Escritores: de gurús a guionistas

Walt Whitman

Walt Whitman

Manuel Veiga Taboada.

Comecemos, sequera brevemente, por lembrar o que era e o que significaba un escritor na sociedade de hai apenas cen anos. O escritor era case un gurú, alguén que comprendía e expresaba a alma da sociedade, alguén que podía inspirar a comunidade no seu conxunto, alguén que podía describir e apuntar os defectos e as enfermidades do corpo social e que practicamente se sentía responsábel de sinalar incluso o camiño a seguir. Desde logo, ese era o papel que lle gustaba exercer e que por suposto exercía Tolstoi en Rusia, pero tamén, aínda que quizais a menor escala, Ibsen en Noruega, Anatole France en Francia ou Walt Whitman nos Estados Unidos, quen, con algúns outros autores dese país, intentou nada menos que unir a democracia co sublime.

Escritores así eran noticia cando viaxaban, incluso eran recibidos na estación de ferrocarril polas autoridades locais, dedicábanse a escribir artigos sentenciosos e ás veces definitivos na prensa sobre calquera tema de actualidade e participaban nas recepcións oficiais, fose de monarcas ou de ministros, ao máis alto nivel. Este tipo de escritores sabían de diplomacia e ás veces exercían verdadeiramente este papel, incluso moitas veces con atinada competencia. É dicir, axudaban a concertar encontros entre os líderes de distintos países e mediaban en guerras cuxos motivos de fondo eles parecían entender con máis claridade que os propios gobernantes. O escritor, xa se dixo, era aquel que, por definición, estaba obrigado a coñecer a alma non só das persoas, senón de toda a comunidade, ese “inconsciente colectivo dos pobos”, do que daquelas tanto se falaba e no que a maioría das persoas crían firmemente.

O escritor era aquel que, por definición, estaba obrigado a coñecer a alma non só das persoas, senón de toda a comunidade, ese “inconsciente colectivo dos pobos”.

Claro está que esta forma de ver as cousas contiña varias falacias, a primeira que todos os mencionados eran homes. Non había apenas mulleres que xogasen este papel. Non había case mulleres escritoras e menos con presenza pública destacada.

Por outra parte, dicir que o escritor interpretaba nas súas obras, nas súas declaracións e incluso nos seus actos persoais, o sentir da comunidade, de toda a sociedade, non deixa de ser un modo de tomar a parte polo todo.

O certo é que, hai non máis de cen anos, a maioría da sociedade era analfabeta, esa maioría non só non lía, senón que unicamente se preocupaba dos asuntos públicos que lle afectaban directamente, como era por exemplo o caso dos impostos. A quen representaba logo o escritor? Pois a minoría letrada, cun nivel de renda suficiente, con acceso a algún grao de poder e que nalgúns casos podía viaxar e coñecer outros países, algo verdadeiramente pouco habitual na época. É dicir, o escritor só se relacionaba coa clase que podía gozar dun mínimo excedente económico, non máis, en ningún caso, do 10% da poboación. Iso explica que autores tan recoñecidos como Galdós no seu tempo non tirasen máis de dous mil exemplares de cada unha das súas novelas.

Os escritores eran polo tanto gurús de minorías, pero das minorías dirixentes, aquelas que tiñan unha boa vaixela na mesa, que tiñan ao lado da porta unha bastoneira con caxatos de empuñadura metálica e que unha vez ao ano, cando menos, acudían ao teatro.

Estamos falando entón de escritores interpretes da alma, a súa función social era case relixiosa. O seu traballo estaba movido metade polas musas e metade polos intereses, unha sólida combinación, inalcanzábel para os demais, que os colocaba no alto.

