Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela, non chorar cando desaparece”

montse-dopico

Montse Dopico. MIGUEL R. PENAS

César Lorenzo Gil.

Montse Dopico (A Pontenova, 1977) é a promotora do Magazine Cultural Galego, M_, espazo web de xornalismo cultural que comezou a súa andaina hai uns meses. Nun país afeito a chorar nos enterros dos proxectos periodísticos, esta xornalista (tamén se graduou en Historia, Antropoloxía, Socioloxía e Ciencias Políticas) demostra día a día que si se pode difundir a cultura en galego con esforzo e ilusión.

Converteuse nunha das xornalistas culturais máis activas de Galicia, máis recoñecidas polo sector e polos lectores interesados. E todo iso sen traballar no cadro de persoal dun xornal. Como é que se produce esa contradición?

Grazas! Coido que cada vez vai ser máis habitual que os xornalistas sexa máis ou menos coñecidos aínda que non estean na nómina dun medio. Primeiro porque moitas persoas que estivemos contratadas en xornais levamos moito tempo no desemprego. E segundo porque a información cultural, como moita outra información especializada, está a gañar espazos fóra dos medios convencionais.

Como xornalista freelance creou o espazo Magazine Cultural Galego. Cal era o obxectivo desta web e que balance fai logo destes meses.

Para facer balance aínda é cedo. Mais o feedback que teño é positivo. O dos lectores é moito maior do que tiña en calquera dos xornais nos que traballei. O Magazine tenta ser –dentro das miñas posibilidades– unha revista de xornalismo especializado. Non é un blog de crítica nin de opinión, que para iso xa hai outros na rede e moi bos. É un espazo para a entrevista en profundidade, a reportaxe, a crónica e a análise, que son os xéneros máis desatendidos nos medios convencionais. Nese sentido, a acollida do sector está a ser boa porque os creadores botan en falta espazos así, como saberás polo proxecto de Biosbardia.

O meu obxectivo inmediato ao crear M_ era darlle unha maior visibilidade ao meu traballo ao xuntalo nunha web. A miña prioridade, neste momento, é seguir a reorganizar M_ segundo a resposta que vou tendo –vou adaptando temáticas, ritmos…– e estabilizar e subir o número de visitas. A medio prazo, o obxectivo é que produza algún tipo de retorno. A longo prazo, gustaríame que fose o principio dunha estrutura máis grande, máis especializada aínda, sustentable economicamente e de interese para un público non só galego. O apoio dos lectores determinará canto tempo se manterá o proxecto e até que fase pode chegar. Non descarto nada. Se non sae ben, virán proxectos mellores.

No xornalismo especializado, como comentaba hai un anaco, é onde máis mudaron as relacións entre lectores e redactores. Hoxe o propio xornalista é unha marca. Está de acordo? En todo o caso, nun escenario no que escasean os medios nos que gañar a vida, para que serve ser unha marca, que outros beneficios (fóra do económico) se recollen?

De que mudaron as relacións cos lectores non teño ningunha dúbida. As axendas de actividades culturais, por exemplo, son moi importantes, mais o público xa as controla tanto ou máis ca nós a través de webs, blogs e redes sociais. Se os xornalistas aínda podemos ofrecer algo neste campo é unha información de calidade que axude a xerar debate sobre as cousas que interesan. Cun discurso crítico que vaia máis alá da clásica entrevista de promoción, de titular chamativo, foto bonita e catro preguntas improvisadas sen preparar moito ou nada o tema. Por iso é tan importante a especialización.

E con iso ten que ver a cuestión da marca pola que preguntas. Non estou moi convencida de que o da marca sexa algo tan novidoso. Neste oficio é moi difícil atopar un traballo enviando un currículo, por moi bo que sexa. O traballo móvese por nomes. É dicir, por marcas. Ninguén vai contratarte se non te coñece. Ocorre que antes a marca estaba máis asociada ao prestixio do medio no que traballabas. E agora non é tanto así.

