Xosé Ballesteros: “Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural”

César Lorenzo Gil.

Xosé Ballesteros (Pontevedra, 1956) dirixe a nave nodriza Kalandraka (da que naceu Faktoría K), exemplo de editorial galega exitosa que conseguiu ese equilibrio tan complexo entre respecto polo produto e polo idioma galego ao tempo que está presente no mercado ibérico e tamén latinoamericano con grande aceptación entre o público. Nesta entrevista analizamos a chaves dese éxito e atendemos a experiencia do veterano editor para entender que debemos facer para salvagardar o futuro da cultura de Galicia.

XBallesteros (1)A pesar da evidente crise do sector editorial, dá a sensación de que Kalandraka e Faktoría K manteñen a boa saúde, cun alto nivel de publicacións e un modelo de negocio asentado. Cales pensa que son as chaves deste plus de resistencia?

É certo que os números de Kalandraka no exercicio 2013 son esperanzadores se os comparamos coa media do sector do libro. A cifra de negocio no Estado español retrocedeu a niveis do 1995, mentres que en Galicia está en cuestión a propia supervivencia da industria editorial galega. Kalandraka, pola contra, medrou un 12% e consolida unha tendencia que vén de atrás.

Cales son as chaves? A visibilidade da marca Kalandraka nas mellores librarías da península Ibérica debido á boa acollida e á demanda do noso catálogo entre un amplo sector do público; a coherencia interna e a diversidade do catálogo dos Libros para Soñar; a calidade literaria, plástica e do acabado dos libros; o respecto ás distintas linguas peninsulares; o éxito na internacionalización do noso proxecto, que nos permite optar a licitacións públicas en Iberoamérica… Arestora somos viables sen as compras insitucionais da Xunta ou o Ministerio de Cultura. Non nos afectan os recortes.

Kalandraka foi pioneiro en editar desde Galicia en linguas que non son o galego, sen renunciar a editar eses mesmos títulos no noso idioma. Esa senda demostrouse exitosa. Cales foron os principais retos desa decisión editorial, que resistencias encontraron e como se consegue difusión internacional desde Pontevedra e non desde as grandes capitais editoriais do Estado?

Levo moitos anos no sector do libro galego e unha das curiosidades que sempre me chamaron a atención é que a maioría dos libros producidos e vendidos nas librarías galegas en galego non pertencían a editoras propias senón a empresas radicadas fóra, nomeadamente Madrid e Barcelona. Nos comezos de Kalandraka preguntabámonos se non sería posible producir libros en Galicia e vendelos fóra, se seriamos quen de exportar.

Pasado o tempo, a decisión de abrírmonos ao mundo foi a acertada. Demostrouse que eramos quen de colocar libros “made in Galicia” no circuíto español, catalán, vasco e portugués. E a partir de aí abríusenos a posibilidade de chegar a calquera lugar do mundo. Fixemos moitos quilómetros para coñecer librarías, bibliotecas e colexios e para acudir ás máis importantes feiras internacionais do libro. Eramos conscientes de que estabamos abrindo camiños para que despois puidesen transitar por eles outros proxectos editoriais galegos, e agora aí están para quen os saiba andar.

Esa estratexia comercial sería posible facela cun proxecto editorial pensado para lectores adultos? 

Sabemos que hai intentos desde Galicia, pero non basta con poñer en marcha un catálogo en castelán. Hai que ter presenza importante nas librarías das grandes cidades, realizar accións de promoción e comunicación constantes e, sobre todo, ter un catálogo moi potente que poida facerse sitio entre as innumerables propostas dos grandes grupos editoriais. A tarefa é titánica nun mercado á baixa, adelgazado; non lle vexo moitas posibilidades de éxito, hoxe por hoxe.

Semellante iniciativa debería contar con apoio institucional, como acontece en Cataluña. Parte da febleza do sector editorial galego radica en que pese ás declaracións de intencións, a Xunta non o trata como un sector estratéxico.

Nunha entrevista en Biosbardia, Moisés Barcia explicaba que o libro para nenos, como obxecto, está menos ideoloxizado, que a xente o compra sen preconceptos, que nin tan sequera importa que o cativo sexa ou non lector. Que opina deste comentario? 

Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural. Como exemplo, a enorme oferta que existe no mercado de literatura-lixo para os máis pequenos, convertidos en consumidores de propostas ñoñas, edulcoradas, que non cumpren os mínimos estándares de calidade. Vivimos baixo o imperio da concentración editorial que está ao servizo dos grandes monopolios mass-media. Kalandraka forma parte dun pequeno número de editoriais independentes que traballan a prol da formación dos bos lectores de hoxe para que cheguen a ser os bos lectores do futuro.

Un dos obxectos identificables a primeiro golpe de vista con Kalandraka son os álbumes ilustrados. A nómina de escritores e sobre todo ilustradores que publicou títulos nas vosas coleccións é ben longa. Podemos falar de que existe unha industria da ilustración editorial para crianzas ou esta aseveración é demasiado pretenciosa?

