Chichi Campos e Lois Pereiro de festa no Primeiro de Maio

Fragmento do cómic publicado por Chichi Campos e Lois Pereiro no 1985 en 'A Nosa Terra'

Fragmento do cómic publicado por Chichi Campos e Lois Pereiro no 1985 en ‘A Nosa Terra’

Chichi Campos e Lois Pereiro fixeron unha parella de irreverentes analistas da actualidade da década do 1980. Nesta reportaxe, Xosé Enrique Acuña recupera un cómic ao redor do Primeiro de Maio cheo de ironía e xenio.

Xosé Enrique Acuña.

Chichi Campos ten escrito máis do que se pensa ou sospeita. De feito, o seu era darlle á máquina e ao bolígrafo, estivese onde estivese e tomara o que tomara, con destino a calquera panfleto humilde e antifranquista, ou, con parada e fonda, a un extraviado, e se cadra para esquecer, programa daquela Televisión de Galicia en tempos de se inventar. Mesmo –fixeron ben os que as conservan– escribía nas postais, encantánballe, que por moreas enviaba aos seus amigos con garabatos e selos do xeneral Franco ou do herdeiro e sucesor Borbón.

Esgotou o Chichi prosa eurocomunista n’A Voz do Pobo, e carrillista consumado, andou tras o deseño dos contidos do Alento, voceiro das mocidades do PCG, xunto a Pepe Carreiro, tamén como o Campos confeso seguidor dos dous Santiagos: o Carrillo, español e mais o Álvarez, galego. Mais o Chichi xa gustaba de escribir nun contorno de debuxo e caricatura e así, disposto e afeito a se reinventar cada noite, redactaba. Non se sentía incómodo, ao contrario, coa mestura do trazo negro do rotring e a letra, co deseño e a frase, e sempre, para iso nacera, a armar sentimento, intuición e ocorrencia. Botou man do cómic para se expresar, pioneiro, en tempos no que a tal sorte artística aínda non recibira de alcume aquilo de banda deseñada e el, como tantos, tan lector no seu día de Hermano Lobo e consumidor, non sen sa envexa, daquela factoría de humor que era a barcelonesa revista Por Favor, entendeu que o panfleto burocrático e mais tamén centralista e democrático tiña os días por contados. Tantos como os seus de militante do PCE.

Pero o caso era onde escribir, onde publicar. En días de transición, con Pepe Barro como embaixador plenipotenciario, Chichi chamou á porta da prensa nacionalista que agromaba ou bateu, se se quer contar doutro xeito máis alcólico, nun bar calquera con algún dos xornalistas que andaban reinventar a cabeceira histórica d’A Nosa Terra. Esa que, con entusiasmo militante e formativo, xa compartían, no tramo no que Chichi máis colaborou, tres xornalistas de altura e percorrido. Un, director, o Afonso Eiré. Outro, Manuel Veiga monfortino de nación, como Lois Pereiro, e monfortino, en opera prima, como escritor. O terceiro, un Xan Carballa impenitente admirador e retratista de garda do Xesús Campos. Entre os tres, e por anos, arrepañáronlle debuxos e textos a un Chichi que coidou dar cun estilo propio de humorismo que, ben o sabía, se situaba nos antípodas do que na escrita e na caricatura por aqueles días se estaba a facer no país. E o Chichi, espido de compromisos políticos partidarios, acomodouse á periodicidade para-semanal e pasou a inserir creatividade varia n’A Nosa Terra.

Chichi escribía dos demais. Dos amigos e dos menos amigos. Mesmo dos e das que se podería cruzar no Castromil, coincidir na presentación dun libro ou tomando cervexas nunha taberna ou pub da Coruña, Santiago ou Vigo. E tal cousa, ben se sabe, é –e era– difícil e nada corrente por estas terras. Así, os perfís de tanto santón ou de aprendiz de santón que escribiu nacen en vocación distanciada dos “Retratos de esguello” que Luís Seoane escribira haxiográfico para os dominicais de La Voz de Galicia ou os que Juan Marsé, en Por Favor, plasma con mestría para a serie “Señoras e señores”. Entre estas dúas e tan distintas escolas, por el xa peneiradas desde o desencanto persoal e colectivo ante unha transición democrática sen ruptura co franquismo, xorde, entre elegante e corrosivo, o humorismo, a literatura, do Chichi Campos para ás paxinas de A Nosa Terra.

O Chichi, espido de compromisos políticos partidarios, acomodouse á periodicidade para-semanal e pasou a inserir creatividade varia n’A Nosa Terra.

