Anselmo López Carreira: “Falarmos do reino de Galicia serviu para crebar o dogma da “eternidade” de España”

anselmoCésar Lorenzo Gil.

Anselmo López Carreira (Vigo, 1951) publica Historia de Galicia (Xerais), un manual que, en palabras do seu autor, actualiza o manual básico sobre o estudo do noso pasado con novas perspectivas e materiais máis abundantes. Nesta conversa debullamos algúns dos temas do libro.

Vostede xa participara na redacción da Historia Xeral de Galiza, que publicara Edicións A Nosa Terra no 2005. Por que este novo manual de historia?

Pasou moito tempo desa publicación. Hai que acomodar as novas perspectivas, estudos e recompilación de materiais desde aquela para cubrir unha necesidade social dun manual simple e actualizado sobre a nosa historia. Ademais, xa que até agora me achegara a este tipo de libros divulgativos como parte dun equipo de investigadores, tiña gana de elaborar unha síntese da historia de Galicia coherente coa miña visión propia sobre o tema.

A súa especialidade é a historia medieval. Como se encara un proxecto coma este, que vai máis alá do obxecto fundamental dos seus estudos?

Para facer un percorrido global é básico asentarse nas investigacións doutros autores, facer unha síntese do seu traballo e escolmar aqueles aspectos máis xerais, que lle permitan ao lector ter unha visión do que pasou, o máis ampla e interesante. Hai momentos históricos nos que o historiador, hoxe en día, xa non conta o que pasou, porque non se sabe a ciencia certa senón que explica o que os investigadores acharon. É o caso do período castrexo, capítulo no que enfronto as diferentes escolas sen tomar partido porque os argumentos de ambas son fortes e deben coñecerse.

Como está o panorama historiográfico galego. Dá a sensación de que nas universidades segue a gobernar un paradigma pouco rigoroso, aínda herdeiro de Menéndez Pidal e da Real Academia de la Historia.

Ese paradigma é certo que mantén no estudo da historia medieval. A pesar de que moitos dos seus presupostos foron refutados cos documentos, unha e outra vez se repiten falsidades ou medias verdades interesadas para un determinado modelo de construción da historia. Noutros períodos, hai resistencias, como no caso da análise das guerras napoleónicas na península. No caso da Idade Antiga, a historiografía galega tomou independencia desde hai tempo, xa con Florentino Cuevillas e hoxe en día ten ideas orixinais.

Hai pouco o escritor (tamén historiador) Miguel-Anxo Murado publicou La invención del pasado (Debate). Unha das conclusións do libro é que a historia é unha ciencia que só serve para xustificar ideoloxías e dubida de que sexa algo máis ca literatura con pretensións de non ficción. Que opinión ten vostede?

Discrepo. Ese punto de vista está nos antípodas da actual metodoloxía no estudo e na investigación da historia. Con todas as dificultades e intereses, si é posible facer unha Historia obxectiva. O traballo dos historiadores é simple e á vez complexo: investigar que ocorreu no pasado. É unha ciencia aplicada e debe someterse aos mesmos criterios de rigor e profesionalidade que calquera outra das ciencias. O problema é cando un historiador interpreta os feitos que investiga. Esa interpretación é libre e loxicamente está influída pola súa ideoloxía. Pero iso ocorre tamén noutras áreas de coñecemento.

O problema é que coa historia pasa coma co fútbol, que calquera fala dela, que é a máis popular (no peor sentido da palabra) das humanidades.

Precisamente é esa idea de que a historia é opinable a que se debe desterrar da análise histórica. Non podemos dicir: eu penso que isto foi deste ou daqueloutro xeito. Hai feitos que sucederon como sucederon e hai que analizalos a través do método científico. Os historiadores, neste campo, deben ser moi esixentes. Os lectores de historia tamén deberían selo.

Que novas ferramentas teñen os historiadores para investigar que non había antigamente. Cales son as fontes fundamentais no seu traballo?

