Xosé Miranda: “A literatura fantástica non nos evade, descóbrenos partes ocultas do mundo”

César Lorenzo Gil.

Xosé Miranda (Lugo, 1955) é un dos grandes nomes da literatura contemporánea. Desafortunadamente afastado dos andeis de novidades desde hai varios anos, recuperamos esta entrevista, publicada orixinalmente no semanario A Nosa Terra o 29 de marzo do 2007, para recordar as reflexións sobre literatura dun dos autores máis recoñecíbeis, con long-sellers da altura de Morning Star, Historia dun paraugas azul, Pel de lobo ou A biblioteca da iguana.

Xosé Miranda. AELG

Xosé Miranda. AELG

Nos últimos 17 anos publicou máis de 20 libros entre novelas, libros de relatos, poesía, lendas, mitoloxía…

Penso que a literatura é o resultado da memoria fermentada. Hai que vivir, ler e escoitar moito e cando toda esa experiencia leveda é cando podes escribir. E sempre se debe escribir pensando en entreter porque o peor que hai é unha literatura aburrida.

E por que un precisa escribir?

Eu preciso escribir por moitas razóns. Unha das máis importantes é que a literatura me permite vivir moitas vidas. Non teño capacidade para experimentar directamente outras realidades que a miña pero cando creo personaxes e historias aí teño liberdade absoluta. Unha liberdade que vai incluso máis alá do racional. O que aparece nos libros sempre é inventado e iso dá unhas posibilidades enormes para os que deixamos solta a imaxinación.

Vostede sempre di que é falso que a literatura fantástica sexa menos comprometida que a realista.

Na teoría literaria en Galiza detectei en tempos un grave erro. Falouse de que a literatura debe ser un espello do mundo, entendendo que o mundo é aquilo que é mensurábel. Isto é falso porque sabemos que o real é aquilo que está na mente e, polo tanto, pode haber moitos realismos. As nosas letras sempre viviron nesa suposta antítese entre a literatura realista e a fantástica: Rosalía de Castro contra Eduardo Pondal; Álvaro Cunqueiro contra Celso Emilio Ferreiro… Por sorte, Xosé Luís Méndez Ferrín superou esa división e xunguiu na mesma obra ambas as correntes. Mais iso non foi suficiente e perviviu durante moito tempo unha idea atroz: a literatura realista é comprometida, a fantástica é escapista. Eu negueime a aceptalo. Esa idea conduce a unha literatura costumista, copia mal feita da literatura realista estadounidense, o denominado dirty realism (realismo sucio). E se un escribía literatura fantástica rapidamente lle apuñan dous cualificativos nunca ben explicados: artúrico e cunqueiriano.

E por que se impuxo esa doutrina?

Coido que a literatura galega estivo bastante influída pola poesía social española e todo o socialrealismo que promoveu. Un socialrealismo, por certo, que é o máis aburrido do mundo. E iso desemboca nese tópico de que o realismo social é antifranquista, polo tanto, demócrata, polo tanto moralmente máis defendíbel, polo tanto mellor. Esas consideracións éticas son un tanto ridículas e xorden desa primeira premisa falsa: que o realismo explica mellor a realidade.

Tan ficticio é o mundo d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor coma o de Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro.

Tamén hai escritores realistas que defenden que os seus personaxes son ficticios, que non se deben comparar coa realidade.

É que aí está a cuestión. Todo é ficción. Tan ficticio é o mundo d’A esmorga, de Eduardo Blanco Amor coma o de Escola de menciñeiros, de Álvaro Cunqueiro. Seguindo con Blanco Amor, a clase obreira que aparece en Xente ao lonxe está estilizada, filtrada de tal xeito que aparece dun modo moi diferente ao real. Hoxe sabemos que nas novelas de Émile Zola non está reflectida a historia da Francia decimonónica tal e como pasou senón que o autor forzou a realidade para adaptala ao que quería expresar. Abusou do naturalismo e do hiperrealismo como quen usa a segunda persoa na narración, é dicir, por unha cuestión de estilo.

Mais a literatura fantástica si que prescinde da realidade.

Non. Amosa unha parte da realidade descoñecida. Sabemos que cinxírmonos soamente ao plano racional é incompleto. Máis como galegos. Historicamente tivemos moi perto outra dimensión, tan importante coma a racional. O mundo do ser humano é moi amplo e hai que saber abrirlles a porta aos seus soños, aos seus pesadelos, ás súas ilusións e ás súas fantasías. O que realmente me interesa dunha historia non é a suposta verdade que contén senón o propio magnetismo que cómpre para manter a atención de quen a escoita ou a le.

E como se consegue iso?

