O teatro de O’Neill apréndeche a escribir diálogos

Intre da representación de 'A longa viaxe cara á noite', de Eugene O'Neill, a cargo do Centro Dramático Galego. Á esquerda, Gonzalo Uriarte; ao seu carón Marcos Viéitez.

Intre da representación de ‘A longa viaxe cara á noite’, de Eugene O’Neill, a cargo do Centro Dramático Galego. Á esquerda, Gonzalo Uriarte; ao seu carón Marcos Viéitez.

O Centro Dramático Galego está a representar, por diversas localidades de Galiza e Portugal, unha das dúas principais obras de Eugene O’Neill: Longa viaxe cara á noite. A editorial Galaxia publicou tamén, no 2009, A Electra acáelle o loito. As obras do dramaturgo norteamericano constitúen un pracer para público e lectores, pero tamén unha boa guía de aprendizaxe para os escritores que desexan mellorar os seus diálogos.

Manuel Veiga Taboada.

Comecei a escribir a miña primeira novela no verán de 1993. Por volta duns tres meses levaba redactadas corenta páxinas. Encontrábame relativamente satisfeito. O principal para min eran os diálogos, nos que intentara reproducir a fala das persoas nas que me inspirara. Consciente de que resultaba difícil construír unha novela só a base de diálogos, decidín intercalar, entre as sucesivas réplicas, breves descricións de apenas unhas liñas. Desde neno, en tempos nos que a literatura infantil e xuvenil apenas existía, odiaba as descricións longas, ateigadas de retórica, de detalles banais e de xustificacións innecesarias. Parecía lóxico que ao intentar converterme en escritor, comezase por fuxir tamén daquilo que, como lector, non me gustaba e que, en consecuencia, puxese o énfase na conversa entre os personaxes.

Cando lle pedín opinión sobre aquelas primeiras corenta páxinas á miña compañeira (quen, polo demais, resultou que era unha aguda crítica literaria) levei unha gran sorpresa. Díxome que as descricións estaban moi ben e que resultaban modernas pero que os diálogos eran insufríbeis e que decididamente non se podían ler.

Foi a primeira lección, o primeiro golpe, que recibín nese tempo inicial de aprendizaxe como narrador. Caera no típico erro dos principiantes: o de intentar reproducir fielmente a fala real. Non moito despois dei en ler Conversas con Ánxel Fole, de Carlos Casares –un libro, por certo, non moi extenso, pero de gran calidade que non tivo toda a acollida que merecía. Alí Casares confesaba que, nunha primeira redacción, intentou reproducir a fala do lugués pero que o resultado lle parecera nefasto, en vista do cal tomara a determinación de transcribir a conversa á súa maneira, conservando e colocando estratexicamente certas marcas características da fala de Fole, como por exemplo o seu: “Si, señor”. Casares conta tamén que, sorprendentemente, acabou sendo felicitado pola exactitude coa que recollera a maneira de expresarse do entrevistado.

Esa foi, para min, a primeira confirmación práctica de que toda arte é unha representación e de que nunca é posíbel reproducir exactamente a realidade, ao que cabe engadir que por sorte, pois, como explica con frecuencia Javier Marías, a función do escritor é precisamente a de escoller e espremer a fala cotiá. A alternativa a isto consistiría en actuar como un magnetófono, pero ninguén desexa escoitar as gravacións directas das conversas da xente, cheas de trivialidades, de lapsos, de erros, de frases falidas e de repeticións. Mesmo para un policía escoitar conversas é, xunto con elaborar informes, a parte máis aburrida do seu traballo.

O sangue da novela corre polos diálogos

A maioría dos autores –hai algunhas notábeis excepcións– cren que un diálogo ben escrito é o que máis axiliza a acción dunha novela. Moitos opinan ademais que a intervención directa dos personaxes serve para reproducir máis eficazmente a realidade, sen a intermediación –cos riscos moralizantes que supón– do narrador. Por último, cren que o diálogo é o que consegue que o lector se sinta máis próximo. A fin de contas, a clave do éxito literario encontraríase na identificación entre o lector e os personaxes do libro.

