Julian Barnes e as trampas da memoria

barnesCando un pensa nun libro de suspense ou nun thriller, imaxina pistolas, persecucións, situacións trepidantes nas que a vida atravesa un fío de perigos. Mais en realidade, o que nos mantén apegados ás páxinas non son as accións senón a capacidade do escritor para implicarnos de tal xeito no que conta que esteamos ansiosos por pasar páxina tras páxina. É a diferenza entre o artificio e o pulso real de vida, cheo de suspense, cheo de cuestións sen resolver que estamos desexando pechar para comprender.

O sentido dun final, de Julian Barnes, quizais non entre no xénero do suspense. Penso que non está adscrito a ningún xénero e aínda así consegue diferentes niveis de lectura, diferentes niveis de interese para distintos públicos con diversos gustos literarios. Con esta obra, o escritor inglés demostra a súa vocación de literatura popular de calidade sen renunciar a un modelo novelístico clásico e accesible nin claudicar no esforzo por tratar temas universais, de actualidade, por turrar de diferentes fíos que lle quedan entre os dedos ao lector até moito tempo despois de rematar a novela.

No libro, o principal destes temas é a memoria; as trampas da memoria, mellor dito. Ultimamente moita xente, en especial desde os campos da historia e da socioloxía, falan da memoria cunha solemnidade case que dogmática. O recordo como fonte do coñecemento do pasado; a memoria como dato fidedigno dun tempo e dunha experiencia. Contra ese exceso é moi interesante, por exemplo, La invención del pasado, de Miguel-Anxo Murado, volume que repasa os últimos descubrimentos sobre o funcionamento real do noso cerebro, da formación de recordos. A memoria non é fiable, utiliza os mesmos recursos ca a nosa imaxinación cando inventa cousas.

Velaí o motor do libro de Barnes que Xesús Fraga traduciu ao galego baixo o selo de Rinoceronte: a memoria é unha ficción, construída por nós mesmos e variable co paso do tempo. Os detalles que lembramos pensamos que son os realmente importantes pero en realidade só son fragmentos, tomados ao azar pola nosa percepción, nunha xerarquía persoal que muda tan só con que mude o espectador dese feito.

macguffin desta novela é xustamente ir desvelando un capítulo máis ou menos dramático do pasado do narrador da historia, Tony Webster, un personaxe aos que nos ten afeitos Barnes: profundamente humano, cheo de capas e pregas, irónico e finalmente exposto, sen pudor, ao xuízo público polos seus actos.

Usa o autor a técnica da reconstrución. Diferentes intres van aparecendo no libro, con lixeiros cambios de enfoque, coma se cada escena que se repite a estivese ollando un observador que vai avanzando ao ritmo das agullas dun reloxo.

Maquetación 1Esa sinceridade do personaxe é un dos grandes achados de Barnes porque non se constrúe dunha vez senón que se vai resolvendo aos poucos, logo de cada fracaso de Webster por querer “entender” o que lle sucede e actuar en consecuencia. Igual que o detective do xénero do suspense ten que apañar un par de puñadas e sufrir un intento de atropelo, na novela o narrador vai avanzando nesa pescuda sobre o pasado a base de meter a zoca, de confundir realidade con fantasía, de ir facendo o ridículo en situacións que revelan que o infantilismo non ten idade.

Porque esa é outra das novidades deste libro na bibliografía de Barnes: o retrato dos vellos. O vello Webster deste libro lembroume o vello Esteban de En la orilla, de Rafael Chirbes. Son persoas que se asoman á porta da ancianidade aínda coa mirada lúcida, cun espírito cultivado que fai o posible e o imposible por non deixar os instintos que nos fan humanos: o desexo, o orgullo, a sabedoría. Tanto nun caso coma no outro, os perfís gañan en riqueza grazas a que os autores están nesa faixa de idade. É seguramente nesa faceta no que máis presente está a propia experiencia do escritor.

O sentido dun final é un libro cheo de matices, escrito con moito sentido do humor e con grande economía de medios. Afeitos a tantos libros que precisan páxinas e páxinas para explicarnos conceptos relativamente sinxelos, Julian Barnes demostra a súa mestría no relato dos feitos, na descrición dos sentimentos e na definición dos personaxes con parágrafos certeiros.

A publicación deste libro é un acerto de Rinoceronte e oxalá se siga agrandando a biblioteca Barnes en galego. O inglés é referente dunha xeración madura, na trepia con Martin Amis e Ian McEwan, voces que exploran os límites da narrativa moderna máis que pola experimentación na forma mediante a escolla de temas e de voces.

♦ O sentido dun final, de Julian Barnes, traducido por Xesús Fraga, Rinoceronte, 2012. 164 páxinas. ♠16,90€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s