O fútbol, eixo de coordenadas da vida

Valerio Magrelli

Valerio Magrelli

O fútbol como atmosfera literaria xa hai tempo que pasou da marxinalidade e se asentou en diferentes sistemas. Non é o caso galego, no que só unha presada de títulos (case todos destinados ao público xuvenil: Todo ben, de Manuel Rivas, Lume de biqueira, de Xosé Vázquez Pintor, O penalti de Fuco, de Afonso Eiré…) logrou crebar o tópico de que ese deporte-espectáculo non ten profundidade necesaria como para inspirar algo máis ca berros e insultos ao árbitro. Quero lembrar, como excepción, un relato vibrante sobre un partido de fútbol que incluíu Vítor Vaqueiro no libro Os xenerais de África.

A meirande parte das aproximacións ao fútbol, no entanto, relacionan a práctica deportiva coa épica. Ben glosando as fazañas maiores e menores de futbolistas profesionais ou convertendo o fútbol en aproximación nostálxica ao propio pasado, especialmente á infancia, no conxunto dunha narración por veces heroica ou anti-heroica, que une o xogo do balón aos relatos de batallas.

O que se ve menos é, seguindo ese carreiro de volta á infancia, relatar o fútbol da nosa vida cun pouso lírico, onde pesa máis a imaxe, o instante, que o relato narrativo, o guión poderoso con presentación, nó e desenlace. É por iso que ten moito interese a obra Adiós al fútbol, do italiano Valerio Magrelli, que publica en castelán o selo aragonés Xordica. Porque Magrelli, que é poeta, consegue atrapar esoutra esencia do xogo con ferramentas sensoriais, as que buscan ese momento máxico no que non nos preocupa que pasa senón o reflexo que deixa sobre os nosos sentidos e que nos acompañará para sempre.

Magrelli compón este libro, un tanto indefinible (é unha novela?, é poesía en prosa?, é un conxunto de relatos?, é un diario?) coma se vivísemos un partido de fútbol: dúas partes divididas en 45 minutos (momentos), fragmentos breves (entre media páxina e páxina e media) nas que a voz narradora (interpretamos que a voz propia do escritor) vai construíndo un deseño da súa propia relación co fútbol coma quen coloca alfinetes nun eixo de coordenadas da propia vida.

Porque o principal achado do italiano é acabar por deseñar o mapa da súa vida a base de atrapar recordos vinculados coas sensacións que lle deixou o fútbol. Non son recordos tomados ao natural e pousados sen máis. Non, Magrelli aboia as súas lembranzas para convertelas en experiencias poéticas. Esa é a grandeza do libro, o seu meirande valor: non se conforma con recordar aquel ulido que deixaban as botas acabadas de usar no campo unha vez pousadas no vestiario ou describir a relación do seu fillo (orgullo e decepción do pai porque é do Inter de Milán e o seu pai é da Roma, porque mentres que o pai gastou tacos nas peladas e nas prazas históricas da capital italiana, o fillo é un habelencioso do xogo na PlayStation). Eleva da cotidianidade aqueles intres para convertelos en pequenas nubes de grande altura literaria, que fican na cabeza do lector durante un tempo antes de diluírense coa seguinte imaxe.

adios-al-futbol-9788496457867-198x300Estes 90 minutos comunican o fútbol coas demais experiencias de Magrelli, especialmente coa literatura que leu. Apenas hai historia do fútbol, un pouco sobre o camiño inicial da Roma cara á gloria e recortes dispersos sobre algúns acontecementos que marcaron o propio autor, caso do xogo de Rudy Volk na década do 1920 ou a imaxe de Jack Charlton, cando era seleccinador de Eire, retorcendo a viseira no banco. Outras veces aparecen futbolistas como depositarios das palabras. Neste libro Maradona pesa tanto coma Georges Perec ou Adolfo Bioy Casares.

Moitos somos os que podemos converter o fútbol en eixo de coordenadas da nosa propia vida, por presenza e por ausencia deste xogo na nosa biografía. O fútbol é unha materia tan vasta como inspiración literaria por tres condicións que Magrelli expón neste libro: dános ocasión de fuxir do aburrimento, co propio relato ficticio de cada partido, porque o fútbol pode ser en si mesmo unha ficción (as ligas inventadas dos videoxogos, do Football Manager ao Fifa); márcanos como sociedade, como espectadores que comungan en masa, como grupellos que se unen para dar patadas nalgún campo arrebatado ao monte. E finalmente porque a diferenza de calquera outro relato, suxeito ás regras universais tan estudadas pola Teoría Literaria Comparada (heroe, antiheroe, traizón, amor, ciúmes…), en cada partido, a pesar das estritas normas, a pesar de que os papeis están repartidos de antemán, ao final o equipo pequeno pode gañar o partido, no derradeiro minuto, xogando cun home menos, grazas a un gol de cabeza do seu porteiro.

♦ Adiós al fútbol, de Valerio Magrelli, traducido por Eduardo Martínez Pisón, Xordica, 2013. 125 páxinas. ♠13,95€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s