Dez Premios Xerais que paga a pena ler

Xosé Miranda. XAN CARBALLA

Xosé Miranda. XAN CARBALLA

César Lorenzo Gil.

O sábado, 7 de xuño, saberemos que novela gaña o Premio Xerais de Novela 2014. A publicación da obra gañadora aínda demorará uns mesiños. Para ir facendo boca, velaquí unha lista de dez novelas que gañaron o premio outros anos e que paga a pena ler. Algúns títulos xa apareceron nesta serie de reportaxes sobre os Xerais pero desta volta o criterio é completamente subxectivo.

10. No ano do cometa, de Xoán Bernárdez Vilar (1986). A historia de Galicia é, como veremos, un tema recorrente en varios dos libros que se fixeron co Xerais. O tema medieval é un dos máis gorentosos, dada a riqueza de acontecementos nos que os galegos eran protagonistas. Esa é unha das principais calidades desta novela: descubrir un reino que quería ocupar o seu sitio en Europa. O escritor lévanos aos tempos do rei García II, no século XI. Bernárdez deseña un escenario no que Braga e Santiago de Compostela compiten entre si pola primacía da Igrexa galega e as elites propias buscan o xeito de asegurar a continuidade do novo territorio favorecendo alianzas con potencias europeas emerxentes, caso da Inglaterra normanda. O máis interesante da novela, 28 anos despois, é a súa inxenuidade narrativa, do tempo no que as letras galegas quixeron encher todos os baleiros, e a habelencia do escritor para debuxar un tempo tan pouco tratado na historia oficial que nos aprenden nas escolas. Este libro, ademais, é dos poucos que nos fala dos exiliados bretóns que se asentaron na actual Mariña e que chegaron a ter o dominio dunha sé episcopal: Bretoña.

9. O cervo na torre, de Darío Xohán Cabana (1994). Esta é unha novela que o xurado que a premiou definiu como “de reivindicación dos principios revolucionarios de liberdade, igualdade e fraternidade”. É certo que o segundo premio Xerais que Cabana gañou é unha obra profundamente política, ás veces incluso pedagóxica mais nunca afastada da propia maxia do relato narrativo. Tras unha guerra devastadora, Galicia e Portugal constrúen xuntas unha nova comunidade baseada en fórmulas neorrurais que esquiven as dificultades provocadas pola escaseza de recursos, en especial enerxía. Nese futuro apocalíptico, o autor non debuxa unha distopía senón que dá pistas sobre un mundo que pode procurar a xustiza e a equidade en base ás propias aptitudes humanas, que están aí aínda que teimemos en ocultalas. Esta novela ten moito de conto clásico: os protagonistas desa nova Galicia liberada han loitar contra un tirano que resiste na cidade da Coruña amparado nunha Garda Civil que segue a defender o mundo vello. Este libro, ademais, é un dos máis traballados no campo estilístico e léxico polo autor chairego.

8. Unha noite con Carla, de Aníbal Malvar (1995). Antes de mudar de sistema literario, Aníbal Malvar converteuse, por méritos propios e cunha liña moi coherente, no mellor escritor de novela política en Galicia. Xornalista apegado á realidade política do fraguismo, o escritor deixou varias obras que buscaban, con xeitos de narrativa popular, desvelar a sucidade dunha autonomía que se fixo vella demasiado pronto. Nesta novela está o mellor daquel Malvar: segredos, ansia de poder e sexo, soños de xustiza dos pequenos que acaban no vinagre da resignación e incluso da auto-traizón e moito moito alcol. Cando descubrín que existían en Santiago os locais nos que tanto se para na novela, sempre estiven tentado de entrar e pedir aquela marca rara de whisky. Xa non hai quen escriba en galego coma Malvar o facía. Xa non hai en ningún libro aquel cheiro a tabaco reseso e sabas suadas que deita esta novela.

7. Cadeas, de Xabier López López (2013). O último Premio Xerais até agora é un libro deses canónicos. O xurado non correu riscos porque xa os correra denantes o autor. Novela de relatos ou relatos-ladrillo dunha novela, o autor de Bergondo consolidouse con este título na busca da súa propia voz, nese camiño de renovación da prosa en galego desde a tradición, con dous elementos sempre presentes: a erudición e o dominio absoluto da lingua co ánimo de levantala do chan da vulgaridade folla tras folla. Ao redor dun suceso (o encontro dun escritor de novelas cunha parella de lectores) van desfilando polo texto historias paralelas, anónimas mais tamén pedazos de historia (inventada ou non tanto) de escritores da altura de Manuel Antonio ou Rafael Dieste, compañeiros de López López, piares dese seu compromiso coa literatura de hoxe: encontrar a voz do futuro impulsado pola forza revolucionaria da tradición máis brillante das nosas letras.

6. Cardume, de Rexina Vega (2007). Vigo: época previa á Guerra do 36. Eis o protagonista espazo-temporal desta novela da que tiramos unha suxestiva conclusión: Houbo un momento, antes de que a reacción o tombase todo, no que Galicia aspiraba a lindar con Nova York Atlántico mediante, a lindar coa capital do mundo moderno, coa ciencia, coa industria, coa innovación e o dinamismo social e económico. Ese atlantismo contemporáneo vaise debuxando a través dos personaxes que constrúe Vega nunha historia poderosa e moi ben asentada na realidade. Esta novela ten unha coidada musicalidade e unha visión orixinal sobre o que somos.