Un 1º de Maio cáustico e de rotulador

A procurada irreverencia de Chichi Campos saíalle do peito, nace de coñecer e sufrir polo miúdo os vellos vicios da dereita, as repetidas poses da esquerda e os lugares comúns do novo e dividido nacionalismo. Con tantos anos nunha organización política que facía culto do obreirismo (o PCE) e mesmo ter sido, con disciplina clandestina, un deses intelectuais apegados por células ao vello partido obreiro, as xa por fin autorizadas manifestacións do 1º de maio pasaron a ser unha comemoración festiva de non perder, que el, fillo de militar da cruzada do 36, non deixou de frecuentar. Indo dunha para outra, cousa dos desencontros sindicais, a saudar, laretar e beber cos amigos, coñecidos, ex-camaradas e figuróns. De tal xeito é como artella unha novidosa crónica, historiada en cómic, que el quixo asinar en coautoría co poeta Lois Pereiro. Os dous dánlle firma a un texto e a uns debuxos que, non arriscamos nada ao aseguralo, naceron exclusivamente do maxín do Chichi Campos e no que narra airoso o que os dous, en amizade, sentiron, viviron e criticaron. Tamén o que beberon e se meteron en plena celebración festiva e reivindicativa dun 1º de maio de 1985 que un vivirá nas rúas de Santiago e o outro polas da Coruña. No medio do camiño entre ambas cidades xúntanse e contan unha xornada que xa nas páxinas d’A Nosa Terra titulan: “1º de Maio. Unha visual”.

Transcribir o contido deste cómic disposto nunha única e sinxela plana non é outra cousa que se achegar ao Campos máis impío. Dous amigos, dos de sempre, que non se senten cómodos nin cos uns nin cos outros mais que queren estar onde hai que estar, e ao que hai que estar, no gran día dos traballadores, xa recuperado e real despois dunha ditadura de décadas. O Pereiro e o Chichi, autorrepresentados e multicaricaturizados, a portar cervexas na man e entre os dedos o que semellan canutos trompeteiros, indo dun lugar para outro e a se queixar, caso de Pereiro –tan do estilo da CNT que coñecera en Madrid– de que “ao non haber paus nas manis xa non ten gracia”. Chichi, ríndose de si mesmo, afirma e recoñece que “o Xesús Campos loce a garabata dos primeiros de maio e coma sempre, chega tarde. Non asiste polo tanto á lectura do comunicado final”. Mentres, o poeta de Monforte “vai tomar unha caña ao Otero ao tempo que as camadas populares reclaman máis curro” nunha xornada, para el, que “debe de ser porque é a festa do traballo, porque non me parece festivo”. Pero o caso, a contradición principal era chegar á hora da empanada: “A min o 1º de maio sábeme a empanada máis que a 8 horas de emancipación”, afirma o Campos nunha mañá onde “Anciñas Ripoll e Piedad Cabo entrevistan para Ondas Paliza os líderes obreiros”. Por alí, no cómic de ANT claro é, tamén aparecen o dirixente comunista Pérez de la Fuente a facer eloxio e reivindicación da empanada de balde, e o nacionalista Francisco Rodríguez a berrar “Paz, Lamela e liberdade” nun xogo de palabras que o Chichi, certeiro, idea co nome e apelido dunha directora xeral de Política Lingüística que neses días mantiña a Xunta de Galicia. Aos socialistas tamén lles toca e Campos, ganas que lles tiña, sitúaos fóra das rúas para localizalos no medio dunha nocturna cerimonia floral no vigués cemiterio de Pereiró e onde colocan, despistados, unha coroa de flores á memoria de Pablo Iglesias na tumba do produtor de cine franquista Cesáreo González.

Crónica visual a golpe de rotulador que non deixa de lado a crúa realidade da división sindical que se vivía nese ano. Guerras de críticos e oficialistas que en 1985 andaban a bater e con forza, mesmo con pelexas a puñadas, asaltos e tomas de locais, no seo do nacionalismo sindicalista hai pouco creado. O mesmo número de ANT no que se publican as viñetas do Chichi Campos dá conta do compromiso de certos intelectuais cunha ou outra facción da INTG. Así, a prosa política de Xosé Manuel Beiras neste conflito abeira na liña oficial achegada á UPG e a de Antón Baamonde, que non só escribía de cinema n’A Nosa Terra, se situaba nun territorio teórico semellante. Outros escritores, caso de Méndez Ferrín ou Darío Xohán Cabana, suxerían noutros foros apoiar os críticos e escisionistas mentres, en deportivo chándal, corrían polo idioma, o caso do Ferrín, ao carón de César Cunqueiro e un traxado Valentín Paz Andrade, ese día retratado para A Nosa Terra por un Xan Carballa que non podía nin imaxinar que anos despois se convertería no seu biógrafo. Batallas festivas e sobre todo guerras internas que levan a reflexionar na banda deseñada partillada co Chichi, sen o rigor dos intelectuais citados, o poeta Lois Pereiro. “A unidade sindical é unha utopía: Nunca se poñerán de acordo na empanada… uns de bonito e outros que de carne”. A contestación inmediata é do Chichi Campos: “…non che hai empanada nin conciencia de clase como en Monforte… vamos a tomar unhas cañas”.

Con Manuel Rivas na contra

No mesmo número d’A Nosa Terra no que se publicou o cómic de Campos e Pereiro –e só por 75 pesetas– na contraportada, o columnario de Manuel Rivas, tan perto sempre de Lois Pereiro, achegaba unha pequena xoia a xeito dun pequeno microconto que quixo titular “A Purga de Benito”. E insírese nun número no que Manuel Carneiro pon a feder a Ferrín e Francisco Sampedro deféndese dos duros ataques de Carlos Méixome. Máis guerras. Como outra, máis suxa, que quixo abrir alguén que non transcendeu, no mesmo número e sen éxito ningún, contra o grupo Milladoiro á conta non se sabe de que: “Milladoiro non son nada”, escribía o tal hai trinta anos e claro que errou ben errado.