Existen editoras que publican libros ilustrados, e existen ilustradores, e tamén existen lectores –sobre todo lectoras– de libros ilustrados. O álbum ilustrado é un tipo de libro que xa transcendeu o ámbito infantil; aí están as novelas gráficas, os álbumes para adultos, a banda deseñada. O álbume, como tal, irrompe en España co final da ditadura e vaise facendo un espazo na escola, nas bibliotecas e nas librarías grazas ao carácter singular do novo formato e da súa potencia…

Os ilustradores son artistas e en Kalandraka vimos apostando por poñer o seu traballo ao mesmo nivel que o dos creadores dos textos; algo que non acontecía até non hai moito tempo, e que contribúe a dignificar o seu labor.

Seguindo co tema da ilustración, dá a sensación de que nesa área artística se deu unha auténtica revolución. Se comparamos os debuxos que había nos libros que lía eu de pequeno na primeira metade da década do 1980 coas que se publican hoxe, parece que estamos en civilizacións diferentes. Dá a sensación ademais que a ilustración infantil lidera certo cambio estético xeral, incluso na decoración, no téxtil… Como ve este tema?

Figuras internacionais como Maurice Sendak, Tomi Ungerer Leo Lionni ou Eric Carle, que procedían do ámbito do deseño gráfico, lideraron unha revolución creativa que favoreceu que o álbume ilustrado se abrira camiño e superara as barreiras que o restrinxían unicamente ao público infantil. A publicación en 1963 de Onde viven os monstros –considerado o exemplo de álbume ilustrado perfecto– marcou un antes e un despois nesa senda pola que agora transitan ilustradores de todo o mundo, entre os que non faltan os galegos.

“O libro de papel é o máis sostible, ecolóxico. A transición ao dixital é forzada”

Unha das últimas liñas de negocio de Kalandraka é unha proposta téxtil de roupa infantil –Casa K–, tanto para vestir coma para a casa, que se vende nas librarías. Fáleme un pouquiño deste proxecto. Como xorde, que público busca, que balance fai da súa acollida.

Esta iniciativa é unha mostra de que a partir da ilustración e da edición pódese dar o salto a outros ámbitos de creación vencellados á infancia; o téxtil é un deles. Coa confección de camisolas, vestidos e pixamas estampados cos personaxes dos contos publicados no catálogo de Kalandraka, Casa K procura que a calidade na edición dos libros sexa extensiva tamén ás pezas de roupa, tanto na elección das materias primas coma no desenvolvemento de padróns propios e na elaboración de deseños que seguen os criterios estéticos das ilustracións orixinais. Son tecidos coa certificación Oeko-Tex, que garante que é roupa sa. Cada colección concibiuse tendo en conta os máis pequenos detalles para que a roupa lle guste non só ás nais e pais, senón aos destinatarios directos, os rapaces.

Gustaríame que analizase, segundo o seu autorizado punto de vista, o suposto cambio de paradigma lector, a irrupción da lectura dixital e o futuro do papel, en xeral e enfocado no público infantil.

A transición cara ao modelo dixital está sendo imposta dende “arriba”, non hai demanda pola base. Non a hai en España, nin en Italia, nin en Portugal, nin en Francia… O que hai é un potencial mercado que as grandes empresas de tecnoloxía queren aproveitar, e que forzas políticas e económicas queren impulsar porque interesa que “todos-todos” esteamos conectados, e que a cada pouco teñamos que renovar todo o parque de aparellos que nos permiten esa conexión. O dixital non é sempre o máis democrático, e o libro de papel, no momento actual, é a aposta máis sostible, máis ecolóxica.Hai editoriais que se están colocando nese ámbito porque entenden que hai un “nicho” de mercado e queren aproveitalo. Non é a nosa guerra, porque non estamos no mundo da edición só para facer negocio e porque temos moitas dúbidas ante un futuro dixital forzado.

O seu outro selo, Faktoría K de Libros, foi pioneiro no boom que viviu a tradución cara ao galego hai uns anos. No seu catálogo apostouse por autores actuais de grande éxito (por distintas razóns) como John Boyne e Cormac McCarthy. Como valoran ese traballo. Dá a sensación de que se baixou a intensidade na publicación.

Estamos satisfeitos por ter aportado para a lingua galega a colección Narrativa K con autores tan importantes como Vladimir Nabokov, Boris Vian ou Philip Roth, malia que traducir a obra destes escritores e manter unha colección deste calibre en galego sexa remar contra o vento, pois o mercado para este tipo de iniciativas é moi cativo. Facémolo por militancia cultural, e seguirémolo a facer pese a que as axudas da Consellería de Cultura á tradución sexan ridículas.

Outra ponla moi importante do proxecto foi o cómic. A banda deseñada en galego apenas consegue a normalidade. Vostede ten pensadas as causas desta “lentitude” a respecto doutras propostas editoriais?

