Día de Rosalía. 24 de febreiro: Festa da Cultura Galega

filgueiraCésar Lorenzo Gil.

A escolla de Xosé Filgueira Valverde como persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015 fixo estourar entre a parte da sociedade preocupada pola cultura un sentimento que levaba anos incubándose: para que serve o Día das Letras? Que elo une esa celebración coa sociedade xeral?

Entre as voces que reflexionaron sobre o tema, escollo as da profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra, publicadas en Biosbardia no mes de febreiro do 2014:

“Penso que o Día das Letras segue a ser útil como estratexia para rescatar, editar e poñer en valor determinadas autoras ou autores porque nesa liña aínda queda moito por facer. Ten, logo, un certo carácter arqueolóxico ou museolóxico, e o feito de que sexa eficaz como tal é un síntoma do déficit histórico que pexa sobre a nosa cultura.

”Levo un par de anos pensando que, se cadra, a nosa verdadeira festa das letras debía ser o 24 de febreiro, aniversario de Rosalía. Vendo o éxito popular que están a acadar as diversas iniciativas que se organizan nesa data, coido que podiamos encamiñarnos por aí, facer dese día o noso Sant Jordi (coa vantaxe de que é laico!!!) e deixarmos o 17 de maio como evento máis filolóxico e académico”.

O modelo de homenaxe anual a un intelectual da nosa cultura está esgotado e só serve para acender un debate sobre os méritos do autor escollido ou para chorar sobre os outros nomes esquecidos. No imaxinario galego, aínda moi influído polo cristianismo, cando a Real Academia elixe un nome para o 17-M é coma se se elevase aos altares un novo santo ao que adorar con figuriñas de cera e cánticos e gabanzas.

Que valor ten para a nosa cultura ese ritual baleiro de collages nas escolas, publicación de antoloxías e actos que pasan desapercibidos para a xeneralidade dos galegos? O 17 de maio ten máis valor porque é un día festivo, que se pode aproveitar para ir ver a praia das Catedrais ou durmir até as 11 que polo seu papel de data chave para difundir os valores culturais dun intelectual.

Non entro a valorar se Filgueira merece a homenaxe. Seguramente si porque a única vez que o vin na vida e me deu a man, cando eu tiña 15 anos, connosco estaban moitas persoas da cultura galega, todas respectables e valiosas, que o saudaron e lle falaron con respecto. En todo o caso, esta escolla é irrelevante. Tamén houbo críticas cando se elixiu a Xaquín Lorenzo (incluso un amigo persoal del dixo que moi mal tiña que estar a cultura en galego para que tivesen que botar man del, que era moi bo rapaz pero con moi poucas luces) e debeu habelas (eu era moi pequeno, non lembro) cando se homenaxeou a Afonso X de Castela, O Sabio, que era rei dun réxime feudal e explotador e que impuxo o castelán como lingua vehicular institucional na súa coroa. Porque nestas cousas case sempre subliñamos o que non nos gusta, porque os santos non teñen pecados.

O importante é construírmos desde cero a idea dunha data destacada, na que é a nosa cultura a protagonista e non a ocasión para facer ponte; un día no que a industria do libro, da música, do cine, do teatro… tomen a rúa, se acheguen á sociedade e demostren que teñen calidade abonda como para que as xentes de Galicia presuman dela e poñan entre as súas prioridades o seu coidado, fomento e protección diante das ameazas.

Por iso deberiamos esquecer o 17 de maio como festa e tomar como referencia, seguindo o consello de Vilavedra, o 24 de febreiro, o aniversario de Rosalía de Castro, para crear unha nova data no calendario da alegría. Biosbardia ofrécese como medio promotor para o cambio e animamos a todos os que queiran unha celebración do talento propio sen nomes, sen prazos, sen cerimonias pagas e sustentadas polo Goberno Feixoo, que se animen a propor ideas e camiños para que no 2015 o 24 de febreiro sexa un dos grandes días do ano.

