O libro nos medios de comunicación xeneralistas

Lendo e conversando. XAN CARBALLA

Lendo e conversando. XAN CARBALLA

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Como se gañan lectores a través dos medios de comunicación? Algunhas verdades sobre a prensa xeneralista e os suplementos literarios na cuarta carta a Dolores Vilavedra.

Xesús González Gómez.

Visto o panorama, como gañar lectores entre os novos sectores sociais que están, por así dicilo, “españolizados”, ou a piques de se “españolizaren”, e orgullosos de o estaren? Dolores Vilavedra afirma que “para esta tarefa seguen a ser imprescindibles espazos específicos en medios xeneralistas […]”. Talvez, mais hai que ir por partes. Espazos nos medios xeneralistas, si; “espazos específicos” non. Explícome. Hai uns anos, na defunta A Nosa Terra (nº 1.300, 28-II/5-II-2008) publiquei un artiguiño titulado “Para que serven os suplementos literarios?”. Era unha peza na que se intentaba demostrar que o suplemento literario era un gueto para o libro, un gueto de luxo, de acordo, mais un gueto. E iso sábeno autores, editores, críticos e xornalistas. Neste artigo lembraba a enquisa feito polo xornal Le Monde, na que se demostraba que só un 10% dos compradores do xornal ollaban o suplemento de libros –e iso dun medio considerado como o paradigma da modernidade, xornalística, francesa e comprado por clase media culta, consumidora de libros. No que respecta aos autores e editores, ben saben que vale máis unha entrevista na, por exemplo, última páxina do xornal que esa mesma entrevista publicada no suplemento de cultura. Os críticos, por último, se son conscientes do seu papel –é dicir, de puros intermediarios ou “mediadores”, cando non meros publicitarios– recoñecen que non lles fai caso nin cristo rei. E o mesmo ao que respecta no programa de radio que cita Vilavedra. De radio, feliz ou infelizmente, algo sei: traballei durante 30 anos nunha emisora, a facer de produtor de programas: os autores querían ser entrevistados nos magacines xeneralistas, se era posíbel, mellor os da mañá: o público era tamén “xeneralista”, máis “variado”. Nos espazos específicos de radio (ou de calquera outro medio de “comunicación”) o público adoita ser afeccionado ao tema: libros, arte, filatelia, radio-afeccionados, coleccionistas de tampóns de botellas de cava ou concurso de capadores de grilos. Nunha palabra, os espazos específicos escóitanos, como moito, un 10% da audiencia xeral desa emisora determinada. Que miren as enquisas. Por outra banda, e a falar do devandito Le Monde, está máis que demostrado que teñen máis influencia as pequenas recensións que se publican cada día, ou case cada día, na páxina de “Débats”, é dicir, opinión, que as longas recensión e/ou entrevistas de “Le Monde des livres”[1]. . Máis leña: segundo o amo-director-xerente de Éditions Gallimard, o medio escrito que máis inflúe na venda de libros en Francia é Télérama: unha publicación dedicada á… televisión. Os espazos específicos, repetímolo, son guetos e dificilmente entran en novos sectores, cando non puideron nin entrar nos vellos. Guetos para minorías, nin máis nin menos.

 

[1]Por outra banda, o lector curioso pode ollar este xornal durante toda unha semana: percibirá, doadamente, que os anuncios de libros aparecen en calquera páxina do diario… agás no suplemento “Le Monde des libres”. E a maioría dos anuncios que aparecen neste suplemento son de editoras “pequenas”. Por que será?… á parte do prezo do réclame.

Advertisements

Un comentario en “O libro nos medios de comunicación xeneralistas

  1. Pingback: Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela, non chorar cando desaparece” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s