Debo ler o ‘Ulises’ agora que hai versión en galego?

Marilyn Monroe lendo o 'Ulises', de James Joyce, no 1954. EVE ARNOLD

Marilyn Monroe lendo o ‘Ulises’, de James Joyce, no 1954. EVE ARNOLD

O Ulises, de James Joyce, está considerado un dos grandes libros do século XX. A súa influencia sobre a literatura chega aos nosos días e a pesar dos seus cen anos segue a ser unha obra de referencia en todo o mundo. A relación coa literatura galega vén de vello, cando Ramón Otero Pedrayo traduciu na revista Nós uns fragmentos daquel revolucionario título chegado de Irlanda. Agora, Galaxia publica en galego esta novela. O traballo de tradución, a cargo de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso e Xavier Queipo, acaba de ser recoñecido co premio á mellor tradución do 2013 pola AELG.

Manuel Veiga Taboada.

Un amigo pregúntame se debe mercar o Ulises, aproveitando que acaba de ser publicado en galego, pola editorial Galaxia, nunha fermosa edición. Non vou responder aquí a iso pero si intentarei ofrecer algunhas pistas orientadoras ao respecto.

Joyce comezou a escribir a súa obra capital hai exactamente un século e tardou sete anos en concluíla. Para vela publicada tivo que facer non poucos esforzos e implicarse persoalmente ao máximo no labor. Cando por fin saíu á luz foi censurada, por obscena, en varios países, entre eles os Estados Unidos. Existe xa unha amplísima bibliografía que trata estes aspectos que, por outra parte, non son o obxecto deste artigo.

Digamos que en galego dispomos, desde 1990, e grazas a Xerais, dunha tradución de Dublineses, magnífico libro de relatos que me gusta definir como unha das obras cume da literatura galega, en alusión ás similitudes entre o tipo de sociedade irlandesa que nela se reflicte e o noso propio mundo. Tamén nos chegou, en 1994, esta vez da man de Laiovento, a versión galega de O retrato do artista cando novo, un libro que deixa transparentar o ton presuntuoso, e en consecuencia escuro, dun mozo consciente da súa precoz brillantez. Ese mozo volve aparecer, no personaxe de Dedalus, no Ulises, xa matizado e enmarcado sobre todo polo verdadeiro protagonista, Leopold Bloom. En todo o caso, tampouco imos internarnos aquí nos múltiplos detalles e derivas que pode suscitar a obra, en xeral, de Joyce, abundantemente estudada en moitos lugares e en moitas linguas, incluída a nosa.

Só engadiremos, para poñer fin a este apartado, que en galego dispomos tamén dun interesante traballo de Alberte Pagán dedicado a tratar (e nalgunha medida traducir) o derradeiro libro do irlandés. O ensaio, editado por Laiovento en 2000, titúlase “A voz do trevón. Unha aproximación a Finnegans Wake”.

Pero volvamos á pregunta inicial: Debe o meu amigo ler o Ulises? Ou maticemos: Para que tipo de lector foi escrito o Ulises? E aínda máis: Ten sentido hoxe facer ese esforzo (dando por feito que ler esta obra fai necesario como mínimo un certo esforzo de concentración)?

Nunha entrevista recente, realizada con motivo da súa xubilación, o editor Constantino Bértolo afirmaba que a súa editorial, Caballo de Troya, selo minoritario do grupo Random House-Mondadori, estaba orientada a lectores que querían escribir, mentres que Anagrama editaba libros destinados aos que pretendían converterse algún día en escritores e tamén a aqueles que xa desistiran; por último, Planeta, editaba libros para persoas ás que nunca se lles pasara pola cabeza escribir un libro.

Vén esta definición de Bértolo, tan suxestiva como persoal, a conto dunha frase que se repite moitas veces: “O Ulises é un libro para escritores”. Esta taxativa afirmación suscita non obstante outra pregunta inmediata: “E para que tipo de escritores? Pregunta lóxica, posto que todos sabemos que entre os narradores existe unha variedade tan grande como entre os músicos e unha cousa é escribir unha composición para orquestra e outra moi diferente intentar conseguir o éxito do verán. Tamén se deduce facilmente que haberá lectores que acostumen a ler obras de enriquecedora complexidade e que poden gozar co Ulises, mentres que hai escritores, adscritos á prosa de suxeito, verbo e predicado, que para nada se sentirán concernidos polos xogos terminolóxicos, ás veces excesivos, de Joyce.

