Cando Cunqueiro “matou” a H. Lutteroth

Capas dos libros de Lutteroth.

Capas dos libros de Lutteroth.

Xosé Enrique Acuña.

É máis que un acontecemento bater co Cunqueiro esquecido. Co extraviado por revistas e xornais, antes o despois do 36 ou con aquel omitido, sen maldade ningunha, en antoloxías recentes ou nas que, apresuradas, décadas atrás se prepararan para o noso gozo e lectura. Tal cousa pode suceder e aínda ser posible se cruzan unha investigación calquera e ao azar. Tamén, benditas sexan, as novas tecnoloxías de procura dixital. E este pode ser un caso. O 7 de xullo do 1935, na primeira e privilexiada plana do porteliano xornal vigués El Pueblo Gallego, publicaba Álvaro Cunqueiro un máis dos textos que, nese diario tan aberto á intelectualidade nacionalista, de cando en vez, e por desgraza só de cando en vez, entregaba. Pequenos e traballados artigos escritos, desenvolvidos con vocación de estilo, de renovación, e dispostos a verter, en lingua galega, aquela súa libre, primeira e intuitiva prosa.

O título escollido para esta ocasión era ben estraño. Un simple “H. Lutteroth”. E aínda que Cunqueiro, desde as primeiras liñas, xa se internaba directamente na historia que quería transmitir ao ofrecer en frase descritiva un “veleiquí a efixie i a historia do corazón coloreado, da inverosímil estada mundanal, da fuxida inaccesíbel, da pasión e morte de home pra resucitar de anzo, o que foi en corpo i alma Heliodoro Lillo Lutteroth”, tal introdución, a se referir a un nome e apelidos nada galegos, co segundo deles, de sonoridade estranxeira, e plenamente descoñecido no eido cultural daquel tempo, obrigaba e animaba a unha impaciente lectura do texto que, en nada, esvara polo terreo da necrolóxica.

Con estilo propio dunha elexía emocionada ante a morte dun amigo, Cunqueiro anuncia, solemne, que o tal Lutteroth viña de abandonar “a súa miserábel envoltura carnal” en Barcelona o 21 de xaneiro do 1935. Con algún mes de atraso informa da morte dun compañeiro que merecería “funeral de rosa, música de volvoreta e vestido de gris outono” xa que era, para el, un ser extraordinario que tiña “azas como un anxo” e “don de ouvido”. Virtude esta última que Cunqueiro definía como a “aérea facultá de antender todas as línguas”. Como os profetas, recalcaba. Noticia aos lectores, amigos e achegados presentada cun cerimonial de linguaxe propio das súas primeiras e alborozadas letras. Testemuña o paso de Lutteroth por Galicia e sitúao en achegada amizade e á par de Luís Manteiga, Carlos Maside e Arturo Cuadrado, trío de verdadeiros pesos pesados da máis nova e esixente cultura compostelá en clave galeguista e de esquerdas. Os tres, confesa Cunqueiro, son os que tiñan amado a Lutteroth “mais que el mesmo”.

Mais quen era en realidade este home que merece un tan recargado e emocionado obituario? Para os que coñecemos e gozamos, tantos, coa literatura posterior de Cunqueiro, e en particular coa súa grande capacidade para inventar e recrear personaxes saídos da nada, a deliberada opción elexíaca empregada neste sinxelo artigo de prensa podería agachar, e esa foi unha primeira sospeita, que fose non máis que un pequeno ensaio de ficción. Pura literatura. Pero o certo é que Cunqueiro avanzaba nesa entrega do 1935 elementos concretos de biografía persoal e dunha traxectoria de creación. Heliodoro, escribía, crecera e madurara ao xeito e xa aos doce anos “levián i espigado” xa vestía “embanado gabán verde e gafas de concha”. Perfil a trazos dun seu amigo agora morto de quen tamén lembraba que desde eses xa citados doce anos mesmo durmía de día e vivía de noite até adquirir “unha palideza luar como nunca se tiña ollado”. Cumpridos os catorce, continuaba Cunqueiro, “comprou un mundo” e sete días despois aparecía o Lutteroth de provincias nun café do Madrid capitalino. Ritual para descubrir poetas de avanzada, escribir e presentar traxedias. Cunqueiro confesa que tivera o privilexio, xunto a Arturo Cuadrado, de coñecer unha de título “Los hijos de Urano”.

