Xabier López López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”

Xabier López López. MANUEL G. VICENTE/XERAIS

Xabier López López. MANUEL G. VICENTE/XERAIS

César Lorenzo Gil.

Xabier López López (Bergondo, 1974) chega aos 40 anos na plenitude da súa carreira literaria. Novelista publicado des que tiña 23 anos, a súa traxectoria narrativa vai subindo chanzos título tras título en diferentes rexistros e atmosferas. Á espera da publicación da súa próxima obra, Olympia ring, 1934, falamos con el sobre Cadeas, premio Xerais 2013 de novela, entre outros temas.

Cadeas é unha novela cunha estrutura que pon en cuestión o propio concepto de novela. Varios relatos van saíndo coma ponlas dun esquelete central: o encontro dun escritor cunha parella de lectores. De onde xorde esa estratexia narrativa?

Dunha reflexión vital que se fai literaria: a vida é unha novela ou unha sucesión de relatos? E da reflexión ao xogo: cantos relatos caben nunha novela? Cantas novelas caben nun relato? Recoñezo que buscaba acender un debate sobre os límites da narración cos demais escritores e sorprendeume que se crease maior comunicación cos lectores que con outros literatos sobre este aspecto. Ás veces leo cousas sobre a narrativa que me fan pensar que temos un pensamento sobre a novela algo atrasado: novela é todo o que queiramos que sexa unha novela.

A figura do lector está moi presente na novela. Nese esquelete central un escritor atopa unha lectora cun libro seu na praia, acaban por coñecérense e o autor pasa unha noite ceando no chalé dela e do seu home, tamén lector e fan do escritor. Estes lectores da novela son tratados con bastante crueldade.

Esa parte do libro é unha parodia sobre esa relación entre o escritor e os seus lectores. E recoñezo que tiña certo medo á reacción de quen collese o libro e reparase nesa relación. Mais fiquei moi sorprendido. Primeiro porque a novela gañou o Xerais, que é un premio que dan os lectores e logo porque as persoas que len o libro e mo comentan vexo que entenderon ese punto de vista humorístico e esaxerado.

Eu quería reparar na busca do escritor polo seu lector tipo, esa figura difusa que non sabemos que existe pero que está acompañando o escritor cando escribe. Para quen escribimos? Quen queremos que nos lea? E se, como pasa en Cadeas, o lector que nos encontramos non é quen pensabamos a priori que podería ler os nosos libros? Supoño que os escritores que venden moito acaban por ter algún tipo de coñecemento directo dos seus lectores mais no caso galego, a pregunta xeral é: hai alguén aí? Alguén espera para ler o que temos que dicir?

Alguén hai. Os libros véndese. Mais quizais non tanto coma esperan os escritores.

Mais ese non é un problema especificamente galego. A maioría, a gran maioría dos libros en español venden unha media de mil exemplares. E vender esa cantidade xa se considera un éxito. Hai unha evidente crise no mercado global do libro, está en cuestión a cadea entre a produción de libros como obxectos e o desexo dos lectores por adquirilos. O problema é que a literatura galega suma a esa crise a súa propia condición de mercado minorizado. Ás veces somos un pouco duros con nós mesmos, as nosas letras como sistema son relativamente novas. Existe literatura galega desde hai 150 anos, máis ou menos. E non tivemos unha ortografía máis ou menos consensuada até a década do 1980. Pensemos en todo o que se leva feito en 35 anos. E en troques estamos sempre cuestionándonos, esixíndonos cousas que noutros contextos moito máis favorables nin se formulan. E esa autoesixencia tamén se trasladou aos lectores. En galego cultivouse un lectorado fiel, militante, que valora os escritores en virtude da súa pertenza, implícita ou explícita, a unhas siglas políticas hexemónicas dentro do nacionalismo. E cando ese autor sae desas coordenadas, os lectores deixan de comprar os seus libros. Nos últimos tempos intentouse facer outro tipo de mercado, independente do proceso de construción nacional. Pareceu por un tempo que si se podía asentar mais hoxe en día xa non teño tan claro que haxa espazo para todos.

Moitas voces cuestionan que exista nin tan sequera un mercado militante, que a masa crítica que compra libros en galego dea para manter unha industria.

Nese tema coido que as nosas letras están mediatizadas polo ensino, para ben ou para mal. Se non fose polo motor da escola estaría en perigo o noso sistema editorial. As vendas relacionadas coas lecturas recomendadas permiten editar outras cousas. O malo é que a crise económica está a cambiar tamén iso: moitos profesores que coñezo dinme que xa non poden “obrigar” os seus alumnos a gastar 20 euros por trimestre en libros en galego.