Rivas, con valentía de heterodoxo baixo fogo amigo, cadraba tamén a actualidade. Volvía a tantos pasados, furgaba no presente e á vez adiantábase no tempo. Escribía: “Benito estaba convencido de que se non conseguía facer a revolución para logo facer purgas había que facer purgas para facer a revolución. Era un home de carácter. Tan convencido estaba que nunca se asombrou do seu propio convencemento. Non tiña vicios. Non fumaba, non bebía, non estudaba nin lía outra cousa que non fora os seus escritos e comunicados (…) ideaba unha expulsión de xente disidente no partido, na fronte ou no sindicato e sempre, sempre, a levaba a práctica (…) Predicaba un mundo mellor, un paraíso para a clase traballadora, pero predicábao dun xeito irado, enfurecido, como quen promete un inverno cheo de lóstregos e monstros que vagan pola eira.

Para rematar coa inventada pero tan común biografía, continuaba Rivas: “Benito prometía unha nova época, unha terra liberada, pero consideraba potenciais inimigos ao noventa por cento dos mortais. El sacrificábase por todos. El expulsaba polo ben da organización. El depuraba este ano para ser forte no ano 2000 (…) Ninguén sabe o que sufría Benito cando non o comprendían. Benito comparaba o proceso revolucionario cunha práctica de hixiene. O núcleo dirixente tiña que ser operativo, coherente e reducido. Un día convocou a reunión do núcleo dirixente e deuse de conta de que só el fora o invitado. Aquel dia non deseñou a revolución pero decidiu depurar á telefonista”. O Chichi Campos e o Lois Pereiro escangallarían da risa ao ler das fazañas sectarias do Benito publicadas por Rivas, todo hai que dicilo, coa beizón de Afonso Eiré. Chichi e Pereiro, os dous, soportaron vivos e xa mortos, a moitos coma o Benito das purgas. E o Rivas, non é de estrañar, gozaría igual co 1º de Maio de cómic daquel par de xemelgos impúdicos.

No mesmo número d’A Nosa Terra no que se publicou o cómic de Campos e Pereiro –e só por 75 pesetas– na contraportada, o columnario de Manuel Rivas.

Máis do Chichi Campos en A Nosa Terra

O xogo de irreverencias que deitou o Chichi en A Nosa Terra, cun estilo e trazo a circular entre El Perich e o máis banal debuxante de Jaimito ou do DDT, non é exclusivo de datas antes intocables como o 1º de Maio. Atrevíase con calquera cerimonial repintado desde o poder ou esaxerado polo “postureo” desa modernidade de tinturaría que aterrou por man da chamada Transición. Amigo de Eduardo Blanco Amor, chegou a tempo de intimalo e gozalo e ao escribir del, e como superlativo e solidario homenaxe, adiantándose décadas, aproveita as páxinas d’A Nosa Terra, marzo de 1991, para anunciar que, “como Eduardo (…) eu tamén son maricón”. Contundencia confesional que continuaba cun inusual aviso a mareantes: “Noutro número xa falarei mal de alguén que mariconazos dos de verdade si que hai. E a centos”.

É que Chichi Campos soltaba a lingua en vivo e en directo, en prosa e en caricatura. Cronista da vida social galega non oficial —o texto que titulou en 1984 “O acto” é unha peza gloriosa— era quen de arremeter tanto contra o que ollaba no medio dunha folga xeral como o que escoitaba na entrega dos Premios da Crítica ou, sen ter chegado por desgraza a ser novelista, deixarnos o mellor título que se lle puido poñer a unha novela en Galicia: “Carlos Oroza ou unha boa razón para comprobar que hai luz no contador”. Escribía daquela maneira sobre Castelao, Manuel Fraga Iribarne ou Ramón Piñeiro, como non de Lois Pereiro, do 17 de maio, da casa de Rosalía e, con razón resentido, non soportaba moito os xa acomodados profesores e profesoras da súa xeración, socialistas de aluvión engadidos. Mais pola contra comprendeu o primeiro Antón Reixa por conta dunha vacua frase, o prosaico “menos mal que nos queda Portugal” que, cando xa era algo máis que un beatnik descolocado, valeulle a Chichi de trincheira defensiva no persoal, despois de deixar a mediados os anos 80 o PCE dos seus riscos e amores de mocidade. Xosé Díaz escribiu do Chichi Campos, membro no seu día do todopoderoso comité central do partido de Carrillo, logo de que se fose, como Lois Pereiro, sen chegar a vello en 1991: “Fixo ben en marcharse antes da desfeita que nos agarda. Para facer de espectador de todo o que está a acontecer nesta terra despelexada haberá que ter un bon estómago, e el —seino de boa tinta— non o tiña preparado para semellante fartadela”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s