Castelao e Wenceslao Fernández Flórez no país de Liliput

Ilustración de Castelao para 'El Noroeste', 1912

Ilustración de Castelao para ‘El Noroeste’, 1912

Xosé Enrique Acuña.

Pode formar parte da historia do xornalismo galego. Da pequena e, á vez, da súa grande historia. Tamén da máis ruín, competitiva e ideolóxica. Da maior, xa que nela se implican dous persoeiros tan notables como distintos no seu posterior e amplo percorrido biográfico, e da pequena, ou non tan pequena, por conta dun discreto, puntual e axuizado enfrontamento entre dous xornais coruñeses. Un plenamente católico e na tradición monárquica e outro aberto tanto ao liberalismo como ao agrarismo e a un primario rexionalismo galeguista. Aínda que a historia acontecese no 1912, o feito de que xa ande a superar un século non obriga o seu esquecemento nin a evitar, por centenaria, a exhumación polo miúdo que en si mesma merece.

En decembro do 1912, Castelao, con firma e debuxos á vista dos lectores, e Wenceslao Fernández Flórez, inutilmente agachado cun único “W.” como sinatura, convértense nun dúo, inédito e de luxo, na primeira plana do xornal coruñés El Noroeste. Estéril manobra de distracción e de modestia para quen ocupa a dirección dun diario que neses anos andaba a explorar contidos e expresivos xeitos de escribir para unha prensa galega pouco ou nada desprendida da tintura decimonónica. E o certo é que aquilo que nunha rápida e primeira visión semella ser, a causa do alarde de gravados tipográficos, o comezo dunha sección con vocación de permanencia e con cabeceira e titulares a cargo do propio Castelao, non deixa de ser unha sorte de sinal do novo xornalismo desexado por medio dunha extraordinaria e puntual colaboración ante unha temática tamén extraordinaria.

Ananos na literatura

Axuntados en excepcional parella, Castelao e Flórez, aínda novos, arman unha plana entre a reportaxe, a entrevista e a ilustración gráfica, que recollerá a visita por terras galegas dun novidoso espectáculo do que eran protagonistas un grupo de artistas liliputianos. Con “Los señores de Liliput” de título, con “Figuritas menudas” de antetítulo, as letras debuxadas e ornamentadas polo propio Castelao sinalan camiño a unha introdución na que Flórez non oculta o seu amplo coñecemento das obras literarias nas que as ananas e ananos, terminoloxía aceptada e asumida nesa época, ocupan unha posición preferente e senlleira.

Tanto como para citar cando redacta, no obvio e obrigado castelán de provincias do seu xornal, a astucia e intelixencia de “Pulgarcito”, a mínima e feminina “Almendrita” en berce de casca de noz e a navegar polos regatos nunha folla de figueira, os “korigáns” que lles agasallaban ouro aos leñadores extraviados no bosque e mais tamén os ananiños que escravizan os “Troll” dos contos populares alemáns e escandinavos. Todos conflúen introdutorios na prosa en prensa do escritor coruñés que apunta, lector informado e erudito, como Sigfrido confiou na lealdade doutro anano para custodiar o tesouro dos Nibelungos. “A humanidade tivo sempre unha compensación de cariño para estes excepcionais membros dela e fíxolles doazón de quimeras consoladoras”, pontifica o director d’El Noroeste e futuro supervendas das letras en castelán antes de petar, xa metido en labor de cronista, na porta dunha pensión, a Fonda da Luz, na que aposentaban os artistas nómades.

Nesa pensión daría comezo a escena cunha práctica xornalística que sorprendía, por estraña e singular, ao mesmo Fernández Flórez. “Imaxinade, Castelao, rival en altura da Torre de Hércules, e ademais miope, a se mover entre ananos”. Movéndose e a facer apuntes de todos e cada un dunha troupe neses días ambulante polas capitais galegas. Polos palcos do Teatro Pinacho en Vigo, do Petit Palais de Pontevedra, no do coruñés Teatro Rosalía de Castro e con cinco funcións no de Ferrol. O cronista sente ante o primeiro contacto cos tan cativos hospedados a mesma confusión “que sufriu Mistigris, o ministro de Zerbín o leñador, do conto de Laboulaye, ao advertir que dialogaba co cordón da campaíña do palacio encantado”. Non ollaba a ninguén, e en nada, escoitou un respectuoso “que desexa?”. Á fin deu co home, un tal señor Gondín diminuto, con sorriso aberto e faciana enrugada e que, educado, se desprende dunha microscópica gorriña e que robe a unha cadeira e abre unha conversa que ten un agradable comezo. “O señor Gondin, debo proclamalo, é un liliputiano ben correcto”, describe Fernández Flórez que de seguido é presentado á señora Gondín, de 25 anos e 93 centímetros, que pasa a describir como “gordecha, rideira, de grandes ollos escuros”.

