completamente distinto. En Pulp publicabamos libros galegos noutras linguas. En Sushi publicamos ao mesmo tempo libros galegos ou non nas catro linguas do Estado: galego, catalán, éuscaro e castelán. Ás veces o número de linguas de publicación varía porque determinados títulos xa estaban publicados nalgún idioma pero a base estratéxica é atinxir todo o mercado dunha vez.

Por que facelo con literatura infantil e xuvenil e non con libros para adultos?

Temos dous motivos: o libro para cativos resistiu mellor a mingua de vendas. Os custos de produción dun álbume ilustrado son moito menores ca os dunha novela e en cambio o público comprador percibe como máis careira a novela ca o libro infantil aínda que estean ao mesmo prezo na libraría. Ademais, o libro infantil funciona como agasallo recorrente. Ningún adulto pensa en se o neno le ou non le, regálalle un libro e queda ben. Cos adultos pasa todo o contrario: nin sequera é doado regalarlle un libro a alguén que le acotío, non vaia ser que xa o lera ou non lle guste. O outro motivo é que o ensino é motor do mercado do libro para crianzas e iso dinamiza o mercado. Este proxecto, de pensalo para adultos, merecería outro enfoque.

Non o descarta, polo tanto.

Sempre que falo deste tema recordo a experiencia de Quaderns Crema, unha editorial catalá cunha filosofía semellante á de Rinoceronte. Fixo un traballo moi importante en catalán desde a fundación no 1979 mais non foi até o 1999, cando o seu promotor, Jaume Vallcorba, creou Acantilado, que publica en castelán, que a coñeceu o gran público e empezou a recibir o recoñecemento xeral. Non sei se nós poderiamos optar por unha vía semellante no futuro. Loxicamente, sería unha iniciativa completamente distinta á de Rinoceronte pero teriamos acceso a un mercado máis populoso e talvez nos serviría para conseguir rendibilidade para as outras ponlas do noso traballo.

En Barcelona hai tradición de editoriais en castelán. Mais en todo este tempo ningunha iniciativa fundada en Galicia tivo éxito nesa lingua.

Os preconceptos sobre os galegos pesan moito. A imaxe que teñen de nós non casa coa de editores de libros.

O noso compromiso era a exportación literaria e queremos ver como funciona o produto galego fóra de España. Iso si, neses países xa non falamos de que son libros galegos. Presentamos os libros como españois… A quen lle interese, que aprofunde máis na real orixe dos textos.

“Amazon é moi eficiente pero o seu fin é monopolizar o mercado”

Rinoceronte foi dos primeiros selos en galego que deu o paso ao libro dixital. Recordo entrevistalo tempo despois e velo bastante decepcionado co resultado e escéptico con ese cambio de paradigma lector que se segue anunciando. Cambiou de opinión?

Non cambiei. Os datos están aí. Hoxe lese en formato papel e cómprase nas librarías. As compras de libros electrónicos e incluso as compras de libros tradicionais a través da internet seguen a ser anecdóticas. O que pasa é que a prensa mundial alimenta unha mentira e os gurús emociónanse cando se publican que centos de miles de estadounidenses xa len no aparello, sexa o iPad sexa o kindle. Esa cifra tan poderosa, que porcentaxe representa do total de libros vendidos nos EUA? E cando trasladamos a realidade ao castelán? O 1 ou 2% do que se vende é dixital. E é moito máis doado descargar os libros de balde que buscalos e pagalos. En galego? Que é o 1% de case nada?

