Eu teño a fórmula para gañar lectores

Lendo na praza. STEFANO CORSO/FLICKR

Lendo na praza. STEFANO CORSO/FLICKR

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Sexta carta dirixida a Dolores Vilavedra. Desta volta completamos a análise sobre a necesidade de encontrar vías para gañar lectores en lingua galega.

Xesús González Gómez.

Cómpre deixarse de parvadas. Comezar a diferenciarmos claramente o que é literatura do que é lectura, porque en Galicia, como no resto do Estado, hai moita xente que le: véxanse as tiraxes dos xornais, dos xornais deportivos, da prensa do corazón, etc. Ou, simplemente, as vendas de libros españois en Galicia. Algunhas das persoas que len xornais, prensa do corazón ou prensa deportiva cada mañá no bar en que toman o café, ou na perruquería, poden dar o salto á literatura, mais, cantas son? Nunca o saberemos, a falta de enquisas personalizadas, que serían moi caras. No que respecta a aqueles que compran libros en español, libros de literatura (o ensaio, a filosofía, etc. son outra cuestión e/ou outro problema), poden pasar a ler literatura galega? Penso que si. A solución: ao final desta carta me remito.

Cantos libros infanto-xuvenís, verdadeira industria cultural, se venden en Galicia ao cabo do ano? Cantos deses nenos que son agasallados con eses libros dan o salto? Trinta anos de lingua e literatura galega como materia fixeron algo pola venda e a lectura da nosa literatura? Pola venda, seguramente: os libros de lectura obrigatoria e/ou recomendados. E pola lectura? Vilavedra apunta que non, e estou de acordo. Mais o problema veu dado por moitas causas, unhas xerais –é dicir, que se comparten con todos os países da galaxia occidental–, outras particulares. Cantas obras infumábeis, insoportábeis, aburridas, de baixa literatura ou de literatura baixo cero, se recomendaron e/ou foron lectura obrigatoria da rapazada que se iniciaban na lectura? Como afirma Enrique Acuña nunha entrevista publicada en Biosbardia “[…] o noso sistema educativo fracasou en fidelizar lectores. Onde están todos aqueles rapaces que medraron lendo literatura infantil e xuvenil en galego? Por que ao chegaren a adultos abandonan a lectura no noso idioma? Quizais deberiamos ser autocríticos na escolla das lecturas obrigadas no ensino. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, é un clásico que gaña lectores; determinadas escollas que se repiten ano tras ano quizais non teñan esa capacidade”. Non vou dar títulos, que podería dalos por experiencia persoal: por sobriñas que leron, obrigadas e aburridas, finalmente cansas, certos libros que eran insufríbeis e que se algo tiñan a ver coa literatura eran algúns títulos da colección en que se publicaban e que se reproducían nas lapelas. As lecturas obrigatorias (sic) e/ou recomendadas caeron no populismo estético, que di Jammeson: é dicir, borráronse as fronteiras en nome do todo vale e a Literatura, con maiúsculas, esa que, como diciamos antes, implica un acto de fe de que aínda é posíbel acreditar nas comunidades humanas, e que tamén é símbolos, voces, camiños abertos cara á alteridade, confundiuse con ese outro tipo de obras e así acabamos tomados polo “populismo estético”, que conduce, necesariamente, á palabra “éxito”, que durante moito tempo, e aínda hoxe, semella ser o único que domina e a única medida con que e pode valorar a creación. Para dicilo claro: caemos na trampa do inimigo. E, por tanto, debemos facernos unha autocrítica, a revisión de todos os valores, para falarmos nietszcheanamente, e asumirmos que somos unha sociedade culturalmente colonizada, que dificilmente crea valores propios, que lle custa vender como valores universais. No momento en que a sociedade galega cree eses valores, virán os lectores. Antes, discusión sobre a venda de libros e os índices de lectura, temas sempre preocupantes, mais que non se solucionan escribindo sobre eles, senón actuando sobre a realidade, e os que deben actuar sobre esa realidade, neste caso concreto, e xa que mergullados estamos nunha sociedade de mercado neo-liberal (dirixida por unha oligarquía ídem), son… os editores. De aí que as editoriais, como escribín no seu día –e demando desculpas por tanta autocita– n’A Nosa Terra (nº 1410, 10-16 xuño 2010), debían ser interlocutoras da Consellaría de Industria, porque unha editora é unha empresa que debe manter uns postos de traballo. Pode que non nos gusten os libros que editan, mais se a editora se mantén, algo ben fará, nestes tempos tan difíciles.

Debemos facernos unha autocrítica, a revisión de todos os valores e asumirmos que somos unha sociedade culturalmente colonizada, que dificilmente crea valores propios, que lle custa vender como valores universais. No momento en que a sociedade galega cree eses valores, virán os lectores.

Como gañar novos lectores? A pregunta do millón que non ten resposta porque tal resposta non existe, polo que non hai máis remedio que ofrecer unha literatura, e un teatro e uns produtos artísticos, capaces de satisfacer cultural e esteticamente e non acabar facendo, en nome do lector a gañar e das vendas, unha literatura para colexiais. Sabendo, no entanto, que só se poderá sobrevivir se se conta cunha base ampla que rendabilice os produtos. Todo o demais, sentíndoo moito, e botar pedras no tellado da literatura e confundir esta co mercado.

Advertisements

2 comentarios en “Eu teño a fórmula para gañar lectores

  1. Dende logo que para gañar novos lectores de vintetantos-tantos e trintañeros para arriba, empezaría con libros de narrativa actual…Pedro Feijoo e Os fillos do mar, calqueira dos libros de Domingo Villar, 3 segundos de memoria de D.Ameixeiras, algún libro de M.Rivas, o Club da calceta de María Reimóndez, Sol de inverno de Rosa Aneiros, Agosto do 36 de f.Ferreiro, As rulas de Bakunin de Riveiro e os de Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa ou o último, a Viaxe de Gagarin. É difícil engancharse, falo moi persoalmente, con libros de M.Ferrín ou Carlos Casares, por citar dous exemplos…dos clásicos quedaríame con A esmorga, Sempre en Galiza, Merlín e Familia e Cantares Gallegos.
    Por outra banda non pode ser que o Ulises de J.Joyce custe en Galego 40 euros!! e en castelán, na edición de peto, 12 euros…eu non teño dúbidas de cal compraría.
    A parte disto, sendo o Galego unha lingua minorizada, no ámbito comercial, parece mentira que o día das letras o adiquen a un morto, que non se pode facer publicidade a sí mesmo. Se o das a un vivo, podería ir polas escolas, colexios e todo tipo de asociacións e colectivos dándose publicidade e polo tanto mostrando a literatura Galega…e regalen, regalen libros en Galego o día das letras, non hai mellor publicidade!
    Por outra banda, buscar nunha librería un libro en Galego, proben no fnac ou no corte inglés da Coruña, é como buscar unha agulla nun palleiro. Den premios, non subvencións, ó mellor escaparate e o que mellor publicite libros en Galego, creo que xa o fai a Asociación de Escritores en Lingua Galega.
    Hai que visualizar máis a nosa Literatura…por exemplo non hai editoriais que traduzan os libros en Galego ó castelán? a publicidade se ven de fóra véndese mellor…exemplo: a Praia das catedrais encheuse de visitantes porque saiu elexida a mellor Praia de España, creo que foi en tripadvisor.
    Saúdos e sorte, a verdade é que para ser un país tan pequeno temos un nivelazo que non merecemos, polo noso desprezo ó de aquí. Exemplo, quen vendeu máis na Galicia, Larsson ou Domingo Villar? pois iso, a publicitarse máis e mellor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s