As diferenzas entre lectura e literatura

Muller lendo. PAUL BENCE/FLICKR

Muller lendo. PAUL BENCE/FLICKR

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Xesús González Gómez.

Outro dos “elementos” que, din –e aquí Dolores Vilavedra non é a única defensora–, pode realizar o desexo de entrar en novos sectores sociais e gañar lectores é a famosa “novela popular” (con este termo refírome tanto á novela policial como á de ciencia ficción, á histórica como ao best-seller, etc), e/ou a chamada “literatura de masas”. Non me porei a analizar que significan un e outro termo; tanto sobre unha como sobre a outra tense falado moito e moi ben, aínda que cabe diferenciarmos moito e, sobre todo, analizarmos se no século XXI, nas sociedades occidentais, ás que pertence Galicia por situación e historia, pode existir unha literatura popular. Que talvez exista, mais silenciada completamente, por todos; mais este sería tema para outro artigo.

Nunha mesma editora, que ten unha colección dedicada á novela policial (unha editora hispano-catalá): os libros menos vendidos son os de… Raymond Chandler, Dashiell Hammet, Ross MacDonald, James Sallis, etc, é dicir, os grandes autores policiais.

Isto –o de gañar lectores de literatura por medio da literatura de masas– é, simplemente, unha falacia. Maior que a catedral de Santiago. Feliz, ou infelizmente, nunca se sabe, a lectura é un acto individual, e os resortes que levan a unha persoa a ler un ou outro libro son, por así dicilo, múltiplos. Pode darse moi facilmente, e a falta de enquisas diríamos que se dá nun 90%, que aqueles que len, por exemplo, novelas policiais só len novelas policiais e, ademais, cando se trata de novelas policiais de calidade, non acaban de lles gustar. Miren vostedes, por exemplo, nunha mesma editora, que ten unha colección dedicada á novela policial (unha editora hispano-catalá): os libros menos vendidos son os de… Raymond Chandler, Dashiell Hammet, Ross MacDonald, James Sallis, etc, é dicir, os grandes autores policiais, nos que –coas diferenzas debidas entre uns e outros– o policial é un pretexto para facer literatura; no sentido que se lle entrega á palabra ao longo de toda esta perorata. Julian Barnes, para facer cartos, fixo catro novelas policiais co pseudónimo de Dan Kavanagh, novelas que eran, en certa maneira, literatura, mais que non o tiraron nin do anonimato nin lle proporcionaron moitos cartos. O mesmo aconteceu con Paul Auster e a súa novela policial, asinada co nome de Paul Benjamin, que pasou sen pena nin gloria. Só coñezo o caso de Banville (John), que tamén conseguiu triunfar como novelista policial, co nome de Benjamin Black. As súas novelas policiais non son malas, mais nada a ver coas obras que asina co seu verdadeiro nome, estas son literatura pura. Aquelas, novelas de entretemento, moi ben escritas e con certos momentos de literatura (infelizmente só certos momentos). Pode un adicto a estas últimas dar o salto ás novelas literarias de Banville? Ou se queren, un exemplo máis concreto, especificamente noso, é dicir, galego: cantos lectores d’O catecismo do labrego, best-seller até a década do 1980, continuaron a ler un libro en galego? Non hai que confundir as cousas, repito. Unha cousa é ler e outra é ler literatura, esta última, durante moito tempo, se é que algunha vez cambian as cousas, continuará a ser minoritaria. E máis en Galicia e en galego. Esas “obras” polas que se suspira nada teñen a ver coa literatura, son obras, precisamente, escritas para aqueles que non len literatura, ou para dicilo con palabras de César Lorenzo Gil nesta mesma páxina: “[…] narrativa de quiosco, elo popular que prendía na lectura capas sociais afastadas polo xeral de lecturas consideradas literarias” (recensión de Contos no nicho, VV.AA., Urco, 2014). Mais non hai que desesperar, senón botar man do que botaron os nosos devanceiros máis afastados e máis próximos: a vontade. Porque a literatura galega só existe grazas á vontade. E así será durante moito tempo, se é que somos capaces de resistir.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s