Unha literatura creada contra o mercado

Unha muller lendo un libro de Galaxia no autobús. XAN CARBALLA

Unha muller lendo un libro de Galaxia no autobús. XAN CARBALLA

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Terceira carta da serie dirixida a Dolores Vilavedra. O crítico propón unha lectura franca sobre o mercado editorial en galego xusto cando se celebra o Día do Libro.

Xesús González Gómez.

A literatura galega (moderna) naceu –din– alá polos mediados do século XIX. Ora ben, nese momento, e por moitos anos, os escritores galegos, os interesados na cultura galega, etc., deberon crear unha literatura que non dependese das vendas. É máis, sabían que estaban a crear unha cultura para unha sociedade, sabendo moi ben que esta sociedade non tiña, e nin ten, ningún interese en creala. De aí que as editoriais galegas “emblemáticas”, até os anos 1980 e algunha até o final, fosen empresas non comerciais: os seus responsábeis sabían que lle faltaba, como o saben hoxe, público á nosa literatura. E aínda sabendo iso, nun momento dado, e talvez tamén hoxe (e aquí, paréceme, ninguén estará de acordo comigo), produciron demasiado para un mercado tan pobre e tan restrinxido (sobre o tema tamén falaremos, en apéndice).

As editoriais galegas que existiron até 1980 prescindiron do mercado porque non existía ese mercado, é dicir, un público burgués, unha clase media, con capacidade e vontade adquisitiva e con gusto e cultura para se situar no ritmo social e cultural europeo.

Noutras palabras, até 1980 non existen editoriais “comerciais” en Galicia. Ou alguén pensa que até 1977, poñamos por caso, Galaxia produciu grandes beneficios?[1]. Non nos enganemos, durante moitos anos, digamos que desde 1863 a 1980, o elemento patriótico incidía clara e amplamente no mercado, e de aí que talvez fose imposíbel crear un mercado que se xustificase polo máis estrito interese literario[2]. As editoriais galegas que existiron até 1980 prescindiron do mercado porque non existía ese mercado, é dicir, un público burgués, unha clase media, con capacidade e vontade adquisitiva e con gusto e cultura para se situar no ritmo social e cultural europeo; por non existir, non existía nin unha pequena minoría suficiente para consumir os raquíticos, en cantidade, produtos que se lle entregaban: canto tardou en se vender a primeira edición de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, ou de Cousas, de Castelao? Cantos libros vendía Otero Pedrayo…? Por outra parte, non hai que esquecer que convivimos con outra cultura, a castelá/española, que ocupou, e aínda ocupa, os espazos da modernidade, é dicir, da eficacia cultural. E esta é unha “rémora” esmagadora. Facendo ucronías: pensa alguén que no caso de que Galicia chegase a ser independente baixaría o uso e consumo do castelán? Ou sexa: a “industria” editorial galega baseada no mercado é recente, demasiado recente, e, por outra parte, os espazos da modernidade, é dicir, da literatura de consumo, están ocupados polo español nun 99,99%  –sen referirme aos medios de comunicación de masas, prensa, radio, cine, televisión, a rede, etc, etc., que aí aínda ocupan máis, se cabe.

 

[1] Cito Galaxia porque as outras desapareceron todas: Castrelos, Monterrey, Bibliófilos gallegos, Ed. do Rueiro, Xistral, Ediciós do Castro, Ed. Pico Sacro, Sept…, por citarmos as que “funcionaban” en 1977.

[2] Os da miña xeración (nacidos arredor de 1950) que se interesaron pola literatura galega alá polos inicios dos 1970 non me contradirán: comprabamos libros que non nos interesaban para que se “mantivese” a editorial que acababa de nacer. Logo, cos anos, desprendémonos deses libros ou os regalamos. Case todos; algún, finalmente, salvouse da queima.

Advertisements

Un comentario en “Unha literatura creada contra o mercado

  1. Pingback: Inma López Silva: ” Hoxe en día queremos ‘crer’ no que lemos aínda que saibamos que é ficción” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s