Apocalipse Z: Mata zombis nas Cíes (ou perto)

urco-capa-apocalipsez-fronte-1Urco é unha editorial diferente no panorama galego. Comete erros (algúns de vulto) na escolla dos seus títulos porque arrisca, porque rompe tabús que as nosas letras erixiron hai unha chea de tempo en base a dogmas case nunca demostrados. Un deses tabús é a tradución á nosa lingua de autores galegos de fala castelá. Hai algúns casos illados, figuras moi representativas, caso de Camilo José Cela ou Gonzalo Torrente Ballester pero até agora ninguén se atrevera a buscar o best-seller en galego cunha obra que fora best-seller en castelán.

Eis o caso de Apocalipse Z. O principio da fin, de Manel Loureiro. Este libro encaixa perfectamente na filosofía de Urco: serie B, lectura non literaria que busca entreter e levar os libros o público habitualmente máis interesado nos relatos televisivos, cinematográficos ou dos videoxogos. O labor editorial é excelente. A tradución de Tomás González Ahola dálle altura léxica en galego e consegue resolver bastante ben os desafíos en canto ao rexistro, xa que a obra está composta ao xeito de diario informal do narrador, cunha alta dose de coloquialismos.

Loureiro é un avogado pontevedrés con inquedanzas polo mundo do espectáculo que comparte cos seus editores de Urco ese gusto por facer aquilo que ninguén se molestara en facer antes. Como? Pero se de zombis xa se escribiu un mundo. Si, desde logo pero a narrativa de mortos viventes nunca se achegara a Galicia nin nunca encontrara unha voz tan persoal como a do narrador de O principio da fin. Esas son as dúas principais calidades da novela.

A ambientación está moi conseguida. Loureiro converte a cotidianidade da vida nun suburbio residencial de Pontevedra nun escenario perfecto para a acción apocalíptica nun mundo dominado case por completo polos non-mortos. E dese primeiro foco hiperlocal vai abrindo a zona de luz a medida que avanta a trama nun traxecto moi ben trazado a través das rías cara ao porto de Vigo e de alí ao hospital do Meixoeiro, última parada á espera da segunda parte da triloxía. Para o lector galego, o engado é gorentoso: imaxinar aquelas rúas mil veces pisadas acuguladas de zombis, edificios de referencia convertidos en fortes da traxedia onde os personaxes intentan zafarse das trabadelas e das propias ciladas dos outros humanos sobreviventes.

A voz do narrador (que pode ter moito en común co propio Loureiro) consegue dous obxectivos. Por un lado, dálle coherencia ao relato. Cóntanos a historia un avogado que se nota interesado desde o primeiro parágrafo pola información, que domina un tanto as novas tecnoloxías e que ten certas habilidades físicas. Usando trucos habituais nas novelas de acción (o personaxe sabe facer aquilo que lle vai facer falta facer) e un rexistro moi directo, a novela flúe, os personaxes son cribles e a esaxeración na resolución de confitos é bastante menor do agardable neste tipo de relatos. Loureiro mídese, é consciente dos seus límites e ao final triunfa.

No punto de vista, a novela comparte esa nova visión sobre a apocalipse con outras propostas tamén moi interesantes, caso do cómic The Walking Dead, que deu nunha serie de televisión das que se recordarán nos próximos anos. Loureiro non propón só un libro de terror, non só busca electrizar o lector e asustalo en cada aparición dos zombis; implicitamente advirte da indefensión da sociedade capitalista para defenderse de determinados perigos, sobre todo o pánico e a falta de liderado.

Non é casualidade que o personaxe teña tanta ou máis sede de información ca de auga (pescuda unha internet baleira hora tras hora para coñecer algún novo dato sobre a situación da epidemia). Nin tampouco que queira dirixir os seus pasos cara aos centros onde o poder organizado (o Estado) resiste a explosión do caos.

Contra o mito estadounidense do individualismo, na novela a meirande parte da poboación responde afirmativamente ao chamado gobernamental de refuxiarse nos puntos seguros habilitados pola Administración e supostamente ben defendidos polo exército. E cando esa estratexia colapsa, Loureiro destaca máis os personaxes colaborativos ca os competitivos: a solidariedade é sinónimo de supervivencia.

Si sobran no libro determinados datos de wikipedia. Hoxe en día deberíanse cuestionar os escritores se segue a ser conveniente encher parágrafos con datos (por exemplo sobre armas ou sobre determinadas tecnoloxías) que poden lerse moi facilmente na internet. O que antes poderiamos cualificalo de erudición, hoxe corre o risco de ser simplemente petulancia ou, o que é peor, esterilidade creativa.

♦ Apocalipse Z. O principio da fin, de Manel Loureiro, traducido por Tomás González Ahola, Urco, 2013. 386 páxinas. ♠18€

César Lorenzo Gil.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s