Dixo que o ensino mediatizaba o sistema para o bo e para o malo. Xa comentou o bo…

Hai unha infantilización do mercado. Directamente no número de escritores que deciden escribir para o público de nenos e adolescentes e indirectamente na extensión dunha filosofía literaria que me parece empobrecedora: antes de escribir pénsase no público que vai comprar o libro. Búscase o lector tipo, o lector medio, o que garante maior número de exemplares vendidos. O símbolo perfecto desa idea é o concepto crossover: novelas que tanto as poden ler rapaces, adolescentes e adultos. Para a literatura nunca é bo contentarse co medio, co mediano.

É mostra desa infantilización da que fale que cada vez se subliñen máis as etiquetas dos libros que se publican: histórica, policial, romántica…?

Na literatura ten que haber de todo. O importante é que non se confunda a lista de máis vendidos co canon. Mais tamén defendo a novela de xénero. Non é fácil de facer, obriga a respectar uns códigos que manteñen o autor en tensión e cando se consegue chegar ao final con todas as regras cumpridas, o escritor encontra unha especial satisfacción. O meu próximo libro é unha novela negra. E a etiqueta serve para situar o lector porque hai moitos produtos e ten que se guiar por algúns datos para escoller. O importante é o esforzo por darlle calidade ao texto, sexa cal sexa o motivo escollido.

Mais se cada vez hai menos recursos para publicar, os textos máis atrevidos poden ficar inéditos.

Para que os textos máis minoritarios teñan futuro necesitamos novelas que vendan. E neste sentido coido que a literatura galega está de sorte. Porque os considerados best-sellers galegos –e insisto en que vender 6.000 ou 7.000 libros na nosa lingua é un enorme éxito– teñen un nivel de calidade moi superior aos máis vendidos en español. Non se publica nada indigno. Miremos calquera semana a lista de vendas en castelán e comparemos os títulos cos da lista en galego. Quen debería estar máis avergoñado?

Nunha escena da novela, o lector pregúntalle ao escritor se se pode vivir da literatura. O autor méntelle e dille que si. Fixéronlle a vostede esa mesma pregunta na vida real?

No noso tempo hai dúas ideas que están asumidas e que son contraditorias. A xente le pouco e sabe que os demais len pouco mais en cambio a figura do escritor conserva certa aura. É unha profesión prestixiosa, en certo sentido. E na nosa sociedade ese prestixio non pode despegarse nunca do status económico. Coido que todo forma parte dun pacto de engano entre lector, escritor e sociedade. A literatura é un engano e esa mentira permítenos obviar a realidade das cifras. Porque en canto entramos na análise dos números decatámonos de que os beneficios dun escritor pola súa obra ascenden ao 10% de cada libro en concepto de dereitos. Pódese vivir disto? Pódese vivir disto en castelán con vendas de 1.000 exemplares a 20 euros por libro, poñamos por caso? Eu sempre conto que o engano vai medrando con un mesmo. Cando publiquei o meu primeiro libro, Biff, Bang, pow! (novela case negra), con Sotelo Blanco no 1997, esgotouse unha edición de 2.100 libros. Foran boas vendas e iso deume azos para o futuro. Por certo, ese libro vaino reeditar agora Galaxia.

Non renuncio aínda hoxe (por inxenuidade) a poder vivir do que escribo, non para gañar diñeiro senón para gañar tempo. Mais hai que ser realistas, hoxe as tiraxes xa non son de 2.100 libros.

“A política de exportación da Xunta redúcese a pór folletos na feira de Frankfurt”

Hai pouco publicou en castelán unha versión d’Os libros prestados (editado por Galaxia en galego). Como foi a experiencia?

Valeume para decatarme de como funciona realmente o mercado literario. Cando un se pon a escribir, de mozo, sempre se enfronta á pregunta de por que facelo en galego e non en castelán. A explicación desideoloxizada é simple: uso o meu idioma no meu traballo e se realmente paga a pena que chegue a outros contextos lingüísticos, será o seu propio peso, a súa propia calidade, quen a leve cara a esoutros espazos, nunha aplicación mecánica da xustiza e do mérito. En realidade, este concepto é falso de inicio a fin. Primeiro porque o galego é unha especie de fronteira mental para unha parte da sociedade galega. E iso non se aplica en exclusiva aos libros: pasa coa publicidade, coas etiquetas. Estar en galego marca, hai que dar explicacións até por poñer un rótulo dun negocio en galego.

