‘LP’, cando o cómico se pon serio

lpLois Pérez é poeta e cómico. Ou ao revés. Tanto ten. Nel as dúas facetas de comunicación cos máis serven ás veces de múltiplo rostro (tráxico-melancólico/irónico-épico) co que presentarse ás veces de vasos comunicantes da expresión: é un verso un verso cando alguén o insire nun monólogo? É un conto igual de chistoso cando se coloca en forma métrica ortodoxa? A Lois Pérez convén lelo pero tamén velo e escoitalo, ben en directo ben nos varios vídeos que das súas actuacións colgaron na internet.

O escritor lucense publica o poemario LP, editado por Emerxente, un longo volume que recolle un fluxo lírico de diferente fasquía, argumentario e influencias pero que serve para colocar a Pérez entre os poetas máis habilidosos en dúas artes nada doadas da poesía: o ritmo e a plasticidade.

LP divídese en dous capítulos, Cara A e Cara B. A división coido que non é demasiado importante e incluso algo confusa xa que os poemas de ambas as bandas do libro van debuxando, máis que dous compartimentos estanco, un río no que o lector evoluciona co poeta, unha especie de diario que se vai torcendo, retorcendo e endereitando cos constantes cambios de tema e atmosfera que Pérez propón.

Falarmos de diario é algo máis ca unha metáfora. En LP ten gran peso a poesía narrativa, contada en primeira persoa, cunha aparencia de relato natural do que vai pasando, só trabada pola convención dos versos, mais que podería lerse coma prosa simplemente eliminado os saltos de liña. Pérez consegue neste formato grandes achados, caso do longo poema “Campionato mundial (Brasil, ano 2000)”. Nun camiño complementario a este, tamén debuxa un anecdotario cheo de graza e tenrura. Chama a atención como respira vida o poema “A-6”, un dos mellores de todo o libro.

En LP ten gran peso a poesía narrativa, contada en primeira persoa, cunha aparencia de relato natural do que vai pasando, só trabada pola convención dos versos

No libro, Pérez tamén usa a ironía, o disfrace e o malabarismo de quen controla as palabras, de quen sabe movelas no taboleiro coma se fosen as boliñas do trile. Á maneira do himno galego tomado do poema “Os pinos” de Eduardo Pondal, o autor compón “Ignominia”, un canto rabioso sobre o país, as súas desfeitas, os seus erros, as súas mediocres miserias:

Non chegaron os bardos nin os tempos, nin idades,

máis ben só obscenidades nesta triste neve de verán:

nalgún despacho de Alcoa alguén prende a radio e soa

outra derrota do Leite Río Breogán.

O escritor lucense cínxese ao terreo que coñece, o que reforza as súas imaxes. Mais non se conforma con retratar o vivido senón que inclúe no tecido poético gran cantidade de recursos, o que leva lido, visto e escoitado. Esa capacidade de abstraerse a partir da experiencia inmediata é un dos grandes acertos de LP:

con aquel toldo vermello de Cotton Club (sempre hai un

lugar que se chama Pub Cotton nalgures ou en Sarria)

Como se adoita dicir agora, o libro debería vir coa súa propia banda sonora, ou para ser aínda máis “moderno”, coa súa propia lista de spotify. Non hai que matarse moito: o propio autor vai vinculando a maioría dos poemas cun son concreto. Proben a combinar a música recomendada coa lectura do poema. O texto colle outro xeito, baixa cos matices do ritmo. Porque queda claro que o escritor tamén declama. Os poemas están escritos para seren recitados en voz alta. Un pode escoller imaxinar a voz metálica de Lois Pérez ou tamén probar coa propia: os versos van aos poucos arrebatándolle aire ao aire.

Deus probabelmente mida

un metro e cincuenta e catro,

centímetro arriba, centímetro abaixo.

O imperio do ritmo no poemario ten os seus piares na métrica clásica da primeira parte do libro. Os formatos hexemónicos da poesía rimada fanlles gañar fortaleza expresiva aos poemas máis serios. Noutros momentos, a poesía quixo construír a ponte coa tradición en base ao léxico. Pérez opta por unha lingua máis cotiá calcetada sen que lle marche un punto nas estrofas canónicas. Mais nin tan sequera cando se pon solemne se perde a ironía. De cando en vez, o propio Pérez dáse a si mesmo unha labazada para evitar o exceso de solemnidade.

Ao traballo de Pérez fáltalle, no entanto, edición. A máis importante, a propia do poeta, que necesita descartar, gardar, reescribir ou devolver á nada varios poemas que non están á altura, nos que as imaxes, os adxectivos ou o ritmo aparecen na páxina sen puír. Tamén cumpriría mellor edición paratextual. Hai algúns erros ortográficos e de maquetación que sería bo que se corrixisen nunha segunda edición.

♦ LP, Lois Pérez, Emerxente, 2013. 229 páxinas. ♠12€

César Lorenzo Gil.

 

 

Advertisements

Un comentario en “‘LP’, cando o cómico se pon serio

  1. Pingback: Dez libros a proba de area de praia | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s