Ulises é unha obra para persoas con curiosidade, insatisfeitas coa prosa repetitiva que copa os andeis das librarías e as promocións de certas editoras.

Como conclusión desta parte, eu diría que o Ulises é unha obra para persoas con curiosidade, insatisfeitas coa prosa repetitiva que copa os andeis das librarías e as promocións de certas editoras. Certo que a literatura, como a arte en xeral, sempre foi vítima dos tópicos. A diferenza actual é que o crecemento das comunicacións intensificou a presenza deses tópicos, o que non quere dicir que hoxe non siga habendo espazos para o diferente. A cuestión é que as persoas seguimos tendo o mesmo número de horas dispoñíbeis para a lectura pero a intensificación dos lugares comúns, a persecución á que nos someten os departamentos comerciais ou, por que non dicilo, a suxestiva invitación dos suplementos de cultura máis prestixiados –aínda que ultimamente obsesionados tamén co negocio– a que leamos a típica novela que “engancha” e que ao mesmo tempo nos conta os segredos da II Guerra Mundial, acaba por quitarnos tempo para as disidencias. A graxa literaria imponse sobre a proteína, o cómodo sobre o estimulante, o costume sobre a innovación.

Novelas e iogures

Vemos como moitos autores caen, non xa na imitación das boas obras do XIX, o que aínda resultaría loábel, senón no arremedo do folletín, o que naquela época se chamaba “historias para criadas”. Non moi lonxe desa liña encóntranse as novelas “con noticia”, das que tamén fala Bértolo. A novela adecuada parece ser agora aquela que é posíbel resumir nun titular ou a que se sostén sobre unha trama sintetizábel en cinco ou seis liñas. Pero como dicía, nun artigo recente de El País, creo que Juan José Millás, a literatura non é un ben consumíbel, a novela sigue existindo despois de que ti a leas, non é un iogur.

O dito non significa que as obras literarias, incluso as boas, non teñan data de caducidade. En 1938, o crítico inglés Cyril Connolly escribiu que, moi pronto, unha novela que siga tendo valor dez anos despois de publicada constituirá unha excepción. Non imos entrar aquí no concepto de obra clásica pero si debemos insistir na pregunta: Segue merecendo a pena a lectura do Ulises? A resposta debería ser sincera, deixando a un lado a típica sacralización da obra de arte que moitas veces non só ten pouco que ver coa lectura real senón que en moitos casos incluso nos aparta dela. E ler literatura debe ser sempre un pracer. Certo que, como xa se deu a entender máis arriba, non todos gozamos, nin moito menos, da mesma maneira, pero iso non significa que a novela poida ser simplemente un obxecto de estudo ou unha mina de sal para eruditos. Creo que probabelmente chegará un día no que tamén o Ulises lle deixe de interesar a un número significativo de lectores pero a pregunta é, de novo, estamos xa ás portas dese día?

A esmorga en Dublin

Sabido é que a obra de Joyce desprega, moi a propósito, un abano variado de estilos, pero o importante é que, sobre todo, a súa lectura, incluso a súa lectura por capítulos ou a tramos, segue producindo en nós un efecto revitalizador, chocante, visceral. E creo que é precisamente a volta ás convencións literarias e sociais, que se veu producindo nas últimas décadas, a que máis contribuíu a que se manteña seca e activa a pólvora do irlandés.

A súa tradución ao galego ofrécenos, por outra parte, un interese engadido, especial. Refírome á representación do ton e da linguaxe popular, incluso vulgar, que Joyce busca na obra. A riqueza de rexistros na nosa lingua a este respecto é moi ampla e os tradutores foron conscientes de que debían e podían aproveitala moi ben. A fala galega atópase cómoda paseando polas rúas de Dublin, entrando en tabernas e prostíbulos, vendo pasar coches fúnebres e respondéndolle con silencio ou con ironía e astucia ás actitudes dos curas, dos británicos e daquel que lle pon os cornos a Leopold Bloom. Sería, a este respecto, moi interesante unha análise comparativa entre o mundo frustrado, sen orgullo e ás veces delirante do Ulises e o que deixa transparentar A Esmorga, outro tour de force polas rúas dunha cidade.

