As “paisaxes galegas” de Cezanne

Monte Sainte-Victoire (1895), de Paul Cézanne

Monte Sainte-Victoire (1895), de Paul Cézanne

Manuel Veiga Taboada.

Cézanne non é un impresionista máis senón, como se sabe, o enlace coa pintura moderna, abstracta, que definiu o século XX. Cézanne foi o precursor do cubismo, aínda que unha boa parte dos seus cadros non se libra da mirada nostálxica coa que hoxe, inevitabelmente, e quizais tamén equivocadamente, observamos a pintura finisecular de marca francesa. Todo isto resulta coñecido e non era o que buscabamos nesta mostra do artista (a primeira monográfica nos últimos trinta anos e que permanecerá no Thyssen madrileño até o 18 de maio). Iamos na procura de algo distinto.

O lema da exposición “Site / Non site” apunta a ese conceptualismo de moda que parece darlle, de por si, unha perspectiva innovadora a calquera artista por coñecido que xa sexa. As audioguías realizan o esforzo de xustificar ese conceptualismo pero en realidade só o encontramos con nitidez na maneira de facernos descubrir os perfís dunha montaña nos volumes dun bodegón. O que perseguía Cézanne, veñen dicirnos, non era xa a figura senón un modo de compoñer. Aceptamos a suxestión, por outra parte non tan orixinal, pero seguimos buscando algo máis.

A mostra resulta algo limitada. Non debe ser doado reunir as obras importantes dun pintor tan consagrado. Bañistas, bastantes paisaxes e algúns bodegóns. Case nada de retratos. Por esta mostra, desde logo, un non coñece a Cézanne, o que non quere dicir, en modo ningún, que deixe de resultar interesante.

Os visitantes saen, en parte, frustrados. Algúns gustan máis de tres teas que se encontran xa próximas á saída e que, xustamente, non son de Cézanne, senón de pintores posteriores que proseguiron o camiño aberto por el. Cézanne non é efectista e vivimos nunha época demasiado dada a iso. Cézanne parece, a bastantes ollos, discreto e conservador, cando o seu mérito está en ter sido todo o contrario.

Mais, para min, resultou interesante ver de cerca como Cézanne resolveu no seu día o problema de representar unha paisaxe tan barroca, con tantos planos e obxectos, moitas veces confusos, como a galega. A casa de Bellevue, por exemplo, presente nesta exposición, e a pesar das súas múltiplas paredes, está integrada na natureza, podería ser parte do monte. Cézanne usa a perspectiva, pero, digamos, en curto, como nos sucede cando contemplamos unha paisaxe nosa: é fácil que deseguida atopemos un obstáculo, un monte próximo, un bosque inmediato, o camiño que describe unha curva demasiado pronto, cortándonos a fuga. No Thyssen puidemos observar, con satisfacción, varias destas curvas e parecían incribelmente nosas, era coma se a nosa memoria tivese arquivadas imaxes moi similares.

Cézanne cría que o mundo moderno estaba actuando sobre a natureza sen moita sensibilidade. Dicía, por exemplo, que as calzadas romanas foran trazadas con tanta harmonía que desde calquera punto delas tiñamos á vista un cadro. Otero e Risco coincidirían perfectamente con el. E bastantes ecoloxistas de hoxe non se sentirían moi distanciados.

Como persoas chegadas de Galiza, a Cézanne tamén o comprendemos cando pinta as distintas alturas da vila de Gardanne, cando usa, case exclusivamente, distintos tons de verdes e ocres, cando pinta os seus bañistas en ríos pequenos entre unha frondosa natureza ou cando reflicte as distintas capas xeolóxicas ao borde dunha canteira.

Resolve o problema que xeran estes espazos, sen delinear nin modelar, simplemente mesturando cores, creando manchas. A única forma, parece dicirnos, de tratar con realismo esta paisaxe é non sendo realista. O resultado acaba sendo moito máis exacto. Evita que a mirada se perda na confusión, na densidade que se revela por todas as partes: follas ou pedras ou tellados ou liñas de horizonte, a ducias, a centos, en principio case imposíbeis de reproducir, sen caer no esgotamento.

Joachim Gasquet, poeta, amigo do pintor, resaltou o cariño de Cézanne polas árbores. Para el, segundo anota Gasquet, eran seres vivos. Algo obvio, pero non tan obvio nas súas consecuencias. Parece que os seus únicos amigos de verdade eran as árbores, cando menos na derradeira etapa da súa vida. Os seus campesiños sentados tampouco están nada lonxe da nosa comprensión. Pero é o esmagamento da perspectiva, a substitución da liña pola mancha, o que lle dá forza e actualidade á pintura de Cézanne, en comparación, por exemplo, coa maioría da nosa propia pintura novecentista.

Cézanne é tenso, non calmado, vai bastante máis alá do costumismo ou da propia fotografía que se acaba de inventar cando el pinta. Fai do cadro un obxecto en si, por iso se despega da figuración, e logra obter contundencia do lenzo, pero ao mesmo tempo, non chega aínda a ese primeiro plano, digamos, televisivo, nin á abstracción. Por iso, a medida que recorro a obra, non deixo de poñerlle nomes: aquí vexo a serra do Leboreiro, alí creo encontrar o Coto da Moura. Quizais, en vez do “Site/Non site”, que dá nome a esta mostra, o que nos facilita Cézanne, co seu potenciamento dos volumes, coa súa insinuada abstracción, é unha sorte de Another site. É dicir, a posibilidade de encontrar nos seus cadros outros lugares que non son necesariamente a Provenza ou a montaña Sainte-Victoire senón as paisaxes da nosa propia memoria persoal.

Advertisements

2 comentarios en “As “paisaxes galegas” de Cezanne

  1. Estimulantes liñas, dan ganas de cocher o coche e ir ver a mostra. Polo demais, grazas por lembrarnos de xeito tan agudo como se pode ‘ler’ o universal dende o local.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s