Neste oficio é moi difícil atopar un traballo enviando un currículo, por moi bo que sexa. O traballo móvese por nomes. É dicir, por marcas. Ninguén vai contratarte se non te coñece. Ocorre que antes a marca estaba máis asociada ao prestixio do medio no que traballabas. E agora non é tanto así.

A cultura é unha das seccións menos atendidas en Galicia, tanto na prensa tradicional coma na nova prensa dixital. A que cre que é debido?

Eu matizaría esa afirmación, sen negala. Traballei varios anos nun xornal que tiña entre seis e oito páxinas diarias dedicadas a cultura e lingua. E era moi aborrecido escoitar as persoas que nos acusaban de non publicar cousas que si publicabamos. Quero dicir, que se non se fai caso do pouco que se publica –e daquela estaban tamén Vieiros, Xornal ou A Nosa Terra–, se cadra o problema non é que falte información senón que sobra, porque para quen non quere hai de máis. Nese sentido, penso que hai bastante xente instalada nun discurso pseudocrítico e cheo de clixés que produce o efecto contrario do que pretende. Non vexades os poucos programas culturais que quedan na TVG e negade a súa existencia, que lles estaredes dando argumentos aos que queren retiralos.

Non vexades os poucos programas culturais que quedan na TVG e negade a súa existencia, que lles estaredes dando argumentos aos que queren retiralos.

Dito isto, é verdade que á cultura se lle presta na prensa moito menos atención da debida. Se cadra non vende tanto coma os partidos de fútbol mais tampouco creo que vendan moitos xornais tantas roldas de prensa ás que só se vai para que quen ten o poder poida saír na foto e reproducir discursos baleiros. Mais eu creo que a cousa é máis complicada. Tentar tomar en serio a lingua e a cultura galega –ou mesmo a cultura de calquera outro país–, iría contra o ADN de boa parte dos medios tradicionais do país, para os que a cultura galega só pode entenderse como un apéndice subordinado e dependente da cultura en castelán sancionada polas televisións de maior audiencia. Adoptar unha liña crítica coa política lingüística e cultural da Xunta tampouco interesa porque crea problemas á hora de pedir subvencións. E niso as empresas non son vítimas senón cómplices, por teren alimentado esa forma de corrupción que é mercar o silencio coas subvencións das que era tan cómodo vivir.

Ademais, e sen sobredimensionar o potencial subversivo da cultura, que non creo que vaia traer a revolución, as elites ás que a prensa tradicional representa e protexe desprezan e temen. E por iso tentan calar, a sociedade crítica, por mínima que sexa a súa capacidade de influencia, non vaia ser que lles pida contas, como fai moita xente que se dedica á cultura. Por iso tentan criminalizar as protestas das persoas que non tragan coa actual mutilación de dereitos e liberdades promovida para apontoar a oligarquía na que vivimos.

En canto á prensa dixital alternativa, creo que ás veces herda dinámicas da prensa convencional –como dar por suposto, sen ter datos, que a cultura non interesa ou, ás veces, poñer en cargos directivos ou intermedios persoas con pouca sensibilidade cara á cultura.

Mais tamén penso que se os lectores apoian a información cultural, haberá moita máis. A mellor maneira de demandar información cultural é lela e compartila e non chorar cando xa non a hai. Porque no caso da prensa dixital non se dan os conflitos e contradicións que a cultura supón para a prensa convencional. O problema é máis ben a falta de recursos, que se concentran no que xera un maior número de visitas, caso da información política.

Pensa que os axentes implicados na industria cultural son conscientes da importancia da difusión dos seus produtos na prensa? Que eivas detecta no seu día a día? Que recomendacións lles faría para ampliaren a base de receptores?

Depende dos axentes. Hainos que si fan un esforzo moi grande por difundir os seus produtos. O que ocorre é que, nunha situación tan difícil como a actual, de tanta precariedade, aos creadores non lles quedan tempo nin recursos para a comunicación, como non lles queda para traballar a xestión ou a distribución como sería necesario. Mais si que creo que tamén hai xente que non é consciente da importancia da comunicación. Nin páxina web, nin presenza nas redes sociais, nin notas de prensa para avisar do que fan…, nin uns carteis para poñer na perruquería e nas tendas cando vas actuar a unha vila, que se cadra é máis eficaz que unha entrevista no xornal local.