O Lutteroth compostelán

Lillo Lutteroth, soubo Cunqueiro, recibira aos dezaseis anos o primeiro sinal transcendente. Chegáralle ao autor de Mar ao Norde que un día “un ser finísimo mudoulle a voz” cando recitaba versos dunha peza teatral da súa autoría. O caso é que a Lutteroth quedaríalle, segundo o mindoniense, unha voz “infantil voz amorosa, apretada e sensíbel, frauta i estrela, voz de dona Inés del alma mía”. Algo que o aínda mozo Heliodoro tomou como unha revelación que o afundiría aos poucos nun espeso desacougo. É xusto nese tempo cando aterra e aposenta no Santiago máis universitario para alí cadrar con Maside, Eiroa, Manteiga, Cuadrado e Seoane. Deses días de contacto fraterno e intelectual achega Cunqueiro unha mínima crónica de urxencia: “En Compostela unha tempada quer rebelarse contra o seu sino celeste. Sai de día, come e bebe, le periódicos, vai o café. Escribe dramas, poemas amatorios i unha novela contra as monxas“. Da que, puramente blasfema, Cunqueiro lembra o título e paxinación: “La Religiosa, formidable farsada en 700 páxinas”.

Ateo militante e mais tamén republicano, Lutteroth no fondo o que quere é coñecer señoritas. Cunqueiro revela que lle pide a Arturo Cuadrado, quen se non, que lle presenta algunha mais ante un Luís Manteiga que lle espeta a Heliodoro unha irreflexiva frase: “xa non hai señoritas, que iso xa pasou á historia”. Ante ela, segue a lembrar Cunqueiro, Lutteroth bótase a chorar, desaparece e por cinco meses ningún dos amigos souberon del. Metérase na casa, pechárase. Foi por tal recollemento cando, Cunqueiro non dubida en afirmalo, lle naceran ás. “Azas branquísimas, punteadas e decoradas de paxaros paradisíacos. Eu llas vin“. Tamén revisa o seu abrazado ateísmo e como os antes celebrados poemas de Heliodoro Lillo reverten en místicos. “Perde as azas por dificultades económicas e fuxe para Barcelona, onde entregado definitivamente a Deus frolece de novo en azas e rosas”. Lonxe de Compostela, en Catalunya, chegaría o anunciado momento da súa morte e o privilexiado e ben informado Cunqueiro concreta óbito e data: “Abandona a súa miserábel envoltura carnal e se fina para iste mundo o 21 de xaneiro do 1935, aos trinta e dous anos de idá”.

Noticia certa de Heliodoro Lillo Lutteroth

Xa que logo había que saber de tan especial morto. Do protagonista da necrolóxica de Cunqueiro. Ao que o escritor describe que “se fina”, para quizais deixar caer un posible suicidio. Para poder rachar definitivamente coa sospeita de que a elexía en cuestión non fose máis que unha hábil ficción literaria. O punto de partida serían os riscos biográficos que o propio Cunqueiro avanzou do finado, incluída unha orixe supostamente valenciana. E a procura acadou sólidos e precisos datos. A familia Lutteroth procedía de Alemaña, concretamente da rexión de Mühlhausen. A rama peninsular e ibérica tiña a súa orixe na cidade de Cádiz onde un Lutteroth, a exercer de cónsul alemán, casou cunha muller gaditana. Avanzado o século XIX certo ramallo da familia instálase en Barcelona, e alí, María Lutteroth, filla á súa vez a Ascan Lutteroth e Manuela Ortega, de oficio matrona, casou con Heliodoro Lillo Abad. Esta parella vai crear a familia do, xa real e non inventado, Heliodoro Lillo Lutheroth. O louvado por Cunqueiro.

A familia deixa Barcelona e decide instalarse en Valencia onde o Lutteroth pai practicará a medicina en senllas consultas abertas na rúa dos Caballeros e na da Paz. Desde elas estendía, por medio do correo, consultas ás provincias polas que cobraba, as contestacións, en forma de selos. Os produtos inventados polo famoso nese tempo Lutteroth médico estaban á venda en perfumerías, drogarías e boticas baixo o lema publicitario de “el que es calvo ó le cae el cabello es porque quiere” ou “murió la calvicie con el céfiro de oriente de Lillo”. Neste ambiente de bonanza profesional e familiar criouse o neno Heliodoro que matricularán nos xesuítas desde 1920. Nove anos despois xa andaba a publicar escritos de escasa relevancia na revista Andalucía e, sen que se saiba ou supoña a razón, familiar ou persoal, acorda trasladarse a Santiago para cursar estudos de medicina. Tal e como transmite Cunqueiro, Heliodoro Lillo Lutteroth, arrímase aos máis activos estudantes e licenciados e pasa a formar parte, xa en anos republicanos, do Comité de Cooperación Intelectual desa cidade xunto a Xoán López Durá, galeguista de aventureira traxectoria no exilio, e Carlos Martínez Barbeito, un home que se abrazou desde o 36 á Falange e que sería posteriormente unha alta e controvertida xerarquía cultural durante o franquismo.