O fundamental da narración é a historia. Un narrador debe saber contar esas historias. E a base das historias é a trama. Non comprendo como alguén pode prescindir da trama cando escribe. Disque o importante é o estilo. Non estou de acordo. O estilo debe estar sempre ao servizo dunha trama, dunha historia. Eu cando sento a escribir penso nun fío que debe ter un principio e un final e cada páxina debe conducir o lector cara a ese final. O estilo é a ferramenta necesaria para que ese argumento teña corpo, para que consiga interesar o lector. Defender o contrario sería como dicir que temos que construír as casas para mellor lucimento das ferramentas. A literatura psicolóxica xa está toda feita. Pódese ler a Fedor Dostoievski e esgotar as posibilidades desa narrativa. Os exercicios de estilo son iso, exercicios, adestramento, para despois usalo na construción de historias.

Dáme a risa que haxa escritores galegos que se reivindican discípulos de Borges e despois enchen libros de 700 páxinas sen ningún sentido.

Mais despois de tantas historias, non podemos estar repetindo as tramas mil e unha vez?

O que se repiten son os temas. Desde sempre, ao home interesáronlle unha presada de cousas que aparecen en toda a historia da literatura desde antes de que se inventase a escritura. Pero é como se dixésemos que porque as patacas e a carne de raxo existen na cociña galega desde sempre, para variar temos que cociñar con outra cousa. Invéntanse receitas todos os días cos ingredientes de sempre. A humanidade precisou sempre de escoitar historias que se foron renovando continuamente. E esta evolución aínda non se detivo. No século XX escribíronse máis tramas ca nunca, non só para os libros senón tamén para o cinema. Hai escritores como Jorge Luis Borges que seguen a pauta da trama punto por punto. Dáme a risa que haxa escritores galegos que se reivindican discípulos de Borges e despois enchen libros de 700 páxinas sen ningún sentido. Se a Borges lle cae na man un libro deses non o dá lido. O que si é certo é que hai escritores que sempre están a escribir a mesma historia. E iso si que me aburre. O interesante de escribir é variar, o outro pareceríame unha tortura.

Nótase: vostede variou. Na súa obra hai fantasía heroica, aventuras, ciencia ficción…

Non creo nos xéneros porque penso que funcionan máis como etiquetas comerciais que como rexistros literarios. É máis, normalmente nas boas novelas os xéneros entremestúranse e retroaliméntanse, por fortuna. Pero si quixen sempre imitar, aínda que fose de lonxe, modelos establecidos e recoñecíbeis. Penso que se debe utilizar o molde da tradición literaria universal para crear cousas novas coas nosas contribucións persoal e cultural propias. Cando escribín Historia dun paraugas azul quixen facer unha epopea nacional, cos elementos propios da historia e da mitoloxía de Galiza. Algo semellante fixen en Morning Star. O modelo era a novelística de aventuras anglosaxoa do século XIX pero a intención era adaptala á nosa realidade para que con esa común descuberta dunha historia que apenas se coñece (que na Moureira había un pirata, que nos montes había bandidos famosos, que no 1846 houbo un levantamento armado galeguista…) reivindiquemos aquilo que é de noso.

Outro tema que aparece moito na súa obra é Lugo e a súa propia infancia.

Falar de Lugo é lóxico porque aquí nacín e podo dicir que son galego porque son lugués, porque na miña casa aprendín o galego e entendín o que significa Galicia. Non en van o antigo Convento de Lucus Augusti coincide practicamente co que hoxe é o noso territorio. Coido que só desde a personalización da propia experiencia se pode ser universal. Os autores que me interesan sempre me falaron das cousas que viviron directamente e así conseguiron superar ese aparente localismo para me atinxiren coas súas palabras. O mundo de Gabriel García Márquez naceu na casa natal de Aracataca e non por iso perdeu lectores. Quen se achegue á literatura galega hao facer xustamente porque queira entender sentimentos comúns a todos desde o noso punto de vista particular.

E queda algo daquel Lugo da súa nenez?

Ben pouco. A cidade transformouse completamente e non para mellor, por desgraza. Antes podías ver a muralla desde ben lonxe, agora temos outras murallas, ducias de edificios excesivamente altos que crean valados, que fan que só vexamos a muralla cando a piques estamos de bater de fociños contra ela. O gran problema de Lugo foi que pese ás mudanzas políticas seguen a gobernar os mesmos poderes fácticos que mandaban en todo hai cen anos.

Vostede desvelou nun artigo n’A Nosa Terra que o seu avó paterno a piques estivo de ser fusilado durante a guerra. Na súa obra apenas aparece esta experiencia.

Agora teño ganas de escribir sobre iso e tamén sobre outra historia familiar que coñezo, máis relacionada coa emigración. O certo é que aquelas dificultades influíron moito na miña propia consciencia política pero tamén surtiron efecto. A ameaza da morte creou tal cerco de medo que meu pai só hoxe comeza a mastigar todo aquilo con naturalidade. E aínda así, fica nervioso cando ve como en Madrid se axitan novamente os máis primarios sentimentos políticos.

‘Nin os adultos deben renunciar á fantasía nin os rapaces á realidade’

Un dos temas que máis tratou foi a mitoloxía galega.