Depende da época na que queiramos investigar. A arqueoloxía –disciplina na que se produciron avances técnicos– é moi valiosa no estudo da prehistoria. Coa arqueoloxía, ademais, hai que ter cautela. Os obxectos son valiosos pero moitas veces non serven para interpretar os feitos históricos. Mais a partir da Idade Media, a base para a investigación son os documentos. Hai que sometela á crítica e seguir catalogando a que permanece inédita.

Mais moitas veces vemos que no pasado os historiadores malinterpretaron ou intentaron emendar o que puña nos documentos. Dá a sensación de que moitas cousas que se daban por sabidas, unha vez que vas ao documento en orixe resulta que di algo diferente ao comunmente asimilado.

É certo que se van repetindo algunhas ideas en base a apreciacións falsas que determinados historiadores “canonizaron”. Un exemplo moi vívido é o caso do documento árabe medieval que definía un territorio como reino de Jalikia e que o historiador traduciu como Reino de León. Cómpre ir aos documentos. De aí a importancia da formación en Diplomática. Houbo ben pouco rigor, en especial na documentación medieval; sempre buscando a idea coherente con ese paradigma oficial centralista. O ideal en moitos campos de estudo é empezar desde cero para reformular moitos conceptos. Mais non son moi optimista, na historia académica seguen a obviarse clarísimas manipulacións. Isto frea a evolución científica.

En Galicia non hai moitos textos divulgativos xeneralistas sobre a nosa historia pero si abundan as historias locais. Case todas as cabeceiras de comarca teñen a súa historia publicada e florecen incluso algunhas revistas dedicadas a esta materia. Que lle parecen eses traballos?

Son labores exhaustivos, transversais (porque tocan outros temas que van máis alá da propia historia) e moi valiosos para os demais investigadores. Eses traballos traen á luz multitude de datos que doutro xeito quedarían sen coñecer. Cal é o problema? Nalgúns casos hai falta de rigor ou unha metodoloxía histórica deficiente. Cumpriría maior preocupación por analizar os feitos locais no seu contexto, histórico e xeográfico xeral e inserilo en dinámicas que ocorrían noutros lugares nese mesmo tempo.

Cómpre ir aos documentos. De aí a importancia da formación en Diplomática. Houbo ben pouco rigor, en especial na documentación medieval; sempre buscando a idea coherente con ese paradigma oficial centralista. O ideal en moitos campos de estudo é empezar desde cero para reformular moitos conceptos.

Pasemos a comentar algúns aspectos do libro Historia de Galicia: Cando analiza o período castrexo non toma partido. Neste momento hai dúas escolas teóricas, os que defenden que aqueles primeiros galegos eran de cultura céltica e os que o negan.

En efecto non resolvo nin dogmatizo sobre este período. Hai argumentos moi abundantes a favor de cada unha das posturas: celtismo e anticeltismo. Coido que o máis interesante é definir a que lles chamamos celtas. Parece claro que hai unha comunidade atlántica que se relaciona comercial e culturalmente desde o Paleolítico. Hai datos fidedignos de contactos entre Galicia e as illas británicas no Neolítico. Había unha cultura común en Europa occidental? A iso podemos chamarlles pobos celtas? O que queda claro é que a noción de raza céltica quedou sobrepasado.

Logo da caída do Imperio romano, no século V, os suevos crean o primeiro reino medieval na Gallaecia. A Alta Idade Media sempre se considera un período escuro pola ausencia de referencias.

No caso galego non é así. O século V na Gallaecia é un período de eclosión cultural. Temos moitísima información (a crónica de Idacio, por exemplo). A primeira parte e a última da dominación sueva está bastante ben documentada. Entre medias si que hai bastante baleiro. Os séculos VII e VIII son moi pobres desde o punto de vista documental.

Xustamente no século VIII cae o reino visigodo e empeza o predominio musulmán. A Gallaecia fica á marxe desta influencia. Había certa autonomía galaica?

Non podemos aplicar conceptos políticos actuais para explicar tempos pasados. Desa época o que xa queda claro é que non houbo unha invasión, non houbo unha data, neste caso 711, na que muda todo. Deuse máis ben unha crise prolongada do modelo visigodo e un achegamento, máis cultural e relixioso ca militar ou político, á potente civilización musulmá que levaba séculos espallándose desde Arabia. Hoxe está en cuestión que houbese invasión e incluso que a caída do poder de Toledo tivese a ver necesariamente cos musulmáns.

