Berta Dávila: “Escribir descóbrenos que cousas son realmente importantes para nós”

DISTRITO XERMAN/AELG

DISTRITO XERMAN/AELG

César Lorenzo Gil.

Berta Dávila (Compostela, 1987) é a autora revelación do momento. Nas librarías ten tres libros: O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia), premio Repsol de Narrativa Breve 2013, Raíz de fenda (Xerais), premio Xohán Carballeira de poesía 2012 e A fuxida (Biblos), para público infantil. Gañou o premio Ánxel Casal á autora do ano e parte como favorita nos premios da AELG. Nesta entrevista conversamos sobre as motivacións e as ferramentas da súa creación literaria.

O derradeiro libro de Emma Olsen e Raíz de fenda comparten esa visión das feridas interiores. Como imos pasando o tempo lambendo cicatrices. Pensa que é falso o tópico ese de que esquecemos mellor as desgrazas que nos pasan?

O tema da ferida forma parte dos dous libros de maneira diferente. No caso de Raíz da fenda hai unha procura de afondar na fisura que abre en nós a experiencia da perda. A intención é trasladar ao poema esa experiencia da ferida que nos cambia, coa perspectiva de quen foi atravesado por ela e agora é quen de observala desde a distancia. No caso d’O derradeiro libro de Emma Olsen a ferida é o motor dunha engrenaxe de culpas e remorsos que a protagonista da novela, unha escritora chamada Emma, arrastra durante anos. Esta obra é a confrontación da protagonista con esa ferida.

En Raíz de fenda consegue un perfecto equilibrio entre o discurso, intimista e revindicativo, e a forma, cunha estética moi traballada. Que lle custa máis como poeta, alcanzar a beleza ou a mensaxe?

Non os considero compartimentos separados. Tampouco creo que eu procure exactamente nin a beleza nin a mensaxe cando escribo. Neste libro buscaba, sobre todo, a honestidade, nun sentido tanto de forma coma de fondo. Coido que no poema poden ser a mesma cousa. Quixen escribir quitando as máscaras, por vez de sumando palabras. Nun dos ensaios de José Ángel Valente lembro ler unha pregunta que se facía W. H. Auden: “Como podo coñecer o que penso até que non vexo o que digo?”. Paréceme moi certeira.

O coidado estilístico é algo que tamén destaca en O derradeiro libro de Emma Olsen. Os autores novos adoitan querer colocar nos seus libros toda a información. No seu caso dá a sensación de que estivo conténdose o tempo todo, depurando frase a frase. Como é o seu método de traballo? É das que corrixen moito? 

Creo que corrixo o necesario, non o considero excesivo. Con todo, cada vez corrixo máis, probablemente porque teño máis criterio que cando escribía os primeiros libros. Iso é bo e é normal, a escrita é un camiño de aprendizaxe. É certo que resulta posibe facer revisións dunha novela até a extenuación, mais son quen de poñer un límite e desprenderme dun texto. Se chegado ese límite o texto non funciona, daquela se cadra merece quedar no caixón e non debería ser un problema. Non considero que teña un método de traballo en sentido estrito, é dicir, non sigo un proceso determinado que sexa sempre igual, mais si boto moito tempo coa planificación previa dun texto narrativo, ao que lle segue un tempo de escrita habitualmente máis breve e unha fase de corrección e revisión equiparable á primeira. A poesía implíca distintos tempos para min, a planificación non adoita ser o punto de partida senón o final da viaxe.

Na novela vostede escolle a forma metaliteraria: unha novela que finxe ser a tradución dunha novela. Xoga a ser autora que se disfraza de editora. Cal é a orixe desta estratexia narrativa? Cal a súa finalidade?