O primeiro que lles recomendaría é que teñan coidado cos tópicos que ás veces eles mesmos alimentan. O xornalista non é o inimigo. É un traballador que fai o seu labor nunhas condicións cada vez máis precarias, que na maioría dos casos non pode especializarse nin pararse en nada porque o máis probable é que sexa unha persoa que nun só día escribe sobre cultura, política, economía e sobre o que cadre e a toda velocidade, porque un xornal parécese máis a unha fábrica de chourizos ca a un centro de ensino. Mellor as actitudes colaborativas que as defensivas. Son moito máis útiles. E en todos os medios, tamén nos convencionais, hai espazos de liberdade e redactores que fan cultura porque lles gusta e lles importa. Que os busquen e que tenten manter unha relación máis ou menos fluída con eles.

“As seccións de Cultura dos xornais gañarían lectores se mirasen máis para abaixo ca para arriba”

Xesús González Gómez opinaba en Biosbardia a semana pasada sobre os modelos de difusión da literatura nos medios xeneralistas. El considera que os suplementos culturais son guetos, que o que realmente gaña lectores é ter minutos no “Hoy por hoy” ou que che fagan unha entrevista no “Galicia por diante”. Como ve este tema?

Non sei se a audiencia dos medios franceses (a referencia que fai Xesús González Gómez) é o mellor medidor para o caso galego mais sospeito que non. Primeiro, coido que hai que apuntar unha cousa: Ocorre que, ás veces, xornalistas e críticos pensamos que somos máis importantes do que somos. Que os suplementos culturais non van cambiar os hábitos de consumo da sociedade? Pois claro que non. Mais, a ver, que a xente non vai saír correndo en masa para as librarías porque se faga unha entrevista nun programa de radio ou porque se publique unha crítica nun xornal. Para iso precísaríase unha campaña publicitaria moi agresiva, un auténtico bombardeo, que non tería ademais pouso ningún na porcentaxe de lectores do país.

A min paréceme ben que a cultura estea no ‘Hoy por hoy’ e no ‘Galicia por diante’ e gustaríame que estivese máis nos telexornais da TVG, por exemplo. Claro que a cultura ten que estar nos programas xeneralistas. Non hai razón para excluíla porque é parte da realidade, simplemente. Mais unha cousa é vender un produto en concreto e outra é crear novos lectores, que sospeito que é un traballo máis de fondo. O traballo ten que comezar na escola, nas familias e nos espazos de lecer. Os medios non son o único axente de socialización. Nin fan milagres. Eu nunca crin na máxima de que o que non sae nos medios non existe. Nunca foi verdade e coa internet é cada vez máis mentira. E, se cadra, para atraer nenos e nenas e adolescentes “españolizados”, como di González Gómez, por exemplo, podería ser moi útil algo tipo Xabarín Club. Programas de cultura e entretemento axeitados para a súa idade.

Dolores Vilavedra foi quen iniciou este debate: falaba de que os medios especializados temos seareiros, non gañamos lectores, nin para nós nin para os libros dos que falamos. Está de acordo? Que aprendeu vostede da súa propia experiencia co M_?

Fiando co anterior, son consciente de que os suplementos culturais só os le xente que xa está interesada na cultura. Mais o mesmo pasa coas seccións culturais dos xornais. Por iso a información cultural adoita ser máis libre e estar sometida a menos censuras ca a política, por exemplo. Mais pasan varias cousas. Primeiro, a atención que se presta á cultura no día a día debería ser moito maior. Non vale con ter un suplemento cultural para xustificar que se lle fai caso á cultura. E refírome, en concreto, aos xornais de maior audiencia e repercursión. Non ten sentido mesturar allos con bugallos –cultura con sociedade, por exemplo. Nin ten sentido darlles páxinas e páxinas ás loitas de poder dentro da Real Academia Galega e ignorar a cantidade de concertos que hai no país cada fin de semana.

