Hugin e Munin presenta unha nova colección de “balas contra o convencional”

Emmanuel Pierrat

Emmanuel Pierrat

A editorial Hugin e Munin, especializada en tradución, presenta unha nova liña de libros baixo o nome de ‘Vólvense os paxaros contra as escopetas’, serie de libros que teñen en común a súa brevidade e unha liña claramente revirada contra o convencionalismo. Inauguran esta nova colección cinco volumes traducidos do castelán, o portugués, o inglés e o francés.

A lente de diamante, do irlandés Fitz-James O’Brien, é unha ficción científica escrita a mediados do século XIX. O escritor, que viviu nos EUA, repara nas posibilidades narrativas do mundo microscópico. Que hai nesa realidade que existe máis alá dos nosos ollos? Para escribir este libro, O’Brien pescudou sobre os avances da súa época na materia aínda que os datos científicos sempre están ao servizo da trama, non en van, este libro foi publicado por entregas na revista The Atlantic Monthly.

Micromegas, de Voltaire, é un conto de case 50 páxinas publicado orixinalmente a mediados do século XVIII. O pensador ilustrado aproveita unha atmosfera de ciencia ficción para reflexionar nun dos temas que marcaron a súa traxectoria filosófica: a capacidade do ser humano para encontrar o seu propio camiño a través da razón e a liberdade. Nesta pequena “bala” literaria, o francés crea dous personaxes alieníxenas, procedentes de Saturno e dun planeta que xira ao redor da estrela Sirius, que chegan á Terra. Unha obra de grande interese para ver como imaxinaban naquel tempo as viaxes interplanetarias.

Non ten a nada a ver con esta obra a outra tradución do francés, A industria do sexo e do peixe empanado, de Emmanuel Pierrat. O libro conta a iniciación sexual voluntaria de dúas rapazas bretoas que ven na liberdade de uso dos seus corpos a mellor maneira de fuxir da precariedade do seu traballo de pescadoras. O texto, publicado en francés no 2004, é pura literatura erótica que non renuncia á crítica social. O seu autor é un prestixioso avogado, especializado en Dereito Editorial.

Francia tamén é o escenario do libro A confesión de Lúcio, do portugués Mário de Sá-Carneiro. Escrito no 1914, dous anos antes da morte do autor lisboeta, a nouvelle é unha pescuda estética sobre os límites da conduta burguesa nun tempo no que predominaban as posturas “antisistema” do dandismo e a bohemia, especialmente no París que se retrata no libro. Sá-Carneiro escolle o xénero fantástico para facer máis verosímil a experiencia do seu personaxe por un tempo irrepetible.

Daniel Barredo (Bilbao, 1981) gañou co libro que agora Hugin e Munin lle traduce ao galego o Premio Andalucía Joven de Narrativa no 2012. A viaxe a Budapest é un libro baseado na carraxe dun mozo (o propio autor é o personaxe do libro, poñendo en cuestión os límites do alter ego) canso da precariedade e a falta de futuro. Cunha linguaxe provocadora, Barredo vai varrendo os dogmas da sociedade actual e chega a defender posturas delitivas nunha espiral estilística que sobarda os parámetros do realismo para xogar coa mestura de xéneros, desde o realismo sucio á novela rosa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s