A elección da voz narrativa en primeira persoa foi unha decisión consciente. A idea era asumir o reto que supuña para min escribir algo así, considerando que para deixar falar por si á protagonista tiña que ter unha personaxe que fose suficientemente interesante como para que a súa voz achegase algo. A partir de aí, a estratexia metaliteraria ten que ver coa necesidade de incorporar a traxectoria literaria da autora á novela. Cando se trata dunha novela na que é unha escritora precisamente quen enfronta o relato da súa experiencia vital era necesario que os seus libros se convertesen nunha parte importante do que se conta. Non tiña sentido que Emma Olsen fixese un relato descritivo de cada unha das súas obras. De aí o papel do tradutor e do editor, que completan o envoltorio. Recoñezo que foi divertido facelo así.

A historia de Emma Olsen case funciona como antípoda da súa: a escritora nova inventa unha escritora vella; a galega crea unha atmosfera ao redor dunha cidade perdida no Medio Oeste dos EUA… Por que optou polo estrañamento. Que lle reportou ese distanciamento?

En realidade, aínda que semelle contraditorio, creo que a distancia que me separa a min de Emma e ao meu país do Medio Oeste norteamericano non é máis que un xeito de achegarme máis ao que me importa e ao que me rodea. Emma Olsen permitiume, a través de literatura, enunciar como certezas rotundas cuestións que para min son, cando menos, dúbidas; permitiume reflexionar sobre elas. Con todo, algunhas das súas afirmacións son cousas que comparto e outras non. Pásame con frecuencia que me pregunten por ideas que Emma Olsen deita na novela como pedíndome unha explicación ao respecto. Ás veces a explicación é que non estou de acordo. Non estou de acordo en absoluto, por exemplo, coa idea de que a poesía é algo que se aprende a amar antes dos dezasete anos e que de non ser así resulta un tren perdido, e iso é algo que Olsen afirma taxativamente. O mesmo ocorre co espazo. Nunca estiven en Faith, mais estiven en lugares ou formei parte de colectivos que son equiparables a Faith, igual que a meirande parte da xente, porque Faith pode ser moitas cousas. Gústame máis o xogo das simetrías que o dos antípodas, a literatura é un espello que pode deformar e modificar o que reflecte pero que sempre está fronte á realidade que nos afecta.

A acción da novela desenvólvese en Faith, unha cidade fundada na estación término dunha liña de tren cara a ningures en Dakota do Sur. É unha paisaxe literaria que nos é familiar pola obra de McCullers ou Faulkner ou Steinbeck e tamén polo cinema. Decidiuse a mantenta por esta localización afastada porque ao tempo era coñecida para o lector?

Faith é unha localización real, aínda que novelada. A fundación da cidade como última estación dunha liña de tren forma parte do real, por exemplo. Non teño claro que “decidise” a localización igual que decidín optar por unha voz narrativa e non por outra. Mais ben teño a sensación de que formaba parte da novela desde o comezo, de que é o xerme. Nese sentido, puiden escribir unha novela distinta, mais nunca escribir esta novela noutro lugar.

Inspirouse en alguén real para a personaxe de Emma?

A faísca para a construción de Emma Olsen vén dunha fotografía de Anne Sexton na que fita a cámara mentres fuma un cigarro fronte a unha máquina de escribir. O que Emma ten de Anne Sexton é unha impronta, algunha curiosidade anecdótica e esa vontade da escrita confesionalista, se cadra, e até certo punto. Non coñezo suficientemente a Anne Sexton como para escribir unha personaxe que sexa un espello seu. Emma Olsen ten moitas cousas de personaxes literarias e cinematográficas que devociono, probablemente de xeito pouco consciente.

Hai un dogma literario que fala da necesidade de que o autor escriba sobre aquilo que coñeza. No caso desta novela, como consegue facer transpirar a súa propia experiencia no texto?

Creo imposible que a propia experiencia ou aquelas cuestións que me preocupan ou que me interesan non formen parte do texto. Inevitablemente están aí, e a escrita ás veces é un xeito de decatarse das cousas nas que recuncamos unha e outra vez porque nalgunha medida son importantes para nós. Nese sentido é un xeito de organizar a cabeza. Non sei se é totalmente certo que os autores deben escribir sobre aquilo que coñecen, coido que se pode escribir sobre o que se quere coñecer, que a literatura é unha vía de aprendizaxe.