Quero dicir, as seccións de cultura gañarían lectores para elas mesmas e para os ceadores se mirasen máis para abaixo e menos para arriba. Menos información institucional e máis información sobre o que fai a xente. Hai moita xente á que lle gusta ler ou ir ao teatro ou ir a concertos ou ver cinema. Mais se cadra non lle contamos o que lle interesa, e inclúome. E non estou a falar de baixar a calidade nin de sacar só caras coñecidas. En canto aos suplementos culturais, ás veces parece que ás empresas lles interesa mantelos neses guetos dos que falabamos. Que un suplemento cultural non teña o seu espazo na web –podería ter un blog, por exemplo–, non ten moito sentido a estas alturas. Sobre os medios especializados, o mesmo digo. A Jot Down e a Orsai non son o Marca nin o As. Nin falta que lles fai. Mais chegan a moita xente. E están a xurdir moitos máis proxectos semellantes, en castelán e noutras linguas. Do Magazine, cando leve dous anos ou así, se é que chego alá que non o sei, xa lle contarei a Dolores Vilavedra. Se teño que darlle a razón, dareilla.

Que xéneros considera máis acaídos para tratar a cultura?

Todos. Tan importante é a noticia coma a reportaxe, a entrevista a crónica ou a análise, cada unha no seu espazo. Mais, como xa dixen, se tentamos competir co facebook levamos as de perder. Xa non vale con confundir información con promoción.

Hai máis riscos nesta área ca noutras de acabar pensando máis nas fontes ca nos lectores cando se escribe?

Por suposto que si. Cando entrevistas un político non pensas, ou non deberías pensar, en apoiar o seu partido. Cando te especializas en información cultural é porque che gusta e porque queres. Non estamos para apoiar a cultura: pensar iso sería un pouco paternalista, sempre o digo. Estamos para contar o que fai a xente –e o que fan os que queren impedirlles que o sigan a facer– e para xerar un discurso crítico, que é algo que ás veces conseguimos e ás veces non. A cultura impórtanos. E ás veces o noso erro é a falta de crítica e de autocrítica. Falábao hai pouco cunha dramaturga e directora teatral. Ela dicía: se hai cousas que non funcionan na miña obra, por que ninguén mo di? Por que só nos facemos a pelota uns a outros?

O país é demasiado pequeno e ninguén quere prexudicar a cultura galega, por responsabilidade. Por iso ás veces á crítica fáltalle crítica, precisamente. Mais tamén ás veces aos creadores lles falta autocrítica. Creo que é moi difícil facer boa crítica. Mais penso que hai xente moi boa e cada vez máis. Considero moi positivo que haxa plataformas como Biosbardia ou Letra en Obras ou Fervenzas Literarias ou Trafegando ronseis…, ou blogs persoais de referencia.

Dicíame hai pouco unha dramaturga: se hai cousas que non funcionan na miña obra, por que ninguén mo di? Por que só nos facemos a pelota uns a outros?

Tampouco estou de acordo con outro dos tópicos do xornalismo, que é que só o que non interesa que se publique é noticia e o resto é propaganda. É importantísimo falar de casos de corrupción e denunciar as mentiras de quen ten o poder, mais a realidade non é só iso. O noso trabalallo non é axudar a vender libros nin discos. Mais non é igual unha cultura normalizada ca unha que non o está e iso haberá que telo en conta.

“A carreira de Xornalismo non ten sentido”

Coida que hai “mercado” para novos medios profesionais nos que a cultura sexa un dos seus piares?

O que non se vai poder soster son grandes estruturas con cargos directivos que non fan nada e que cobran salarios situados moi por enriba das posibilidades da propia estrutura. Mais se cadra si é posible manter estruturas pequenas, que se diferencien por ofrecer produtos de calidade e nas que sexa posible remunerar o traballo de traballadores e colaboradores dun xeito digno. Cun equipo de traballo pequeno, sen beneficios que repartir nin elites que manter. ¿Non poderiamos gañar lectores se puidésemos crear unha revista de xornalismo cultural que atendese a cultura de base e que se abrise a outros mercados alén do noso? Se cadra si.

Pensou vostede en abandonar o xornalismo e dedicarse á comunicación cultural corporativa, por exemplo, que quizais dea máis lucro?