Vidas liliputianas

Todos os ananos da compañía non deixan de comparecer ante os dous visitantes, o caricato e mais o escritor, no salón de respecto da Fonda da Luz. Castelao, xa reflectido nas paxinas de El Noroeste, aposta por un Gondín a aumentar a súa altura por medio dunha pequena caixa de madeira e na posesión dun varal. Pértega de director artístico que o caricaturista decide desfigurar e reinterpretar para que lles lembre aos lectores o perfil dun fusil Maüser co que Gondín ordene e articule os movementos en escena dun grupo que Flórez saúda cunha tamén cordial, mais contraditoria, declaración de principios: “¡Son tan simpáticos os ananos…! Non os ananos monstruosos ou malfeitos que refugallos das estancias dos poderosos, e amortizada a cruel carreira de bufón, chegaron, nunha caída formidable, a exhibir a súa desgraza polas beiras dos camiños ou nas barracas de feira. Mais existen seres diminutos, harmónicos, algúns posuidores de innegable beleza física!”. Referíase se cadra á anana Mariechen, impactado Fernández Flórez ao ser “loira como unha Margarida en miniatura, doce e guapa, co trazo da timidez das súas vinte primaveras” e a opoñela a outra chamada Agnes “un pouco grave”. Dúas mulleres da troupe que Afonso Castelao plasma, a primeira, case tan pequena como a man que estreita e, a segunda, en pose de muller vitoriana, burguesa e de orde.

Os liliputianos versionados pola arte de Castelao precisaban, por parte dese don Wenceslao de 27 anos, dun esforzo para non esquecer que eran “persoas maiores”. Foi directa testemuña de que as súas cabezas non acadaban nin á altura das mesas nas que ía a exercer con eles o oficio de entrevistador e mais tamén de que a totalidade da comparsa procedía dun chamado Xardín de Aclimatación de París. Alí, algún inmoral empresario agrupara, en deshonroso espectáculo, douscentos ananos que procurou por todo o mundo. “Liliput trasladado á capital de Francia. A fantasía de Swift feita realidade”, subliña Fernández Flórez ao que Gondín, brasileiro de nación, lle quere facer crer que se sentían ben contentes con este xénero de vida. “Os nosos soldos permítennos facer algunhas economías que imos depositando no banco, e elas coidarán da nosa vellez”. Afirmacións que realiza un deles a pouco de que irrompa no salón un home que retrataran impiamente as dúas plumas, a do debuxo de Castelao e a da prosa de Fernández Flórez. Castelao a representalo dentro dun círculo, con chapeu e cigarro, sobre un duro e contundente epígrafe e a definilo como “O explotador”, e o futuro autor d’O bosque animado a detallalo sen compaixón ningunha: “Neste punto da entrevista entra na estancia Molles, o empresario; non o que presenta os ananos no palco senón o que explota o espectáculo. Entra rosmando, envolvido nunha bata rameada, de colores rechamantes que lle dan una aspecto exótico. Escarrancha nunha cadeira; arríncalle unhas chupadas á punta do cigarro puro oculto baixo o seu áspero bigote porcallán. Rosma outra vez. Lisca lento e a arrastrar a punta da bata”. O xornalista retorna á mesura do anano Godín que lle permite entrar en cuestións íntimas e sentimentais. Confésalle o pequeno director que namorou e casou en Chicago e á vez recoñécelle que os casoiros entre eles “non lle son moi correntes”. Que William, o hércules da troupe, alemán con brazos como fíos, e con noiva por cada país que pasa, era un gran debuxante. William, lixeiro, corre a ensinarlles a Castelao e Fernández Flórez un seu caderno de debuxos e, seguindo coas confidencias, o “Tenorio de dous palmos” solta outra declaración persoal co ardor dos 18 anos: “A min gústanme todas”. Por alí, novas declaracións. Carl, o maior de todos, a informar que en breve casará coa súa moza, como non, pequeniña, e Mariechen, a moneca loura de ollos azuis, revela que lle escribe todos os días ao seu noivo, cazonetista e tamén anano.

