A “rebeldía da mocidade” xa non existe

Concentración do Movemento 15M en Barcelona o 15 de xuño do 2011. JESÚS G. PASTOR/FLICKR

Concentración do Movemento 15M en Barcelona o 15 de xuño do 2011. JESÚS G. PASTOR/FLICKR

Que foi do 15-M? Tres anos despois, que quedou daquel espírito rebelde da mocidade? Houbo algunha vez mocidade rebelde?

Colectivo RSU (Residuos Sólidos Umanos).

Aquilo que hai anos se coñecía co nome de “rebeldía xuvenil” xa non existe, non se ve por ningún sitio. Estamos a falar dun concepto do século XX e, máis en concreto, da súa segunda metade. Este xa non é, polo tanto, o seu momento. As organizacións xuvenís dos partidos cheiran a urinario de asilo. Nas manifestacións predominan os pelos brancos. O 15-M ten lemas de taberna de emigrante estremeño, perdido na Gran Vía de Madrid. O 15-M é puro desodorizante de universitario que soña con viaxes low-cost e cunha prostituta rusa, de dezaseis anos, nun piso pagado a medias con outros catro compañeiros. A prostituta sae de dentro dunha gran torta de merengue de varios pisos e eles mastúrbanse ao redor e intentan píntala de novo co seu esperma branco.

Pero, existiu algunha vez unha mocidade rebelde? Hai agora cen anos, nos campos de batalla de Verdun, caían un millón e medio de rapaces, desangrándose até morrer. Nunha pequena zona, de apenas uns poucos quilómetros cadrados, non quedou un só centímetro de terra que non estoupase batido por unha granada. Hoxe eses lugares poden ser visitados, o turista pode incluso escaravellar e levar algún resto. Tamén ofrecen un excelente viño e café.

Uns poucos mozos desertores da Gran Guerra, procedentes de varios países de Europa, crearon en Zurich o Café Voltaire. Alí naceu o dadaísmo. Ao final da mesma rúa vivía Lenin. Algunha vez pasou polo café. Poucos meses máis tarde tomou un tren blindado, camiño de Rusia.

Salvo ese grupo de dadaístas, que non chegaron a ser máis de sete ou oito, os demais mozos dedicábanse a obedecer. Iso os varóns. As mulleres chegaban, como acios de uvas, ás estacións de tren das cidades e alí mesmo comezaban a ser cooptadas como prostitutas. Moitas eran menores, a maioría fuxía do campo. Até os famosos ballets de París, célebres polos retratos de Degas, eran centros de recrutamento de menores, por parte de varóns ricos e barbados que asistían ás representacións e trataban o seu asunto pederástico coas nais que estaban por alí, en attendant, e que aceptaban encantadas: un estómago menos que encher, aínda que fose un pequeno estómago.

A primeira risa das mulleres novas coincidiu coa II Guerra Mundial, cando os homes foron á guerra e elas conseguiron entrar a traballar nas fábricas. Eran conscientes de que ganaban autonomía e liberdade. Por iso saen sempre rindo nas fotos desa época. Despois, obrigáronas a volver de regreso ao fogar e a obedecer de novo.

Mais ou menos por 1950, un rapaz de rostro sensual, beizo inferior groso, algo parecido a Elvis, sobre todo no peitado, e que se facía chamar Isidore Isou, inventou en París a Internacional Letrista. El foi quizais o primeiro que dixo que “o mundo lle pertencía á xente nova… sempre que fose capaz de construílo”. Aquilo foi o xerme, despois veu a Internacional Situacionista, herdeira directa das ideas de Isou, e despois os sesenta, o Maio francés, o rock. Non é que a mocidade non crese en nada e desexase novos mitos, é que ela mesma era de pronto o propio mito. Como non apuntarse en masa? Por fin, ter menos de vinte anos significaba algo positivo. Eras algo máis que un home incompleto, eras todo, querías todo e queríalo de inmediato. Esta parte de historia xa resulta moi coñecida. Todo continuou, por suposto, até o lema “Que grande es ser joven en El Corte Inglés”. É un dos signos que marcan o punto final. Por esa época, ou un pouco antes, comezou o declive. O capitalismo descubrira unha nova e potente franxa de consumidores.

Hoxe mesmo, a mocidade volve ser carne de canón. Prostitutas autoxestionadas desde a súa casa cunha webcam. As mulleres dispoñen cando menos diso. Aos homes téntanos para que se fagan nazis, pero aínda os domina a preguiza. Están, polo de agora, tocando a barba en canto sae impreso o seu currículo número 4756.

Lectura aconsellábel: Os comics de Tardi dedicados á I Guerra Mundial.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s