A respecto da Gallaecia, si que podemos constatar que houbera un recordo das estruturas do poder suevo e que nesa altura as fronteiras entre a Gallaecia e Al-Andalus foron relativamente estables.

Na historiografía oficial, nese tempo nace o reino de Asturias. Vostede explica que tal reino nunca existiu, que a denominación corrente na documentación era a de reino de Galicia.

Para sermos exactos, deberiamos denominar o territorio que se mantivo unido até o século XII como Galicia porque así aparece tanto nas fontes árabes coma nas das cortes europeas, incluída a papal. Cidades como Braga ou Astorga aparecen situadas no reino de Galicia. A partir do século XII e XIII debemos falar de reino de Galicia-León ou León-Galicia; quizais esta segunda maneira sería a máis correcta porque a corte do monarca estaba nesa cidade e polo tanto o seu selo real facía referencia á morada rexia. É a partir desta época cando xa se van identificando territorios con trazos propios. Castela e Portugal independízanse e dentro do reino consolídase a diferenza entre a Galicia actual do resto do reino. Hai fontes musulmás que xa no século X falan do territorio máis ou menos da Galicia actual como entidade diferente á Galicia histórica no seu conxunto.

Iso si, cando falamos desta Galicia, máis semellante á de hoxe, hai que lembrar que incluía o Bierzo, territorio vinculado aos poderes galaicos até a Idade Moderna. E tamén que para falar daqueles tempos debemos superar a visión desde o noso presente e analizar os movementos políticos de entón no contexto complexo do feudalismo, que crea lealdades, vínculos, subordinacións e pactos que poden parecer confusos ás veces. Cando lemos que Afonso VII se intitulaba como emperador, non podemos pensar nesa figura como un rango superior ao do rei, máis ben ao contrario. O emperador só podía ser un, debía dominar Roma e nomeábase César ou César Augusto.

Para falar daqueles tempos debemos superar a visión desde o noso presente e analizar os movementos políticos de entón no contexto complexo do feudalismo, que crea lealdades, vínculos, subordinacións e pactos que poden parecer confusos ás veces.

A Idade Media é o xermolo no que as historias nacionais van buscarse a si mesmas. Que opina desta identificación co pasado?

É lóxico proxectarnos como nación cara ao pasado. A historia naceu coa función de explicarnos a nós mesmos, colectivamente, a través de determinados feitos que foron configurando o presente. Iso tamén sucede cos individuos: queremos saber de onde vimos. A nosa lingua, por exemplo, forxouse no medievo; monumentos como a catedral de Santiago, institucións como as parroquias. Iso non ten nada de malo. Incluso estou a favor de que as sociedades constrúan mitos porque son exemplos que ás veces personifican determinados conceptos. Pero debemos saber que os mitos son mitos, non confundir o desexo coa realidade.

Está moi estendida a idea de que o concepto de nación é moderno, que nace coa Revolución francesa. Mais cando un analiza determinados aspectos do medievo só pode entendelos, no caso galego, se existe xa un elo colectivo que agrupa as súas decisións.

Nese sentido hai un chamado nun documento publicado durante a Revolución portuguesa do 1383 moi revelador: diríxese aos portugueses verdadeiros para que se opoñan á invasión do rei castelán Xoán I. Con certeza, o termo nación xorde moito despois e por iso é complicado investigar a orixe da idea nacional en cada territorio pero sen introducir esa variable é moi complicado explicar fenómenos coma a herexía husita, que explica a rebelión dos checos no século XV fronte ao poder do Imperio Xermánico. A palabra nación usábana os romanos e parece obvio que a súa consolidación foi dinámica en todas as épocas.

O escritor Manuel Veiga reparou en que a historiografía nacionalista galega pasou de destacar os Irmandiños, especialmente durante a década do 1970 a poñer no centro do seu interese o reino de Galicia. Coma se houbese un camiño desde a busca de referencias para a revolución ao intento de lexitimación do autogoberno.

