Escusas non pedidas

Begoña-Díez-SanzBegoña Díez Sanz publica Camarada: Eu só quería facer algo bonito, libro de poesía que publica a colección “Os libros do loureiro”, de Edicións Follas Novas. O título está tomado do poema “Lume deste día”, de Xavier Campos. É unha excelente escolla pero que garda en si mesma un pedido de clemencia, non sabemos se destinado ao lector, a algún destinatario oculto da obra ou directamente á crítica. Escusas non pedidas que amosan certa inseguranza sobre o escrito, un dos defectos máis visibles neste volume.

Esa inseguranza pode nacer da propia escolla lingüística da poeta, castelá de nacemento, que engade o seu nome á lista de firmas que decidiron vincularse coas letras galegas por convicción, sen raíces polo medio. É de gabar ese compromiso coa lingua da terra na que mora, nuns tempos nos que se reivindica o dereito a non saber.

Díez opta por unha poesía intimista elemental de máis, cunha mecánica que recorda aqueles inxenuos “batallóns literarios” onde xermolou a xeración poética do 1990.

Díez opta por unha poesía intimista elemental de máis, cunha mecánica que recorda aqueles inxenuos “batallóns literarios” onde xermolou a xeración poética do 1990. Lemos moitos poemas que nos recordan a outros poemas. Non é o eco de quen recolle as palabras e as volve pousar dándolle o seu particular xeito senón unha repetición estilística, temática e incluso tipográfica dos gustos daquel fulgor xuvenil que viviu a nosa lírica hai vinte e tantos anos.

A autora opta por un discurso poético fragmentado, constantemente interrompido xa non só pola convención dos versos senón por múltiplos xogos de ocupación da páxina: saltos de liña, sangrados, parénteses, corchetes, puntos suspensivos. Esa incapacidade de construír un discurso sólido podería ser que buscase a empatía co lector, a colaboración para elaborar desde o silencio e a elipse o universo poético da escritora. Pero o xogo non funciona. É difícil encontrar entre os versos autenticidade: dá máis a sensación de estar a observar como alguén ensaia a contar o que sente coas palabras emprestadas por outros.

Na construción do espazo poético, Begoña Díez elixe o cotián co fin de extraerlle imaxes poderosas. Non é unha estratexia novidosa pero pode dar bos resultados. Hai que agradecerlle á poeta que arrisque, que teime en encontrar orixinalidade no campo semántico da casa, desde a cociña ao andel-libraría. Mais, por desgraza, só en contadas ocasións consegue o obxectivo. É como ver o equilibrista adestrando, caendo unha e outra vez do arame. Pasas as páxinas querendo que no próximo intento, esa imaxe lle saia perfecta: a emoción pola execución máis ca polo resultado.

O tema principal do libro é o amor: un amor tímido, quizais non correspondido. Díez achégase ao sentimento con demasiado convencionalismo literario, cunha carnalidade pouco puída ás veces (“sempre quererei ser un oso/para poder hibernar entre as túas pernas”), cun esteticismo compracente outras (“(Amor), as miñas sabas aínda teñen/a forma       da túa ausencia”).

Cando mellores resultados consegue Begoña Díez é cando se desarroupa de todas as lecturas que quere homenaxear neste seu libro, cando deixa que a poesía lle naza directamente sen intermediarios.

Tamén hai poemas sobre o tempo. O tempo como factor determinante no sentimento amoroso máis tamén como insaciable tirano. Algúns dos mellores do libro encóntranse adscritos a este tema (“Xa non teño medo ás despedidas/a ausencia tamén se pode comer”).

Os poucos poemas políticos son inocentes pintadas argalladas no medio da noite cuxa tinta se dilúe antes do amencer.

Cando mellores resultados consegue Begoña Díez é cando se desarroupa de todas as lecturas que quere homenaxear neste seu libro, cando deixa que a poesía lle naza directamente sen intermediarios. O poema “A sensibilidade do B/N” podería ser un fío do que tirar.

♦ Camarada: eu só quería facer algo bonito, de Begoña Díez Sanz, Edicións Follas Novas, 2014. 76 páxinas. ♠10€

César Lorenzo Gil.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s