Non sei se é totalmente certo que os autores deben escribir sobre aquilo que coñecen, coido que se pode escribir sobre o que se quere coñecer, que a literatura é unha vía de aprendizaxe.

“Desfruto moito do tempo no que o texto e mais eu estamos sós”

A súa é unha traxectoria curta, loxicamente para unha autora de 27 anos, pero chea de premios. É esta a vía case única para novos creadores, cada vez máis pola diminución de obras publicadas en galego?

Os premios literarios son unha opción, pero non a única opción. Hai proxectos ben interesantes que nacen doutras fórmulas de edición. Eu tiven sorte con algúns premios que me permitiron achar de xeito anónimo e pouco comprometido un fogar editorial para un proxecto. Tamén tiven a confianza dun editor como punto de partida para varios dos meus libros. Considérome afortunada en ambas opcións.

Que frase se acomoda máis ao seu xeito de enfocar a literatura tendo en conta o ben que se manexa nos xéneros: prosa poética ou poesía narrativa?

Son procesos diferentes a poesía e a narrativa. Supoñen loitas distintas e tamén formas de satisfacción distintas. É normal para min simultanear a poesía, que implica sempre un tempo máis dilatado no meu caso, cos proxectos de narrativa. As dúas cousas fanme moi feliz e non adoito prescindir do que me fai feliz.

Vostede foi a primeira gañadora do Premio Biblos con obra publicada. É un certame especial e único porque non premia un texto senón un borrador. Como recorda aquela experiencia e como valora a efectividade da idea para favorecer os novos talentos?

Foi unha experiencia moi positiva, que me convenceu de que escribir narrativa era un proceso de aprendizaxe complexo e que non remata nunca pero sobre todo apaixoante. Creo que botando a vista atrás é un proxecto necesario. Non existen outros equiparables no panorama de premios para menores de vinte e cinco anos e no meu caso tivo unha importancia decisiva a nivel persoal.

Pulp Books está en pleno lanzamento da versión da súa novela A arte do fracaso en formato electrónico en xaponés. Coido que debe ser a primeira autora galega viva traducida nese idioma. Que lles diría aos nipóns para interesalos polo seu libro?

Resulta estraño cavilar na idea dunha persoa do Xapón achegándose a un libro meu. Diríalles que me perdoen os defectos, probablemente.

Resulta estraño cavilar na idea dunha persoa do Xapón achegándose a un libro meu. Diríalles que me perdoen os defectos, probablemente.

O seu último libro é A fuxida para público infantil. Que será o próximo? Teatro?

Non vexo previsible que comece a escribir teatro, é algo que non fixen nunca. En calquera caso, ignoro que será o próximo e mesmo se o próximo vai ser ou non. Agardo que si pero desfruto moito do tempo no que o texto e mais eu estamos sós e non sei canto vai ser até ben avanzado o proceso.

Que libro está a ler ou cal rematou de ler e lle interesou especialmente?

Interesáronme moito varios dos libros que se publicaron o ano pasado, concretamente A lúa da colleita (Galaxia), de Anxos Sumai, Todos os días (Sotelo Blanco), de Alberto Ramos e as Cadeas (Xerais)de Xabier López López. Son os que me veñen de inmediato á cabeza. Cada un por motivos diferentes, porque son propostas ben afastadas unhas das outras. Recentemente estiven lendo a Yasunari Kawabata, o nobel xaponés, e quedei prendida. Se cadra é iso o que lles diría aos nipóns, contestando a pregunta anterior: que non perdan o tempo léndome a min, habendo libros de Kawabata no mundo.

Advertisements

2 comentarios en “Berta Dávila: “Escribir descóbrenos que cousas son realmente importantes para nós”

  1. Pingback: Berta Dávila: «Escribir descóbrenos que cousas son realmente importantes para nós» | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: Dez libros a proba de area de praia | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s