Pensei e sigo pensando en mudar de profesión e facer algo que dea para vivir. Non descarto nada porque levo tres anos no desemprego, as colaboracións non dan para vivir e a miña caixa de resistencia non é eterna. Mais non teño pensado deixar o xornalismo. Se cadra si compatilizalo con otra cousa, se non queda máis remedio.

Que lle diría a quen está a pensar en estudar Xornalismo ou xa está a estudar e ademais quere dedicarse ao xornalismo cultural?

Preferiría non contestar a isto mais… eu creo, e sempre pensei, que a carreira de Xornalismo non ten sentido. A ser xornalista non se aprende nunha facultade senón traballando. Penso que é moito mellor estudar outra cousa, especializarse nalgún campo e despois facer, como moito, un posgrao en Xornalismo. Creo que un dos problemas do xornalismo é a falta de formación dos xornalistas. E creo que a formación hai que buscala fóra das facultades de Xornalismo, que non cha van proporcionar. En Santiago había algunhas materias interesantes e algúns profesores e profesoras bos, e mesmo moi bos, mais eran a excepción. Catro anos son demasiados. Non sei como está agora a facultade, supoño que melloraría porque daquela estaba empenzando.

Xabier López López alertaba hai pouco do perigo de confundirmos o canon coa lista dos máis vendidos. A escolla dos medios de comunicación baséase máis no impacto dun libro ou un autor ante o público ou séguense criterios baseados na calidade?

Eu do canon non entendo e as listas dos máis vendidos a verdade é que case nunca as leo. Hai autores e autoras que son noticia só por ser quen son. Un libro de Manuel Rivas é noticia. Mais é noticia porque ten unha traxectoria. E, para ben ou para mal, en Galicia non son tantos os autores e as autoras que son noticia si ou si. O problema non é ese, na miña opinión. Coa literatura galega non é unha cuestión do que vende ou o que non –coa literatura en castelán si que funciona moito máis ese criterio comercial. As persoas que escribimos sobre literatura precisamos algún criterio para escoller. Eu non podo ler todo o que se publica. É completamente imposible. Por iso que coñeza o autor ou autora, que a editorial me pareza boa ou que o libro gañase un premio son criterios decisivos na miña escolla. Se o libro me parece horrible, non falo del. Porque eu non fago crítica. Fago preguntas. E non vou darlle espazo a un libro que me parece malo para quitarllo a un que me parece bo. Tampouco penso que teñamos que darlle ao noso traballo unha importancia que non ten. A min, como lectora, unha entrevista cunha autora pode axudarme a entender mellor un libro seu, a dialogar coa súa obra doutra maneira. Tamén pode axudarme a decidir se un libro vai interesarme máis ou menos, ou a saber sobre o que se publica.

Se o libro me parece horrible, non falo del. Porque eu non fago crítica. Fago preguntas.

Imaxine que acabo de chegar a Galicia e quero ler autores “indíxenas”. Recoméndeme cinco nomes das nosas letras.

É un pouco difícil. Recomendaría xente viva: Teresa Moure. Olga Novo. Daniel Salgado. Antón Riveiro Coello. E Manuel Rivas.

Que libro acabou de ler hai pouco? Non me valen lecturas “para o traballo”.

Non distingo entre traballo e non porque todo o que leo acabo aproveitándoo para o traballo, aínda que non sexa de modo inmediato. O último libro que lin foi Os anxos nunca dormen, de Teresa González Costa. Ando folleando un manual de filosofía, os volumes do Copleston, de Frederick Copleston.

Advertisements

3 comentarios en “Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela, non chorar cando desaparece”

  1. Pingback: Montse Dopico: “A maneira de demandar información cultural é lela” | Letra en Obras

  2. Pingback: Carme Vidal: “Sobrevivir no oficio do xornalismo comeza a ser unha fazaña” | Letra en Obras

  3. cojonudisimo…incrible resumo da situación cultural actual. Fainos sentir culpables os que apenas atendemos a este sector por comodidade e falta de criterio, pero estanos ben empregado!. Bravisimo! a seguir así.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s