Urco amplía a súa oferta aos públicos infantil e adolescente

Fragmento da capa de 'Alaia e a deusa', ilustrada por Xosé Anxo Ares.

Fragmento da capa de ‘Alaia e a deusa’, ilustrada por José Ángel Ares.

César Lorenzo Gil.

A editorial especializada en libros de xéneros populares Urco dá un paso para consolidar a súa oferta no mercado das crianzas e dos mozos coa aparición de dúas novas coleccións: Urco Xuvenil e Os Libros da Merenda.

Urco é unha das editoriais especializadas que xurdiron na última década en Galicia co interese de buscar para o galego lectores “diferentes”. O seu catálogo, baseado nos xéneros populares (fantasía, ciencia ficción, serie B…) gaña agora novo espazo con dúas coleccións pensadas para público xuvenil e de primeiros lectores. “Unha das razóns do éxito da serie sobre Basilius Hoffmann foi o seu recibimento entre a mocidade”, comenta David Cortizo, editor do selo. “Moitos lectores preguntábannos se tiñamos máis libros semellantes”. Para cubrir ese oco, nace Urco Xuvenil, que publica dous títulos inaugurais: O sol do pasado, de Jorge Emilio Bóveda, e Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola.

A colección preséntase cun coidado deseño, sinxelo na feitura pero cunha tipografía lexible e moi fácil de manexar. As ilustracións da capa son de José Ángel Ares.

O sol do pasado é unha novela de ciencia ficción. Jorge Emilio Bóveda lévanos ao futuro, a unha Gallaecia en crise cuxos habitantes teñen unha moi novidosa forma de emigrar: a través do tempo. O autor ourensán recrea a súa propia cidade natal con bastante sentido do humor na denuncia das causas reais da crise que arestora vivimos.

En Alaia e a Deusa, o escritor e tradutor Tomás G. Ahola escolle as aventuras protohistóricas, cinxindo o seu último traballo cos libros sobre os prerromanos que xa ensaiaran noutrora Suso de Toro ou Pepe Carballude e coas sagas nórdicas actualizadas ano tras ano por novos escritores, desde J. R. R. Tolkien a George R. R. Martin. Alaia é unha moza pertencente á comunidade dos nerios que deberá abandonar a aldea castrexa para ir servir á cidade de Thaladé, cuxos habitantes din ser descedentes de Atlantis. A rapaza vivirá unha viaxe chea de aventuras ao tempo que madura dentro de si o primeiro amor.

Contos a bo prezo

Os Libros da Merenda nace co obxectivo de facer moi accesíbel o libro infantil para as familias de hoxe en día. “A idea é que os cativos teñan ao seu alcance un produto popular que os anime a ler en galego”, explica Cortizo. Seguindo a liña daqueles contos de quiosco que hai 30 anos fixeron furor, esta nova colección presenta dez títulos (xa se poden comprar os catro primeiros). “Son libros moi sinxelos, con debuxos e con láminas para pintar de cores ao final de cada libro”. O prezo de cada conto é de 2,5 euros.

Fariñeiro, o burro larpeiro; Don Bento, o porco fedorento; Señor Fiz, o repolo feliz e Xoana, a ra lacazana mostran claramente a filosofía desta nova colección: achegar os rapaces ao galego dun xeito chocalleiro, con textos deses que se repiten en voz alta mil veces nas casas e uns deseños moi paveros.

Urco pretende ampliar a súa oferta para as crianzas ao considerar que os seus textos para adultos abriron un camiño para lectores que normalmente non se achegaban ao galego. “Neste tempo decatámonos de que moitos dos nosos lectores nunca se atreveran cun texto en galego antes. Queremos ampliar ese lectorado, que poidan compartir a experiencia a todas as idades e garantir unha base afeita ao noso idioma nos libros”, comenta Cortizo.

Tanto na colección xuvenil coma na infantil, Urco mantén a súa filosofía de publicar autores galegos, en especial aqueles con pouca ou ningunha obra publicada así como traducir á nosa lingua clásicos LIX que pague a pena actualizar para o público actual.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s