Unha morte que non foi

Os problemas monetarios serían para Cunqueiro, e se cadra unha sospeitada depresión, a razón certa da marcha de Lutteroth de Galicia. E alguén, aquí xorde o misterio, fíxolle chegar ao noso escritor de vangarda a mala nova da súa cruel desaparición en plena mocidade. Mais ao afondar na vida de Lutteroth batemos coa sorpresa da edición dun estraño libro en 1936. Publicado en Sabadell baixo o título de “Galicia. Poesías”, un tal Montenegro acreditaba a autoría sen máis aditivos. Un apelido valleinclanesco que agachaba ao seu verdadeiro autor: Heliodoro Lillo Lutteroth. María Luz Morales, a poucos días do alzamento militar do 36, recensionaba en La Vanguardia de Barcelona a obra, sen citar a Lutteroth como autor real, e dedicándolle palabras respectuosas mais para nada emocionadas. Unha obra poética escrita en castelán, segundo Morales, con harmonía “porque Galicia es difícil, difícil”, sentenciaba, no que toca á poesía. “Si hay una peligrosa pandereta poética para el Sur, no es menos lamentable la pandereta o gaita de nuestro Noroeste”, reflexionaba a crítica e, á vez que se felicitaba con que na obra de Montenegro non trisquen “corderitos”, cruceiros e soportais, sitúa a Castelao, Aquilino Iglesia Alvariño e, curiosamente, a Álvaro Cunqueiro, como referentes evolutivos da literatura galega dese tempo republicano e pre-bélico.

A reseña de María Luz Morales, cadrada con informacións que chegaron décadas despois, condúcenos á conclusión de que a suposta morte no 1935 de Heliodoro Lillo Luteroth, a reportada por Cunqueiro, non se correspondía coa realidade. Sabemos que retorna desde Santiago a Barcelona onde o seu pai se reinstalara e continuaba a ser un prestixioso médico especializado na curación e tratamento da calvicie. Nesa cidade, onde a súa irmá María exercía de boticaria, continua Heliodoro a escribir, publica e mesmo investiga en patentes relacionadas coa profesión sanitaria do pai.

Foi entón a súa desaparición de Santiago unha fuxida organizada na procura do esquecemento. Unha macabra trasnada? Tanto como para que Heliodoro Lillo Lutteroth, ou outro habilmente dirixido, fose quen de xerar a falsa e interesada filtración dunha morte que nunca acontecera? Preguntas que se poden enunciar, mais en calquera caso reconstruír tan embusteira e pérfida trama, ou outra semellante, non entra dentro do xa posible. Outra liña pode apuntar á relación familiar co comisario xefe da policía de Ferrol, casado coa súa curmá María Lutteroth. É dicir, imaxinamos, un Lutteroth confidente policial, infiltrado entre os estudantes nacionalistas e de esquerdas máis activos, que foxe cando os seus servizos son reclamados noutro espazo e lugar. Tampouco entra dentro do verosímil.

Lutteroth despois do 1936

Os repertorios biográficos, tanto civís como militares, non detectan unha participación activa ou reseñable de Heliodor Lillo Luteroth nalgún dos dous bandos enfrontados. Nin do da dereita falanxista, caso de Cunqueiro, nin no republicano e de esquerdas, a opción da case todos os seus compañeiros no tempo de Compostela. Pero a biografía de Lutteroth, en rigor a súa bibliografía, condúcenos a pensar que cando menos na primeira posguerra quedou situado no bando dos perdedores e derrotados. Asentado en Barcelona, deu en ser un “negro” máis de tantas editoriais e disposto a escribir e firmar, necesitado, obras menores baixo o uso de pseudónimos varios. Que chegase a formar parte da primeira factoría Bruguera, a que acolleu a tantos “roxos” e represaliados, pode debuxar un pouco a súa personalidade. Polos mesmo anos nos que puido ter lido en La Vanguardia (24-6-1944) como ao profalanxista Cunqueiro, “por haber cometido actos indignos de su calidad profesional”, se lle eliminaba do rexistro oficial de xornalistas, Lutteroth víase na obriga de loitar coa censura a conta de novelas que escribía con heterónimos como Óscar B. Montenegro ou Óscar Bentley. Duros anos 40 en Barcelona nos que gañaba o xornal como tradutor (do portugués a Camilo Castello Branco, e doutras linguas a Nicholas Patrick Wiseman, Jules Verne, Lew Wallace, R.L. Stevenson e Alexandre Dumas) e como autor, as veces co seu nome e apelidos verdadeiros, dunha sorte de novelística popular na Biblioteca Iris da Editorial Bruguera. Títulos como El misterio del pañuelo azul (1943); El loco asesinado (1944); El enigma de la Avenida Madison (1944) ou El enigma del cuaderno verde (1944) nos que desenvolve tramas policiais e que lle serven para dar á luz a James Wyatt, o detective protagonista.