E a compra de libros en papel pola internet é moi baixa. Nós tivemos un tempo tenda na nosa web e acabamos por pechala por falta de uso. Si é certo que Amazon é moi eficiente pero non nos enganemos, o seu fin comercial é monopolizar o mercado. As condicións cos editores son draconianas e mal estaremos se finalmente é esa empresa a que domina a relación comercial do libro. O problema é que cando buscas alternativa porque tes conciencia deste problema, o panorama é ben triste. Hai pouco compramos un cento de libros a través da plataforma en liña dunha coñecida libraría galega. Pois ben, para empezar, a ferramenta de compra estaba en castelán unicamente e logo de efectuar a compra, non sabías se xa estaba o proceso rematado porque nin tan sequera nos mandaron un correo de confirmación. Chamamos para preguntar se todo fora ben e contestaron que como non tiñan o noso número de teléfono non nos puideran mandar un sms. Un sms? A estas alturas? E o peor de todo é que cando nos chegou o pedido comprobamos que o noso era o número cinco. É dicir, esa plataforma, que xa levaba en funcionamento un ano, só facturara cinco pedidos pola rede. Coa actual competencia, Amazon teno moi doado. E insisto, para os editores é unha mala nova. A compañía está aproveitando a situación de cambio no negocio para cambiar as regras do xogo e é complicadísimo facer vendas viables coas súas condicións.

Ao tempo que se prognostica o final do papel, xorden novos selos, especialmente no mercado en castelán, de pequeno tamaño pero cuns estándares de calidade na produción e na escolla editorial moi altos.

Vivimos nunha eclosión do emprendemento. O PP alenta a montar o teu propio negocio. O paro aumentou e moita xente deu un salto de fuxida da miseria capitalizando a prestación, pedíndolle á familia empréstitos a fondo perdido e montando negocios propios: un bar, un taller, unha tenda… Esa proliferación ten o seu reflexo no mundo da cultura. Que fan tantos e tantos parados de letras? Montan unha editorial. De cada dez libros dos que fala o ‘Babelia’ cada sábado, oito saíron en selos descoñecidos incluso para os que nos dedicamos a isto. Como é posible?. O avance da tecnoloxía permite que practicamente unha soa persoa poida levar un negocio de libros. Mais ao final, na inmensa maioría dos casos, haberá fracasos, outra volta á miseria (e ás débedas) e unha frustración engadida á frustración inicial.

Iso non significa que non haxa casos de proxectos novos feitos con criterio e por persoas con ampla experiencia no sector. Eis os casos de Impedimenta, Nórdica, Periférica, Capitán Swing… Os que promoveron eses selos son persoas que coñecen moi ben o negocio, que se están a esforzar moito e que merecen que lles vaia ben.

En galego hai campo para novas ideas?

Moito campo. O problema é que para avanzar é necesario contar con masa crítica que acompañe. A sociedade galega está de costas. A min chegáronme a dicir que o galego estaba moi ben para ler autores en galego pero que para ler autores de fóra xa estaba o castelán. Esa é a paisaxe na que batallar.

A min chegáronme a dicir que o galego estaba moi ben para ler autores en galego pero que para ler autores de fóra xa estaba o castelán

E aínda así, Rinoceronte seguro que terá pronto novidades no seu catálogo.

Temos. Os próximos títulos que publicaremos van na nosa liña habitual de tocar diferentes espazos lingüísticos e diferentes estilos. Publicaremos dúas traducións miñas, unha do italiano, Nova gramática finlandesa, de Diego Marani, unha novela moi curiosa sobre os esforzos dun doutor, no Trieste da II Guerra Mundial, por lle aprender de novo o finés a un náufrago que apareceu sen poder dar fala e cuxa única pista de vida é un nome escrito na chaqueta: Sampo Karjalainen.

A outra é Cuarto de invitados, da australiana Helen Garner. Neste caso é un relato máis intimista sobre unha muller xa maior, culta, que recibe na casa unha amiga cunha enfermidade irreversible mais que, na desesperación, acabará acudindo a un centro deses de terapias supostamente alternativas que lle ofrecerán un milagre.

Ademais, publicaremos Ao norte da montaña, do húngaro Laszlo Krasznahorkai e Meu amor, estou morrendo, da islandesa Kristín Ómarsdóttir.

Vostede nunca ocultou que algunhas das súas traducións recibiron subvencións, tanto por parte de Estados como Islandia como por parte da Xunta. A exportación é o leit motiv dos discursos da Consellaría de Cultura.

