Planificación familiar aplicada aos libros

Unha muller le nunha libraría cun meniño no colo. THOMAS HAWK/FLICKR

Unha muller le nunha libraría cun meniño no colo. THOMAS HAWK/FLICKR

PARA DIALOGARMOS SOBRE PROBLEMAS QUE NOS PREOCUPAN.

Con esta sétima carta remata a serie epistolar que Xesús González Gómez lle dedicou a Dolores Vilavedra ao redor de temas da actualidade sobre o sector editorial: O mercado, os lectores, as diferenzas entre literatura e lectura…

Xesús González Gómez.

Cara Loli, prometín nunha das cartas que che enviei que falaría da “demasiada produción”. Xa sabemos que a “produción” é unha das teimas de todos os gobernos e de todos os sectores das sociedades e, xa que logo, tamén do mundo do libro. É máis, moita produción significa, achan, “boa saúde”, mais se a literatura galega naceu sen mercado –e aínda non o ten–, talvez habería que calibrar máis o que se publica e que significa “boa saúde” neste contexto. Como xa me aborrecín de escribir sobre estes temas, envíoche este artiguiño publicado hai anos e que, paréceme, debes coñecer.

[Estas liñas publicáronse por vez primeira en O lobo acatarrado núm. 5, setembro do 2000, p. 6, unha “revista” que se facía en Barcelona a ciclostil, e da que se tiraban 50 exemplares. Hoxe talvez non asinaría todo canto se di nelas, ou matizaría un pouco máis, pero cabe lembrarmos que foron escritas no tempo que denominei máis enriba de “triunfalismo delirante”.]

Unha das obsesións de Ciril Connolly era distinguir a literatura do xornalismo. No contexto desta teima inscríbese a súa definición de literatura: “A literatura é a arte de escribir algo que se lerá dúas veces”. Unha definición que presupón que a do xornalismo, como arte de escribir, é o que será obxecto dunha soa lectura. Esta definición cae, por suposto, no vicio de non acoutar o significado exacto do termo definido. Mais se se substitúe “xornalismo” por “letra impresa”, presenta virtudes remarcábeis, entre elas a de tirar a literatura da lóxica industrial que a reduce a un mero ben de consumo.

A definición de Connolly invita a formularse a cuestión da vitalidade dunha literatura desde uns parámetros que non teñen nada a ver coa cantidade de obras publicadas. Invita a preguntarse cantos libros publicados ultimamente teñen unha esperanza de vida superior non xa a un frigorífico ou unha lavadora, senón a un chupa-chups. Invita a pensar, mesmo, se a saúde dunha literatura non pode verse prexudicada polo exceso de publicacións que multiplican o ruído, e impiden unha boa comunicación literaria ao presentar como se fose literatura libros que non só non merecen ser obxecto dunha relectura, senón nin tan sequera dunha primeira lectura.

Os hipotéticos problemas da literatura galega, por exemplo, poderían non derivar dunha taxa de natalidade baixa. Poderían proceder, pola contra, dunha mala planificación familiar e dunha baixa taxa de natalidade infantil, aínda que esta sexa xa importante. Dunha mala planificación familiar: algún día haberá que falar dos editores que publican demasiado. Dunha baixa mortaldade infantil: algún día haberá que falar dos suplementos literarios que dosifican as críticas negativas para non desgustar os editores que ameazan con retirar a publicidade das páxinas destes suplementos se estas críticas aparecen. Algún día conviría falar polo miúdo de todo isto. Mentres ese día non chegue, e para chegar ao final dun artigo que quedaría demasiado curto, reproduzo, como invitación a unha reflexión complementaria, outra cita, esta de Lichtenberg: “Considero as recensións unha especie de doenza infantil que ataca máis ou menos a todos os libros acabados de nacer. Temos exemplos de que os máis sans morren a resultas delas, mentres que os febles saen, moitas veces, airosos. A algúns non os ataca”. Como pode verse, Lichtenberg, aínda que non dispuña dun mapa do xenoma bibliográfico, apunta que esta doenza non sempre ten raíces xenéticas.

 

Advertisements

2 comentarios en “Planificación familiar aplicada aos libros

  1. Xesús, son Lito Caramés. O meu amigo Rafael Chacón, que cho presentei en Fontana o día que actuou Q. Cadaval quere mandarche un artigo seu. Podes darme unha conta de correo electrónico para que cho mande? Grazas. Lito

  2. Como se deduce do que segue no derradeiro parágrafo, ONDE APARECE

    “Poderían proceder, pola contra, dunha mala planificación familiar e dunha baixa taxa de NATALIDADE infantil, aínda que esta sexa xa importante.” DEBERÍA DICIR

    “Poderían proceder, pola contra, dunha mala planificación familiar e dunha baixa taxa de MORTALIDADE infantil, aínda que esta sexa xa importante.”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s