Desde hoxe propomos a etiqueta #24FestaCulturaGalega para unirmos esforzos. Pedriña a pedriña manteñamos en pé a dignidade da nosa cultura.

Advertisements

7 comentarios en “Día de Rosalía. 24 de febreiro: Festa da Cultura Galega

  1. Creo que tanto a RAG como o Día das Letras son das poucas institucións ou efemérides deste país, non dependentes do centralismo, asentadas e coñecidas pola maioría. Polo tanto habería que defendelas.
    A división deste ano é unha mostra máis da inxenuidade do nacionalismo, capaz de caer en todas as trampas bobas que lle coloca o PP.
    O nacionalismo non hai batalla perdida á que non se apunte.
    Moita xente dirá de novo iso

  2. A celebración cívica da cultura galega que se propón no post creo que é asumible polo Día das Letras Galegas sen necesidade de buscar unha nova data. Primeiro porque o 17M é un día que xa está ben asentado e logo porque maio parece mellor mes ca febreiro para “saír á rúa” (a climatoloxía manda). As asociacións e colectivos que o queiran sempre poden optar por unha celebración na que se obvie unha figura controvertida, como pode ser o caso de Filgueira Valverde, e centrarse nas letras e na cultura galegas en xeral. O estudo e difusión do personaxe homenaxeado quedarían nas mans institucionais e académicas.

  3. Pero acaso non está ligado o 17 de maio a Rosalía? Eu estou moi de acordo con Manuel Veiga no tocante á RAG e ao Día das Letras. Ese día é, precisamente, a nosa festa laica. E dura moito máis aló dun día. Que haxa debate e mesmo enfrontamentos arredor da figura homenaxeada é sinal de moitas cousas, pero tamén de que por sorte somos unha cultura viva.
    O Día das Letras ten moitas funcións (e moitas máis pode ter). Unha delas está relacionada directamente coa proposta de canonización que dos autores da nosa literatura fai a Academia. Esa dimensión de competencia no campo cultural é imprescindible, porque, contra o que ás veces podemos pensar, a canonización corresponde a unha complexa rede de institucións sociais e culturais. Nós estamos discutindo este ano, en parte, unha proposta de canonización. Quizais porque a obra literaria de Filgueira non é monumental, aínda que si o é a súa obra de divulgación, se cadra. Pero sobre todo porque Filgueira está directamente ligado, desde a súa orixe, a un réxime que foi o resultado dun golpe de estado fascista. Isto en Europa non pasaba.
    A festa das Letras Galegas é unha festa laica á que non debemos renunciar. Se queremos reorientala, fagámolo e propoñámolo. Se socialmente entendemos nalgúns momentos que a figura proposta non o merece, fagamos as nosas celebracións alternativas. Tamén as estrañei eu cando se escorreu entrre os dedos da institución a celebración da figura de Roberto Vidal Bolaño case ata a ocultación e o silencio e, fóra dalgunha iniciativa meritoria, ninguén armou nada para advertir o que estaba pasando. Veremos este ano se a RAG lle dedica ao homenaxeado un congreso, como cada ano, ou unha xornada miserable, coma o ano pasado a Roberto. Pero ese é outro asunto.
    En calquera caso, tanto o Día das Letras coma a RAG son de propiedade popular, allea aos aparellos de dominación. Non as confundamos con momentos históricos concretos. Nin as desmantelemos ou as entreguemos para sempre.

  4. Por certo, permitídeme outra consideración. A nosa dignidade colectiva está a salvo. Estamos aquí, escribimos en galego, concorremos no noso campo cultural, vivimos na nosa lingua… Ningunha acción contra nós colectivamente, por brutal que sexa, afecta á nosa dignidade. Creo que o nacionalismo debe abandonar esas apelacións á dignidade cada vez que percibe que algo non vai a xeito. En todo caso, os que non teñen dignidade son os que actúan contra nós.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s