E durante a etapa de Roberto Varela como conselleiro coido que se deron pasos moi interesantes. Mais agora o fomento á tradución de autores galegos caeu. A nós, que pedimos apoio para a publicación de seis obras, só nos deron a parte correspondente a un libro. Sen compromiso público con diñeiro o camiño é curto.

Noutra ocasión na que o entrevistei, comentárame a respecto da publicación en galego do libro Arthur e George, de Julian Barnes, que fora unha mala decisión apostar por un autor tan famoso e publicar en galego antes ca en castelán. Hai pouco volveu Barnes ao catálogo de Rinoceronte c’ O sentido dun final. Que cambiou?

Cambiou a estratexia. Con Arthur e George tivemos dous problemas: o libro en galego é dependente do marketing do castelán, que é moi potente e acaba arrastrando as vendas do título en galego. Quixerámonos adiantar e o resultado foi silencio. Tamén é certo que aquel libro é unha etapa peculiar na bibliografía de Barnes; non era o que os seus fans esperaban del e iso tamén lle restou vendas. No caso deste novo libro están máis presentes os sinais de identidade do autor, é un libro “máis” de Barnes e por suposto desta volta non cometemos o erro de adiantarnos: a promoción do título en galego foi parella ao lanzamento en castelán.

A filosofía de Rinoceronte é clara: ampliar as fronteiras literarias do galego cunha visión plural, fóra do dominio dos mercados principais, caso do Reino Unido, Francia ou os EUA. Mais chama a atención que nunca traduciran ningún título do portugués. É vostede dos que consideran unha “aberración” traducir libros dese idioma?

Antigamente pensaba que non facía falla, que o lector galego, cun diminuto esforzo, podía ler en versión orixinal. Até que falando cun autor portugués me convenceu do contrario. El díxome: o lector galego en Galicia e o lector portugués en Portugal nunca van aceptar como ordinarios libros escritos en portugués ou en galego, respectivamente, porque no seu esquema mental son escenarios culturais diferenciados. E ten razón. Penso que se se quere ampliar a influencia da cultura lusófona na nosa cultura cómpre a tradución.

E Rinoceronte vai actuar nese campo?

Non. É unha iniciativa moi gorentosa pero non encaixa con nós. Deixámoslles esa idea a outros.

Advertisements

5 comentarios en “Moisés Barcia “Os poucos libros que se venden son de papel e comprados na libraría”

  1. Lúcidas análises as de Moisés. Para podermos saír do burato negro no que nos atopamos é imprescindible ver a realidade tal cal é, sen consolarnos co autoengano.

  2. Mira Moisés, eu adoro o libro en Galego pero recoñezo que algo tan normal como é ler na nosa lingua é tratado coma unha excentricidade, e non, non é culpa de ningún goberno, é CULPA DOS GALEGOS. Vouche contar unha anécdota, hai un tempo eu levaba sempre metido na carteira un papeliño con nomes de libros a comprar, moitos eran en Galego, pois ben unha vez unha amiga da miña muller, de aquí e non de fóra, colleu o papeliño e despois de lelo exclamou “anda cuántos libros en gallego tienes en la lista!!”…sí, é toda unha excentricidade. Eu dende o meu curruncho tento regalar libros en Galego ou traducidos ó castelán pero de autores Galegos, como mal menor, domingo villar ou pedro Feijoo tiveron boísima aceptación, e tamén no día das letras galegas regalo un libro en Galego á miña moza, pero repito son visto cáseque coma un excéntrico. O problema é de fondo, está mal visto o de ler, é un aburrimento ou cousa de xente ociosa, parece máis interesante ver a tele ou facer algunha actividade de risco, a cultura está vista como algo do que podemos prescindir. Saúdos e ánimo, algún día será como en EUROPA onde sí que hai cultura literaria…algún día!

  3. Pingback: Xosé Ballesteros: ” Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural” | BiosBardia

  4. Pingback: Premio Nacional de Literatura, espello deformado | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s