É outro exemplo do minguado que é o mercado do libro galego, e máis aínda para este xénero en concreto, a pesar da enorme calidade e do recoñecemento internacional conseguido polos autores e ilustradores galegos: Miguelanxo Prado, David Rubín… Agardamos que os proxectos editorias que existen no país sexan quen de manterse.

No catálogo de Faktoría K, á colección ‘Trece lúas’ uniuse ‘Tambo’, un dos referentes da poesía contemporánea. Cónteme un pouco como se produce o encontro e que proposta editorial teñen no futuro inmediato no eido da lírica. Xa hai anos que o presidente dos editores galegos, Manuel Bragado, me contaba que nun sistema literario tan potente coma o inglés, a poesía saíra de moitas editoriais, que poetas moi prestixiosos só podían publicar en autoedición. Como é a situación da poesía en Galicia? O tópico de país de poetas dános un perfil distinto na compra de textos deste tipo?

A colección ‘Tambo’ dependía da Deputación  de Pontevedra. O seu director, Luís Rei Núñez, dirixiuse a Kalandraka cando a Administración provincial decidiu pechala no 2006, despois de máis de trinta entregas, e propúxonos darlle continuidade. Rei Núñez segue a ser o director e os acertos de ‘Tambo’ son os seus acertos. A editora cumpre co seu papel de facer posible que este proxecto fermoso e necesario siga alentando, e agardamos que sexa así por moito máis tempo.

A consecución do Premio Nacional de Poesía por parte de Manuel Álvarez Torneiro c’Os ángulos da brasa é unha mostra incuestionable da calidade literaria da poesía galega, e desde a nosa editora queremos contribuír a que a lírica tamén lle chegue ao público.

É obvio que a industria cultural galega está a vivir horas moi baixas. Desde a súa experiencia, que pasos se deberían dar para evitar aínda máis a súa degradación?

Mentres non haxa un cambio de política cultural non haberá ningunha posibilidade efectiva de mellora. O problema é que os actuais responsables políticos negan que esteamos en caída libre en todos os sectores que conformamos a cultura galega. Mais a realidade é que a nosa cultura está enferma e cómpre sandala para que poida ter futuro. Cómpre asumir a situación cunha diagnose obxectiva para deseñar políticas de futuro, porque non abonda con vender fume.

Poñer en marcha a Lei do Libro, aplicar unha política de xestión bibliotecaria integral e impulsar medidas de choque para a recuperación do uso da lingua en todos os ámbitos da sociedade son medidas imprescindibles para acometer ese cambio dun xeito decidido. Se a nosa lingua se fala menos, será cada vez menor o número de lectores e, por conseguinte, a oferta cultural empobrecerase de forma galopante até extremos de extinción.

As compras de libros publicados en lingua galega por parte das institucións veñen sufrindo recorte tras recorte. De aí que moitos títulos publicados nestes últimos anos xa non se poidan ofertar nas bibliotecas públicas; o mesmo ocorre coas axudas á tradución. Hoxe por hoxe unha editorial galega non pode vivir do “amparo institucional”.

Aínda así, existen colaboracións positivas en proxectos concretos. No caso de Kalandraka podemos citar a Campaña de Animación á Lectura co Concello de Santiago, que vén desenvolvéndose dende hai 14 anos e que deu como froito a convocatoria do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que xa vai pola sétima edición e que suma máis de 2.000 traballos presentados dende países de todo o mundo; ou O Cartafol do Lérez, un xornal escolar en formato impreso e dixital que se enmarca nunha campaña de dinamización lectora e escrita creativa co Concello de Pontevedra.

Advertisements

4 comentarios en “Xosé Ballesteros: “Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural”

  1. Pingback: Xosé Ballesteros: «Os libros para nenos están tan ideoloxizados coma calquera outro produto cultural» | ::Axenda cultural AELG::

  2. …en troques hai diñeiro para a Cidade da cultura e para encherla de contido de xeito artificial, sen interés ningún, como unha exposición de pedras que houbo hai pouco. Alucinante, verdadeiramente alucinante!!…é incrible o desprezo absoluto cara a nosa cultura, na miña cidade, A Coruña, hai vergoña de ensinar calqueira cousa da cultura e historia propia, dende o mundo mariñeiro ata a emigración, pero o concello pon unha carpa nos cantones para celebrar a “feria de abril”…por qué non co día de Galicia, o 25 de xullo?? é incompatible?? hai que viaxar máis para ver como coidan, sen complexos e con orgullo, noutros lares a súa cultura…por exemplo, en Escocia os funcionarios que traballan nos museos visten o kilt, e o universalmente coñecido lago Ness está indicado só en escocés en todos os sitios, LOCH NESS e non Ness Lake. Saúdos e a seguir, CON-VENCEREMOS!!

  3. Pingback: Kalandraka - Blog K

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s