Ramón Caride: “A poesía galega non vive ningunha Idade de Ouro”

 

Ramón Caride. XOSÉ LUÍS OUBIÑA

Ramón Caride. XOSÉ LUÍS OUBIÑA

César Lorenzo Gil.

No 2006 Ramón Caride Ogando (Cea, 1957) publicou unha antoloxía da súa poesía: As Máscaras de Cronos, editada por Xerais. Máis coñecido pola súa obra dedicada a lectores novos, o autor ten unha ampla traxectoria lírica e as súas opinións seguen a obrigar a unha reflexión anos despois de que esta entrevista vise a luz nas páxinas de A Nosa Terra o 8 de febreiro do 2007.

Vostede é moi crítico coa estrutura extraliteraria da poesía en galego?

En Galiza, a poesía móvese arredor de dúas estruturas moi fortes, unha situada en Vigo e a outra na Coruña. E o que non estea neses círculos non existe. Obviamente, non é que estes grupos exclúan os demais poetas pero si que os esquecen. A proximidade nas relacións define moitas veces o grao de interese que se lles dá en antoloxías e estudos críticos. Este acomodo a valorar só o que está perto fai que se deixen de lado voces moi importantes. E falo, por exemplo, de Xosé Vázquez Pintor, que me parece un dos mellores poetas galegos, e que non ten lugar en ningunha das antoloxías que ultimamente se fixeron. Ou Xosé Lois García, que é moito máis coñecido no ámbito lusófono que no seu propio país. E a lista amplíase: Xosé Neira Vilas, Xosé Miranda…

E a que se debe este escurecemento?

Penso que falta rigor na crítica poética galega. Os sistemas polos que se estabelece o canon son moi subxectivos e até se ignora a quen gañou premios ou a quen ten unha ampla obra. O método é ir por modas. Non se le todo o que se publica, que sería o primeiro a facer se se quere ter autoridade para dicir que libro dos que saen é o mellor.

Por xeración, vostede estaría perto da denominada ‘Xeración dos 80’, historicamente enfrontada á ‘Xeración dos 90’.

Por unha cuestión de anos, si. En canto á obra, non teño nada a ver nin con uns nin con outros. Penso que as dúas xeracións están algo sobrevaloradas. Os maiores trabucáronse ao ensaiar aquela vía culturalista tan de moda na época na literatura castelá. E os máis novos asumiron demasiado facilmente que eran bos, non porque o demostrasen senón porque todo o mundo llelo dicía. Anotas ideas, algún indicio pero apenas nada máis ca linguaxe que busca o impacto nos medios. Pero hai pouco contido. Eu seino por min mesmo. O meu primeiro libro tíveno que editar eu porque ningunha editorial o quixo. Daquela eu pensaba que era bo e por iso o financiei. Pero cos anos decateime de que tiña moito que mellorar e comprendo que non mo publicasen. Se en troques mo publicasen nunha colección preciosa e me desen palmadiñas no lombo, seguro que a miña aprendizaxe como poeta sería moito peor porque pensaría que xa tiña todo feito.

Así que vostede non comparte a idea de moitos estudosos, que consideran que a poesía galega vive unha Idade de Ouro?

A poesía galega non vive ningunha Idade de Ouro. O que hai é unha serie de antólogos e analistas que necesitan crear unha época áurea para intentaren pasar á historia como os críticos que reuniron as voces desa suposta era. Por unha banda, a nosa poesía actual non ten apenas incidencia no movemento poético global: é dicir, non se está facendo aquí nada novidoso, máis ben ao contrario.

E por outra, a relación entre os poetas e a sociedade é nula. Nos tempos de Rosalía de Castro e de Manuel Curros Enríquez, a creación culta pasaba ao acervo popular e moitos grandes poemas asumiunos a xente de boca dos seus pais, sen lelos en ningures. Iso quen o logrou hoxe? Eu non discuto que haxa bos poetas no plano formal pero nada máis.

A nosa poesía actual non ten apenas incidencia no movemento poético global: é dicir, non se está facendo aquí nada novidoso, máis ben ao contrario.

Con que obxectivos encara vostede a creación dun poema?

O primeiro que busco é comunicar algo, unha voz que ti pronuncias e que outro pode recoller. Tamén debe empregar un bo galego porque a literatura sempre é viveiro de idioma e non podemos deixarnos arrastrar pola lingua “fácil”, empobrecida. Iso require moito esforzo. É que se un escritor quere expresar algo ten que gastar moito tempo escribindo. Hoxe en día a literatura é un produto máis e hai que vendelo. E se un autor se dedica a venderse pois pouco tempo vai ter para escribir. Ou escolles estar onda o público ou escolles quedar na túa privacidade, aprendendo, probando e acrecentando o teu discurso.

Nos seus poemas dáselle moita importancia á tradición literaria.

Un escritor sempre está en contacto coa tradición. As palabras non as inventaches ti, e incluso se queres perverter esas palabras, transfórmalas en relación a unha tradición. Atradición está na cerna do que facemos. E esta conclusión non é doada. Pero penso que calquera escrita que non estea asentada na tradición está condenada a desaparecer. Isto non significa que non debamos ser innovadores. Todo o contrario: innovar para enriquecer o que outros fixeron antes ca nós. Non é fácil inventar nada, o realmente novidoso é o teu propio punto de vista.

O nome de Ramón Caride vai moi ligado á literatura infantil e xuvenil.

Eu sigo a ser escritor grazas á literatura para os máis novos. Cos libros para nenos e adolescentes encontrei unha calor e un cariño que non se pode comparar con ningunha sensación que poida ter un escritor. É nese momento cando te dás conta da utilidade de escribir e pensas no trabucados que están os que menosprezan este tipo de obras. Eu penso que a literatura infantil e xuvenil ten unha importancia fundamental en Galiza. Fago unha pregunta: por que a xente que ten 15-16 anos e empeza a escribir faino maioritariamente en galego cando eses mesmos rapaces falan, na súa meirande parte, en castelán? Coido que eles percibiron que a lingua literaria máis acaída para se expresaren é o galego porque leron moitos libros ben escritos nese idioma, que lles foron máis próximos que os escritos en castelán. No futuro darase o caso de escritores en galego que non sexa galegofalantes e nese paradoxo estará o exemplo de que fallaron moitos mecanismos para facer pervivir o idioma pero non a literatura: a transmisión das letras galegas si que está completamente normalizada. Mais o ensino en galego non evitou a perda de falantes. Porque a fala non se toma dos mestres, tómase dos pais. Para que o galego se manteña vivo cómpre que se fale en familia, algo que non sucede nas cidades desde hai anos e que xa está a ocorrer tamén nas vilas.

 

 

 

Advertisements

Un comentario en “Ramón Caride: “A poesía galega non vive ningunha Idade de Ouro”

  1. Pingback: Ledicia Costas: “A miña primeira novela escribina con 14 anos” | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s