Intelectuais comprometidos

Coa eclosión do marxismo como teoría social e mais co aumento do nivel de vida e a conseguinte irrupción da clase media, é dicir coa participación das masas na vida política, o escritor vólvese terreal. O escritor toma forma corpórea, faise de carne e óso. Pasa de ser gurú a converterse en autor comprometido. O século XX avanza e con el as dúas guerras mundiais que o cambiarán todo. Compromiso non significa, non obstante, compromiso coa esquerda, pois son bastantes os que se comprometen co lado contrario, incluso co extremo contrario, como Hansum, Céline ou Cela, tres grandes novelistas e os tres simpatizantes do fascismo. Pero trátase aínda de escritores comprometidos. Seguen polemizando na prensa e as súas ideas son lidas e escoitadas, só que agora, a diferenza da época anterior, a cidadanía entende que a súa misión está máis ao nivel da realidade e do día a día que nas esferas vaporosas da alma. O escritor perde en romantismo e gaña en realismo. Os autores modernos van cambiando, pouco e pouco, a frase altisoante pola frase cortante. Deixan de ser grandilocuentes para converterse en lacónicos.

Os autores modernos van cambiando, pouco e pouco, a frase altisoante pola frase cortante. Deixan de ser grandilocuentes para converterse en lacónicos.

Louis-Ferdinand Céline

Louis-Ferdinand Céline

Cal é a situación de hoxe? O escritor viu, nas últimas décadas, probabelmente a partir da II Guerra Mundial, pero moi claramente, a partir dos anos oitenta, coa fin do predominio da cultura francesa e coa chegada ao poder de Thatcher e Reagan, como perdía relevancia social e como pasaba a ser un máis, entre unha miríade de axentes culturais. Non é que o escritor non teña agora importancia ou que non sexa escoitado. O que ocorre é que agora ten moitos outros competidores. Que sucedeu? Pois que a partir da II Guerra Mundial expándese unha nova ciencia chamada socioloxía. Desde ese momento empezan a medrar os sociólogos e tamén os politicólogos e os psicólogos e multiplícase o número de historiadores e filósofos. Ademais é preciso contar co poderoso mundo da publicidade e o das fundacións que sufragan estudos e marcan liñas de traballo e consecuentemente tendencias e, por último, nacen novos medios de comunicación, como a radio e a televisión e con eles novos xornalistas que non só trasladan a opinión dos demais senón que, nalgúns casos, se fan cunha voz propia autorizada. Cada un destes sectores intervén, na súa medida, sobre a opinión pública. A sociedade comeza a ser motivo de atención e estudo para un gran número de profesionais, e a novela, entendida como interpretación da sociedade, pasa a ser practicamente substituída pola estatística. Non por casualidade, a frase máis utilizada para falar da fin das ideoloxías é a da fin “dos grandes relatos”.

Influír nos tempos do Twitter

Xa non nos preguntamos, como antes, que pensa tal escritor sobre un problema, pois agora a sociedade democrática explícase a si mesma en porcentaxes, cobre cuestionarios e vota constantemente a través de enquisas. A democratización e o sufraxio universal réstanlle tamén poder a aquilo que antes chamabamos “os abaixo asinantes”. A opinión dun escritor vale máis que a dun cidadán común, pero pouco máis. Por último, na sociedade do espectáculo, nomeada así por Debord, teñen máis valor incluso os actores, aínda que, como di Mamet, sexan profesionais que a maior parte das veces se limitan a repetir as palabras que lles escriben os escritores e os guionistas.

Finalmente, hoxe contamos tamén coas redes sociais. A narración en rede substituíu o gurú e tamén o escritor comprometido. Con todo, habería que dicir que isto tampouco é completamente certo, dado que se corresponde, en parte, con outra falacia. Non todo o mundo ten o mesmo peso na rede. Twitter é unha rede até certo punto xerárquica, por exemplo, en comparación con Facebook, máis horizontal.

O que parece estar fora de dúbida é que, na era na que millóns de persoas escriben, con independencia do soporte sobre o que o fagan, ser escritor deixou de ser un privilexio. Xa apenas existen correntes literarias (outra cousa son os subxéneros promocionábeis) e moito menos aínda manifestos. Desde o punto de vista social, o escritor pasou a ser, en certo modo, un elemento decorativo de época, como un farol vitoriano ou un pintor paisaxista. O escritor que quere ser moderno aspira sobre todo a vender os dereitos cinematográficos do seu libro, o cal representa case o mesmo que aspirar a ser guionista, o que, de paso, significa converterse en anónimo.

Advertisements

Un comentario en “Escritores: de gurús a guionistas

  1. Pingback: Inma López Silva: ” Hoxe en día queremos ‘crer’ no que lemos aínda que saibamos que é ficción” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s