É que ese é un campo no que hai tanto por descubrir… A tendencia académica actual indica que xa está todo descuberto, todo catalogado, todo etiquetado, que o que toca agora é interpretalo. Iso é mentira. O que ocorre é que dá moito traballo buscar. Certo é que nós temos unha mitoloxía común á do resto de Europa pero hai matices propios que falan da nosa singularidade e que non debemos esquecer.

E por que un biólogo se interesa por algo tan irracional?

Irracional? Non é así. O mito explica emocións primarias. Non hai pelexa coa ciencia porque son saberes complementarios. Nesa explicación mítica están encriptados pensamentos que se soubésemos descifrar talvez nos desvelasen que o noso cerebro é máis rico do que pensamos.

Os fillos non escoitan os pais, os pais non atenden os avós. Nin sequera os rapaces se comunican. Penso que este déficit de atención explica en parte o aumento do fracaso escolar.

Vostede ten moitos libros que recuperan a tradición oral. Aínda hai historias que escoitar?

Por suposto. Poñendo a orella apréndese moitísimo. O que sucede é que hoxe en día escoitar non está de moda. Antigamente contabámolo todo. Eu recordo que logo de ir ao cinema tiñas que narrar practicamente escena por escena a película que viras para os teus amigos ou familiares. Agora sucede o contrario. A ninguén lle importa. Os fillos non escoitan os pais, os pais non atenden os avós. Nin sequera os rapaces se comunican. Penso que este déficit de atención explica en parte o aumento do fracaso escolar e teriamos que recuperar esa capacidade de contar e atender ao que che contan.

Moitos dos seus grandes éxitos viñeron da literatura infantil e xuvenil. Escribe dun xeito distinto cando se trata de lectores máis cativos?

Non muda a técnica senón a sensibilidade. Os rapaces necesitan que os temas estean un pouco máis dixeridos. Pero o importante é que nin os adultos renuncien á fantasía nin os rapaces á realidade. Esa é unha boa receita para escribir estes libros. De todos os xeitos, non son moi partidario desas diferenzas entre literatura xuvenil e literatura adulta. Coido que é unha cuestión comercial. Pel de lobo gañou o premio ‘Merlín’ e Morning Star, o ‘Xerais’, polo tanto figuranen coleccións diferentes,pensadas para públicos de diferentes idades. Pasaría algo se intercambiásemos as edicións?

Moitos autores reivindican a literatura infantil e xuvenil como método de normalizar o galego escrito.

Coido que é un xeito moi bo de gañar lectores. Pero as posibilidades da nosa lingua e da nosa cultura non se deberían esgotar aí. Os estadounidenses fan películas todos os anos cos seus mitos, inundan o mercado coa súa cultura. Coa riqueza cultural que nós temos poderiamos manter unha potente industria que abastecese a diario o mercado. Penso que neste tipo de cousas é onde debe actuar o Goberno, en fortalecer a difusión do noso para que non nos marquen desde fóra o que é bo e o que é malo. Son partidario de crear institucións que faciliten a tradución dos nosos libros, a aprendizaxe do galego por estranxeiros, o coñecemento de todo o que se está a facer aquí e non só o que albiscan e escollen desde Madrid.

Quizabes a súa faceta máis descoñecida é a poesía.

Pero non é marxinal na miña creación. O que sucede é que moitos poetas non existimos nas antoloxías pero si temos obra publicada. Xerais hai pouco que editou As cidades mergulladas por se alguén pensaba que fixen catro poemas soltos na miña vida. Ademais, para min a poesía é unha forma literaria completamente distinta á narrativa. Sempre digo iso de que son pondaliano na narrativa e rosaliano na poesía porque o estilo que practico é máis realista, máis biográfico, máis apegado á loita social. Practicamente é outra man a que escribe os versos.

Que lle gusta ler?

Na historia da literatura hai un fío, que eu chamo de liña clara, en referencia a aquela escola de cómic franco-belga que facía primar a limpeza no debuxo, que me parece a máis interesante. Aí están Stevenson, cuxas narracións curtas

me parecen excepcionais, está Marcel Schwob, un escritor do que me sinto debedor e que influíu directamente nalgunhas das miñas obras, caso d’O demo á orella –que nunca escribiría se non tivese lido Vidas imaxinarias. Curiosamente, Schwob era admirador de Stevenson e viaxou a Samoa na busca das pegadas do seu mestre malia estar moi maliño. Acabou morrendo pouco despois de regresar con só 37 anos. E o fío continúa en Borges, que perfecciona a precisión, a síntese, esa idea que considera que as palabras que se deben empregar son só aquelas xustas para percibir o que estamos lendo.

E en galego?

Reivindico a obra de Uxío Novoneyra e tamén me recoñezo moi lector de Álvaro Cunqueiro e Celso Emilio Ferreiro, entre moitos outros.

Advertisements

Un comentario en “Xosé Miranda: “A literatura fantástica non nos evade, descóbrenos partes ocultas do mundo”

  1. Pingback: Xosé Miranda: «A literatura fantástica non nos evade, descóbrenos partes ocultas do mundo» | ::Axenda cultural AELG::

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s