E en segundo lugar, os procesos de tradución non son “automáticos”, menos no caso galego, xa que o noso sistema literario está bastante desconectado do resto, especialmente porque o sistema literario estatal non ten ningún interese na pluralidade cultural, tampouco no sector do libro. As editoriais, que en teoría teñen o labor de posibilitar a exportación dos libros, no caso galego bastante teñen con producir e vender o que publican. A Xunta non fai absolutamente nada neste campo. Pensan que por colocar uns folletos de cores na feira de Frankfurt xa cumpriron co seu cometido. É máis, a pesar de non investir nada neste sector económico, espallaron na sociedade a idea de que o escritor en galego está subvencionado. Está subvencionado Jean Echenoz, que publica 14 en castelán grazas a unha axuda do goberno francés? E estamos falando de dúas linguas, o francés e o castelán, das máis poderosas do mundo!

Así que debe ser o escritor quen se mova, ben por el mesmo ben a través dun axente editorial. É dicir, o autor, cuxo principal obxectivo debera ser coidar o que escribe, dedicarse a presentar o mellor dos resultados, ten que andar facendo estoutras xestións ou investindo en si mesmo cos servizos profesionais dun axente. Cando vemos que un autor galego de repente xa aparece publicado en castelán, en italiano… a resposta non está necesariamente na súa calidade senón no bo facer do seu axente.

“Quixen buscar a orixinalidade duplicando o ordinario López”

A súa prosa destaca polo coidado expresivo, por un elevado dominio da lingua. Pode que ese sexa o principal trazo do seu estilo?

Son esixente co que escribo. Tomo o meu tempo e son capaz de abstraerme do ritmo editorial para que non interrompan no ritmo da escrita. Non sei se iso é suficiente para marcar un estilo. Na miña opinión, neste asunto, hai dúas decisións que tomei que me marcaron. A primeira, optar polo meu apelido como marca de autor a pesar de ser tan común o López. Cando mozo dábame moita mágoa desprenderme da miña identidade e non poder ver o meu nome real na capa dun libro. Optei polos dous apelidos para buscar a orixinalidade a través de duplicar o ordinario. Hoxe sei que un escritor cando escribe sempre acaba separándose da persoa que son cando traballo de avogado ou estou na casa coa familia pero xa non hai remedio.

A segunda decisión foi a infidelidade a calquera rexistro. Cada unha das miñas novelas é diferente da anterior. Penso que é un risco porque hai lectores que vinculan un escritor a unha novela del que lles gustou e buscan nel sempre o mesmo e como non o encontren, frústranse; mais para min o máis divertido era mudar por completo en cada proxecto. E a pesar diso si que penso que levo unha traxectoria pola que se me pode seguir a través das pegadas de cada obra, unha especie de sinatura propia.

Vostede é dos escritores aos que máis se lle notan as lecturas. En moitos momentos confesou que é un gran lector. Que influencias recoñece na súa escrita?

Si que é certo que procuro ler moito pero non teño referencias deliberadas. Si lecturas que me marcaron, caso d’A montaña máxica, de Thomas Mann, que lin no bordo dos 18 anos. Pero foi máis polo meu propio contexto naquel intre que polo libro en si. Seguramente se o lese noutro momento esa lectura funcionaría de forma diferente na miña vida. E así con todos. Mais está claro que todo o que les queda aí aboiando e escribir non é máis ca lembrar lecturas. O que pasa é que recoñecer ese elo entre a escrita túa e a escrita dos anteriores a ti ten moi mala prensa porque o plaxio é o gran mal na literatura do noso tempo.

En Cadeas hai dous escritores cunha gran presenza, Rafael Dieste e sobre todo Manuel Antonio. Por que ese interese?

Dieste e Manuel Antonio, á parte de rianxeiros, eran amigos e para min representan dous arquetipos do concepto literario: Manuel Antonio é o irreverente, o iconoclasta; Dieste é o intelectual comprometido, especialmente cando foi obrigado a tomar partido durante a guerra civil (Manuel Antonio xa estaba morto para aquelas). Ademais existen outros elos entre eles e mais eu, digamos que anecdóticos mais para min moi poderosos no sentimental: Dieste naceu o mesmo día ca min e a esquela da morte de Manuel Antonio (que aparece na novela) publicouse tamén ese mesmo día, o 29 de xaneiro.

Que está a ler ou que acabou de ler e nos recomenda?

Recomendo a serie de nouvelles autobiográficas do romanés Mircea Cartarescu, que en castelán publicaron Funambulista e Impedimenta. Este escritor é un clásico no seu país, cunha bibliografía de gran peso, moi canónica. Estoutros traballos son como unha especie de cara b autoparódica que a min me acaba por interesar máis ca a súa obra máis recoñecida.

Advertisements

3 comentarios en “Xabier López López: “Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos”

  1. Pingback: Xabier López: «Non podemos confundir o canon coa lista dos máis vendidos» | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela, non chorar cando desaparece” | BiosBardia

  3. Pingback: Anxos Sumai: “En realidade, ‘A lúa da colleita’ é a miña primeira novela” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s