A realidade vai cambiando e cambian as nosas preguntas á historia. Por exemplo, iso agora é moi visible no campo da historia do xénero. A investigación de cada acontecemento é interesante porque nos permite romper diferentes fronteiras mentais, eses dogmas baseados en que algo é así porque sempre foi así. Reivindicar o reino de Galicia permitiulles aos galegos rachar o mito da compacidade do Estado español e reivindicar que as estruturas políticas propias do territorio galego son moito máis antigas e sólidas do que nos querían facer crer.

Cando falamos dos Irmandiños, tamén houbo variacións. De definilo como un movemento revolucionario popular a considerar os revoltados case como policías do rei Henrique IV…

Esa visión “policial” non é nova. De feito, é anterior á outra. Na verdade, os Irmandiños non foron nin unha cousa nin a outra. Por suposto non foi un movemento labrego senón unha revolta urbana e burguesa. Pero tampouco hai que considerar as Irmandades como un fenómeno proclive ao rei. En realidade foi unha revolución moderna, que buscaba rematar cos abusos da nobreza e conseguir, dunha vez por todas, ese ideal cidadán nacido séculos antes: conseguir para os Concellos os señoríos sobre os municipios (tradicionalmente, nas mans de bispos), unha comunicación directa co rei.

Aínda que a ucronía é máis para a literatura que para a historia: Se tivese triunfado o movemento dos Irmandiños, Galicia teríase parecido máis ás repúblicas comerciais posteriores, caso dos Países Baixos?

A verdade é que a conxuntura mercantil tivo moita importancia no movemento. Podemos definir o aumento do malestar coa diminución do tránsito de mercadorías, especialmente a través do Atlántico cara ás illas británicas e Centroeuropa. É cando a clase burguesa perde poder material cando xa non pode aturar a presión impositiva das clases nobres e se rebela. E desde ese punto de vista o movemento non é espontáneo ou curtopracista: non se destrúen as fortalezas nun ímpeto arroutado, non. Tómase conta delas, póñense ao servizo das Irmandades e logo decídese derrubalas para impedir que funcionase o sistema anterior. Está claro que o seu fracaso asentou o sistema rendista parasitario. Triunfou unha ideoloxía moi tradicionalista e estática que explica como foi a Galicia posterior. Esa idea de Galicia como país no que non se innovou nada, resignado desde sempre, é unha falacia.

O fracaso irmandiño asentou o sistema rendista parasitario. Triunfou unha ideoloxía moi tradicionalista e estática que explica como foi a Galicia posterior.

“A mal chamada Guerra da Independencia serve como mito fundacional da España moderna”

Unha época moi mitificada, tamén en Galicia, é o período de guerras napoleónicas. Os franceses, terribles inimigos no 1809, volveron á nosa terra no 1823 sen que ninguén os combatese. É este un período moi contraditorio, historiograficamente falando?

A Francesada coincide con todo o movemento liberal que se espalla por toda Europa a raíz da Revolución francesa do 1789. E tamén, loxicamente, coa reacción antiliberal. E ademais, é a época na que se forxan os mitos nacionais. A mal chamada Guerra da Independencia serve como mito fundacional da España moderna. Repárase nesa época con manipulacións evidentes. Por exemplo, consagrouse a mentira de que a primeira constitución é a de Cádiz, no 1812. Non: a primeira constitución foi a de Bayonne, 1808, apoiada non só pola imposición francesa senón por amplas capas sociais desexosas dun cambio político profundo. Curiosamente, a Constitución de Cádiz, liberal, é símbolo da guerra contra os franceses, dirixida e xustificada polos antiliberais. É un dos grandes paradoxos da época.

Os afrancesados galegos case nunca aparecen na historia oficial.

Houbo algúns de grande altura, caso do marqués de Sargadelos, que acaba morto por un tumulto promovido polos reaccionarios. Pero a verdade é que afrancesados de boca fóra en Galicia fóronche moitos: o arcebispo de Santiago apoiou a José I de Bonaparte e só cambiou de bando cando viu posibilidades de aproveitar a crise para blindar un sistema político reaccionario. En Galicia, os progresistas eran bonapartistas porque sabían que do lado de enfronte tomaban alento os máis reaccionarios.