Contra a vontade do empresario, Castelao escoita e non para de facer apuntes da tropa liliputiana. Máis tarde, xa nun café, entre a sorpresa da parroquia, o forzudo de 89 centímetros de estatura quedará plasmado non moito máis grande ca unha ficha de dominó polo rianxeiro. Rematada a colectiva entrevista, Wenceslao Fernández Flórez tomaría do brazo a Castelao para “guialo como quen guía un cego” ante o medo que pisase nalgúns dos ananos: “Por deus, Afonso, ten coidado, velos desde aí arriba?

Castelao 2

Prensa con sotanas

E quedou a cousa aí? Publicada a tan particular reportaxe, co propio Castelao autocaricaturizado con lentes, un costume que nunca perdeu, a mostrar na palma da man a pequena Mariechen e co resto da “Troupe Liliputiense” debuxada baixo os seus pés, esta non foi de gusto dun empresario acusado de “explotador”. Mais ben o contrario. Tratou de lavar a súa para el castigada imaxe procurando, seguro que dilixentemente informado, o abeiro dun xornal diferente e enfrontado. E foi que chamou á porta da competencia, ideolóxica e mercantil, d’El Noroeste para alí ser recibido polas sotanas que administraban o outro diario coruñés. No xornal contrario, El Eco de Galicia, con sede na Praza de María Pita, mandaban dous cregos de sona e pluma clerical. En papel de director, un José Gómez que se fixera famoso con firma e pseudónimo de Zenitram, e mais tamén aquel cura Toubes que no 1936 se converteu, acusado de colaborar coa criminal represión franquista, a maiores de inmune, en tristemente célebre.

A posta en paxina da nova información sobre a “Troupe Liliputiense”, agora na versión católica e en castelán de curia, non se desvía curiosamente, en canto presentación, da que antes recalara en El Noroeste. Cal se o ánimo fose competir en erudición literaria, un anónimo redactor advirte que para el non existen os liliputianos: “os habitantes do país do Liliput son ficcións, soños do novelista Swift maxistralmente desenvolvidos nas súas Viaxes de Gulliver” e que, xa posto no asunto, o señor Moller, o empresario, andaba fóra de si por conta da acusación de “explotador” que Castelao e Fernández Flórez lle aplicaran días atrás. Non máis que insultos, segundo o empresario alemán que xa gozaba da defensa d’El Eco de Galicia. O seu reporteiro non dubida en lles anunciar aos seus confesionais lectores da firme obediencia católica dos artistas e ananos forasteiros. Até chegar ao extremo de afirmar que Gondín, o director artístico, é un “fervente católico” e “patriota furibundo” e que, explica, “no fondo da súa mala, onde garda a equipaxe, leva consigo a todas as partes, excelentemente coidada, unha bandeira da súa nación de tres metros de longo e sobre o seu peito porta un escudo desta, bordado nun reverso dun escapulario da Virxe do Carme”.

Castelao e Fernández Flórez

Unha pequena batalla na prensa coruñesa de progreso e de reacción, coa “Troupe Liliputiense” no medio do fogo cruzado, desde a que se pode explorar o xogo de relacións entre Castelao e Fernández Flórez. José Antonio Durán, xa hai décadas, reparou e restaurou a intensa amizade e as colaboracións modernistas e de primeira hora entre un aínda en exclusiva artista Castelao e o xornalista. Foi o autor de Volvoreta biógrafo de urxencia e publicista reiterado dun Castelao a que lle adica pezas mestras da prensa en español coma fora aquela que tamén publicara en El Noroeste baixo o título de “Castelao se examina” (1915). Un grande exemplo de xornalismo e humorismo que o propio Durán recuperou, como toda a relación entre o novelista e o caricaturista, no libro Crónicas, 2. Entre el anarquismo agrario y el libre pensamiento. Un “primeiro” Castelao e un “primeiro” Fernández Flórez a modelar tan distintas sensibilidades e a poucos anos de escoller e asentar en novas bandeiras políticas. Castelao, aínda a realizar caricaturas en vivo polos teatros nas festas dos coros galegos, como no New England de Ferrol (1912), a deseñar arcos triunfais na vila da Estrada en honra de Raimundo Riestra (1915) ou a ser lexitimado, como artista “rexional”, tamén en El Noroeste, por Luis Antón de Olmet (1914) ou Manuel Abril (1912). E don Wenceslao, xa tan ao seu, con vocación de verso libre e de novelista alleo a calquera moda, a sortear —desde dentro e con comodidades críticas— restauracións, monarquías, primorriverismo, república, guerra e franquismo. Todo o que, desde 1936 de forma definitiva, o arreda do Castelao da súa mocidade máis cabal e atrevida para asegurarse e aferrarse nun conservadorismo con atrevementos propios dun intocable baixo réxime militar. O que o levou, por exemplo, a estar detrás dun guión cinematográfico, o de Camarote de lujo (Rafael Gil, 1958), que, convertido en película en plena ditadura, é hoxe recoñecido como unha das máis valentes e agres das críticas que se realizaron contra os abusos que, de sempre, se cometeran cos galegos e galegas que tentaban emigrar a América. O lugar onde, no exilio e xa como líder incontestable do galeguismo político, morre Alfonso Castelao.

