Os dez premios Xerais máis vendidos

Darío Xohán Cabana no cemiterio de Imo, o 12 de agosto de 1978. XAN CARBALLA

Darío Xohán Cabana no cemiterio de Imo, o 12 de agosto de 1978. XAN CARBALLA

César Lorenzo Gil.

O 7 de xuño coñeceremos o próximo Premio Xerais de Novela. Nesta edición a editorial viguesa xa anunciou que se presentaron ao certame 39 novelas que deberán ser avaliadas polo xurado composto polas xornalistas Montse Dopico e Susana Pedreira, as profesoras Avelina González e Marta Fernández e o libreiro Benxamín Rioboo. A partir de hoxe e até a data de entrega do premio publicaremos unha serie de reportaxes sobre diferentes aspectos da historia do premio.

Cales foron, nestes trinta anos, os títulos máis vendidos de entre os premiados? Loxicamente, o tempo transcorrido favorece que títulos máis antigos gañasen vendas durante máis tempo pero o éxito de público non é paralelo á antigüidade en todos os casos.

10. Tres segundos de memoria, de Diego Ameixeiras.

Diego Ameixeiras é hoxe un dos autores máis populares. As súas novelas policiais e negras logran éxito de público e de crítica desde o seu debú, xustamente no selo Xerais, con Baixo mínimos, no 2004, parodia detectivesca ao redor da figura do investigador ourensán Horacio Dopico. No 2006 publicaba a segunda entrega das aventuras de Dopico e confirmaba a súa progresión coa obtención do Xerais. A novela gañadora é a única que non se inscribe no xénero criminal. Tres segundos de memoria é unha historia xeracional con moito humor e moita sede (de alcol e de experiencias).

9. As baleas de Eduardo Reinoso, de Alfonso Álvarez Cáccamo.

Premio Xerais 1990, este libro foi recoñecido no seu momento como a consolidación do estilo de Álvarez Cáccamo: humor, personaxes novelescos e unha atmosfera medianamente surrealista que vai impregnando o libro. A obra do vigués enlazaba a narrativa de finais da década do 1980, que tentara normalizarse en todos os xéneros, coa tradición anglosaxoa dos libros humorísticos e coa propia liñaxe literaria galega nese ámbito, caso do labor de Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro ou Paco Martín.

8. No ano do cometa, de Xoán Bernárdez Vilar.

Se falabamos antes da década do 1980 como a da normalización dos xéneros narrativos, No ano do cometa, de Xoán Bernárdez Vilar (premio Xerais 1986) actualizou a novela histórica no noso idioma. Hoxe esgotado, e quizais superado este título polo tempo, no seu momento foi unha descuberta para os lectores en galego: unha historia medieval contada desde Galicia cun obxectivo europeo. Porque esta novela conta a historia da busca dun rei para Galicia nun momento moi convulso para Europa. Ao tempo que o duque de Normandía Guillerme o Conquistador gañaba a batalla de Hastings (1066) que lle franqueaba o camiño cara ao trono de Inglaterra, o rei García de Galicia tiña grandes dificultades para manter o seu poder na faixa máis occidental da coroa galego-leonesa. A novela recrea o intento da corte de García de emparentar co vitorioso Guillerme e desliza a hipótese de que a nobreza da Galicia daquela época poderia ter pensado no propio guerreiro normando para resolver as disputas entre os fillos de Fernando e Sancha. Bernárdez Vilar cultivou a novela histórica noutras ocasións, con especial interese na Idade Media.

7. As horas de cartón, de Lois Xosé Pereira.

É este un dos libros máis esquecidos dos que gañaron o Xerais. Primeiro porque o seu autor, o lucense Lois Xosé Pereira, é un dos nosos particulares Bartlebys, afastado da publicación desde hai máis de 20 anos. E segundo porque este libro, a pesar de aínda figurar como sétimo máis vendido, hai moito tempo que ficou no recuncho dos almacéns de Xerais, aínda coa fasquía dos libros da editora na década do 1980. O xurado do Xerais 1985 premiou esta novela pola altura da súa proposta literaria, armada ao redor dun monólogo dediante da televisión, o que mantén consigo mesma unha muller de mediana idade que fai un percorrido pola súa memoria mentres na pantalla se contan as horas finais do ditador Francisco Franco no 1975.