Cóntase que a reacción contra os franceses foi popular, patriótica. Incluso o galeguismo presume da valentía da reconquista.

A verdade é que as clases populares interviron no conflito por lealdade aos fidalgos e á Igrexa, non por patriotismo. Se fose así, por que ninguén se levantou contra os franceses cando voltaron no 1823? Porque para esas os invasores viñan acabar co liberalismo e entraron baixo o aplauso dos bispos e curas.

Ese confito social entre reaccionarios e progresistas vai medrando e estoura de novo no 1936. Coido que máis alá das dinámicas comúns a todo o Estado, aquí aproveitouse o clima bélico para axustar contas cos que loitaran polo cambio social.

O que non podemos é explicar o que pasou en Galicia no 1936 aludindo a unha serie de casualidades. As causas do triunfo do golpe foron a febleza do noso tecido industrial e, polo tanto, do movemento sindical obreiro e a pouca forza social dos demócratas. Había unha conflitividade larvada durante décadas, un rancor das forzas dominantes cara aos tímidos avances sociais. A virulencia da represión explícase porque moitos sectores tradicionalistas estaban esperando o momento oportuno para pór as cousas “no seu sitio”. Fronte ao obvio desenvolvemento de opcións republicanas, o calvosotelismo, por exemplo, un movemento profundamente reaccionario, tivo unha grande implantación antes do golpe de Estado.

No libro tamén hai espazo para analizar o nacionalismo galego. Vostede diferénciao claramente dos vasco e catalán. Refire que a súa debilidade ten unha razón histórica.

Historicamente, mirando globalmente, o nacionalismo foi un movemento ideolóxico e político dirixido polas burguesías que tomaban consciencia nacional. En todas as nacións son os empresarios os que toman o temón. En Galicia non hai clases dirixentes que asuman este papel. Primeiro porque a iniciativa mercantil e industrial no noso país queda desde moi pronto en mans foráneas, por exemplo os cataláns, que non asumen unha postura reivindicativa fronte ao Estado senón un rol colaboracionista para que o Estado español favorecese os seus intereses.

A burguesía que si levantou o nacionalismo galego foi a de tipo intelectual, con moitísima menos influencia social, sen poder real. Para espallarse, o galeguismo decidiu vincular a demanda nacional coas necesidades das clases populares pero a verdade é que o dinamismo do proletariado e do campesiñado foi feble. No primeiro caso pola escasa industrialización do país, no segundo porque os labregos só toman unha postura activa en momentos moi puntuais, para esixir resolución a problemas moi concretos. Esa orixe explica a situación precaria do nacionalismo hoxe.

Esa situación é irreversible?

Non son sociólogo nin experto en Ciencias Políticas. Desde un punto de vista histórico, nos últimos anos vivimos un poder case total da grande burguesía, que impón os seus criterios ideolóxicos case sen oposición. O proletariado entendido como vangarda social, como o facían os teóricos dos séculos XIX e XX, parece hoxe superado. Quen é o proletariado? Existe como clase social? Pensemos que o poder colectivo dos obreiros tivo moito a ver con reivindicacións básicas, tanto laborais coma políticas, xa que até hai moi pouco os pobres e asalariados non podían votar. Hoxe os intereses que unen os asalariados son diversos e cómpre crear novos conceptos nos que se sintan unidos entre si fronte ás clases dominantes. Con esta paisaxe, quen pode dirixir o nacionalismo galego? A quen lle interesa? A quen defende? A quen lle é útil? Véxoo con febleza como movemento colectivo en Galicia.

A burguesía que si levantou o nacionalismo galego foi a de tipo intelectual, con moitísima menos influencia social, sen poder real.

 

 

Advertisements

2 comentarios en “Anselmo López Carreira: “Falarmos do reino de Galicia serviu para crebar o dogma da “eternidade” de España”

  1. Pingback: Anselmo López Carreira: «Falarmos do reino de Galicia serviu para crebar o dogma da “eternidade” de España» | ::Axenda cultural AELG::

  2. Pingback: O Reino de Galiza (por Victoria Pereira) | Lingua e Literatura I

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s