É un libro difícil de entender? Digamos que para comprendelo ten importancia, non só ler a modo a fin de ser capaz de absorber a densidade de referencias e a pluralidade de sentidos coas que xoga moitas veces o texto, senón tamén outro tipo de preparación. Por exemplo, é importante que o lector teña unha certa idea da historia da Irlanda da época. Cando menos, consultar o Google axudará a comprender algunhas cuestións. Dificilmente se entenderán as alusións a Parnell, por exemplo, se se descoñece que era o líder nacionalista daquel tempo e sen saber o que lle sucedeu. Joyce fai moitas alusións, moi agudas, pero non se dedica a informar, para iso convén recorrer a outras lecturas, non digamos xa á biografía de Hellmann, pero si cando menos ao excelente comic Dublinés, de Alfonso Zapico.

Por exemplo, é importante que o lector teña unha certa idea da historia da Irlanda da época. Cando menos, consultar o Google axudará a comprender algunhas cuestións.

Cómpre ter moi en conta que aínda que hoxe o Ulises represente un dos principais fitos do cosmopolitismo literario, en realidade trátase dun libro moi asentado e enmarcado no seu territorio e na súa época. Joyce é, na práctica, contrario, tanto desde o punto de vista temático como estilístico, á chamada literatura internacional, que recorre sempre a referencias nítidas e coñecidas en todas as partes, iso que Antonio Tabucchi chamaba “literatura de aeroporto” e que hoxe domina, case en exclusiva, o mundo das traducións.

Polo demais, o novo lector do Ulises encontrarase cun libro que mantén unha agudeza crítica non superada, quérese dicir que o sarcasmo multidireccional de Joyce segue sendo válido hoxe en día e pode que descubra incluso que ese certeiro desvelamento de hipocrisías diversas vai máis alá aínda do que acostuman a ir a maioría dos narradores actuais, con independencia do lado do espectro ideolóxico no que eles mesmos se coloquen. O Ulises é por suposto unha obra irreverente e contén elevadas doses de humor. Sobre isto do humor é quizais necesario dicir algo. A crítica de vocación académica parece crer que todo o escrito polos autores máis recoñecidos está traspasado por unha irresistíbel gravidade, quizais coa excepción do Quixote, unha obra na que resulta imposíbel ocultar o seu nervio surrealista avant la lettre. O Ulises non resulta quizais unha obra tan humorística como o Quixote ou o Tristran Shandy, pero de todos modos o humor e a parodia –ás veces, é certo, unha parodia da propia literatura e dos diferentes estilos literarios, difícil de apreciar para quen non é angloparlante ou cando menos un bo connaisseur– están presentes en case cada unha das súas páxinas e podemos dicir que incluso en case todos os seus parágrafos e así, baixo este prisma, de distanciamento retranqueiro debe ser lido.

Do Ulises poderíase dicir, polo demais, que alberga, desde o seu primeiro substrato, un compendio da cultura clásica que Joyce tiña metida na súa cabeza desde a época na que estudou nos xesuítas, pero tamén se podería dicir que as súas elipses prefiguran a linguaxe publicitaria moderna. Digamos, en definitiva, que o Ulises debe ser lido sen medo, saltando páxinas cando apeteza e volvendo a el en calquera momento. A súa poderosa riqueza non está aínda nin moito menos superada.

Persoalmente, debo dicir que telo na miña biblioteca, no lugar máis próximo ao ordenador no que traballo, e a carón dun Quixote, tamén en tradución galega, fanme sentir a gratificante sensación de que a miña lingua alcanza para chegar a todas partes e a nós, os seus usuarios, con ela.

 

Ulises debe ser lido sen medo, saltando páxinas cando apeteza e volvendo a el en calquera momento.

Advertisements

Un comentario en “Debo ler o ‘Ulises’ agora que hai versión en galego?

  1. Pingback: Dez libros a proba de area de praia | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s