5. Sol de Inverno, de Rosa Aneiros (2009). Esta é a mellor novela de Aneiros até o momento. Desde o primeiro momento, a autora proponlle ao lector unha experiencia para a que precisa folgos, un desafío que se mantén no alto desde a primeira páxina até a derradeira. Escrita en segunda persoa (algo pouco habitual na narrativa), quen le este libro parece que está a escoitar o escuso un conto dedicado a outra persoa. Ambientada nos tempos da Guerra do 36 e no exilio dos que militaran no bando republicano, a obra técese coas técnicas propias da memoria para esquivar o realismo: imaxes con poder de evocación e polisemia, elipses, lapsos e unha sensación onírica xeral que converte as miserias do día a día daqueles tempos malfadados nunha experiencia épica unhas veces e lírica moitas outras.

4. Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana (1989). O mito artúrico (a Materia de Bretaña, tal e como se definen nos manuais de Literatura) tivo no século XX tres cultivadores excepcionais: Ramón Cabanillas, Xosé Luís Méndez Ferrín e Cabana. O Galván desta novela consegue un nivel de humanismo que consegue facerse pel cando o lector descobre as súas aventuras. Fronte ao relato épico de cabaleiros armados de ferro que consagrou o filme Excalibur,de John Boorman, o mundo de Saor é delicado e cotián. Mais iso non significa que Cabana renuncie á epopea, á aventura, ao relato que nos cinxe ás páxinas dun libro. Ese equilibrio entre o onírico e o real, entre o novelesco e o anódino converte esta novela nunha das máis relevantes na última historia das nosas letras.

3. Periferia, de Iolanda Zúñiga (2010). Esta é a novela máis relevante da violenta década dos 10 (parafraseando os músicos de Ataque Escampe) porque capta, por primeira vez nas nosas letras, o océano de información que consolidou o poder omnímodo da internet. O Brasil que narra Zúñiga non está estudado sobre o terreo; a autora só viviu unhas semanas nas barriadas protagonistas do libro, na periferia de São Paulo, mais iso non lle quita nin unha chisca de verosemellanza. Porque esta novela busca o universal desde o máis ínfimo, nunha especie de árbore xenealóxica dos estilos narrativos, nunha sucesión de ponlas, follas e abrochos a través dos vieiros da música, o fútbol, a droga, a política… A novela é unha explosión, un big-bang que non encontra acomodo nos límites obvios dun libro, que dá a sensación de que podería continuar e continuar, nunha novela perpetua que de seguro esgotaría a Zúñiga pero mantería os lectores nunha descuberta permanente dun mundo que está aí mais que facemos por non fitar demasiado tempo.

2. O exiliado e a primavera, de Manuel Veiga Taboada (2004). Se falabamos de Periferia coma dunha espiral sen fin, estoutra novela é todo o contrario. É un exemplo de obra compacta, armada, consistente, pura proteína, como lle gusta dicir ao autor. O fondo: a imposibilidade de continuar na Galicia tardofranquista o labor político dos galeguistas que tiveran que exiliarse tras o triunfo do franquismo a través da historia de Alexandre Marrube, un humanista que volve ao seu Monforte natal para enterrar a nai e que se encontra cun país que non coñece, a medias resignado ao “progreso” do desarrollismo a medias megullado nun proceso de reconstrución da loita política. Esta novela non é só o relato dese choque entre a tradición e as novas ideas: propón un camiño propio na narración baseado nun estilo sobrio e no destaque dos pesonaxes pequenos nos grandes acontecementos. Este título supuxo a confirmación dun escritor que de aí en diante publicou os seus mellores traballos.

1. Morning Star, de Xosé Miranda (1998). Unha das novelas máis exitosas da historia recente do noso mercado editorial, tanto entre o público coma entre a crítica. Esta novela de aventuras, de amor, de historia e de personaxes é o traballo máis completo dun dos nosos autores máis interesantes. Relato sobre o século XIX galego desde o punto de vista duns rapaces atrapados nunha lea entre bandidos naquel tempo no que Galicia era un territorio parado no tempo dos fidalgos e os cregos, pechados nas súas fortalezas ao vento de rebelión e fame que as gavelas de bandoleiros levaban aos seus portóns en forma de trabucos de ferro en resposta aos trabucos impositivos. A novela de Miranda ten a gran virtude de levarnos ás nosas primeiras lecturas de adolescencia, cando aquel universo lido era tan poderoso que acababa por protagonizar máis a nosa vida que a experiencia cotiá e rutineira. Por iso a escollín como a novela imprescindible, a que todo o mundo debería ler, porque de entre todas é aquela que máis comunga coa literatura como arte pensado para o gozo inmenso dos lectores. Esa é a máxima do Premio Xerais e cando se consegue ese feitizo o éxito está asegurado.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s