Unha microentrevista a Castelao por Francisco Camba

Fernández Flórez non foi a única firma que apostaba polo mellor dos casteláns daqueles que arrimaron entusiastas ás páxinas coruñesas d’El Noroeste. O Camba menos coñecido, Francisco, mantiña con éxito unha columna neste xornal, arroupado baixo un pseudónimo que extrae dunha novela histórica de Benito Vicetto: “El Hidalgo de Tor”, personalidade xornalística desde a que ensaiar futuras habilidades literarias, sempre en español.

Un día de agosto do 1912, Francisco Camba bateu nunha rúa da Coruña cun famoso pintor de veraneo: Julio Romero de Torres —“moi alto, moi fraco”— que viñera a Galicia para saber da súa paisaxe e a procurar inspiración artística, pero que en realidade, conta Camba, a cousa que máis lle preocupaba por eses días foi o aspecto “humano” das mulleres galegas. De tal xeito que Romero de Torres non dubida en confiarlle a Camba que “lamenta non ser mouro” e mais que non sexan mouras as mulleres coruñesas coas que se cruza. Xusto como a que, xa na compaña do xornalista e narrador, pasa ao seu rente e lle fai exclamar, con intenso sotaque andaluz, un “virgen santísma” a pouco de que, os dous, en pleno Cantón, saúden a Afonso Castelao. E Camba pasa, xa na súa crónica d’El Noroeste, a modelar un esmerado e beatífico perfil: “Veño de velo, hai un momento no Cantón. Tamén é alto e fraco. Ten un chambergo de loito, sen plumas, só adornado cuns pelos rebeldes; a cara rapada e os lentes excesivos. Estes lentes parécenme o máis sensato da súa ornamentación. Son redondos, brillantes; están arrodeados dun leve cerco de ouro e prendidos ás orellas por uns arames do mesmo metal. Castelao débelles o non ser un sacristán de aldea. Porque todo o demais; a roupa negra, a cara seca e até a tapadeira do cranio, son cousas absolutamente de sacristía”.

De seguido unha pequena entrevista, de urxencia e de rúa, e crónica mínima dun rápido intercambio de palabras:

“—Cando marcha vostede, Castelao?

Castelao mírao a un por detrás dos seus lentes, cuns ollos melancólicos.

—Pensaba marchar mañá; pero este non me deixa.

Este, é Lloréns. Castelao engade:

—Porén, marcharei cedo. Teño alá unha muller operada.

—Que morra, home. Impórtalle moito?

Vén de dicilo tristemente e vaise, a revolverse, como se lle estorbase a roupa. Estará realmente incómodo o pintor nesa roupa que usa, cal se fose un dos seus aldeáns? Importaralle en serio desacreditarse como médico? Pode que si.”

E Francisco Camba, comprometido desde a amizade, persiste en dar a coñecer agora as habilidades do Castelao pintor: “É o máis estupendo espírito que ten dado Galicia. Mais Castelao non sabe por que pinta así eses piñeiros e esas xentes, nin por que hai unha tal harmonía no seu cadro. Un pintor doutro país tería un concepto da perspectiva, o color e o debuxo. Castelao pinta coa mesma sinxeleza que tece a súa tea unha araña ou labra o seu casulo o verme da seda. É natural, e xa que logo é perfecto. E concibides un verme da seda a admirar a obra que fixo e a lle poñer prezo? Castelao, esta mañá, fixou nunha modesta cantidade o valor do seu cadro e cando despois, Romero de Torres, lle berra por tanto candor, asestoulle desconfiado os lentes e expresou cunha frase obscena este pensamento

— Bromiñas, non!”

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s