As carencias da literatura galega

O sol sobre as lecturas. XAN CARBALLA

O sol sobre as lecturas. XAN CARBALLA

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Segunda carta a Dolores Vilavedra.

Xesús González Gómez.

Ao nacer sen o poder político e ao se desenvolver contra ese poder, a literatura galega “moderna” ficou marcada por unha serie de carencias.

Unha destas carencias sería a falta dunha sólida tradición literaria. Non hai que esquecer que a “tradición” é unha cousa viva; viva non porque sexa “antiga” senón porque é actual. O pasado, sábeo calquera estudante de historia, constrúese desde a actualidade e, xa que logo, o concepto e o tratamento que lle podemos dar non son independentes das funcións actuais que queremos outorgarlle. Nunha palabra, os clásicos –a tradición– creámolos desde a actualidade[1].

Outra carencia: non considerar o galego como lingua de cultura, mesmo hoxe, despois de 30 anos de “normalización lingüística”, que non foi tal. A maioría desa entelequia denominada pobo galego continúa a considerar –por inercia?– o castelán ou español como lingua de cultura, inercia que tamén serve para considerar o castelán ou español como lingua universal, fronte ao galego, que sería lingua da “provincia” ou, aínda menos, “de trazer por casa”. Reclusión dos escritores en círculos máis ou menos cerrados –a pesar, ou contra, as teorías bourdieanas do “campo cultural”. A falta dunha crítica educadora, razoada e informada: recentemente lin unha recensión de Unha modesta proposta, de J. Swift, o comentarista non mencionou unha soa vez que este panfleto do irlandés xa estaba traducido, e publicado, en galego: Ensaios, sátiras e aforismos, Edicions Laiovento, 2001, é outra das nosas graves carencias[2].

O nacionalismo ten un “canon” (mais que un canon, unha lista) para cada temporada política, fóra de dous ou tres “fixos”: todo depende para quen pida o voto o escritor de marras.

 

E, finalmente (hai máis, mais non se trata aquí de debullar todo un rosario delas), a indiferenza do galeguismo ou “nacionalismo” político. A non ser, claro, que ese escritor sirva os seus inmediatos intereses políticos e partidarios: este, o nacionalismo, ten un “canon” (mais que un canon, no sentido que lle dan agora ao palabrón, unha lista) para cada temporada política, fóra de dous ou tres “fixos”: todo depende para quen pida o voto o escritor de marras. Estas carencias, unidas a unha industria cultural que non conta co apoio comercial suficiente e que para conseguir a modernización á que aspira debe contar cos seus propios –e fracos– medios, dan un panorama, como diría o clásico, “desolador”. Ora ben, admítoo –de agora en diante usarei o pronome persoal en primeira persoa, xa sabemos que o plural maiestático implica un proído de “cienticificidade” que, en última instancia, case nunca existe–, todo o que estou a dicir son puras “especulacións”, así que vaiamos por iso que tanto odio cando, por exemplo, leo poesía: empirismo e circunstancia.

 

[1]No entanto, hai que ter “coidado”: presentar a Rosalía como independentista, ou mesmo como socialista –do que non está lonxe, lembremos, por exemplo, que o seu parente José de la Hermida (Veritas) así a denominou en Las dominicales del libre pensamiento, nº 26, 9 de agosto de 1901, no artigo “Cosas de Doña Emilia”: “¡Qué lástima que esta apologista del crapuloso Carlos Chapa haya nacido en la tierra de la fuerte Juana de Vega, de la progresista Concepción Arenal y de la liberal y socialista Rosalía Castro!”–, desa maneira non nos achegamos a ela, senón que nos distanciamos máis.

[2]Durante un tempo, os tempos de “triunfalismo delirante”, puidéronse ler recensións e entrevistas nas que se afirmaba que tal escritor era mellor que John Dos Pasos, que tal poeta superaba a Rosalía ou que os contos de tal autor, galego, lles daba nos pipiolos aos contos de Hemingway. Hoxe o delirio non chega a tales extremos mais substituíuse este pola “confraternidade” ou “coleguismo”, onde o comentarista se dirixe ao autor, atuándoo, e dicíndolle que xa sabe que a súa próxima entrega será unha marabilla; ou que está, o autor, nestes momentos concentrado na súa próxima obra para facer volver gozar o lector como o fixo na anterior, etcétera. Ou, virando bruscamente, peor aínda, o comentarista pon en boca do autor cousas que din os personaxes da novela: como se pode aturar semellante manipulación? Este tipo de crítica, a que proclamaba cada libro publicado como unha obra mestra, non “desfidelizou” os verdadeiros lectores?

 

Outras cartas a Dolores Vilavedra

Entrando en materia

Advertisements

Un comentario en “As carencias da literatura galega

  1. Ó mellor xeito de enganchar ó populacho é con novelas actuais estilo diego ameixeiras, domingo villar ou pedro Feijoo…ler os “clásicos” galegos quizais non é a mellor opción para un lector novel en Galego. Hai xente que ata dalle vergoña recomendar libros en Galego para non quedar de “ya está el pesao del jalejo” ou como “nacionalista”, pode parecer unha tontería pero é así. En canto ó que poñes de comparar, eu sí comparo, son máis interesantes e están mellor escritas as novelas negras de larsson ou as de domingo villar??…como díxome á miña nai do libro de pedro Feijoo “Os fillos do mar”, “para la gente que sea de vigo está muy bien”…ja, ja, ja….o local non é universal? vaise do universal ó local?? ou do local ó universal???

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s