Filgueira sentado nun sillón azul

filgueira-valverdeManuel Veiga Taboada.

A política ten sempre a obriga imperiosa de conseguir unha síntese. Os que gobernan deben construír unha locomotora que tire do país en dirección a algunha parte. Cada segmento da sociedade non debería ser máis que un vagón co destino marcado pola máquina. Cando isto non se consegue, e os debates se prolongan, o país paralízase. A cultura é, exactamente, o contrario. A cultura vive do matiz, pode ser contraditoria en si mesma e plural até o inverosímil. Na cultura vale o non sens e todas as utopías imaxinábeis, valen até a confusión e o suicidio do autor. Ás veces é precisamente ese suicidio a mensaxe máis clara que pode deixarnos un artista (ver Fin de Poema, de Xoán Tallón).

Cando eu tiña vinte e tres anos e lle comentei a Cesáreo Sánchez algo, probabelmente tinguido de ironía, sobre a brevidade dos seus versos e dos seus libros, el respondeume sen dubidar que “o importante da poesía é o que non se escribe”. Tardei máis de dez anos en coller a idea (cousa que logrei tamén grazas á lectura dalgún ensaio de José Ángel Valente) e agora sei, con total certeza, que o meu amigo poeta tiña razón e que o Guernica é arte porque Picasso borrou do cadro todo o que resultaba demasiado obvio (o Reina Sofía expuxo nunha gran sala –non sei se aínda está alí– o proceso construtivo da obra). Non é que as partes suprimidas foses as importantes. É que grazas a esa eliminación o cadro abriuse a máis significados e permitiu que o subconsciente do espectador traballe con maior intensidade cando o observa.

Auga e aceite

Co afirmado até aquí comprenderase mellor a importancia e o sentido da política e da cultura, tomados por separado, pero moito menos o da política cultural. Son como a auga e o aceite. Esta é, en boa medida, a causa de que a elección de Xosé Filgueira Valverde, como figura homenaxeada no Día das Letras 2015, estea a resultar tan polémica.

O mellor que se escribiu, desde a banda dos críticos, sobre esta escolla saíu da pluma do filósofo Xoán Carlos Garrido Couceiro, o máis salientábel intelectual co que conta hoxe a UPG, dito sexa de paso. Non é o mesmo facer un chiste de xudeus despois de Auschwitz que despois das matanzas de palestinos en Sabra e Chatila. O mesmo chiste terá significados diferentes en función dos dous contextos e nin o intelectual máis impermeábel á presión da vida cotiá pode deixar de entendelo. O que nos vén dicir Garrido é que nun país no que non se condenou o franquismo, de modo institucional, claro e expreso e sen falsas coartadas, no que mesmo se equipara con frecuencia as vítimas cos vitimarios, resulta inxusto, ou cando menos difícil de comprender, que se homenaxee a un colaborador dese réxime, por moita obra cultural valiosa que tivese realizado. Isto é o que marca a diferenza con outros autores polémicos, nos seus respectivos países, por mor dun colaboracionismo similar, en maior ou menor grao, ao de Filgueira Valverde.

Anxos e/ou diaños?

Knut Hamsun, por exemplo, simpatizaba con Hitler, chegou a entrevistarse con el. Durante a conversa o líder nazi demostrou ser máis cabal que o propio escritor noruegués. Tras a derrota alemá, Hamsun foi encarcerado. No momento do xuízo contaba 89 anos. Pasou de ser o escritor máis amado do seu país ao máis odiado. El retratou, ao seu modo, ese momento, intercalando ficción e realidade. Esas páxinas derradeiras, tituladas Por sendeiros que a maleza oculta, non contan nada definitivo sobre o seu paso final por un asilo e un manicomio, pero conseguen que gocemos do texto e que, inconscientemente, simpaticemos con el, co autor de Fame, co Premio Nobel e tamén co nazi confeso. Ese é o efecto que produce a literatura: ilumina, aclara, suxire e tamén confunde, esvae certos perfís e realza outros. Algo totalmente inaceptábel en termos políticos.

A pesar de ter sido moi pobre, no pensamento de Hamsun xa se observaban, desde que era moi novo, síntomas do que logo cristalizaría en forma de ideas supremacistas ou filonazis. Máis difícil é atopar iso nos textos de Louis-Ferdinand Céline, o autor que sempre se cita como exemplo do difícil que é congraciar a política coa arte. A Céline lembrábao hai pouco Antón Baamonde, no seu artigo sobre Filgueira. Non podía ser doutro modo. En cambio, Chagall demostrou ser moi pouco realista cando escribiu que “un bo ser humano pode ser, como é sabido, un mal artista. Pero quen non sexa un grande home e por iso un bo home, non será nunca un verdadeiro artista”. Falso. Céline era un grande artista. A súa última obra, Rigodón, é de calidade, pero retrata, autobiograficamente e con nostalxia, a retirada alemá, el mesmo como acompañante dos soldados da haken kreuz desolados nas estacións de tren, fuxindo dos bombardeos aliados.