Máis que descoñecida é unha novela que Heliodoro Lillo Lutteroth publica en Sevilla e que algunha fonte asenta en 1943. Trátase da titulada Huerto cerrado, segundo os seus editores —Biblioteca Rocio-Betis Ediciones— unha obra “romántica costumbrista” e que en rigor non é máis que unha crónica novelada desde a que recrea andanzas e vida dun estudante da Facultade de Medicina da universidade compostelá. Xa que logo, outra reiterada ración de La casa de la Troya escrita por un autor que, á vez que mantén a saudade dos seus anos universitarios e galegos, non para de entregar títulos para Bruguera e mesmo deseñar para a editora novas liñas de publicacións periódicas.

Lutteroth funda e dirixe desde 1959 Ven y Ven, a revista onde se publican as primeiras historias do logo famoso profesor Tragacanto e en 1960 a novidosa El Campeón. La revista del optimismo, arriscada publicación na que Lillo mestura nas súas páxinas un debuxado humor infantil e xuvenil con información de carácter deportivo. Bravo. Revista juvenil, foi outra revista que dirixe desde 1968, nun tempo no que na práctica sería imposible para el, tan achegado ao ambiente editorial barcelonés, que non soubese dos éxitos literarios, Premio Nadal incluído, do autor daquela súa falsa necrolóxica de 1935 que, por outra parte, nin sabemos chegou coñecer. Unha circunstancia e unhas coincidencias que, dado os amigos comúns que compartían, é asimilable ao Cunqueiro que, por esas mesmas datas, mantiña firma habitual e de prestixio na prensa da capital catalá.

A verdadeira morte de H. Lutteroth

No 1969 publica, agora si con seu verdadeiro nome completo, o libro Aires de Galicia, que sería recibido tamén en La Vanguardía con menos que escasa sorte para o autor. Un crítico anónimo, que ten a Heliodoro Lillo por galego, bate nel até o extremo de afirmar que a obra está escrita “cunha técnica pasada, nada en boga” e que se trataba dunha edición de autor, con 176 páxinas en verso “que non de poesía”. O autor da reseña (Juan Ramón Masoliver?, Alvaro Ruibal?) nada misericordioso, chega a afirmar que pretender hoxe, como fai Heliodoro Lillo, “resucitar lo que de puramente externo tiene Galicia y presentarlo en romances, redondillas, etc, nos parece unha equivocación en el tiempo”. Certifica igualmente que Lillo non soubo ir máis alá da estampa e do cromo até caer nun costumismo superficial ao narrar tanto a vida estudantil como na súa visión dos mariñeiros: “Como si resucitara, en verso decimonónico, la Casa da Troya e el manido tópico de los lobos de mar”, denunciaba. En Galicia deu conta da saída do libro o crítico e escritor Emilio Merino, mais sen reparar, acrítico, nos lugares comúns da serodia poesía de Lutteroth.

A morte real de Heliodor Lillo tamén se asenta en distintas datas, segundo as mínimas fontes que repararon na súa traxectoria. Casado xa con idade maior con Teodomira Cordero Fernández no 1962, cando esta lle chegou, vivindo na barcelonesa rúa Gomis, aínda deixaba caer que, a maiores de ser escritor e xornalista, estaba en posesión do título de Medicina. Nós apostamos que H. Lutterot, o que “tiña o raro senso das pedras preciosas”, aquel que no seu día “matara” coas súas letras Álvaro Cunqueiro, morreu sen descendencia, o 30 de setembro de 1980 na Residencia de Belvitge. No seu nicho mortuorio sito no cemiterio de San Andreu poderíase lerse, agora si, con cunqueirán sotaque estas palabras: “Heliodoro Lillo Lutteroth: Deus levóute para si. Privou ao mundo do teu vidro (…) fuche exempro de anxos”.

 

Lutteroth

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s