6. O bosque das antas, de Francisco X. Fernández Naval.

Gabada pola crítica e querida polos lectores (vai pola cuarta edición) esta novela está considerada unha das que mellor relatan o golpe de Estado do 1936 en Galicia, concretamente en Ourense. O escritor é un dos que máis e mellor cultivan o tempo da guerra como materia prima literaria, cun xeito moi persoal, máis distanciado que outras voces, o que sitúa a súa visión máis próxima á novela histórica que á novela memorialística ou de tese. O bosque das antas gañou o Xerais no 1988.

xerais5. Herba moura, de Teresa Moure

Esta novela foi un acontecemento literario cando o xurado do Xerais lle concedeu o premio no 2005. Novela xa non só do ano senón do lustro, explorou novas liñas na narrativa galega até ese momento só esbozadas sen o éxito que Teresa Moure conseguiu en todos os aspectos. Herba moura é unha novela que esquece calquera límite textual ou argumental para somerxernos nunha viaxe no tempo. Do presente que olla Einés Andrade ao século XVII no que a raíña Christina de Suecia e a meiga holandesa Hélène Jans van descubrindo esa parte que o relato canónico da historia deixou no escuro. O libro converteuse nunha reivindicación da novela feminina e feminista e serviu de facho para un novo tempo da escrita das mulleres en galego. O público premiou a ambición de Moure. Xa vai pola sexta edición.

4. Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro.

Outravolta unha novela sobre a Guerra do 36 gañaba o Xerais. Foi Xosé Fernández Ferreiro no 1991 con esta novela que recreaba a represión fascista sobre a nova seiva social que abrollara durante a II República. O relato condúcenos a unha Galicia interior reseca polo calor do verán e a sede de sangue dos reaccionarios. Este premio foi a consolidación narrativa dun autor pertencente á chamada Xeración Brais Pinto.

3. Morning Star, de Xosé Miranda.

Xosé Miranda é un dos escritores con maior e máis potente produción narrativa. O seu universo literario únese á tradición da gran novela de aventuras en Morning Star, premio Xerais 1998. Esta novela, amais de contar unha historia de amor, de fuxida e de supervivencia, é un fresco de parte do noso século XIX no que aparece o clima de violencia propiciado polas gavelas de bandidos e as continuas revoltas políticas, en especial o levantamento protogaleguista do 1846. Miranda xungue nun traballo excelente a tradición propia, especialmente Otero Pedrayo, coa universal, cunha homenaxe clara a Robert Louis Stevenson. O éxito mantívose ao longo do tempo. Chegou á 16ª edición.

2. Crime en Compostela, de Carlos Reigosa.

No 1984 convocouse o primeiro Premio Xerais. Gañouno Carlos Reigosa, un xornalista de 36 anos que foi dos primeiros narradores que entendeu a década do 1980 como a indicada para renovar os xéneros. Crime en Compostela é a primeira novela criminal con éxito na Galicia autonómica. Reigosa converteu os seus protagonistas, Nivardo Castro e Carlos Conde, en iconas das nosas letras populares. A novela xa vai na 15ª edición e segue a considerarse referencia da novela de masas.

1. Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana.

Cabana gañou dúas veces o Premio Xerais. No 1994, c’O cervo na torre e no 1989 con esta novela que tivo a virtude de actualizar o mito artúrico, tan querido polos nosos escritores. Esta novela encabeza a clasificación dos premios Xerais máis vendidos con gran vantaxe. Leva 20 edicións e xa varias xeracións de lectores comezan a andaina na literatura galega para adultos ao redor do Galván de Cabana, cabaleiro que de repente aparece entre nós, cunha motocicleta por cabalgadura, coa misión de recordarnos de onde vimos. Este libro recolle a esencia do escritor chairego: o gusto pola palabra xusta, a riqueza léxica, a imaxinación desbordante, o amplo coñecemento da historia da literatura (en especial a medieval) e unha narración a medias épica a medias lírica que sempre sacia o lector.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Un comentario en “Os dez premios Xerais máis vendidos

  1. Podo preguntar de onde tiras a información? ou é segredo profesional? é un ranking moi interesante, que me gustaría citar, por iso pregunto…

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s