Céline foi detido, insultado e marxinado en Francia. Aínda no 2011, o goberno negouse a celebrar o 50 aniversario da súa morte. Nada diso lle sucedeu a Filgueira, polo menos mediante unha acción iniciada por algún organismo oficial, institucional e representativo. Esa é a diferenza.

Polo demais, hai que dicir que para nós galegos, os grosos volumes, nove se non me equivoco, da colección Adral, publicados polo nada sospeitoso Isaac Díaz Pardo, rescatan aspectos da historia e da lingua do noso país como non fixo, cando menos na medida en que podía e debía, a propia universidade, ateigada de profesores progresistas, en trinta e cinco anos de democracia. A Filguera debémoslle, quizais en boa medida, que se salvase, sen deturpacións graves, o casco histórico de Pontevedra e que esta mesma cidade dispoña dun pouco habitual museo, no que a figura destacada é nada menos que Castelao. A Céline, por outro lado, debémoslle os retratos máis intensos sobre as vidas das clases baixas que se escribiron en Francia en todo o século XX. Obras como Morte a crédito e Viaxe ao cabo da noite teñen un ADN moito máis marxista e están construídas cun material moito máis revelador das contradicións sociais, comezando polas de clase, que todas as demais novelas realizadas nese tempo por autores con carné do PCF. Desde este punto de vista, deberiamos dicir que oxalá tivese habido en Galiza máis persoas como Filgueira e, en Francia, máis autores como Céline. Ao cabo, ningún dos dous matou nin, que se saiba, delatou a ninguén.

Que debemos sentir?

Que debemos sentir entón cando vemos o indómito Céline insultando os xornalistas de esquerda que acoden á súa casa a provocalo? Que debemos sentir cando lemos as páxinas que escribe, ironizando sobre eles, na máis moderna, escarnecedora e compasiva prosa en francés da súa época? Estamos ante unha contradición? Por suposto e de tamaño enorme. E estariamos ante unha contradición aínda máis grande se nos preguntásemos onde se encontraban eses directores de xornal, que tras a liberación condenaron con algarabía a Céline, cando os nazis aínda mandaban? Moitos deles, probabelmente, colaborando baixo corda, ou incluso descaradamente, con Petain e co goberno de Vichy.

Pode que sintamos unha forte tendencia a condenar polas súas ideas a Hamsun, a Céline, a Cela, a Borges, a Filgueira e a unha longa lista de autores, porque escribían ben, porque, paradoxalmente para nós, posuían unha gran sensibilidade, porque nos gustaría querelos ao completo, sen contradicións. E tamén, quizais, porque con eles é máis fácil construír unha diana.

A política precisa individuos dunha soa peza, unha síntese en forma de ser humano coa que identificarnos e da que fiarnos, que nos oriente, que sexa capaz de transmitirnos unhas ideas e de facernos máis comprensíbel un proxecto, un modelo de sociedade.

Mais, non é esa, en cambio, a forma que ten de manifestarse a cultura. Hamsun, precisamente, foi o primeiro escritor moderno que descubriu que o ser humano non só non era dunha peza, senón que tampouco era un carácter, como supuñan os grandes escritores do XIX. O ser humano cambia, muda, mostra unha cara diferente segundo os momentos e as situacións nas que o analicemos. Os personaxes de Hamsun xa non nos mostran un carácter, senón varios. Por iso, un ser humano é tan difícil de xulgar.

Advertisements

3 comentarios en “Filgueira sentado nun sillón azul

  1. Gústame o artigo mais non comparto o valor que lle dás aos “Adral”. Nin tampouco podo ubicar nunha mesma lista a Hamsun, a Borjes ou a Cela con Filgueira. Nin tan sequera a Filgueira con Risco, nin por suposto con Cunqueiro…
    Con respecto a Hamsun hai un filme marabilloso, deses que deixan pegada, do ano 1995, de Jan Troell, supoño que xa a coñeceras, mais fáltame no artigo. Fita dos últimos dezasete anos do escritor, da súa descarnada vida final, baseada na autobiografía da súa muller, Marie Hamsun.
    Moito haberá que facer este ano, aproveitarmos, falarmos doutros que non mudan o significado da palabra lealdade.
    Éche todo cuestión de ideoloxía e autonimía no “campo literario”… Hoxe como nos tempos de Filgueira.

    • Grazas por comentar. Todas as comparacións son por suposto relativas. E non vin a película. Espero ter a oportunidade algún día.

  2. Pingback: Diario dun crítico resucitado: Quintiá e Filgueira | BiosBardia

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s