Chegados aquí, o máis sorprendente de todo é que, a pesar desta conciencia, os escritores acostumamos a non prestarlle a importancia suficiente á verosimilitude e á riqueza deses diálogos e, entre os que caen neste defecto, hai que incluír tamén os autores de novela policial e de suspense, probabelmente os máis sinceros valedores do estilo dialóxico.

Pódese afirmar que, dentro do diálogo, o subestilo hoxe preferido é o lacónico, esa intervención aparentemente seca, aínda que cargada de escepticismo ou de cinismo e ás veces tamén de ironía, tan propia da literatura norteamericana e, visto con máis amplitude, da sociedade deshumanizada característica do século XX.

Pero, que facer para mellorar esas frases que de tan lacónicas case non significan nada, que non conseguen ofrecerlle pistas suficientes ao lector sobre a escena que se desenvolve e sobre a súa transcendencia e que en vez dun cadro da realidade dos personaxes acostuman a resultar só un esbozo? Ou que facer para evitar esas intervencións dun personaxe que de tan perfectas resultan artificiosas ou que de tan inconcretas resultan aburridas? A resposta, para min, aínda que por suposto existen outras, é esta: leamos a O’Neill. Xunto coas viaxes en autobús, que diría o guionista Rafael Azcona, o teatro é a outra gran fonte para mellorar os diálogos.

Leamos a O’Neill. Xunto coas viaxes en autobús, que diría o guionista Rafael Azcona, o teatro é a outra gran fonte para mellorar os diálogos.

O’Neill é, como se sabe, practicamente o inventor do teatro norteamericano. O gran río que creou cos seus diálogos axudou a formar outras dúas importantes correntes: a de Tennessee Williams e a de Arthur Miller. E, entre os que poderiamos chamar os seus netos, a min gústame citar a David Mamet, aínda que hai outros. En español temos, en Cátedra, dúas boas edicións de Longa viaxe cara á noite e de Aquí está o vendedor de xeo, na miña opinión os dous mellores textos do autor, que neste caso contan ademais cos completísimos prólogos, habituais desta editorial. Galaxia publicou en galego A Electra acáelle o loito.

Ler estes libros (o teatro tamén se pode ler e resulta ademais moi entretido) modificou a miña idea sobre as posibilidades do diálogo nunha obra contemporánea. O que O’Neill era capaz de facerlle dicir aos borrachos, medio anarquistas, de Aquí está o vendedor de xeo (o vendedor de xeo vén ser algo así como o butaneiro), pareceume sorprendente. Poñer en boca de alguén parágrafos de vinte ou trinta liñas e conseguir que resulten naturais, máis aínda tratándose dunha persoa bébeda, resultaba marabilloso. Todo flúe neste autor que é, por suposto, un coñecedor experimentado do mundo. Todo é rico, críbel e sinxelo. Cada frase consegue estimularte sen recorrer ao típico efectismo de tantos diálogos que hoxe se intentan presentar como exemplares, sen recorrer en ningún caso a eses golpes de obscena simpleza sintáctica que unhas veces funcionan co modo plano dos lemas publicitarios e outras como chistes alusivos ao sexo ou a unha ameaza física evidente. A boa historia, a que pasados os días e talvez os anos aínda lembraremos, sempre é persoal, nunca obedece a unha fórmula ou, se segue unha fórmula, é para darlle profundidade, enchéndoa de matices particulares que son os que penetran no máis profundo da memoria. O’Neill non é efectista, pero si efectivo, proteico e polo tanto alguén do que calquera autor pode aprender case todo o necesario no que respecta aos diálogos, o suficiente talvez para que despois os seus propios libros adquiran músculo e para que, polo tanto, non lles lembren ao lector e ao crítico un esquelete da facultade de medicina ou, ao revés, pero case polo mesmo motivo, o cadáver hidrópico dun afogado.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s