Dez libros a proba de area de praia

Unha muller le na beira do mar. VICTORIA PECKHAM/FLICKR

Unha muller le na beira do mar. VICTORIA PECKHAM/FLICKR

César Lorenzo Gil.

Na praia encontramos un repouso para a lectura incomparable con outros escenarios. O barullo da xente, combinado co balanzo das ondas e a brisa que nos trae o son das gaivotas compón unha melodía illante, que nos permite mergullarnos nos libros dun xeito especial, sen présas, sen o medo habitual que nos nace diante do tamaño dun volume de centos de páxinas. Na praia é bo que os libros rendan, que as historias se dilaten de vagar mais tamén é o intre óptimo para a poesía, para aprehender as faíscas de luz de cada verso sen distraccións. Tempo de que cada poema siga no noso cerebro cando baixamos ao mar para nos refrescar. Velaquí unha lista de dez títulos que meter na bolsa xunto coas toallas, o protector solar e o parasol.

10. LP, de Lois Pérez. Libro de poesía editado por Emerxente Editora que propón unha lectura da lírica a través da cotidianidade. O escritor lucense compón un universo propio cheo de intimismo. Co fru-fru da area nos pés desfrútase máis da mirada irónica sobre a realidade.

9. Teoría do tempo imaxinario, de Eduardo Santiago. O flamante Premio Verne de Novela Xuvenil aínda ten nos andeis de novidades esta novela de ciencia ficción, publicada por Urco, moi interesante para mergullarse na forma de escribir do ourensán. Nun futuro quizais non moi afastado, o mundo está dominado polas mulleres. Nótase o cambio social até na linguaxe, na que o xénero neutro é o feminino. Unha historia de aventuras que reflexiona sobre a ciencia, as emocións e os límites do progreso humano. Nova seiva para un xénero clásico.

8. Sete caveiras, de Helena Gallego Abad. O verán é un tempo lúdico. Os adultos rememoramos o noso tempo de nenos, cando a praia era sinónimo de vacacións, de abandono das obrigas escolares a cambio de construír castelos de area nos que imaxinar historias. Por iso a toalla ou a poltrona de rede son lugares óptimos para ler novelas que buscan sobre todo entreternos. Eis o caso desta novela negra, ambientada no Vigo da década do 1980, publicada por Xerais. Unha xornalista comprometida coa busca da verdade, un caso cheo de misterio. Ñan-ñan, a comer!

7. Estrela do norte, de Luís Rei Núñez. A praia produce sensacións únicas: o agarimo do sol do serán sobre a pel, a masaxe da area ao pasear, o recendo dos piñeiros que se axitan na ribeira. A proximidade do mar abre o noso corpo e a nosa mente. Este libro de poemas que agora publica Faktoría K na colección Tambo é un óptimo alimento. O escritor pontevedrés escolle unha mecánica literaria clásica para que as palabras brillen con forza. Versos cicelados con estrita musicalidade, imaxes que escintilan coma a tona do mar.

6. O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Davila. A nostalxia é un sentimento que se cociña no verán e se degusta no outono, cando o devalar dos días, o final das vacacións e a chegada do fresco van amorriñando os nosos recordos. Para ir preparando o corpo, que mellor que esta novela sobre o paso do tempo. Unha historia que te amarra non sabes moi ben como, unhas personaxes que quedan connosco moito despois de rematar o libro. A escritora compostelá gañou o Premio Repsol con este libro que editou Galaxia. É un dos imprescindibles da tempada.

5. Chovida do ceo, de Alfredo Conde. Na praia triunfan as pulseiras de abalorios e as novelas coma esta, que nos propón Xerais. Porque en ambas se consegue a harmonía de moitos elementos cun resultado que non nos decepciona. A detectivesca encontra na man do escritor allaricense unha dimensión moi persoal. Nesta novela sobre enigmas históricos, crimes e segredos entre o musgo de Compostela. Se é dos que quere unha novela na que pasen moitas cousas, esta é a súa escolla ideal.

4. Escrito en cafeterías, de Miguel Anxo Murado. Esta escolma de columnas publicadas polo egrexio xornalista en La Voz de Galicia é un libro moi ben escrito, moi agradecido de ler e cheo de boa información e bo humor. A erudición do escritor lucense permítenos absorber moito coñecemento en pouco tempo. Que mellor alimento para sustentar as conversas ao final da tarde ao redor dun xelado ou dunha baralla.

3. A irmandade da uva, de John Fante. No tempo da calor triunfan na cociña as receitas sinxelas pero efectivas: poucos ingredientes, pouco traballo e un sabor máis fresco, máis puro: melón con xamón, sopas frías, granizados de zume natural… Un equivalente literario é esta novela publicada o ano pasado por Hugin e Munin. Moitísimo humor, personaxes tan reais que se sente como respiran en cada páxina e a posibilidade de ler na nosa lingua unha figura fundamental da narrativa estadounidense do século XX.

2. Ulises, de James Joyce. A Obra Magna do escritor irlandés é un deses títulos que se acostuman ler no verán, aproveitando que hai máis horas libres dispoñibles. Considerada por algúns un libro difícil, quizais pareza unha aberración relacionar a profundidade do texto joyceano co recendo a sal mariño mais en realidade pasa o contrario. Primeiro porque a obra de Joyce non é para nada seria, ben ao contrario a ironía e o xogo son parte fundamental desta novela que arestora podemos ler en galego grazas a Galaxia. E ademais, aínda que só sexa unha anécdota, o Ulises comeza nunha praia de Dublín. Que mellor escusa?

1. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz. As vacacións son tempo de reflexión e de memoria. A rutina dános un acougo preciso para pensarmos en nós. Este fermoso libro publicado en Xerais é o complemento perfecto. A visión da década do 1960, unha das épocas máis movidas dos tempos recentes, uns anos deses nos que, en palabras de Erri de Luca, se acelera a historia. Fernández Paz aplica nesta novela as ferramentas que o converteron no autor vivo máis vendido en galego: linguaxe accesible, personaxes de carne e óso e vivencias cotiás que na pluma do chairego se converten nese tipo de lectura que queda dentro de nós coma o recendo do salitre.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s